Caxigalines nella Reguera'l Campizu

13 settembre 2011

TORDESILLAS HAINAS A MOREAS


A miserable e noxenta festa/crime que perpetran en Tordesillas non é máis cá enésima demostración, desta vez con sangue e crueldade infames, da violencia viril que se exhibe en miles de vilas e pobos deste país cando chegan as chamadas festas patronais. Noutros casos, non chega o sangue o río, pero si esa imparable necidade da masa euforizada con alcohol, sicotrópicos e notables doses de salvaxismo en estado puro. Tampouco é preciso agardar ás festas anuais para atopar ese ardor guerreiro de homes arrexuntados para ocasións tan violentas. Vai case na propia xínea do varón (esaxero adrede) estas probas de barbarie e violencia e basta que tres ou catro maromos apalabren un xogo de alarde corporal para que de súpeto agrome unha violencia, primeiro verbal (da que as mulleres tristemente moito saben) e logo física, se se tercia unha exhibición máis contundente. Eu detestei sempre ese gregarismo de festas e encontros multitudinarios en que hai que competir en bestialidades: non poño nomes por non molestar aos cabidos municipais. Mais, se por riba, morre desangrado, asaeteado, torturado un animal, entre a troula da masa criminal, o espectáculo non deixa de ser un oprobio indecente para quen o consinte. Mágoa para a bella Tordesillas, tan preciosa sobre o río Douro. 

Nessun commento: