Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 dicembre 2009

BARES DE VIGO: A PROA


Había xa bastante tempo (unha semana máis ou menos) que non entraba no Proa de Canceleiro, gobernado con temple cachazudo por Carlos, acompañado pola espilida Montse e cociñado desde galeras por Mónica. O local estaba cheo. Tamén era venres e día de despedidas de ano laboral e ceas de empresa varias e iso se notaba. Non paramos a cear: tan só picamos unha ración dun extraordinario xamón que adoita traer de Teruel que non desmerece un ibérico. Os viños que ofrece son moi limitados, pero todos son de altura respetable. 
Pero o mellor do Proa son os seus pratos de cociña, normalmente presentados para tapear. Ofrece menús do día moi axeitados e moi ben preparados, pero o seu maior atractivo está nos revoltos de algas e gambas (ou do que sexa porque as variantes son tan infinitas como luminosas), nos pulpiños á grella (que bordan cunha mestría en poucos lugares superable), na empanada do que se tercie (que eles mesmos fan e que ás veces venden ao Lizarrán de enfrente), nas tortillas á paisana ou ao xeito do propio Proa (de auténtico luxo), na xibia encebolada cunha prebe de alioli para quedarse alí a noitiña enteira enzoufado ou nunhas pletóricas gambas ao ajillo, unha das miñas debilidades gastronómicas, neste caso á rentes da perfección (a perfección mídese pola proximidade ás que fago eu no lume da miña cociña, modestia aparte, pero comprenderán que, ao ser eu o que as come, podo permitirme estes luxos de autobombo). Os postres adoitan asemellarse en excelencia aos pratos salgados, pero, como non son eu especialmente larpeiro, deixo que os outros encomien tales propostas; eso si, o flan é para enmarcar. E, cousa rara tamén por estes pagos, o café, Illy, ennobrece o conxunto. 
Está próximo á casa e isto ás veces pode parecer un óbice porque o paseo antes de picar algo faise algo curto (e favorece o sedentarismo máis pracenteiro). Pero para a volta agradécese notablemente dado sempre o nivel de entusiasmo culinario, bebetorio e conversacional que alí se adquire, sempre necesitado de prórrogas moito máis íntimas. 
Moi pero que moi recomendable o Proa para tapear pola noite, aínda que convén reservar ás veces porque a excesiva tranquilidade do dono fai complicado duplicar turnos e pode non ofrecer mesa máis alá das 11 da noite. Sempre queda a opción de arrimarse á barra, abrir unha botella de Protos e pedir un prato ben cheo de xamón finamente laminado e deixar que o tempo quede parado durante eu que sei miles de horas. 

1 commento:

marlempicka ha detto...

Certo, que bo é o polbo grellado. O xamón non o probei, queda pendente. DE Vigo, o que non me gusta é que non haxa unha zona como en Ourense ou Lugo, para ir de pinchos. Hai que agardar sempre ós concursos De Tapas e sucedáneos para que nos abraien con mini-pratos especiais.