Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 gennaio 2011

FESTAS DE SAN VICENTE NO PONTOIBO


A Carmiña CC.
As festas de san Vicente no Pontoibo, das que me daba conta onte a amiga Carmiña (que lembraba o nome de Salustiano, 92 anos), dan o arranque ao calendario feiral do ano. A poxa de ramos (de cacholas e ovos, se non lembro mal das veces que eu me achegaba ata alí, pero tamén dos productos da horta), en medio dun frío espantoso, era o punto central desta festa fóra de tempada celebrada na parroquia que está empoleirada sobre a val de As Pontes. Pontoibo quedaba ao lado da miña casa (segue a quedar, pero a miña casa -miña porque alí vivía- xa non é miña); desde a cociña podía mirar, cando a néboa do inverno mo permitía, as casas empericotadas na costa que conducía aos espazos de xestas e toxos, apenas uns piñeiros aillados, que daban ás abas do pantano. Por aquelas cortiñas subiamos moitas veces en bicicleta (máis ben baixados da bicicleta, andando, porque era moi pendente) para baixarmos sen dar pedal ata chegar por inercia ao centro da vila. Ou para percorrer, por entre algunhas das poucas fragas (fraguiñas máis ben) que aínda quedaban por alí, ata as Campeiras e baixar pola beira norte de As Pontes. Desde alí podiamos mirar a cheminea, as catro torres de refrixeración, o parque de carbóns, as longas ringleiras de cintas transportadoras, os minaretes das máquinas estractoras, toda a paisaxe industrial que foi modulando aquela zona. Mirabamos a dirección do fume, por adiviñar o tempo e tentabamos, desde alí, entrever o lugar que fora Saa, Illade ou Meidelo, baleirado de terra, apenas o oco daqueles casais.
Mirabamos todo aquilo de esguello mentres pedaleabamos co xélido ar de xaneiro batendo nos pulmóns.

5 commenti:

Turmano ha detto...

Por engadir un dato, J. L. Moralejo identifica este mesmo Pontoibo co Pontubio no que a Crónica de Alfonso III sitúa a brutal batalla entre o rei Fruela (pai de Alfonso II) e o xeneral Umar, fillo do propio Abderramán I, ao que venceu e dacapitou alí mesmo, no século VIII (GIL FERNÁNDEZ, MORLAJO, RUIZ DE LA PEÑA: Crónicas asturianas. Universidad de Oviedo, 1985, páx. 210 : "Tuvo un combate con la hueste cordobesa en el lugar de Pontubio, en la provincia de Gallaecia, y allí aniquiló a 54.000 musulmanes")

arume dos piñeiros ha detto...

54000 mouros estarán enterrados naquelas leiras?

Anonimo ha detto...

Moitas grazas !!! Bicos. Seguirei a investigar o dos mouros.(Carmiña)

Turmano ha detto...

Serían menos. Iso seguro. Unha escaramuza como a de Covadonga.
Outro dato. O Rei Fruela funda o mosteiro de S. Vicente no lugar que logo será Oviedo, e S. Vicente é a advocación do Pontoibo. Casualidade? Non?
Hala! A investigar.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Oviedo, Oibo. Outro filón.