Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 gennaio 2011

LACONISMO


Retomo a primeira cita de Aramburu que me quedou gravada, en especial o comezo "No pienso privarme" e o final "llenar páginas". Como lector é isa a sensación que teño cando vexo as mesas de novidades nas librerías. Os escritores/as, eu imaxino, deben de ter tempo a esgalla para escribir sen parar. Librazos, de letra apretada, de non menos nunca de 350 ou 400 páxinas, de verborrea total, non poden ser froito dun proceso de austera economía literaria. O aticismo, obviamente, non se leva; máis ben, o contrario: a amplificación, a abundancia, o desenfreo de enerxías en apariencia poéticas. Supoño que aplican esa vontade de non privarse: xa que estou posto e vou lanzado para que parar. Pode ser. Isa é a impresión.
Pero tanta magnitude é inversamente proporcional ao mínimo tempo (e as mínimas ganas) de que dispón (e do que quere dispoñer) o lector/a. Ás veces, o pracer inmenso de escribir sen freo, de encher páxinas durante un día, nunha torrencial enxurrada de cláusulas e oracións (cun estilo estándar intercambiable, pouco dado a alegrías e ousadías técnicas), pode máis có rigoroso proceder de comprobar se todo o que se escribe merece a pena, operación sinxela que estou seguro se produce ao día seguinte cando se le o escrito, pero que se desbota cando iso supón a supresión de todo o traballiño furioso de todo o día anterior. Comprendo esas tentacións de fuxidas cara adiante. Pero pensade, amigos escritores/as, que un non está xa para eses trotes. Alixeiren páxinas. Abrevien. Laconismo, please.

Hai que recoñecer, de todas formas, que a literatura teno moi crudo este ano: os poemas visuais de Messi son imposibles de superar.

4 commenti:

arre ha detto...

Eu tamén defendo o laconismo, sobre todo se é con grelismo.

Pero co que escarallou o superpost que eu suscribiría palabra por palabra é co do puto Messi (vexa que empezamos a aplicarlle adxectivos de pesao que hai meses aplicabamos a CR7emedio).

ms ha detto...

O que debían facer os condanados dos escritores é redactar un resume da obra en 500 palabras e publicalo como tal, coma unha novela. E isto deberiano facer coas xa publicadas, empezando co Quixote e seguindo con Moby Dick e Guerra e Paz.

Ademais, alguén tería que poñerse a publicar un volume que fose unha recopilación das grandes obras da literatura universal, resumidas en vintecinco liñas a espazo simple, para que os que non podemos perder o tempo en ler (o feisbú manda) nos fagamos cunha certa cultura literaria ou libresca.

O que pasa é que en Galicia a mafia editora local, en connivencia co Sindicato Literario Galego de Amiguiños e a Confederación de Críticos Amigos destes Últimos, teiman en producir eses volumes de 200 ou 300 páxinas que xa estamos fartos de ver nas librarías.

Anonimo ha detto...

A culpa é do Sistema Literario Galego.

estíbaliz... ha detto...

Se me permiten, a culpa é tamén un pouco do Sistema Solar. Esa teima de facer as cousas ao grande.

Pero para iso está o haiku: esa coiteliña made in japan que corta polo san calquera verborreia desbocada. A menos que se trate dunha antoloxía de catro millóns de haikus. Nese caso, estamos nas mesmas.

Cando reivindicabamos alegremente na Ilustración: alfabetización pour tous! non pensabamos que unha das súas consecuencias sería esta: quén vai ler todo canto se vai escribir?

A matemática de infinitos anda tola intentando resolver a función.