
Nun recente debate sobre a literatura española xurdiu a idea de que a transición e a postransición estableceran un pacto de silencio sobre a guerra civil e sobre a represión franquista que só nos últimos tempos (digamos dous ou tres anos) pareceu transgredirse. A ilustrar tal tese saen de contado libros e narracións (na memoria de cada quen poden estar tres ou catro recentes) que pretenden, polo que se sostén, restituir aquel tempo sen mordazas e sen temores do pasado.
Diante deste relato contemporáneo sobre o pasado máis recente eu non podo por menos que ficar abraiado e, tras ese ratiño de estupor, tratar de artellar algunha explicación ao que sorprendemente remata por callar e calar entre a maioría de asistentes. Pode soar políticamente incorrecto, pero resulta á larga máis compracente, porque o auditorio tende a pensar que unha historia así contada (con usurpacións, silencios, que hai que encher) resulta mellor desde o punto de vista da poiesis inherente á narración histórica. Noutras palabras, gusta máis pensar que existiu esa tácita imposición que analizar con detalle e, sobre todo, coa inxente bibliografía ao respecto, mirar se iso resiste unha mínima atención empírica.
Por iso a min esa perspectiva non me cadra. Non sei se a miña memoria enfraquece (para algunhas cousas impertinentes, desde logo), pero sobre os momentos inmediatamente posteriores á morte de Franco, desde o ano 1975 ata o ano 1981, data do golpe de estado tejerista, periodo no que se celebran eleccións constituintes, as primeiras eleccións democráticas, tanto xerais como municipais, teño unha lembranza razonablemente nítida. Comparada coa dos anos noventa, por exemplo, digamos que está máis viva. Gardo daqueles anos os moitos libros que merquei sobre a guerra civil ou sobre o franquismo, editados xa en España, nos que non se aforraban datos nin documentación exhaustiva en relación coas barbaridades cometidas polo bando franquista. Desde aquela, o número de congresos de historia sobre o particular non fixeron máis ca medrar así como a promoción de proxectos de investigación, de investigacións particulares ou de monografías ao respecto, moitas veces publicadas por institucións públicas que deron a coñecer os detalles minuciosos (relacións, por exemplo, de mortos nunha provincia, co lugar exacto da execución sumaria) sobre os crimes cometidos. Creo evidente que nada (entendámonos: sempre queda espazo para o delito incógnito), desde este punto de vista da divulgación ou da indagación histórica sobre os asasinatos, quedou por descubrir. Polo tanto, soster que houbo un pacto de silencio entre creadores ou historiadores sobre tales feitos durante a transición resulta difícil de crer.
Outra cuestión ben distinta é a necesidade de que política ou institucionalmente, mesmo xurídica, tales crimes queden descritos (proclamados, expostos, recoñecidos) e as víctimas, con nomes e apelidos, queden resarcidas coa publicidade xurídica sobre a súa execrable morte, a exhumación dos seus corpos para satisfacción moral, persoal (e tamén política e económica, por que non?) dos seus familiares, e, chegado o caso, coa apertura (se puider) do caso xudicial (mesmo coa reapertura ou coa anulación de certas condenas, como é o caso recente de Miguel Hernández) para resolver. Todos estes aspectos, que sen dúbida quedaron nun (voluntario: daí o probable pacto) limbo xurídico e político durante anos, foron motivo de consideración parlamentaria a propósito da Lei da Memoria Histórica. Non todas as peticións de restitución política e mesmo xurídica foron atendidas por esta lexislación, nin siquera os relativos á obrigatoriedade da administración por ser parte activa nos procedementos de exhumación ou de recuperación de dita memoria. En gran medida porque a lei de amnistía de 1977 impediu avanzar en certos terreos, en especial sobre a responsabilidade criminal dos que cometeron os asasinatos.
Este é o verdadeiro asunto sobre o que pode entenderse a idea do pacto de silencio: un pacto de silencio sobre a identidade non das víctimas (que nalgúns casos tamén), dos mortos que xacen nas sebes ou nos paredóns dos cemiterios, senón dos que apretaron o gatillo e que viviron impunes durante anos. Os familiares destes verdugos ou destes criminais fan todo o posible para que a xustiza non interveña contra eles, nin siquera nunha sorte de condena in efigie ou post mortem. Esa pode ser a principal acusación: a impunidade dos criminais e a dificultade para dar satisfacción aos familiares das víctimas por recobrar os corpos e a dignidade dos seus.
Sobre os feitos, sobre os crimes, a literatura e a historiografía sobre a guerra civil española e sobre a represión e os asasinatos franquistas nunca estiveron caladas. Ou a min non me consta.
Nota: na sala unha persoa sostiña que o libro de Alfons Cervera, Maquis (2006), contaba o fenómeno dos maquis, do que non se sabía nada de nada. Non puiden disimular o meu desconcerto.