Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 marzo 2007

MULLERES

É coñecida a miña devoción por Estrella. Pois antes de marchar para os Alpes, escoito "Ay Maricruz, Maricruz, maravilla de mujer, del barrio de santa Cruz, eres un rojo clavel. Mi vida sólo eres tú y por rogarte yo eso, me diste en la boca un beso, que aún me quema, Maricruz. Ay Maricruz, ay, Maricruz".
Para ambientarme.

VIENA

Vou pra Viena. É a primeira vez. Non sei alemán. Vou pra máis frío. Ven unha parella austriaca á miña casa. Eu vou á deles. Irei ao Prater. Escoitarei algún vals (non moitos, non vaia ser). Comerei ese pastel de mazá quente que me aconsellaron (non moitos, non son larpeiro). Verei, como emisario dos meus amigos, ao Klimt ese e os edificios Secesión. Pero a mín o que me gusta é tomar uns viños (o Riesling ese, que non sei como se di) e ver pasar a xente. Os cafés teñen sona, pero son demasiado nervioso para esa tranquilidade centroeuropea. Xa volo contarei á volta.
En Sevilla estarei tamén. Ao mesmo tempo.

28 marzo 2007

UN CAFÉ

O que moita xente agoiraba: basta falar do que vale un café, aínda que polo baixo, para desmontar meses de conspiracións e destruccións de patrias indelebles. Manda carallo. Pola miña parte, no bar de abaixo 1,05. No de enfrente, 0,90.
Nota: na Curuxa, o gran restaurante da rúa Cesteiros, o mellor café de Vigo. E agasallo da casa.

DYLAN EN VIGO

Anxela B., Corina P., Rafael L., Gayoso, Méndez: eiquí vai a botella no mar do blogomillo ou da blogoleira/leria do grande Chiquito de la Highway 61: unha exposición de Dylan no Marco de Vigo. Por que non?

27 marzo 2007

DEPOSICIÓNS

Unha alfaia da argumentatio forense. Apelación emprestada por SC e traída directamente desde Girona.

A RECONQUISTA

Mañán conmemórase en Vigo o famoso día da Reconquista. As crónicas repiten que se trata de celebrar o fausto día en que as forzas da cidade, encabezadas pola carcuncia conservadora, clerigalla e pobo armado, botan aos franceses de Napoleón fóra das antigas murallas da cidade, Laxe abaixo ata o mar. É conmemoración antiga, polo que se ve, e sempre aceptada, coma a da Independencia, polos poderes, especialmente de signo conservador, aínda que houbera tamén liberais naquelas liortas contra o imperialismo gabacho.
O preocupante é que dun tempo a esta parte, a Asociación do Casco Vello, como un xeito, sen dúbida digno de toda loubanza, de "dinamizar" (como se di agora) a precaria (máis que iso: miserable en moitos lugares) situación da parte vella da cidade, decidiu festexar o evento coa representación daqueles feitos. É dicir: uns cantos, a maioría, fan de cidadáns vigueses, vestidos á moda do século XIX, e outros, de soldados do exército francés. Libran unha (eso si) festeira batalla pola Praza da Constitución e levan aos franceses a paus (festeiros, sempre festeiros) ata o peirao. Iso serve para xustificar unha nova edición (o novo parque temático e portátil de Galicia) de feira medieval (do século XIX, claro está) onde se poden comer empanadas, chourizos ao viño e escoitar eternamente unha gaita polas rúas do casco vello.
Xa en tempos, o meu querido Ferrín fixo unha encendida diatriba contra esta conmemoración por entender que se trataba da exaltación do peorciño do espíritu reaccionario patriótico. E, por suposto, cun claro contido antifrancés e antilustrado. Viu o acto conmemorativo, e comparto plenamente aquela visión, coma unha peza extravagante, mesmo ofensiva desde unha perspectiva progresista, aínda máis se temos en conta que quen leva tal asunto (que xa digo ten un propósito lúdico-festivo e por iso merece mediana bendición) é unha asociación de veciños de nomeada traxectoria nacionalista, próxima ao BNG.
O importante, parece ser, é pasalo ben. O outro é accesorio. Eu, pola miña parte, aproveitarei para tomar un Saint-Emilion á saúde de Francia ou do que cadre.
[A Misa de Parida. Francisco de Goya y Lucientes, atrib. Entre 1812 e 1820. Óleo sobre folla de lata. (Museo Municipal de Vigo Quiñones de León. Nº inv. 456]

26 marzo 2007

PAISLEY E ADAMS, TANTO MONTA

Non pretendo, nin quero, establecer ningunha analoxía. Pero o desta foto é incrible. A política por riba de todo. A palabra, a polis. O exercicio civilizado. Para mín, exemplar.

TALENTO 2

É xa tema recorrente nesta bitácora a exaltación da excelencia acadada en moitos orbes da investigación e dos estudios en Galicia. Hoxe Ferrín, co éxito de Antía Tresandi, alumna do Santa Irene, afirma que "Son moitas as persoas novas que, formadas en Galicia, acadan niveis académicos e científicos de altura transnacional. Mesmo poderiamos considerar que a que hoxe flores nunha primeira madurez científica, é a xeración mellor formada da Historia de Galicia. O mérito correspóndelle, ante todo, a esa mesma mocidade estudosa, pro tamén ao sistema educativo público que soubo iniciala e preparala e a aquelas familias, principalmente de clase media e traballadora, ilustradas e con fe na función liberadora da cultura, que animaron e apoiaron estes rapaces e raparigas". Mágoa que haxa que demostralo fóra. Vai sendo hora de que nos decatemos do talento que eiquí atesouramos.

VIGO: UN PUNTO MACARRA

Antón Baamonde escribiu hoxe en EL PAÍS estas palabras:
"Vigo, de hecho, es, hoy por hoy, el sitio de mayor agitación urbana de Galicia. Recorrer sus calles es tener esa experiencia de amalgama humana, confusión y velocidad que distingue a las verdaderas ciudades de aquellas otras que discurren con el tiempo más lento de la provincia. A mis ojos de hombre de la Terra Chá, más rústico y enjuto, Vigo es el lugar que contradice con mayor claridad una cierta repetida idea de lo que es ser gallego.
Para empezar, los vigueses tienen un punto macarra. Tal vez es un efecto del carácter inconexo, nervioso y posiblemente un poco frustrante de la desorganizada experiencia urbana, pero lo cierto es que he encontrado en Vigo ejemplos de una cierta chulería proletaria, o maneras de ejecutivo expeditivo, que rara vez es posible encontrar en otros puntos del país. Los vigueses tienden a una claridad que tal vez sería juzgada extravagante y hasta desconcertante unos kilómetros más al norte. Dan el efecto de que, con ellos, no hay tiempo que perder. La lentitud agraria no casa bien con la rapidez que han de tener los negocios.
Y sí, Vigo, podría ser la Barcelona del Atlántico que con mucha visión y sentido común reclamaba a comienzos del siglo XX Antón Villar Ponte. En Vigo la gente da la impresión de que se levanta todos los días con el afán de recoger unos euros antes de que lleguen al suelo. Vendiendo chatarra, haciendo coches, exportando granito o preparando congelados o gambas con gabardina los vigueses se las ingenian para enriquecerse a la mayor rapidez posible. Eso hace que Vigo tenga un cariz burgués y obrero mucho más nítido que cualquier otro lugar de Galicia."
Eu, que vivo nesta cidade, comparto esa mesma impresión, que se agranda cada vez que, por motivos distintos, visito a capital ou visito Coruña. Alégrame que sexa un de Vilalba (esa terra rústica, como di Baamonde, e ao tempo de espelidos comerciantes vidos da Maragatería) o que loube así a cidade onde vivo, pero alégrame que alguén, ceibe de empréstimos políticos ou culturais, diga o que convén dicir: que a Cidade da Cultura é un dispendio insoportable, pero que o porto exterior de A Coruña, conseguido en momentos de turbulencia, do que ninguén di absolutamente nada, non é menos faraónico, sobre todo cando un sube ao fermoso monte de San Pedro, co seu xardín de estilo xaponés, e mira ao fondo as dársenas xa rematadas do porto exterior do Ferrol. Se o dixera eu, pecaría de localismo, pero como Baamonde é da Terra Chá, está todo (ben)dito.
[Foto do grande J. Albertos, da páxina web www.vigoenfotos.com, unha verdadeira xoia para unha cidade, Edificio Mülder]

25 marzo 2007

CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA

Ambiciosa resulta esta iniciativa kalandraka, afianzada polo Concello compostelán. Alí han estar, entre outros, Marc Taeger e Kiko Dasilva, así como Paula Carballeira pola súa fermosa Smara, ilustrada por Carole Hénaff, e Xulio Gayoso, autor de A Banda de Vilacendoi, un dos libros para nenos máis fascinantes do ano pasado. Na Galería Sargadelos de Santiago, a partir do 26 de marzo. Parabéns para os kalandrakos e, sobre todo, para as kalandrakas, tan entusiastas e merecentes de tantas honras.

[Eduardo Baamonde, Barcos de Tragove, 2003]

UBI EST?

U-lo novo Estatuto de Galicia? Non era tan interesante, básico, esencial, indispensable? A última noticia que tivemos daquel rebumbio foi unha reunión tribándica que rematou en nada. Aquel rebumbio contou con ducias de reunións tribándicas, amistosas, enriquecedoras, cheas de obrigada cultura política. Pero nun só día, con xantar polo medio, unha táboa cadrada, en medio dun salón minimalista, só coloreado por bandeiras decididamente tristes, con tres tipos de nomes familiares, Emilio, Anxo, Alberto, decidiu rematar o balbordo e dar por rematada a función, ata nova orde. Ata nova orde. Hoxe, non sei por que, lembro aquel derradeiro acto da obra. Cando volveremos falar del?

24 marzo 2007

ASTURIES

Noutro post aludín de pasada ao escritor asturián Xuan Bello. Bello escribe en asturián: é o responsable, case exclusivo, do semanario en llingua asturiana, Les noticies; poeta recoñecido, dentro dun movemento que comeza a ser chamado o Surdimientu, como o máis interesante do panorama do que antes era chamado bable; e creador de dous volumes de contos e relatos , de alento lírico: Los cuarteles de la memoria e Historia universal de Paniceiros. Hoxe escribe no suplemento de viaxes de EL PAÍS unha belísima nota sobre os Oscos e sobre a xeografía sempre paradisíaca de Asturies. Esta miña nota, de recoñecemento a Xuan Bello, é ao tempo un reproche ao xornal por non citar, entre todos os fermosos (para mín tamén emotivos e familiares: Cimadevilla en Xixón, Navelgas, Teverga) lugares da patria e matria astur, a Plaza de Requexu en Mieres, o sancta sanctorum da cultura popular asturiana. Falaremos diso, Xuan, cando nos vexamos. Alá por setembro.

LA CASA, Xuan Bello
Soi como esa casa de llomba.
Sola, através de los años
yá va perdiendo l’alcordanza
de los que nella una vez
atecharon la vida y la costume.
La piedra de les sos muries
yá nun guarda la cotidiana calor
de los díes fuxíos
y detrás de los vidros de la ventana
naide escuca cuando llegues,
naide t’espera.
Pero inda hai díes, sicasí,
qu’un fuerte aire fai entornar
la puerta esgonciada,
la madera de los peldaños ruxe
y ye como si les pisades
de los años que pasaron
volvieran de secute.
Una caricia basta. Una palabra.

23 marzo 2007

ITÁLICAS

Itálicas
Nora Martini

Canto a célebre cólera de Aquiles
mentres buon mercato admito
unha imitación barata do pontevecchio en cortiza,
mentres devoro
esa pizzamargherita de pan e pomodoro triste.
Ao pe do Arno o Lungharno,
Lorenzaccio, Minturno, Perugino,
ao fin e ao cabo nomes, oracións
que cruzan o río con colares delincuentes,
con maromas sen purificar,
con apenas unha media libra de fígado de Venecia.
Ascendo ao secondo piano dos Oficios
e o spinario concede tregua
ao camiñante: a sombra do plátano
da Academia non viría mal nestes casos.
Pecho os ollos na tribuna,
para non ver retratos de xílgaros ao Bronzino,
e adquiro sotto voce
unha pianta que abanea,
con letras capitais e lobas capitolinas,
inútilmente a conciencia.
Estro polos mármores de Arezzo
toda a dor de pes
de Mantegna, as escumiñas
do Botticelli, a poalla infame
de fra Angelico.
Saio á praza de noite:
na terraza do giubbe rosse
non sei quen son
nin qué carallo fago eu en Florencia.

LONDON'S BURNING AND I, I LIVE BY THE RIVER

21 marzo 2007

SER DE ESQUERDAS


Ata onde eu teño memoria a polémica recente xurde co artigo de Juan Goytisolo titulado El péndulo y los músculos del cuello. Coa lembranza de tempos pasados, Goytisolo repasa os exemplos de antigos militantes esquerdistas (comunistas, máis concretamente) que agora militan no outro extremo do abano político. EL PAÍS abriu un foro entre os seus lectores sobre ese mesmo tema, que supoño (porque nono seguín máis ca nas opinións de varios lectores recollidas no diario impreso) tivo certa aceptación na versión dixital do periódico. O domingo pasado, Fernández Buey e Ignacio Sotelo continuaron o debate desde perspectivas ben parellas. O martes, Fernando Savater se preguntaba nunha carta ao director por qué só saían casos de ex-esquerdistas pasados á dereita e non de dereitistas (Sacristán, Paris, Aranguren) transformados en militantes de esquerdas. "¿Quiénes son?", tamén demandaba Savater, eses intelectuales de esquerda hoxendía, que, segundo a reflexión de Fernández Buey, "luchan hoy por "la democracia participativa, la diversidad en la igualdad, la economía social económicamente fundada y los anhelos de los anónimos a los que un día llamamos pueblo". Hoxe, no xornal, noutra carta ao director, Fernández Buey resposta a Savater cunha nómina de intelectuais de esquerda: Xesús Alonso Montero, Ignacio Fernández de Castro, Josep Fontana, Joan Martínez Alier, Xosé Luís Méndez Ferrín, José Manuel Naredo, Juan Carlos Rodríguez, José Luis Sampedro, José Sanchis Sinisterra.
Cómo se pode ser hoxe de esquerdas? Qué significa ser hoxe de esquerdas? Cales son as súas señas de identidade?
Actualización 23 de marzo: carta ao director de Vidal Beneyto.

20 marzo 2007

O PARTIDO COMUNISTA DOS EE.UU.

Leo no New York Times a donación dunha boa parte de papeis e documentación do Partido Comunista de América á Biblioteca da Universidade de Nova York. Nesa mesma páxina pódese atopar o manuscrito autógrafo (reliquia) do Turn, turn, turn de Pete Seeger, que inmortalizaron The Byrds. Unha colección ben interesante.

19 marzo 2007

BURKAS EN ALCOBENDAS

Na portada do diario EL MUNDO, aparece esta foto, tomada nun centro comercial de Alcobendas. O artigo fala da extensión deste tipo de "indumentaria" en certas cidades españolas. A integración de persoas de outras culturas e relixións é sempre problemática, como é problemática sempre a convivencia entre persoas que pensan de diferente modo a cultura, a política, a economía ou a relixiosidade. As reglas democráticas establecidas en occidente, baixo a xa vella tradición da liberdade, igualdade e fraternidade, que convén repetir de cando en vez, están feitas para ordenar esas discrepancias, para aliviar de xeito civilizado as naturais (e artificais) disensións entre as persoas. Pero en ocasións esas normas non son suficientes para defender o dereito as diferencias. Aparecen, entón, fenómenos de difícil tratamento, nos que atacar ou vulnerar tradicións pode considerarse coma unha mostra de contradicción dun sistema completamente libre. Conciliar os dereitos humanos, establecidos por todos como valores de orde universal, con usos, costumes ou formas de comportamento que parecen ir en contra resulta muy complicado. Prohibir ou admitir o niqab, en concreto, vai ser un asunto que, tarde o cedo, debemos tratar.
Eu recoñezo a miña aversión máis profunda a este tipo de roupas (con todo o que comportan desde un punto de vista da igualdade e da libertade da muller); admito (e mesmo estou orgulloso de afirmalo) o meu eurocentrismo ou o que queiran chamarme. Non gosto do relativismo cultural levado ás últimas consecuencias. Non gosto (nada de nada) do niqab, pero dame a impresión de que ou tomamos unha decisión colectiva sobre este asunto ou tales fenómenos (polo de agora de pouca presencia, pero non de escasa importancia) poden resultar moi problemáticos.
Mañán, por certo, presentación na Casa do Libro de Vigo do número da Festa da Palabra silenciada baixo o título Os feministas.

WOODY ALLEN


Este fin de semana, sen pretendelo, foi de revisión de Woody Allen: as súas obras mestras, Annie Hall e Manhattan. A primeira collímola pola metade e a segunda, enteira, a pesar de que comezaba ás 12 e había que erguerse cedo ao día seguinte. A debilidade por Allen faise devoción cando se trata destas dúas películas.
Son de finais dos setenta, cando comezabamos a carreira e o cineclubismo andaba aínda con certo esplendor. Un cineclubismo do que agora facemos bulra, pero que foi necesario porque había que recuperar, naqueles tempos, anos e anos de ocultación da memoria cinematográfica (e póñome trascendente) universal. É verdade que vimos, padecimos máis ben, películas insoportables, que aguantamos estoicos por unha militancia cinéfila hoxe inaceptable. Entre moito lixo, atopamos tamén as voces peculiares de Truffaut, Malle, Fellini, Bergman, Fassbinder e un montón deles máis que enriqueceron as nosas vidas. Fronte a ese arte e ensaio (que viamos nos auditorios de La Salle, de Caixa galicia ou do Salón Teatro de Compostela) proxectábanse as películas que viñan de Hollywood, as americanas que tanto odiaban os cineclubistas máis acérrimos, que adoitaban pasar polas grandes pantallas (O Capitol ou Yago), e que arrastraban ás masas especialmente os domingos, días de parella e entretemento familiar. Lembro asistir, case ás agochadas, á proxección de Na busca da arca perdida, de Tiburón e de E. T. cunha mixtura de recelo e entusiasmo que resultaba candorosa. Naquelas épocas debatiamos aquela confrontación, pero xa se percibía con nitidez a defensa (incómoda, pero satisfactoria a partes iguais) dese novo cinema de aventuras americano. Claro que os nomes eran Coppola, Spielberg ou Scorsese, apelidos que hoxe están no panteón do cinema. Pero daquela eran sospeitosos.
Nesa época o nome de Woody Allen estaba asociado ás sesións continuas: fomos ver Bananas, A derradeira noite de Boris Gruschenko ou Toma os cartos e corre sen darmonos moita conta de quen era o director, soamente coa mesma intención coa que iamos ver a Cantinflas ou a Louis de Funes. Pero cando fomos ver Annie Hall, no Yago, creo, foi como se aquel dilema entre arte e ensaio e cine comercial quedara zanxado para sempre. Naquela película, todo era perfecto. Hoxe, cando volvo mirala, reparo en todo aquelo e sigo vendo o mesmo. Os diálogos, a colocación insólita da cámara, a fotografía, a música, as paisaxes de Nova Iork. Recordo, porque alí naceu ese tópico, que os seus detractores falaban de universos lonxanos, inverosímiles, por suposto, dunha clase alta intelectual de Manhattan, para nada instructiva naquela Compostela de finais dos setenta. Pero era igual: todo era perfecto. Cando fomos ver, case ao ano seguinte, Manhattan, nun branco e negro elegantísimo, con aquelas increíbles imaxes de Keaton e Allen polo planetario, máis fermosas aínda que a clásica frente á ponte de Queensboro, fixémonos fieis devotos de Woody para toda a vida. E así estamos: de cando en vez, como onte á noite, dámonos un festín, aínda que o soño nos arrastre durante todo o día. Así é a nosa devoción e así seguirá sendo para sempre.

18 marzo 2007

CHEIRO A AZAHAR EN VIGO

Ábrese a frol do azahar dos laranxos que comparten cos camelios a rúa García Barbón en Vigo. Arrecende, coa súa efímera podremia, un profumo íntimo de primavera.

17 marzo 2007

FERTILIDADE


Hoxe fomos á terra de Outes. Pasar pola ponte do Tambre e mirar a todos lados e non vermos máis ca bosques, auga, e ceo azul de nordés pagou a viaxe. Se despois vemos premiados libros de Historia medieval de Galicia que falan de urbanismo vilego e escoitamos a un violoncellista e unha pianista rusos que acompañan a ceremonia, cremos que aquelo pode ser un soño. Pero non: para casa trouxen un anaco de todo aquelo para poñelo aquí na miña páxina de estampas fértiles de Galiza.

VIDA E COLOR


Non son nada nostálxico: fago miña a máxima de que todo tempo pasado foi anterior. Pero estas imaxes que me envían por correo tráenme bós recordos.

15 marzo 2007

MAL POLONIA


O Goberno polaco aproba unha lei para obrigar aos seus cidadáns a confesar que non tiveron relación co réxime anterior comunista. Tal declaración xurada pode contrastarse cos datos que o estado conserva e se descubren que minten poden prohibir o exercicio da súa profesión ou encausalos con acusacións máis graves. O goberno dos irmáns xemelgos Kaczynski, xa coñecido polos seus excesos ultranacionalistas nunha nación especialmente patriótica e ultracatólicos nun país que salienta pola súa fe relixiosa, descrebe a lei do péndulo de tantos países ultraxados e sometidos polas dictaduras comunistas.

A mín esta cuestión desacóugame de xeito especial, xa que aínda que non coñezo o país, coñezo moitos polacos que veñen estudiar nas nosas universidades e podo afirmar que son as persoas máis preparadas, capaces e competentes que coñezo. Teño comentado esto con moitos colegas e todos, sen excepción, confirman a miña opinión. A xente que viaxa a Polonia, con Erasmus ou con algún tipo de intercambio docente ou comercial, descubren un país extraordinariamente amable, de educación eficiente (cun coñecemento de linguas envexable) e cunha especial curiosidade por todo o que atingue ao noso país (Galiza e España en idéntico sentido). Agora mesmo en Vigo hai un centenar de estudantes que poden exhibir orgullosos a súa capacidade, o seu talento, admirado por todos nós, mentres no seu país arrecian os ventos de represión, censura e intolerancia. Ogallá remate cedo esa ignominia, polo ben desta xente exemplar.
[Rembrandt, Paisaxe de tormenta, Herzog Anton-Ulrich-Museum, Braunschweig]

14 marzo 2007

PARNASEO


O profesor Josep Lluís Canet, da Universitat de València, é un home entregado á divulgación da investigación literaria. Especialista en literatura dos séculos de ouro, figura como responsable da mellor páxina web sobre literatura (ía escribir española, pero abrangue outras literaturas) que podemos atopar na rede. Na páxina web podense atoparen dúas revistas electrónicas: unha sobre literatura española medieval e do renacemento (LEMIR), e outra específica sobre Tirant lo Blanc, da que acaba de saír o número 9. A páxina chámase PARNASEO e, como portal e instrumento para os estudios literarios (o enlace de enlaces é extraordinario), non pode ser máis útil. Unha noraboa, merecida polo tempo que leva ademáis mellorando os seus contidos, para Canet.

12 marzo 2007

O MEU JOHAN


Despois da descarga emocional, irracional, como diría o grande Montalbán, do sábado noite, só a lucidez extraordinaria de Johan Cruyff pode explicar convincentemente o sucedido.

O 16 NO NYTIMES

O Dezaseis, que non coñezo, pero que parece o paradigma da casa de comidas galega, no New York Times. O escritor da trabada é un descoñecido para mín Mark Bittman, seica un autor de libros de cociña moi famoso en EE.UU.

10 marzo 2007

ITALIA: QUARTA PUNTATA

Tras a primeira crise do Goberno Prodi, a lei dos Dico (Diritti dei conviventi) foi adiada para outras lexislaturas: o apoio do centro moderado e cristiano a Prodi no senado dificulta e mesmo impide a súa tramitación. Sen embargo, os movementos de esquerda en Italia (con ministros do Goberno Prodi que, desatendendo ao propio Presidente, acudiron) demandaron esta tarde en Roma, en Piazza Farnese, nunha manifestación dunhas 60.000 persoas, a definitiva lexislación para as parellas de feito. O peso da igrexa en Italia e a súa presencia mediática resulta increíble para un observador imparcial. Ver bispos en tertulias televisivas a horas de máxima audiencia, persoaxes frecuentes de cregos en series familiares ou recepcións do Presidente da República a cardenais, como puiden ver na visita que o comunista Giorgio Napolitano fixo a Bologna, é o máis normal do mundo. Segundo as enquisas, o nivel de laicismo na sociedade italiana é semellante á media europea; sen embargo, todos coinciden no excesivo peso das súas opinións, a súa intromisión permanente na política italiana. Cando seremos capaces de librarnos de todos eles? Vaia desde este angolo fisterrán da Europa laica unha fraternal aperta na súa loita.

A PRIMAVERA

Hoxe chegou a primavera a Vigo. A tarde vai tranquila e o tempo morno invita ao paseo. Os amigos (seguindo as leis consuetudinarias de Vigo que esixen fozar nos areais coa primeira raiola do sol) foron á praia. Nós, urbanitas viscerais, tomaremos un refresco nas terrazas á saúde de quen tercie. Estos son os días nos que amo máis esta cidade, decote amada.

9 marzo 2007

CARLOS CASARES

No cemiterio de Nigrán, unha tarde de domingo, cun silencio respetuoso e un ceo brilante de inverno, Carlos Núñez tocou, por entre as lousas, unha Negra sombra quebrada, sobrecolledora, que aínda segue a soar cada vez que lembro a Carlos Casares, a quen escoito sempre cos meus ollos.
[Emblema XI, de Andrea Alciato, Silentium]

7 marzo 2007

TALENTO, MOITO TALENTO

Teño unha debilidade. E ademáis emocióname. Vexo esta foto, con toda esta xente nova, intelixente, preparada, traballadora, capaz, moi capaz e advirto unha emoción nos meus ollos. É irremediable. E imaxino outros laboratorios, outra xente, con outras ilusións, con outros entusiasmos, e celebro esta Galicia admirable. Sei que non todo é éxito ou bondades: hai momentos de desánimo, de enfados, de frustración e tamén de derrota. Pero sempre sinto o mesmo orgullo por toda esa xuventude, que ignoramos e que fai país, máis que calquera consigna política ad hoc.
Hai tempo que non vexo a Paulino, desde os tempos que recorriamos os recatelos nas noites de inverno. Quizá nin se acorde de mín, pero hoxe exhibo orgulloso o seu rostro, modesto alá no fondo, como retraído do triunfo, para que aquí, en Galicia, saibamos que hai moito talento. Moitísimo talento.

6 marzo 2007

LONDRES, PARÍS, PONFERRADA

Veño de Santiago polo tren. Collo o rexional, nin trd nin 598. O rexional: ou sexa o que para en todo canto alpendre pareza estación. Escollo a fiestra esquerda: desboto a ollada para o mar. Contemplo (porque a isa velocidade contemplas) as ruinas dunha paisaxe que debeu de ser fermosa; hoxe ademáis cos estragos miudos do temporal, pozas, carreiros enlamados, xunqueiras abatidas, todo parecía estéril.
A vía deste tren viaxa por detrás das casas de Galicia. As fachadas miran para a carretera ou miran para as rúas: para a vía miran o patio de luces dos edificios, os currais de galiñas, os galpóns de ferramentas, artelladas coas uralitas axeitadas, os bonsais de berza a pé das travesas, as paredes sen pintar coa roupa tendida. Non sei se isa é a chamada Galicia interior, pero, entre as froles das cerdeiras e as pingas amarelas das mimoseiras, hai unha secuencia ininterrumpida de desastres minúsculos, que, xuntados por unha ollada melancólica, reúnen só tristeza e amargura. As estacións de Portas ou de Arcade, o apeadeiro de Redondela, están abandonados, cos cristais rotos e as ferruxes dos seus teitos de vergonza. Antes de chegar á estación de Redondela, amoréanse pedras traídas probablemente dunha desas reconstruccións de edificio antiguo: columnas acanaladas, capiteis dóricos enchoupados entre a lama dun aparcadoiro esquecido. Fronte á Ponte de Sampaio, unha pequena illa cunha porta de volutas barrocas e un mirador con pérgola xoga cun pequeno bosque de arcolitos e un poste metálico da luz. Cando chegamos a Vigo, o patio traseiro de Galicia vaise multiplicando en pequenos espacios abraiantes, capaces de conter piscinas de plástico, coches todoterreno, barbacoas, nichos de gadañas e sachos, ocultos para os veciños pero exhibidos con desorde ao viaxeiro canso. Unha viaxe por tren, pensa, sempre pode ser moi instructiva.

A MIÑA FILIS

Envíanme, irmáns sentimentais, esta imaxe nostálxica. As primeiras teles en cor eran en branco e negro cunha pantalliña de cores (verde, roxa, amarela) de diante. Esta da foto erache ben avanzada e serviu para ver o mundial de non sei ónde. Xusto cando miro para ela chégame a nova de que Coll morrera esta mañán. Que a auga da terra que non cabe nun vaso lle sexa leve.

5 marzo 2007

UN LIBRO CÓMICO SOBRE A CULTURA

Estou lendo, a ratos, un libro dun xornalista italiano, Edmondo Berselli, moi aprezado polos lectores (os seus libros sempre ocupan os primeiros postos de venta): o seu título é Venerati maestri: operetta immorale sugli intelligenti d'Italia. Berselli é autor descoñecido en España en gran medida porque os seus libros tratan sobre política interna e cultura italianas para un público decididamente italiano, con moitos acenos cómplices á educación sentimental italiana. A mín me resulta difícil de comprender porque ignoro os nomes de boa parte das persoas que aparecen citadas no seu libro. Pero atopo numerosos comentarios, perfectamente axeitados ás nosas experiencias culturais e políticas, desde unha perspectiva progresista, claramente de sinistra. As súas análises están cheas de ironía, de retranca radical sobre a evolución, sobre todo, da clase intelectual italiana: Moretti, Benigni, Bertolucci, Eco, Fo son algúns dos seus brancos favoritos. Por exemplo, da película de Bertolucci, Os soñadores dirá que "transformou o Sesentaeoito nun Sesentaenove" ou, a propósito da novela O nome da rosa, describirá esta divertida escea: "Sobre a hamaca, baixo a sombrilla, Umberto Eco pode laiarse e reclamar o que queira, sensibilizar mesmo ao socorrista, dirixirse ao do bar na percura de apoios, mais das súas elucubracións medievais non importa nada, e aínda hoxe, pasados tantos anos, na espera dun baño reparador desexamos saber solo como vai a rematar a historia, quen é o asasiño entre todos aqueles frades".
Pero tal vez a idea que máis me está a interesar é esta:
"Sen hipocresía, debe admitirse que, se unha novela vale algo, coma narración, coma ritmo, coma personaxes, coma historia, ademáis de por aspectos sociais e sociolóxicos, despois dunhas oitenta páxinas corre un ata o final, ao epílogo, para ver exactamente como vai rematar. Aplacada a ansia, logo lese e relese tranquilamente, saltando as descripcións, porque as descripcións aburren mesmo a quen escribe e serven só para facer ver que o escritor coñece palabras coma azabache ou cretona, e nomes de arbres e herbas que todos esquecimos mesmo os labregos". A súa visión sobre a novela é terrible e augura o final do xénero, por pura molicie do lector. Aínda que recordará que "o único momento dedicado á lectura de novelas é durante a gripe. Sucede cada ano, despois do virus alcanzar o seu grao máximo de contaxio: no leito coa febre a trentasete e sete, levemente aparvados, despois do te quente da tarde, a aspirina e o soño reparador, é un placer mórbido, envolvente, ler historias cretinas. As máis das veces, rematada a novela, pregúntase un por que diaños gusta tanto ao público, e por que a xente fai cola na caixa para levar a casa, coma un trofeo, o libro dos primeiros lugares de vendas. Por exemplo, lidas dúas o tres noveliñas de Camilleri, e comprendida a persoaxe de Montalbano, coas historias do seu subordinado Augello, asimiladas todas as palabriñas da lingua siciliana empregada polo autor, os cababisi e i fimmini (qué carallo e mulleres en siciliano), unha persoa normal non atopa a necesidade compulsiva de ler o último libro de Camelleri (por certo: Il colore del sole, sobre a biografía de Caravaggio, moi breve e interesante). Namentras, decenas de millares de persoas, si: desexan o capítulo seguinte, a nova historieta, a última aventuriña de Vigàta". O Berselli distínguese pola súa afiada lingua e o seu profundo descreimento sobre o papel que el mesmo xoga na Italia de hoxe: o do intelectual ou do simple pero estimadísimo comentarista xornaleiro.

3 marzo 2007

CONTRACORRIENTES


Sempre admirei as actitudes contracorriente. Hoxe apunto tres:
1. O senador galego do PP, Evaristo Nogueira Pol, que quedou (z)aplanao cando viu como o seu apoio á lei de cambio de sexo desde o Senado non serviu de nada porque a lei foi rexeitada polo seu propio partido no Congreso de Deputados. Non sei que fará, pero sempre resulta unha esperanza que poda haber xente de dereitas con un sentido liberal da vida.
2. O militante do Bloque, Pedro Gómez-Valadés, que defende o dereito de Israel a ter estado e a considerar o conflicto árabe-israelí desde unha postura diferente (pode dicirse radicalmente distinta da do partido). Pode un non concordar coas súas teses, pero é admirable a súa determinación persoal.
3. A Orde hospitalaria de san Juan de Dios, centenaria orde relixiosa que asume unha clara variante de eutanasia no Hospital concertado san Rafael de Granada coa paciente Inmaculada Echevarría, contra todos os pronunciamentos, escándalos e palabras de rexeite da clerigalla e bispeiros varios.

IL POMERIGGIO

Unha imaxe do principal senado italiano, fronte á catedral, á caída da tarde. Quixen crer que loitaran contra o fascismo, nesa terra da Romagna onde tanto sangue roxo caeu. As pedras que rememoran os seus compañeiros de xuventude mortos deben chamar por eles, cando camiñan polas rúas camiño de casa, entre a néboa de Ferrara.
[Foto de IPP]

2 marzo 2007

O FUTURO DOS XORNAIS

O outro día falaba da posible desaparición dos xornais en papel. Nunha conversa amable con xente que leva tempo nesto dos xornais de papel, decateime de que andan preocupados polo xeralizado descenso de ventas. Saiu o tema dos xornais gratuitos como causa probable dese descenso, pero o meu interlocutor, a quen dou máxima fiabilidade neste asunto, afirmaba que tamén estes perigan porque ven baixar a afluencia de publicidade ás súas páxinas. Eu falei da miña experiencia de lector avidísimo de diversos xornais electrónicos ou, mellor dito, da miña condición de lector constante, mentres traballo no ordenador, de noticias que van aparecendo nas pantallas minuto a minuto. Os meus interlocutores, dunha idade maior ca miña, ignoraban a dimensión deste fenómeno, como probablemente me pasa a mín. Eu intúo, pola lectura destes diarios e a participación en blogs ou foros, que hai moita xente, especialmente xoven, que só le os xornais a través das pantallas. A inmediatez, a facilidade de acceso converte os xornais en papel en antigüidades cando imos compralos á primeira hora da mañá. Eu recoñezo que son un colgado dos xornais; nacín con este vicio, con esa zuna (esa fermosísima palabra que só escoitei empregar a miña nai e que xamáis lin, agás no diccionario). Pero admito que esmorece fronte á realidade dos xornais electrónicos. Ler o New York Times (ou só velo, sen saber nada de inglés), EL PAIS (despois de que eliminaron o pago, que lles impediu medrar), La Repubblica (un dos que mellores reportaxes gráficos e novas interesantes publica), mesmo EL MUNDO (tan alonxado do seu homónimo papeleiro) é unha ledicia. La Voz de Galicia fixo un esforzo notable, pero ao cabo duns meses parece esgotado e precisa innovación. El correo gallego tiña unha boa versión dixital, pero parece que recortaron gastos na súa difusión e pode pagalo. O Faro de Vigo publica unha versión semellante á de papel, pero non actualiza coa rapidez e celeridade dos outros xornais: precisa dunha inmediata (e nova, porque a derradeira é de hai poucos meses: así de veloz corre o tempo para estas cousas) renovación. Os xornais galegos viven de novas locais e de publicidade local (os anuncios por palabras son fonte de ingresos notable), pero deben deslocalizar aos seus xornalistas das páxinas papeleiras e levalos ás actualizacións renovadoras das súas respectivas versións dixitais.
Para outra ocasión, a desaparición da televisión tal e como a concebimos hoxendía. O internet vai matando aos poucos as estrelas da televisión.

NOTA: Recibo a nova de que o xornal 20 minutos suprimirá os anuncios de contactos sexuais (enténdase comerciais). Algún dirá que se trata de fórmula moralista e hipócrita; outros celebrarán a decisión. Entre a legalización da prostitución e a súa persecución, nin siquera os/as feministas nos poñemos de acordo.

1 marzo 2007

MANUEL VICENT: A PAELLA DUBITATIVA


Onte fomos ver a Manuel Vicent ao Club Faro: cun aceno sempre severo e tono sempre amable e irónico, foi desvelando a súa exaltación da comida sinxela, pura, elemental, onde o pan, o aceite, o tomate, as verduras á prancha ou os humores limpos de ourizos e gambas constituén a materia esencial dos placeres da comida. Por suposto, entre confesións de anticordeirismo e efusións sobre a sexualidade das verduleras valencianas no intre de coller plátanos, pepinos ou cenouras, engadiu comentarios divertidos sobre o acto (o banquete, o ágape) da comida. Lembrou aquela frase de Rafael Azcona que aseguraba que ningunha comida era pesada ou producía acidez, que eran os comensais os que verdadeiramente producían pesadez de estómago. De todas as súas anécdotas (un feixe inacabable) eu quedo coa súa lixeira befa do intelectual frente á composición máxica e mística da paella. Do seu libro Comer e beber a mi manera entresaco estas verbas:
"La paella dubitativa la suele guisar un artista o un intelectual. Así se las he visto hacer a Berlanga, a Joan Fuster, a Manolo Vázquez Montalbán, al escultor Amadeo Gabino, a los pintores Eusebio Sempere y Paco Farreras, al cineasta García Sánchez. Tal vez ignoran que el punto del arroz es un ente metafísico, inalcanzable, que siempre está más allá. Entonces comienzan a poner excusas, que el agua no es de Valencia, que el fuego es de gas y no de leña de naranjo, como debe ser, que no han encontrado garrofó en el mercado, que las verduras son congeladas. Su duda se hace explícita cuando piden ayuda a otros para que prueben el caldo para cerciorarse de cómo está de sal. Son dificultades autoimpuestas ante el cataclismo que se avecina, pero la paella tiene la ventaja de que siempre se come tarde y con hambre, por eso el cocinero se cabrea mucho si ve que los invitados toman demasiados aperitivos.
Despois da charla, lembrei a primeira cláusula de toda normativa sobre tertulias que Manuel Vicent impuxo na súa celebrada do Café Gijón: "A la tertulia hay que venir llorao". Unha boa tertulia ten que ter sempre esa premisa inexcusable.
[Otto Dix, A xornalista Sylvia von Harden, 1926]