Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 giugno 2008

MIGHTY BOB

Tras un día de divertidísima tertulia en torno a unha lamprea, da que darei conta máis adiante, teño un mínimo tempo para narrar o inenarrable. En primeiro lugar, o camiño de ascesis mística cara a montaña onde estaba anunciado o descenso do deus de Duluth. Como era de esperar, a subida constituiu unha proba nova de fe por varias razóns, entre as que debo destacar compartir un autobús de dobre lonxitude, modelo verme, coa modernidade talludita e enrolladita, recelosa de ser levada a Benidorm antes ca ao Ifevi, e padecer unha ximkana frenética por carreiros e corredoiras estreitas e curvas de Lavadores e Cabral, baixo unha calor abafante. Ao chegarmos ao recinto, unha cola increíble para vixiar que non levabamos cámaras nin videos permitiu calibrar a ollo varias cousas: 1. A relativa variedade xeneracional, cunha maioría notoria para quintas entre 1955-1965 con galas ad hoc (ou sexa a camiseta tripeira, pero negra); 2. A maioría masculina nos asistentes; e 3. O perfil clase media, digamos de cheirume universitario, predominante.
Á entrada dúas grandísimas telas coa lembranza nada subliminal de que todo aquilo o organizaba a Tenencia de Alcaldía. Vimos a un par de amigos da mocidade pontesa e a non poucos colegas de Santiago. O arrecendo nostálxico era evidente. Pero conviña coller sitio. E tratamos de situármonos perto do esceario. Hai que dicir que fomos a familia en pleno (a miña filla de 11 anos non logrou baixar a media de idade nin un día) cos irmáns correspondientes cos respectivos adláteres: un, entregado á causa como ninguén no mundo (o grande Chiquito de la Highway) e a outra, S., neófita que viña por ver de iniciarse.
O espectáculo comezou puntual sobre un esceario sobriamente negro, cun arranque blueseiro de primeira co seu Leopard skin pill box hat. A segunda canción, Lay, lady lay, que case todo o mundo coñecía, alomenos nos versos introductorios, animou máis o concerto, aínda que podo dicir que non foi a mellor versión que se podía sacar dela. A miña memoria é incapaz de lembrar despois a orde das cancións, pero por alí pasaron Thunder of the MountainIt's all right ma (I'm only bleedin'), Stuck inside of Mobile  ou Highway 61 Revisited, impresionantes ata o delirio, arroupadas por un grupo de músicos fascinantes na súa sobriedade e no seu talento. Alternaban esas cancións míticas coas algo máis lixeiras do último disco, Modern Times, aínda que rescatou deste último álbum unha preciosa versión de Ain't talkin', coa que deu fin provisional ao concerto. Reservou para o final dos bises (dúas cancións) unha inesquecible, arrebatadora e poderosísima Like a rollin' stone, que foi acompañada e celebrada polo público con algo ou todo de éxtase colectivo. Dylan tocou a variedade de que está composta a música popular americana (blues, rythm 'n' blues, rock, rock 'n' roll, gospel, country), cunha ollada aos seus anos de Highway 61 ou de Blonde on Blonde, onde se mira a esencia da música das nosas vidas. 
Por iso, mentres miraba a Dylan reinterpretarse a sí mesmo, coa enésima versión diferente de todas as súas cancións, deterse para tomar folgos para a harmónica, soplada nunha ocasión polo lado contrario, trabucarse ao dar entrada ao steel guitar, bicar coa súa voz inconfundible o micrófono, pronunciar apenas, como nunha ledaíña, os seus versos de desolación o de princesas, só acertei a pensar que aquela estampa fráxil de pequeno e miudo cantante de blues, apoiado nun imperfecto órgano Hammond, formaba parte imborrable da miña vida. Só cando mirei ao meu irmán, á miña querida I, e ás miñas fillas que bailaban ao son daqueles sons sublimes, entendín que era a das nosas vidas.    

25 giugno 2008

TERTULIA LITERARIA

Na tertulia do Diablito do pasado venres a estrela foi o escritor Tomás Lagares. Non estaba previsto falar do seu novo libro, La putilla y el chepas, pero a entusiasta presentación que fixo o insigne polígrafo don Jesús Oleiros animou o debate. A novela conta a tormentosa relación, de compoñentes bizarros, entre unha relacións públicas dunha discoteca cunha fisonomía de escándalo e un camareiro de cabelos tintados e lixeira inclinación corporal. O asunto pode parecer a clásica recreación do mito erótico da bela e o besta, aggiornato ao ambiente recoñecible da noite canallesca. Nada máis lonxe da realidade. O libro conta o descensus ad inferos do Chepas, alcume do camareiro, ata as fonduras miserentas dun sistema literario calquera. O barman, vocacional escritor de noveliñas de xénero negro, ten a mala fortuna de gañar un premio literario cunha obra que escribe entre cubata e gintonic de sonyguolker. A relacións públicas, a musa inspiradora que amarga a súa existencia co seu desdén máis flagrante, fica abraiada co éxito do seu colega e decide amadriñalo na seara literaria. Non podo contar máis do conto porque desvelo (fago de spoiler, que é moito máis fino) unha parte importante do conxunto. O certo é que o relato, cunha aparente falta de cuidado, emprende unha complexa derrota e remata por ofrecer unha interesantísima visión (con asomos de verosimilitude moral) do mundo, na que non falta, por suposto, a típica narración in fieri a propósito dunha multiplicación de planos narrativos e o desenrolo dunha trama simbólico-alegórica que, con claras reminiscencias dantescas, enriquece o fío central da novela. 
O caso é que estabamos a falar da novela, xa digo coas verbas tan encesas do amigo Oleiros, cando apareceu no local o mesmísimo Tomás Lagares, co seu perfil inconfundible na movida intelectual  viguesa. Eu, xaora, non o coñecía de nada, pero a nosa amiga Fátima Zas si, de cando estudiaran na Salle de Santiago. Chamouno e viu tomar algo con nós, despois de que oportunamente lle confesaramos a nosa anterior conversa e, sobre todo, cando viu a Fátima enfatizada co seu look de tigresa birmana. Tomoulle gusto á charleta e estivemos ata as tantas debatindo o sentido fúnebre da nosa cultura, o pesadelo que acostuma encher os nosos miolos e as consecuencias que ese celebro programado para o pesimismo ten na estructuración e fundamento do noso sistema literario. Non todo foi así de profundo e trufamos a discusión con pequenas insidias (de escasa importancia sobre todo para nós, pero funestas para a marcha de certos matrimonios bastante consolidados) sobre escritores varios e escritoras varias, cuxos nomes non estou autorizado a revelar. En calquera caso, Tomás Lagares demostrou estar relativamente ben pagado de sí mesmo e comprender con exactitude que a orfandade crítica é aínda pior ca toda unha comunidade lectora (ou sexa quince persoas) tirando a dar contra el por non saber concordar os tempos verbais.
Do final da tertulia, nada podo narrar. Só podo dicir que para o vindeiro venres hai novo libro para comentar. Pero desta vez tocoulle a Fátima traelo. Xa lles contarei.    

23 giugno 2008

SAN XOAN DESDE A FIESTRA


Estou facendo tempo porque ás catro da mañán vou buscar á miña filla á verbena de san xoan en Panxón. O de verbena é por respecto á tradición máis que como descripción axeitada á realidade. Fun o ano pasado porque alí o Occam ten mansión e adoita convidar ao persoal a disfrutar daquela troula xigantesca. E digo ben, porque non esaxero o máis mínimo se digo que alí se concentran decenas de miles de persoas (no chegan ás 100.000 por pouco), ao redor de lumieiras (folións, cacharelas, fogueiras ou *hogueras como en A Coruña;)), de litroeiras de brebaxes indómitos, de tabaqueiras industriais con arrecendo a comuna de Novo México ou de mobles de escai desprazados pola ocasión cara á area da praia. Coa luz máxica do lume enceso, moreas de mozos e mozas, cos ollos iluminados por algo máis có resplandor das lapas, e ataviados cos traxes típicos da zona (bikini e bañador), recorren o areal coa ledicia característica destas entrañables festas. Como nun rito de fecundación, os rapaces, amosan,  bébedos pola mistura de mandrágora e viño peleón, as súas mingas pouco mandingas ás ondas que veñen e van para deixar alí as súas pegadas orinais. As rapazas, pola súa conta, tentan ser favorecidas polas augas ao se agacharen con idéntico propósito. Entre as dunas e ao pé das xunqueiras, o brilo lonxano dos folións avermella o monstro das dúas costas enfebrecido nas loitas. 
Soan agora os foguetes que anuncian o comezo da festa. Cae unha pequena poalla sobre Vigo. Nada que venza ao lume. 

20 giugno 2008

SELECTIVIDADE NOCIVA


Durante estes tres días, a rapazada do ano 1990 leva escribindo as respostas a un exame que supostamente marcará as súas vidas. Non o sei. Pero seguro que xa marcaron o seu pasado porque levan un ano enteiro preparándose para esta proba. A inmensa maioría ata acadar a nada despreciable proporción do 90% traspasa a barreira. Só un pequeno número de alumnos, que probablemente non merecía aprobar se non fora porque os seus profesores deciden que sexan outros os que o tiren para atrás, fica fóra do pastel. Pero aínda teñen o mes de setembro para tentar a fortuna (case un 70% do 10% restante e algún máis aproba, co cal podemos dicir que en total só un 3-5 % fica lonxe dos seus obxectivos, se cadra tamén esperado). 
Para ista proba cumio (polo que se ve de escasa relevancia numérica, aínda que pode en casos moi concretos impedir a preferencia de estudios) toda a sociedade se prepara. Os institutos porque montan toda a docencia de segundo de bacharelato con ese destino (só hai que comprobar como este ano en máis dun instituto nin siquera impartiron literatura española porque como non contaba máis que dous puntos na materia correspondiente non merecía a pena estudiala: e quen di literatura española, pode dicir Aristóteles ou calquera outra parte da programación). Os profesores porque organizan as súas clases non para transmitir coñecementos, procedementos de estudio ou saberes en xeral, senón trucos, trampas, recursos técnicos, de clara dimensión pragmática, para aprobar o exame. Os alumnos porque entrenan máis que estudian para tal convocatoria e fundamentan as súas horas diante da mesa de estudio como un campo de exercicios moi precisos para non fallar no momento decisivo. Os pais porque viven todo ese ano coa preocupación de se os rapaces serán quen de saltar con éxito tal listón, despreocupados por completo de se serán quen de aprender as materias. As comisións de coordinación porque, desde o mes de outubro do ano anterior, son as responsables de estableceren as normas para o exame, as fórmulas exactas para que os profesores nos seus centros saiban a que se ateren. E, como coda final non menos importante, as miles de comisións constituidas ao longo do país porque cuidan que todo o esceario estea perfectamente engraxado para a ocasión, coa correspondiente nómina de dietas de manutención e viaxes e de corrección de exames (cunha fin de semán agoniante, só compensada polo arrimo duns cartiños que endozan o verán). Todo esta parafernalia anual para un resultado curtísimo en termos peneirísticos e nulo desde un punto de vista educativo. 
Como esta diatriba equivale ás que se suceden durante o mes de maio contra as touradas, só queda dicir que nos veremos o ano que ven con esta mesma teima.  

18 giugno 2008

CYD, SEMPRE DENTRO DUN SOÑO

Na millor película de todos os tempos, Cyd Charisse voa con Gene Kelly nun esceario marabilloso. Durante uns minutos únicos. Na nosa memoria ou agora mesmo mentres camiño ou escoito as sirenas dos barcos no Berbés, Cyd e Gene seguen a bailar. Bailan, sen deterse; bailan sempre. 
Nunca tan poucos minutos foron tan eternos. 

17 giugno 2008

BARES DE VIGO: BODEGA ANDALUZA


Algo cansos de probar as marabillas da comida italiana, decidimos o domingo variar un pouco e probar comidas exóticas. Estivemos en dúbidas ata a última hora entre o chinés clásico da Alameda ou a Bodega Andaluza de Montero Ríos. A prevención da miña filla pequena ao fantástico mundo da chinese food, fixo que coméramos na franquicia sevillana. Para os pouco amantes da música aflamencada e nomeadamente das sevillanas, non é o lugar predilecto, pero salvada esa pequena pega que poderían solucionar elixindo dentro da arbre inabarcable do flamenco outro palo, o restaurante merece a pena. Aínda que só sexa pola excelente escolla dos seus ibéricos e do aceite empregado nas ensaladas de verdadeiro luxo. Presentan uns boqueróns rebozados con lixeiro sabor a comino e un solombo de ibérico riquísimo, así como uns revoltos de menudos de quitar er sentío. Probamos un Azpilicueta para acompañarmos o xantar, pero doutra vez (xa volvín tomar unhas cañas polo seu amable servizo e as xenerosas tapas) pido unha manzanilla para rematar a faena. Non se exceden no precio e, desde logo, agradécese esta nova oferta.

16 giugno 2008

A NEOÉPICA ITALIANA


Nos xornais italianos celebran este últimos días como a punta dun iceberg interesante os premios para Paolo Sorrentino e Matteo Garrone no derradeiro Festival de Cannes, cos seus respectivos filmes, Il divo (sobre a vida de Giulio Andreotti) e Gomorra, sobre o libro de Roberto Saviano ao redor da Camorra napolitana. Un artigo de Giancarlo di Cataldo no semanal da Repubblica e unha contestación de Paolo di Stefano no Corriere della Sera amplifican o postulado por Wu Ming, un colectivo de novelistas boloñeses, coñecidos e relacionados co Luther Blissett (aqueles da novela Q), que establece claramente unha nova corriente (entre publicitaria e verosímil) chamada new italian epic, unha nova épica italiana. Aparecen rótulos semellantes, como o de neoneorrealismo, sempre co fin de delimitar un tipo de manifestación artística, narrativa en gran medida, que, como di o enunciado do título xornalístico, non ten medo de emporcarse as mans. Dentro deste movemento, inclúen a escritores procedentes del giallo (del noir, din eles para seren tan pedantes coma nós) como Camilleri, tal vez o máis coñecido entre nós polo seu comisario Montalbano (agora reducido a serie televisiva que, por certo, nós non vemos) ou como Carlo Lucarelli, autor de una media ducia de libros de grande éxito e célebre presentador dun programa semanal na televisión sobre casos irresoltos de mafia, política, terrorismo de estado e delincuencia a grande escala. Ou como Ammaniti, dono dunha prosa truculenta, durísima, capaz de narrar o mundo da periferia das cidades cunha crudeza sen compasión. Ou como estes dous cineastas que indagan nas letrinas da política e da sociedade italiana para dar a coñecer a faceta escura dun país en completa crise. Os defensores da existencia desta nova corriente escapan de dictados morais ou políticos por consideralos incapaces de dar conta da complexidade das cousas. E, nesa liña, non eluden as preguntas incómodas, as perspectivas inconfesables, a risco dunha certa indefinición (buscada) ideolóxica.  En todo caso, a neoépica italiana fuxe dos estreitos marxes dos relatos íntimos, de poucos personaxes e espazos moi limitados, para preferir os grandes panoramas, os frescos amplios dunha época, coa pretensión de agotar os ángulos narrativos. Non sei se La meglio gioventù ou os plúmbeos discursos cinematográficos dun Moretti acaen neste marbete pero si gardan con esta recurrente imitación da realidade o desexo de amosar o país no seu descontento político e o seu desencanto moral. A mágoa, coma sempre, é que haxa que agardar ao verán para mercar alí esas películas e comprar eses libros. Aquí chega o arrecendo lonxanísimo, cando chega, desas interesantes novas que convén (in situ, cómo non!) comprobar. 

VIGO DESDE O COCHE (II)





Vigo a golpe de blog, de adiante para atrás, nun día soleiado de xuño. Hoxe non.

15 giugno 2008

O SPÓRTING A PRIMEIRA


Praia de san Lorenzo. Cimadevilla. Paseu Begoña. Praza de san Miguel. Moros. Corrida. Somió. Providencia. Dindurra. Contrueces. Santa Catalina. Piles. Ceares. Pumarín. Musel. Tránsito de les Ballenes. 
Viva Xixón.

AS ENTRAÑAS DUN SEAT MARBELLA

Para os que me piden testemuña da reliquia. O seu interior fullequí.

LARANXOS EN PERIGO DE MORTE

Unha das singularidades de Vigo é a de ter laranxos e camelios alternados nas beirarrúas das súas avenidas principais, Policarpo Sanz e García Barbón.  O arrecendo a azahar que chama tanto a atención en primavera vai ser historia, porque convén facer uns aparcamentos e precisan desterrar estas arbres senlleiras. Xa non sei que dicir: só queda blasfemar e defecar en canto irresponsable camiña por esta cidade. 

DYLAN AND HIS BAND

Xa teño as entradas e o corazón preparado.

14 giugno 2008

BÁQUICOS ALOITADORES


Aínda coas notas doces dos cubalibres tomados onte á saúde das 14 alumnas (entre elas dous alumnos) recén graduadas, lembro os intres de risas e rosas da cerimonia (unha sentida epístola de Carmen e unha demoledora diatriba contra o irracionalismo postmoderno de Jesus), as rajadas da cea (esas outredades e vanity fairs de todo a cen) e as celebracións da noite perto de Portugal Square co Angel (in english, please) vido from the curro of Morgadáns para recitarnos, ao pe da street coa auga do servizo de limpeza mollando os zapatos, one epic poem to Little Iron. Soaba Aretha Franklin mentres saíamos dos bares e o ceo da noite de Vigo era brilante e luminoso.  

12 giugno 2008

ÁNIMO, PAUL

- Then you jump first.
- No, I said.
- What's the matter with you?
- I can't swim.

INTOLER/ABEL


"Intolerable", ruxe a marabunta Caballero. As acusacións dirixidas ao Ministerio de Economía suliñan, polo propio groso calibre, a propia incompetencia. Canto máis alto berra, máis evidente parece o fracaso. Teis fica sen axudas por mor da insensibilidade gubernamental: esa é a tese sobre Teis de don Abel. Sen embargo, anos, lustros, décadas de esquecemento supoño que terán outros culpables. Animo aos vigueses a subir a rúa Santander desde o seu comezo na fonte que comparte muro cunha casa no bivio con Sanjurjo Badía. Ou a baixar desde a Guía polo Camiño do Espiñeiro ata Vulcano. Ou mesmo dar unha pequena paseggiata baixo os falsos plátanos de Xulián Estévez. 
O Solbes ten a culpa: admitámolo. É malo malismo. Así estamos máis contentos. E se por riba os cartos van para o norte de Galicia (sic), pois aínda máis. Non é culpa nosa que Teis siga así. Solbes, o mestre de armas. 

BRINCADEIRA EN SAN ROQUE

O atletismo de competición estivo (e aínda está) baixo sospeita. O gran velocista dos cen metros lisos dos anos oitenta rehabilítase en Vigo, para máis señas en san Roque, o santo da chaga na perna lambida por un can.

11 giugno 2008

CANTANDO BAIXO A CHUVIA


Extraordinario artigo de Félix de Azúa hoxe en EL PAÍS: "Vidas para lelos". Aínda que resulta difiícil destacar algo desta peza maxistral, suliño a súa afirmación de que Singin' in the rain é unha obra mestra do século XX, supoño que quixo dicir sen distinción de artes. 

CHEGOU O VERÁN

Hoxe foi noite de xeado de stracciatella na terraza do Capri. O verán chegou de súpeto a esta cidade, que posúe un dos ceos máis marabillosos cando avanza pouco a pouco a escuridade das horas. 
 

10 giugno 2008

VIGO DESDE O COCHE (I)



O día do meu cumpreanos caeu un móbil. Nunca pensei que ía disfrutar tanto. Só agardo que non me cachen mentres conduzo. 

9 giugno 2008

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR, AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Dez pequenos contos constitúen O único que queda é o amor, o último libro de Agustín Fernández Paz, de título estraído dunha cita de Pamuk que figura ao comezo do volume. Ilustrado coa habitual elegancia por Pablo Auladell, leva como leit motiv unha nova cita da película 2046, de Wong Kar Wai, “Todas as lembranzas son sucos de bágoas”, que outorga aos distintos relatos un fío conductor en forma de tonalidade melancólica. O propio AFP declarou no seu momento que tanto a lectura de Pamuk coma a visión da fascinante película do director mudaron o aspecto final do seu conxunto de historias.

Pero, aparte desta nota principal que poderiamos considerar coma unha fermosa homenaxe de AFP aos libros e ás narracións que ama con verdadeira devoción, as historias que conta posúen unha deliberada semellanza na construcción do paso do tempo, o tema, ao meu xuízo, do libro. As olladas retrospectivas, as lembranzas, o discurso case completo dunha vida, incluso a descripción física das mudanzas na paisaxe conforman boa parte deles, coma nun intento de acreditar o implícito mensaxe do título de que nada queda, nada permanece, agás a presencia do amor.  

[CONTINÚA EN COMENTARIOS]

8 giugno 2008

ESCÁNDALO URBANÍSTICO: XA SE VÍA VIR


Vexo hoxe nos xornais o que nos temiamos: a merda que van facer en Praza de España en Vigo. O aspecto virtual, con todas as reservas sobre as informacións, non pode resultar máis desacougante. Catro edificios de dezaoito alturas (coma as torres xemeas que vexo desde a miña casa) e, sobre todo, cunha rexa estructura, unha superficie (a esplanada característica do novo urbanismo agorafílico) peatonal con pasarelas de anuncio de teléfono móbil (unha pasarela implica tunel e lugares sombríos onde pode medrar o desamparo), e unhas escavacións múltiples, que obrigarán a eliminar ou modificar as xa existentes para que o tráfico transcurra coa necesaria celeridade. O pelotazo para min é de libro. Pero esto xa o sabían os defensores e aprobadores do PXOM. O PSOE estivo en contra de tamaña barbaridade, pero con Caballero no goberno aceptou sen problemas o escándalo. Seica boa parte da militancia socialista (e mesmo a do BNG, pero nunca piaron moito neste partido porque foron eles os que trazaron o plano xeral) está en contra de tal desfeita. Pero quixeron crer que a aprobación con cautelas do PXOM podería evitalo. 
Pois ben, veleiquí o monstro. Agora só agardo que os que puxeron a parir aos críticos co PXOM  non veñan agora con palabras de rexeite. Porque xa o sabían. 
[Nota: a min gústanme, e moito, os rañaceos. E Vigo ben podía presumir dos que quixer. Eu non poñería problemas, desde logo. O que parece un escándalo é este proxecto concreto, e máis os que auguran para Gran Vía e para Beiramar. Durante a última fase do proceso (na que todos tiñan interese de rematar o plano tal e como en principio o fixeran), por arte de maxia, desapareceron as infografías que amosaban aquelas moles. Agora aparecen para o meu escándalo e a miña indignación.]

ANIVERSARIO DE VODA: 50 ANOS NON É NADA


O sábado fomos celebrar os cincuenta anos de voda dos meus pais á Coruña. Elixiron un restaurante ao pe da praia de Riazor, coa ollada posta na torre de Hércules e todo o skyline de Montealto. Meus pais estaban completamente felices, rodeados de todos nós: o meu irmán, a súa querida dona, as súas dúas fillas e máis a parte que me corresponde de dona queridísima e tamén dúas fillas. Comimos bárbaro, bebimos esquisito e disfrutamos de todo. Foi un 6 de xuño inesquecible. 
Felicidades, mama e papa, papa e mama. 

6 giugno 2008

VIGO STREET


Un querido amigo acaba de anunciarme que se vai este verán unha semaniña a Londres, en plan familiar. E foi casualidade porque precisamente ía poñer hoxe eu un post ao que me parece a noticia do ano en Vigo: o establecemento dunha liña directa de avión entre a Cidade Branca (o de olívica vouno deixar hoxe) e Londres. Estar conectado, aínda que non vaia en datas próximas, coa capital británica, digamos in pectore, resulta fascinante: xa vexo aí os paseos por King's Road, as ceas con parrulo lacado en Queensway ou os scones á media tarde en Fortnum and Mason. Algúns irán á Tate, outros á noria do London Eye, ao British Museum, á National Gallery. Pero a min dádeme unha pinta no Lamb and Flag e serei o home máis feliz do universo.

5 giugno 2008

OS SOÑOS DE CAROLAINA

Con gran éxito de público e crítica representouse o martes día 3 de Xuño no auditorio de Caixanova no García Barbón, a obra O soño dunha nena, unha peza divertida, chea de contido político, perfectamente interpretada por uns prometedorísimos cómicos (algúns e algunhas xa realidades incontestables) e magníficamente dirixida por Edgar, o máxico profesor da Escola de Teatro do Concello de Vigo. Nun marco acorde coa envergadura do espectáculo (nada que ver co infame teatriño do Monte da Mina que farían moi ben e rápido en adecentar), este fato de rapaces e rapazas convirtiu o esceario do GB nuns minutos de franca ledicia e ocasionais gargalladas. Un aplauso moi forte para todos eles e para Carolina un bravo de pai anegado polas babillas derramadas. 

HELENA EXEMPLAR

Confeso a miña debilidade por Helena de Carlos e o seu precioso libro de poemas Vigo. Hoxe sae unha entrevista con ela no Faro de Vigo. Breve, pero suficiente para admitir a súa visión da cidade, o seu amor polos escritores latinos e por Roma e mesmo a súa consideración do futuro das filoloxías. Premio Nacional si, pero ademáis sentido común e intelixencia. 

4 giugno 2008

BEN PENSADO...


Xosé Luis Barreiro loubaba a decisión de Touriño de adiantar as eleccións apenas tres meses porque desta maneira cumpría co mandato de catro anos e, ao tempo, facía distinguir a política interna galega da convocatoria europea. Engadía ademáis ausencia nesa decisión de vantaxismo político ao dar suficiente tempo aos partidos para prepararen a campaña. Sen dúbida son razóns de pesos as empregadas, pero eu sigo sen ver moi claro cal é a marxe de vontade política e de entusiasmo xestor dun goberno que non pode máis que adicarse durante o tempo que queda ou ben a non moverse demasiado para non desfigurar en exceso a súa intervención cotiá ou ben a non encetar ningunha outra medida que poida levar máis dun ano a súa aplicación. Ao meu xuízo, a parálise na acción de goberno, sen pretendela, vai implícita nesta longa garda ata a primavera. A crise que non é crise require decisións de certo calado e, con esta situación de precampaña (na que os partidos tentan deslocir os movementos dos outros, estean ou non no propio goberno), non parece que poidan introducirse medidas de arranxo inmediato. A sensación, ademáis, de que ata marzo poden ir acumulándose problemas demorados, dificultades habituais e conflictos non resoltos pode debilitar aínda máis a propia acción de goberno, cunha oposición sindical que cheira con toda a razón a fraxilidade do momento e unha oposición política que non ten nada que perder e algo sempre que gañar. Eu creo que a decisión de deixar os comicios para o final do inverno non é a postura máis conveniente para o país. Facer unhas eleccións antes de nadal non perxudicaría a ninguén e, por suposto, ninguén podería dicir que Touriño xoga con vantaxe. Pero agardar tanto non parece oportuno. 

3 giugno 2008

CAMPEÓN


Pasei a itv do noso seat marbella class 87. Vai camiño de coche de época, co seu volante sen dirección asistida e amortiguadores de ballesta. Matrícula coruñesa en territorio vigués, matizada cunha pegata do Celta e un par delas máis, reliquias de nunca máis e non á guerra. Agora ten unha nova, á esquerda do parabrisas: luce bermella co 09 fachendoso da licencia. 
Longa vida ao marbella.

2 giugno 2008

TEMPO DE DESILUSIÓN

As filoloxías repensan o seu futuro. A adecuación ao modelo bolognese suxire a reducción a catro anos e 240 créditos (60 menos) o total do que agora chamamos grao e antes licenciatura. As directrices da Consellería marcan condicións para dar saída aos estudios actuais, pero deixan demasiadas portas abertas ás iniciativas de cada facultade. Deste xeito, e con data de hoxe, a UDC plantea o mantemento das actuais filoloxías galega, hispánica e inglesa. A USC propón unha estructura semellante tamén á actual con cinco titulacións: hispánica, clásica, inglesa, galega e unha resultante das demáis filoloxías que dá en chamar linguas e literaturas modernas. A UVigo presenta dous graos: unha combinación-fusión de español e galego e un chamado linguas estranxeiras. O principal criterio para establecermos estas opcións era o da demanda durante os últimos anos (presentar unha media de máis de 25 alumnos por ano durante os últimos tres) e, polo tanto, era necesario buscar solucións imaxinativas. A imaxinación con tan poucos alumnos (menos mal que os Erasmus amplían e enriquecen as nosas aulas) e unha crecente desilusión entre o profesorado (xa demasiado canso de sucesivas reformas) non resulta moi doada e menos cos atrancos e os incertidumes que supón unha prolongada e indefinida política educativa. Por fin, vese perspectiva de remate, pero aínda están por elaborar polo miudo eses planos. Niso estamos, pero con escasas ínfulas e si coa precaución de non causarmos demasiados danos. Non ter a Uvigo este ano licenciados en FG ou ter en terceiro de FH apenas sete alumnos locais (da UDC e da USC pode predicarse o mesmo) non é o mellor dos panoramas. 
    

IMAXE E SEMELLANZA


Resulta curioso comprobar como se vai creando a imaxe a partir de certas construccións intelectuais. Esta do grabado era a suxerencia iconográfica de don Quixote na segunda mitade do século XVII (Leyden, 1681). Calquera semellanza coa estampa recoñecible hoxe é pura coincidencia. Se isto ocorre con persoaxe tan célebre imaxinemos o que acontecerá co menos pintado.

1 giugno 2008

BARES DE VIGO: METBAR


Onte cambiamos o noso sitio habitual das tertulias literarias (o xa mítico Diablito) para coñecer a nova sensaçao cool de Vigo: o Metbar, unha pequena variante, seica, dun que xa existe na cidade de Orozco. Non estaba moi cheo, como podedes observar, pero aínda lle demos a un par de correctos tónicos axinebrados. A cousa non pasou daí, pero a cor laranxa (anos 70) resultou seductora. Sobre todo, como panca de febres sabatinas máis altas.  

ADEUS Á CHUVIA

Agardaba pola miña filla e non puiden reprimirme. Aquí sae a estampa deste maio que onte rematou. 

FUNERAL TRAIN


Esta colección de fotos resulta extraordinaria: imaxes das persoas que ven pasar o comboio co cadáver de Robert Kennedy asasiñado en 1968, nos máis de 300 kms que separa Nova Iork de Washington.

CONSOLO

Non hai que chorar. Sempre temos motivo de ledicia.