Eu desaconsello Viena. Esa sensación de tedio entre chiculate sacher e paseos polo prater, con algún sobresalto ao non mirar o metro que de tan lixeiro nin fai ruido, non favorece o cambio: un desexa sentir de inmediato as marabillosas campás da súa capeliña ou os balbordos sabatinos da franquiciada baiuca de estrella galicia habitual. Tamén desaconsello Holanda para tales propósitos: esa xigantesca concentración parcelaria ofrece ansias agorafóbicas ao visitante, desexoso de recuncar en leiras aproximativas e familiares. Só a contemplación de vastos campos de fútbol onde un imaxina que xogan cruyffes pequenos pode alterar o desexo. Francia, na súa meirande parte, ofrece hixiene e limpeza inhóspita: fai perigar algo a nosa idiosincrasia por comparación insidiosa en materia de urbanismos, pero algo a partir das cinco da tarde impide admirar tal xeometría case perfecta: a ausencia agoniada de vida animal polas rúas e prazas sen apenas o murmurio gutural e erotizante da langue d'oil. Ingalaterra, cos seus veciños galeses e escoceses (descoñezo a vella Eirin), ofrece notables exemplos edificantes, pero adolece de semellante vida noctívaga, suplida en (gran) parte en púbicos lugares pola afición dos isleños a acumular bebidas con escuma sobre toallitas tamaño bidé con escudos nobiliarios. Pero hai que recoñecer que o viaxeiro atopa entre aquelas brétemas e aquelas chantas de lousa motivos para a defección patriótica. Italia é o lugar fetén para o tour de despresurización patria acelerada, pero ás veces un lixeiro erro (unha estación termini, un vaporetto, un carabiniero na berma) na elección do lugar preciso pode provocar o efecto contrario. O Grand Tour xa non é o que era desde que Goethe desistira de repetir a fazaña. Pero aínda conserva pequenas tramoias (un paseo en góndola, un xeado na signoria, un panino di porchetta en siena) para desencolar bandeirías e desamañar raigames. España, ou ise alén padornelo e seabras, podería funcionar como desmontaxe de cariño á casiñameular se non se conectan as emisoras durante a viaxe ou se suspende, cautelarmente, a correspondencia dos mapas coa crenza de que Vitigudino está na Lombardía ou Buñol pertence á Alsacia e á Lorena ao tempo. Pero tales cousas son imposibles e ás veces un almorzo en Despeñaperros camiño de Linares desbarata calquera tentación de desamores patrios.
Onde, pois, ir para curar tal doenza? Está claro: na mesmísima Galicia. Unha visita a Galicia elimina calquera atisbo de amoriños patriotescos. Pero non pola vía do rexeite á bancada ou da autoflaxelación morbosa de quen ve sempre o piorno de metacrilato na leira propia e non mira a figurita de lladró na do veciño de Alacant. Senón por descubremento da ignorancia que temos de nós mesmos. Pasamos media vida fachendeando ou parolando a secas de país e, sobre todo, de nación e non digamos de cidade, aldea, alpendre ou bouza e non coñecemos en persoa siquera os lugares dos que falamos. Se somos de Ribadeo apenas vamos a Ferrol, e se andamos por Carballo é posible que Ourense fique máis lonxe (ás veces por vía tristemente obrigatoria) ca Lanzarote. A distancia entre as beiras dunha mesma ría parece conter un oceano enteiro e mesmo Lugo pode ser un oitomil para xente de Ribadavia. Descoñecemos o propio país do que falamos: tendemos a pensar que Galicia é esa bisbarra que o pensamento artella en formas xeofísicas, que os paisanos que a habitan son eses galegos dos que falamos e que o galego que falamos ademáis é o noso o fetén e o de toda a vida.
Sería conveniente e mesmo interesante que, para despatriotizármonos (algo polo menos, se non se pode de todo: xa se sabe que hai vicios difíciles de eliminar por completo) e procedermos a unha real consideración de nós, tentaramos coñecer con pausa e con tranquilidade os recunchos do propio país que establecemos como noso. Un paseíño por este mundo que damos en chamar Galicia podería arranxar (paliar en todo caso) o noso amor á patria.
14 commenti:
Moi inxenioso, si señor. O que non me queda ao final claro é o que entende vostede por patria, porque está claro que non cadra nin con aquela definición de "comunidade imaxinaria" de Anderson nin co que a política familiar nos asignou nas partillas da herdanza.
A min tampouco, pero sempre penso na vez que mirei por primeira vez patria nos muros dun diccionario de latín que tiña máis a man, se cadra o Lexicon ou se cadra o de Oxford en fascículos. Alí dicía eso das partillas, que, ampliado por analoxía, dá no que dá.
Sinto non ser máis preciso, pero hai tempo que non paso por alí.
Bicos, en todo caso, amiga SurOeste, por este pracer de tela por estos piñeiros.
"O amor á patria se cura viaxando." (creo que debería ser "O amor á patria cúrase viaxando")
Bien au contraire, o amor a Galicia aumenta moitas veces por (ter que) estar lonxe dela. E non falo dun tópico rosaliano senón da experiencia emigratoria, propia e dos demáis. Case podemos dicir que o nacionalismo galego nace na emigración, xunto coa bandeira galega, nas casas de Galicia.
Parece que agora, a instancias de Monsieur le president, imos ter oportunidade de actualizar a bibliografía ao respecto porque parece que o concepto, nas postrimerías da modernidade, resístese a ficar demodé.Onte mesmo viña un artigo ben interesante no El País.
Amigo MS: tiña (e teño) as miñas dúbidas, en cuestión sobre todo de ritmo, na colocación dos pronomes. Pero coa distancia súa voulle facer caso. Vouno poñer tal e como vostede di como opción a. Vou deixar a miña como opción b. Por razóns de ritmo, máis ca de sintaxe normativa.
De todas maneiras, eu falaba de desamar á patria non de amala. Isa é opción que pode agromar froito doutras circunstancias.
O truco consiste, para min, en decatarse de que todos somos iguais (ou igual de desiguais). Eu perdinlle todo aquel ao folklore patrio vendo Gente Joven: unha mañá de sábado febril (por mor dun resfriado) abondou para decatarme do coñazo que eran as sardanas, as jotas aragonesas, as sempre recorrentes sisas. Ergo (sen levantarme, claro) as gaitas deben soar por aí adiante como as dulzainas e tamboriles por aquí: a purita tortura.
Vaia a Asturias, por exemplo, e colla un periódico: os mesmos laios sobre as escasísisimas infrastruturas viarias e sobre o retardo no seu remate que na prensa de aquí. Como é evidente que teñen un mogollón de estradas que nin diola, decátase un de que se queixan de puto vicio. Se abre vostede o Avui, exáctamente o mesmo pasa en Cataluña. Ergo (sigo sentado) se a súa cegueira os convirte en xilipoias, nós non imos ser menos.
Co idioma ven pasando o mesmo: o Partido Aragonesista ven de pedir que no parlamento europeo se contrate ao único falante da fala (nunca mellor dito) aragonesa que hai en Aragón, iso si, ben pegadiño a Lleida (por tocar os wevos aos catalanofalantes da zona). E nese mesmo eido cóstanos comprender porque os Castelán-leoneses (que por certo, e como dixo hai tempo un amigo nacionalista galego, non teñen lingua propia) están moscas co feito de que algúns castelán-leoneses pidan ver a galega pola TDT, cando o que non deberiamos comprender é por que queren vela.
E así todo.
Viaxando (pero non pasando por riba, parándose) morre o amor patrio porque nos damos conta de que todos semos iguais. Iguais de xilipoias, claro.
Viaxando coñécese máis e abrése a mente, polo menos en teoría.
Temos que empezar polo que temos arredor e logo abrir horizontes, coma se caíse unha pedra na auga.
Graciñas pola visita e a aclaración.
A min pásame algo parecido. Canto máis viaxo, menos español me sito.
Español? Que é iso?
Si, home, si, Arumes, español. Ao igual (pero igual igual do mesmo)que hai xente que cre que Galicia é especial, que é unha nación e que cando escoita o himno galego se pon de pé, pois hai xente á que lle pasa o mesmo con España e co seu himno. Iso é sentirse español. Logo hai outra xente á que lle pasa con Cataluña, con Francia, con Swazilandia e con Timor Leste. É a historia do mundo.
Pero non faga a proba, eh? Non é bo para a saúde.
De onde cona sacaría De la Highway ese horrendo "xilipoias", que mesmo parece que lle renxen a un os oídos como o eixo dun carro?
Pois ser é unha tontería das grandes, claro, pero a verdade é que ao amigo r.r. gústalle moito. Até o de agora era a única opinión que tiña sobre semellante "xilipoiez". Pero bueno: para gustos. Procurarei non utilizala, logo.
Cando Galicia sexa unha nación e logo unha república, eu serei o primeiro en me despatriotizar.
Esta fin de semana viaxei á zona en Franza chaman "Pyrénées-Orientales" e en Cataluña a "Catalunya nord". A patria francesa (unha desas patrias que según algúns de vostedes deberían ser abolidas) estaba ben presente nas escolas, nos hotel de ville, nas prefecturas de policía, etc.
A patria catalana desta "rexión" xa non existe na lingua. Alí xa non teñen esa "letal" identificación "Catalunya nord" = catalán, que tanto lle preocupa a vostede, sr Arume, porque o único que falan é o francés, idioma de todos os franceses.
O que queda da patria catalana despois de séculos de xacobinismo ilustrado é a ocasional bandeirola rexionalista dalgún nostálxico, os rótulos turísticos ("Perpignan la catalane"), as figuriñas de barro tocadas de barretina e, xa que logo, cartas dalgúns restaurantes de "cuisine catalane"s.
Eis o futuro de Galicia se deixamos de teimar nesa "letal" identificación "Galicia" = "galego", cando o único de Galicia que exista sexan os apelidos, certa prosodia cantarina, e o galego O'Hara dos rótulos dos restaurantes.
Eu creo que a identificación que fixen eu ten sentido galego>Galicia, non á inversa. Para vigorizar o idioma convén ao meu xuízo deixar de falar sempre da propia Galicia. Iso foi o que eu dixen. Que non é pouco.
Posta un commento