A proliferación de apelidos compostos, con guións engadidos, de estirpe nobi e seudonobiliaria, caracteriza o repertorio dos asistentes ás exequias do prohome da anotación anterior. Algunha vez tamén sairá publicado o espolio de familias enteiras, a usurpación económica de todo un país, o roubo manifesto tras a guerra, a creación ex nihilo das fortunas que agora ademais causan asombro mesmo en representantes do columnismo local. Tras a República a economía do país quedou en mans de quen quedou e a riqueza deste país durante anos, decenios, estivo en mans de quen estivo.
Hai que recoñecer que o sangue dos asasinatos durante o franquismo é demasiada proba para non claudicarmos na súa restitución política, moral, persoal, familiar. Quedarán, porén, sempre en segundo termo os cartos esquilmados no botín de guerra, esa cousa que chaman os vencedores bens castrenses, que hoxe case ninguén solicita e que forman parte dese capital que por veces enseñorea nos parqués de madeira da bolsa.
Pero, por favor, que non me fagan eloxios de quen aproveitou os resortes corruptos do réxime para se enriquecer. Só iso pido xa.
5 commenti:
Que un vigués pida iso é un ataque á liña de flotación do "viguismo", "o Gran Vigo", ó "espíritu emprendedor" e, xa postos, ó puto aeroporto de Peinador
Eu non son vigués digamos de nacemento. Pero podo imaxinar como se labraron as fortunas aquí coma noutros lugares. Se cadra nuns máis ca noutros.
Mario Puzzo, na primeira páxina d'O Padriño:
"Detrás de toda gran fortuna hai un crime".
E iso sen necesidade de guerra civil.
Ándolles un pouco atordado porque andiven de viños toda a mañá. Lerei de novo estas dúas entradas que me deixan as entrañas esgazadas coma se unhas gadoupas de ferro rabuñasen nelas.
Señor Arume: apunta vostede ao cerne verdadeiro do franquismo sociolóxico, un cerne para eles máis importante, e con maior necesidade de ser protexido, que a chamada "memoria histórica". Admirable, este dobre post.
Recoméndolles unha novela que trata, entre outras cousas, da xente que amasou a súa fortuna coa miseria moral, o medo, o crime e a corrupción, nos anos 40-5o: Cabalo de ouros, de V. Freixanes. Unha bonita e emotiva novela.
Posta un commento