Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 dicembre 2009

LONDONCOLIN


Dedicado a Xesús Fraga.
Visitei Londres por primeira vez unha tarde de sábado dun mes de Xullo de 1977. Paramos nun hotelacho en Queen's Gate (cun feixe de italianos e italianas: esoutra miña debilidade) e paseamos polo serán por Hyde Park e Oxford Street e pola noite por un Soho cheo de luces de neón e de imaxes porno nos cartaces. Non era terra para nós, adolescentes incautos, pero aquela maré de xente que ía e viña por aquelas rúas estreitas empuxaba cara o laberinto. Conseguimos saír a duras penas para rematar baixo a fontana de Piccadilly onde comezaban a parar crestas de cores e cazadoras negras de cremalleiras oblicuas. Quedamos un rato alí mirando as súas miradas desafiantes coloreadas polo carmín e polas luces dos anuncios da praza. Cando, despois dun tempo longo, decidimos voltar ao hotel, aquelas imaxes ficarían na miña memoria para sempre. 
A raíña Isabel andaba de tournée polo país en plena jubilee e os Sex Pistols ofrecían un never mind the bollocks nas tendas de discos. Só estiven alí en aquel Londres incógnito un fin de semana. Probablemente un deses fins de semana decisivos na vida dun fucking adolescente imberbe. Hoxe cumpre 30 anos London Calling: a banda sonora daquel tempo resoa nova cada vez que a escoito e sempre sinto esa intensa nostalxia do presente, a de saber que, nunha noite de verán, ao pe dun falso Eros, en Londres estamos moitos xa para sempre liberados.

2 commenti:

Delapierre ha detto...

Pero miña xoia, que facía vostede con dezaseis aniños en Londres. Seguro que non-o comeron?. Non-o violaron?.

R.R. ha detto...

(nin) Comido (,) e/ou/(nin) violado, o caso é que aquí o temos. London, cagondiola, ¡que pueblaso! Quen me dera vivir xusto ó lado. Bueno, máis ó lado, quero dicir. Que O Vinte, poñamos por caso, estivera á mesma distancia de London do que está de Betanzos (tamén para ter ó dedicando cerca ;-))