Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 novembre 2008

UN SERÁN, UNHA NOITE EN OURENSE



Mereceu moito a viaxe entre a neve para chegarmos a Ourense e comprobar o extraordinario calor que incendiou o salón nobre (necesitado, aproveito, dalgúns perentorios arranxos) do Liceo de Ourense coa presentación do seu libro Historia de Ourense e a pechadísima ovación con que os incontables asistentes (o local era claramente escaso para a cantidade de xente que alí había e mesmo podía ter ido) despediron o acto e, sobre todo, o precioso e inesquecible discurso de Marcos de Auria, Valcárcel, Marcos. 
Antes diso, un Monxardín, no papel de espléndido, enxeñoso e cariñoso muñidor, foi dando paso ás intervencións, pautadas coa música dun para min descoñecido grupo musical, Os caramuxos, cuxo nome hai que reter na memoria porque contribúe a pensarmos con orgullo o que está a facer en Galicia a xente máis nova. 
En primeiro lugar, interviu un contido e obediente Bieito Iglesias, axustado aos cinco minutos esixidos con indubidable autoridade por Monxardín. Non hai que dicir para quen o coñece que fixo rir ao respectable, con esa mistura de tenrura e ironía que fai libre o seu discurso: a narración dunha carreira diante dos grises de Marcos, con cambadela e pantalón rachado, deulle pé para celebrar coa emoción entusiasta das súas palabras toda a súa traxectoria. Despois, falou Suso de Toro, quen manifestou, en breves palabras, a envexa (entendida coma admiración) que sentía pola elegancia (calificativo que logo empregaron outros intervintes) de Marcos. Tras el, tomou o micro, non moi ben preparado para a ocasión, Kristina Berg, quen, nunha intervención moi sentida e chea de lembranzas, abriu o capítulo dos agasallos para Marcos cun retrato de Carlos Casares. Alonso Montero (que está feito un raparigo de oitenta anos) non fixo discurso: limitouse a ler unha epístola dun profesor sardo da Università de L'Aquila na que se gababa a figura de Marcos Valcárcel coma continuador xenuino da xeración nós e nomeábao intima pero poderosamente Cronista da República Galega das Letras. Alonso subscribiu, cunha chiscadela, palabra por palabra as solemnes consideracións do profesor Molteni. 
Logo chegou o turno dun Manuel Rivas que ensarillou varias anécdotas e varias citas extraidas para glosar, con indisimuladas bágoas, a personalidade de Marcos. Vino emocionado e escoitei unha voz algo quebrada nas súas fermosas e líricas palabras. Axeitos, en representación da Academia, e Ramón Villares, en representación do Consello da Cultura Galega pero, sobre todo, como confesou, como mestre transformado en discípulo e amigo de Marcos, pecharon as intervencións. Monxardín deu lectura de seguido ás adhesións cun estilo solto, lixeiro, non exento, cando a ocasión o merecía, dunha medida solemnidade: teño que recoñecer que foi un dos momentos máis intensos da noite. Tal vez porque se achegaba o momento dos agasallos (unha escultura de Buciños e retratos de Siro, Pulido e Carrabouxo) e do discurso de Marcos. En efecto, o clímax da noite chegou co verbo tranquilo, sereno, eu engado perfecto, de Marcos Valcárcel. Rodeado da súa filla Eire e da súa muller (Maureen O'Hara, en palabras de Bieito Iglesias), comezou agradecendo a todo o mundo as mostras de cariño, pero enseguida leu un fermosísimo texto no que, entre lembranzas nada saudosas, cheas de reivindicación (soou un edithpiafián "non teño que arrepentirme de nada") e orgullo, desgranou a súa traxectoria cunha naturalidade e unha oratoria exemplares. Había tempo que non escoitaba eu un discurso tan ben construído, tan ben lido e con tan fondos sentimentos. A resposta do público, que escoitara o discurso nun silencio indescriptible, foi, como dixen, a dunha pechadísima ovación, a dun aplauso rexo e unísono, de varios minutos, os imprescindibles para transmitir ao orador a emoción que sentiamos de estarmos diante dun momento inesquecible. 
Non son moi dado as efusións ditirámbicas e aos adxectivos eloxiosos (salvo mitomanías limitadas), pero teño que recoñecer que costa describir ou narrar o de onte sen arrimo das mellores e máis nobles palabras do idioma. 
Só me queda mandarlle por este incrible tesouro de internet unha forte aperta para Marcos Valcárcel, para Marcos de Auria, para Marcos.

29 novembre 2008

O CAUDALOSO RÍO DAS UVAS NA SOLAINA


Unha débeda impagable ten este blog co d'As uvas na solaina. Hoxe estaremos en Ourense co que disque é autor da insustituible bitácora. Non sería quen son (aínda estou por ver) sen ese Marcos Valcárcel que asina e perfila, co seu tupé, as páxinas da fértil Auria. Eu quero desde este reducto facerlle chegar unha aperta, prolongada con todo o afecto do mundo este serán e esta noite en Ourense. Malia a neve, o vento e o inverno todo.

Foto: a vella ponte de Ponferrada que eu non coñecín. O río Sil baixa desde as terras de Babia, case en Asturies, e recorre o Bierzo e a Valdeorras ata chegar ao Miño. A auga que vemos pasar por Ourense e fundirse en Caminha co mar tamén é súa.

27 novembre 2008

PASIÓN


O domingo en Sevilla foi unha experiencia fantástica. Facía un día de primavera: eran as cinco da tarde e a xente aínda estaba xantando nas terrazas co cheiro inconfundible a gambas á prancha e xamón ibérico e cervexa cruzcampo e aceite sobre un pan torrado. Eu, que xa comera, devecía por todo aquil panorama, co sol ademáis dando na porta da carne, antiga xudería sevillana. Camiñei por aquel rueiro enfeitizador (Casa de Pilatos mediante) ata dar cos meus osos en El Rinconcillo, taberna célebre desde o século XVII. Alí probei os garbanzos con pringá e unha pavía de bacallao. Non probei o fino, pero apurei un par de cervexas (en Sevilla non hai cañas: hai cervexa) en aquel marabilloso lugar, onde, como en toda Sevilla, se apunta a conta na mesma madeira de séculos. Eran as seis e a xente seguía xantando ou ben nos bares ou nas beirarrúas cunha ledicia ben notable. Achegueime ao patio onde florece o limoeiro, patio machadiano de Dueñas. E tras Dueñas baixei cara ao río antes de que o sol marchara polo horizonte. Desde o medio da ponte de Triana mirei a ribeira do Betis incandescente ao lado dereito, e á esquerda a Torre do Ouro (os rótulos da cidade en portugués son de xulgado de garda: praça de Toros ou Torre do Oro) e a Maestranza con ese albor brillante, adornado de amarelo e do verdor das palmeiras. Regresei ao centro para tomar un café na terraza de La Campana, a confitería principal de Sevilla (non era semana santa e perdín as torrijas e os pestiños) ao arranque da rúa Sierpes. O son dunha peña bética que haleaba os goles desde un segundo piso con palmas de sevillanas interrumpía o fragor dunha rúa ateigada de xente. Recorrín Sierpes ata a praza do concello, onde vendían belenes de toda especie. Antes de chegar virei á esquerda, subín por onde antigamente estaba a prisión de Sevilla e onde supostamente Cervantes pensou nun tolo e cheguei a unha das prazas máis fermosas do mundo: a do Salvador. Mirei a fachada remozada e vin que, como era domingo, estaba aberta a igrexa. Entrei con receo, pero ao momento me decatei de que estaba diante dun templo barroco do trinque: columnas e paredes dun branco inmaculado; varios retábulos douradísimos, esplendorosos; as tallas, limpas e vestidas con telas novas relucintes coma sete soles, e adornadas con flores frescas, recén cortadas. Vin que Caixa Galicia pagara ou contribuira á limpeza desa extraordinaria igrexa, tal vez unha das máis impresionantes que eu visitara nunca, sé da confraría de Pasión, unha das máis célebres e reputadas de toda Sevilla. Deixei aquel lugar case máxico para procurar a bodeguita Romero (mágoa de pringá), pero estaba pechada; a Morales, e tamén. Decidín cambiar e subir alcázares arriba e meterme polo barrio de santa Cruz (ay plaza de doña Elvira!) para ver a rúa da Auga, do Aire, de Pimienta, Jamerdana, Venerables. Alí hai que entrar en silencio, cos ollos ben abertos porque a beleza é intensísima. As farolas, apenas encendidas, iluminaban aqueles recunchos, as lousas do chan. Entrei no bar Giralda e pedín unha cervexa mentres agardaba por dous vellos amigos. Fomos ao hotel a buscar reforzos e rematamos en Casa Robles en Placentines para cear: unha das máis inesquecibles tabernas de Sevilla. Alí souben hai dezaoito anos que ia ser pai. E alí en homenaxe perfecto volvín para comer cousas exquisitas. A volta para o hotel polo laberinto de santa Cruz nunha noite de outono cálido é un deses praceres inigualables.   

22 novembre 2008

ICH BIN EIN BERLINER





Un sábado pola tarde en Berlín. Chegamos á futurista estación con ecos de Metrópolis, con trens que voan e cristais e acero por todas partes. Dalí tomamos un taxi ata a porta de Brandemburgo e ao Reichstag. O granito, en adoquín ou en plaquetas anchas, como en calquera actuación local, invade case todo. Todo parece novo, pero, acorde cunha arquitectura agora xa demasiado coñecida, impacta menos. O que chama a atención son as grandes avenidas, as prospectivas, como chaman en Rusia ás longas, rectas e amplas rúas, acompañadas de ringleiras de árbores ou estatuarias unidas no punto de fuga. Visitamos sobrecollidos o memorial do Holocausto de Peter Eisenmann, en gris cinza e silueta de crematorios e fúnebres cámaras de recordos. Ao sair dalí decidimos ir paseniño cara Alexander Platz pola avenida dos tilos, Unter den Linden, unha maxestuosa e imperial liña que serviu en tempos nazis de esceario de desfiles e exhibicións de forza. Despois da guerra pertenceu á Xermania Oriental e nela se advirte o marcado cemento dos bloques prefabricados coa caligrafía solemne dos diferentes edificios oficiais, en especial a imponente e amazacotada embaixada soviética, agora rusa, que parece agocharse agora tras a sombra espilida das arbres no inverno. Tomamos nun café elegante un café capuccino cun apfelstrudel quente con tona fría. Alí entraban parellas de alemáns, a piques da xubilación e de marcharen para Palma, a cearen e charlaren en voz completamente inaudible, case en silencio a unha hora relativamente tardía: ás 7 da tarde. Rematamos e seguimos pola mesma beirarrúa con paradas en librerías cheas de libro sobre os últimos anos de Berlín e sobre o periodo nazi. Cando un bota un vistazo a eses libros e contempla que pola mesma rúa por onde camiñas antes se amoreaban centenas de miles de berlineses para searear ás tropas de dominación e exterminio sintes que a cicatriz, as feridas de Europa son dificiles de curar. Cando saes de novo ao frío, miras eses xélidos bulevares co corazón encollido e pensas en cómo, por qué, de que xeito puido suceder todo. A catedral, o dom, ao fondo, fronte a un par de edificios en ruínas, conservados en memoria dos bombardeos, parece expiar a culpa. Alexander Platz advertíase ao final da rúa, coas luces de neón de novas marcas, de novos comercios. Dimos a volta. Era a hora de cear. Escollimos o Block House, un restaurante para carnívoros, cheo ata os topes: alí pasamos dúas horas espléndidas e divertidas nun ambiente moi animado. Sen dúbida, se volvo a Berlín, que voltarei, voltarei a ese mesmo local. Saimos ás 10 da noite. Decidimos dirixirnos ao Cafe Einstein, un dos máis coñecidos da cidade. Estaban a piques de pechar, pero aínda tivemos tempo para tomármonos un café. Voltamos sobre os nosos pasos: vimos, de noite, con silencio absoluto, as lápidas do memorial, sen luces, como un camposanto de pedras relucintes. E de novo a memoria dun tempo non moi lonxano, latente en cada esquina da cidade. As luces dos rañaceos de Postdamer Platz, onde se conservan anacos do muro, flanqueados con paneis explicativos, parecen querer sepultar ou agochar aquel tempo maldito. Non sei por que nesa zona, outrora inhóspita, unha terra de ninguén desolada, morta, precisamente nese mesmo espazo agroman fastuosas arquitecturas da modernidade, como se mirar para arriba, cada vez máis arriba, permitise esquecer esa terra, ese humus de Berlín composto por morte e destrucción. O viaxeiro coma min entretense admirando aqueles altos edificios (non máis de 40 ou 50 prantas, cunha fasquía que lembra os principais rañaceos neoiorquinos: o flatiron, o empire state building, o chrysler, nunha especie de homenaxe implícito) pero chega á fascinación cando entra no Sony Centre, cunha cúpula que vai mudando de cor a uns cen metros de altura. Nese momento de boca aberta e incredulidade, Berlín reclama atención, rouba o pensamento. Tan só quedas mirando coma un parvo pailán á novidade de cristal e acero creado precisamente para iso: para que Berlín sexa xa para ti un lugar inesquecible. Cando marchabamos no taxi para o hotel, só pensaba en como facer para voltar inmediatamente. 

21 novembre 2008

ALEGORÍA DOS CINCO SENTIDOS

Para Ana Bande, que seica lle gusta o cadro. Porque mo dixo.
noticia o New York Times dunha pequena exposición sobre este pintor, Jan Lievens, coetáneo de Rembrandt. Para ilustrala achega este cadro que o pintor realizou aos 15 anos. A ver se atopamos un oco na axenda da toma de posesión de Obama para velo. 

ULAS MULLERES?



Na magna celebración do quincuaxésimo aniversario do premio Fernández Latorre, cuxa documentación gráfica aporta hoxe con boato o propio xornal que o convoca, boto en falta mulleres, moitas mulleres. Paréceme insólito (e inexplicable) ese viril panorama de traxes idénticos (e logo non poden os homes cumprir co protocolo con algo máis ou menos ca un terno de pantalón e chaqueta iguais con corbata sobre fondo, supoño, branco ou azul claro para ir aos saraos e ágapes?). 
Teño para min que fóra das conselleiras, a presidenta do Parlamento (estas porque non lles queda máis remedio aos organizadores do evento), Rosalía Mera, a muller do SFR (que repite foto), e poucas máis, hai unha chea de mulleres en Galicia que poderían estar nesas mesas (outra cousa é que queiran estar neste tipo de ceremonias) con idéntica ou máis acaída representatividade. Teño que confesar que non podo aturar tal desproporción (advirto, a ollo ben calibrado, arredor do 10%), alomenos no nivel icónico (con perdón) que unha información deste tipo proporciona.
Non sei se ao mirar o xornal pensan o mesmo ca min, pero esa sociedade que trasloce a reportaxe fotográfica non é a miña. Síntoo. E moito.  


20 novembre 2008

ONFALOSCOPIA 2.0

O blogueiro é un metablogueiro. Non sei se o xénero mesmo convida á reflexión sobre o que un está a escribir ou redactar, pero estou seguro de que unha boa parte das anotacións teñen que ver coa forma en que desenrolamos (ou estragamos) o formato. Preguntas coma a que formulaba Lándoas (De quen é un blog?), profecías (entre apocalípticas e vantaxistas) sobre a súa morte, receos sobre o escaso (e demasiado familiar) eco dos textos, queixas sobre o tempo adicado/perdido á súa alimentación (ese tamagochi do que fala Leo Haicu e difunde RR), laios (de tiquismiquis que preferimos verjurado) sobre a escasa libertade do blogger, reflexións sobre a endogamia (ou sobre o pequeno pano que resulta este mundo), probas (fallidas) sobre contidos posibles, hermenéuticas varias sobre as relacións entre bitácora e poesía ou sobre influencias (infuladas) sociais, poéticas (obscenas) da blogueiría, retóricas (vanas) da manipulación webística, todo isto e máis mentres de cando en vez apuramos unha anotación limpa (ou eso cremos) de metadiscursos.
A min este sucedáneo de ficción (ou finximento) autobiográfica vaime. Que queren que lles diga.
 

LEGUINECHE E XORNALISTAS


Rizzo e Stella foron galardonados onte cun premio do xornal EL MUNDO. Nestas páxinas reseñamos o seu libro capital sobre a casta política, aínda que debín engadir este ano o novo, con título semellante, La deriva. Perché l'Italia rischia il naufragio, e continuación do anterior. 
Pero nesa mesma celebración atopábase un grande do xornalismo: Manu Leguineche, postrado en cadeira de rodas, con mostras dunha grave doenza. Entristece lembrar agora aquel Leguineche que chegou a Santiago, á aula de Cultura de Caixa Galicia, chea ata o propio esceario para escoitalo con devoción. Alí estabamos os estudantes, sentados mesmo no chan, de pé, apoiados na parede para reverenciar a aquel home entusiasta, lúcido, intelixente, benhumorado, simpático e encantador, que falaba das súas viaxes, dos seus reportaxes, da súa visión do mundo como un lugar tráxico, terrible, onde sempre hai espazo para a tenrura e a poesía. Falamos tantas veces de Kapuscinsky e, en efecto, o xornalista polaco (tamén adorado no seu país) ofrece lecturas apaixoantes, pero se cadra esquecemos a este Manu Leguineche que foi quen de suscitar a mesma estimulante literatura xornalística capaz de comprender (ou aprender) o mundo. Só polo relato de Los topos, tamén glosado nestas páxinas porque ofrecía o caso dun familiar noso non moi lonxano, alcalde de Rueda, pechado na súa propia casa de Valladolid, merece entrar na gloria do (que eu entendo por) xornalismo. 
Eu, desde este pequenísimo recuncho dese mundo que coñece tan ben Manu, mándolle o meu recoñecemento e unha afectuosísima aperta. 

19 novembre 2008

MARADONA

Debuta Diego Armando en Glasgow. Una furtiva lacrima.

AFEAR CONDUCTAS


A actualidade manda (carallo). 
Primeiro, o noso Little Bull ofrece urnas para Xaneiro: na pulposition ducias de aspirantes a invadir caetanos. O acolloante son estes meses perdidos.
E segundo il Cavaliere di Vigo que afea a Quintáboas por non afear a Adolfo que afea o urbanismo que afeou a cidade. O caíd non tolera. Dá igual que: o que importa non é a reprobación senón saír con esa impostura de monxa alférez nos telexornais ou telecidades para pronunciar diptongos e sempre os mesmos: eueueueu. 

18 novembre 2008

CÁTEDRA E ATALAIA


Un catedrático de Literatura española da Universidade de Granada di adeus á docencia, molesto e indignado pola falta de apoios acadada no seo académico tras coñecerse que fora condenado por calumnias nun xuízo estes días pasados. Ao parecer, a historia reviste os xa coñecidos tintes de enfrontamento persoal no interior dun departamento universitario (non por extendidos menos lamentables) que trascende o ámbito estrictamente académico. Os pormenores das leas entre ámbolos dous profesores cubren un periodo longo de tempo polo que esfiañalos resulta inútil. Enténdase que nas clases un deles calificaba ao outro con palabras que ben podían ser calificadas de aldraxe ou de infamia. O catedrático, canso de tal obsesiva persecución, decidiu pasar ás ringleiras do xornal no que publicaba as insidias que aquel profería ao tempo que deixaba caír expresións de indubidable carácter insultante sobre o aldraxador primeiro. Este, en lugar de contestar en lide xornalística, decidiu probar fortuna nos xulgados. E neste lugar atopou resposta favorable coa condena do cátedro a pagar unha cantidade pequena pero suficiente para provocar a súa indignación e a conseguinte decisión de deixar (de xeito voluntario, non forzado ou obrigado polas circunstancias como deixaba entender o titular de EL PAÍS) o mundo da docencia. O luns, ademáis, a muller do catedrático despachaba a gusto a súa columna semanal contra a inxustiza do caso.  
Sen entrarmos en discusión sobre o fondo do asunto, que xa digo que debe ser moi complexo dado o longo periodo de tempo que dura esta lamentable polémica, pode resultar exemplar sobre a utilización dos medios de comunicación para tratar de aspectos ou problemas persoais. O uso das privilexiadas atalaias (polo eco e a proxección pública dos mesmos) dos articulistas para librar batallas que deben ser dadas noutros foros trae estas desagradables consecuencias. Eu creo que non se pode aproveitar a preminencia que dá o seu prestixio como intelectuais, novelistas ou poetas para dirimir ou comentar cuestións puramente persoais, por moi escandalosas ou ofensivas que estas resulten. Non sei se está na deontoloxía dos xornais, pero debería estalo. 

OUTRA IMPRESIÓN DE POLONIA


Había tempo que non visitaba un país con xente que falara tanto da súa identidade, do seu carácter nacional, como en Polonia. Epidodios, relatos significativos aparecen a cada paso, mesmo en persoas afeitas ás complexidades. Pois de nada vale: chistes de alemáns, rusos e polacos (sen subtilezas: todos dunha peza: excusan reproducirse) constitúen moeda común. Resultou moi curioso, por exemplo, escoitar de boca de dúas persoas distintas nun mesmo día a mesma anécdota para suliñar a gran consideración que teñen os alemáns sobre a condición rapaz dos polacos. Contaron a mesma historia dun polaco que se queixa de que lle roubaran o coche en Alemania e que obtén como resposta que vaia buscalo a Polonia porque seguro que alí o atopa. Coma esta outras tantas, sobre o complexo de inferioridade, o pesimismo vital ou a inclinación patolóxica á bebida (graduada). 
Como non comparto tales teses sobre caracteres e identidades (e menos aínda dese teor determinista e xeneralista), sentín que me perdía. Pero aproveitei a gracia (que eles mesmos lle vían) do conto e botei unhas gargalladas, mentres contaba os segundos que duraba o krupnik dentro do vaso antes de ser engulido cun nasdrovie. 

RU BEN


Como o amigo RR non ten a ben agasallarnos coa súa facundia fascinante, emprega as armas agochadas da súa seducción para estar presente afortunadamente nas nosas vidas. E claro, manda mensaxes subliminais que non podo dar ao esquecemento. Para o grande Rubén a quen tanto queremos e hoxe (blogueirada en torno a unha txistorra) botaremos en falta.

17 novembre 2008

IMPRESIÓNS (MIÑAS) DE POLONIA


1. A estrada que une Berlín e Poznán, unha liña recta rodeada de brétema limpa, ofrece a maior concentración de camións e nightclubes (de nomes digamos hispanos: Rumba, Tequila, Nevada, Las Vegas) que teño visto nunca. A prostitución funciona a grandísima escala (para os alemáns que cruzan a fronteira), segundo comentaban na cidade polaca.
2. A hospitalidade da xente polaca que coñecín resulta proverbial.
3. Os edificios dos anos setenta en Polonia compiten cos que aquí vexo en horror arquitectónico. 
4. Beben entre moito e moitísimo. E non precisamente auga, a pesar das apariencias. A hiperbólica cantiga sobre o gusto dos coruñeses pola troula faise realidade en Poznan: vin a dous tipos durmir literalmente de pé apoiados simplemente á parede dun pasadizo. 
5. As mulleres que vin pola rúa (polacas á primeira vista) posúen unha beleza difícilmente discutible.
6. Os bares de copas estaban cheos e a xente que os ocupaba tamén.
7. A comida polaca é explosiva: as salsas inhumanas sobre carnes ignotas impiden calquera sutileza: o concepto frugal parece desterrado do panorama culinario polaco. Contundencia ata o knockout.
8. Falan idiomas cunha propiedade admirable. En especial o uso do español e do galego (como no caso de María Boguszewicz, impresionante) resulta exemplar. Habería que ver que ten ese sistema para proporcionar ese nivel formativo tan excepcional. 
9. As mulleres que vin pola rúa (polacas a primeira vista) posúen unha beleza difícilmente esquecible.
10. Hai que voltar.

BLOGOMILLÓN SUSPENDIDO

Quedades convidados/as todos todas. 
O CONVITE QUEDA, PERO A CHARLA SUSPÉNDESE. Unha convocatoria de folga coincide malgré moi coa charla.

10 novembre 2008

BERLUSCONIANA (PRIMA PUNTATA)


Nunha das moitas reflexións xurdidas da estupefacción causada pola enésima victoria de Silvio Berlusconi o historiador Massimo L. Salvadori apunta o desprezo pola legalidade e a concepción prevaricadora do poder extendidas por todo o país como causas promotoras do resultado. Afunda na idea de que tales inclinacións preceden ao propio Berlusconi e forman unha especie de humus no que agroma un deterioro do espíritu público que envelena o tecido social, expande a corrupción política e, sobre todo, deposita na mentalidade colectiva non só compracencia senón tamén admiración por aquel que controla os seus propios negocios e consegue levalos adiante.

É esta unha tese moi compartida entre os comentaristas da realidade italiana, enfrontados desde hai moitos anos á explicación dun fenómeno singular, anómalo en relación coa situación media dos estados europeos. Berlusconi, ben coma gobernante, ben coma forza opositora, para ben ou para mal, en definitiva centraliza a vida pública italiana desde o derrubo definitivo do status quo nacido da postguerra, co vértice de corrupción e crise política que seguiu aos anos de piombo, ao asesinato de Aldo Moro, co goberno socialista de Bettino Craxi como paradigma do ocaso. Resulta imposible comprender a irresistible ascensión de Berlusconi sen os antecedentes dos días nefastos da Tangentopoli.

Il cavaliere (título conseguido nos anos 70 por méritos ao traballo) recolle o refugallo daquel río revolto e turbulento e entra no momento oportuno para asegurar a continuidade dunha dereita desencantada co seu referente principal: a Democrazia cristiana. A restitución dun marco político semellante ao anterior, con diferentes vimbios (o que chama Edmondo Berselli para a situación actual a “modernización reaccionaria” ou a “restitución modernizadora”), prodúcese coa baixada ao campo político nos primeiros 90 dunha figura en principio allea aos partidos culpabilizados da desfeita. A súa afinidade con Craxi ou as primeiras campañas a prol de Gianfranco Fini, daquela secretario xeral dos misinos, os recoñecidos herdeiros do partido fascista (o MSI), quedan xa no limbo desmemoriado da historia, pero son signos evidentes da súa querencia oportunista de estar no momento exacto, no lugar preciso.

A súa historia previa contén numerosos episodios de enriquecemento súbito, de fitos senlleiros nun proceso irreprimible de oligopolización de sectores claves da economía italiana. Os seus comezos como constructor, como emprendedor no negocio inmobiliario nos anos 60 do miracolo italiano nos grandes proxectos urbanísticos promovidos en Milán, permitironlle alcanzar unha plataforma de poder moi notable e, sobre todo, intervir, co propósito de diversificar e ampliar o seu emporio, noutros sectores de inversión. A crise dos 70 desviou os seus pasos cara o mundo da comunicación, coa apertura, por lei do ano 78, á creación de novas canles televisivas. Primeiro nunha televisión local e despois coa paulatina incorporación de canais de mediana entidade ao grupo financieiro creado por el a principios dos 80, Berlusconi consolidou a súa posición no mercado audiovisual. A entrada no mundo editorial tanto en xornais, revistas, como en libros completou a ocupación case total (un 90%, cifran esas propiedades) deste negocio en Italia. A súa participación, como presidente do Milan, no tamén florecente comercio futbolístico, en apariencia anecdótica, reportoulle notoriedade, presencia constante nos medios de comunicación, punto de arranque esencial do que se dá en chamar a espectacularización da política. Sen apreciarmos a súa imaxe no palco do Milan e o seu sorriso de vencedor de varias Copas de Europa, en definitiva, sen ponderarmos esta estudiada iconografía do éxito, é máis difícil explicar o seu paso triunfal á política.

Cando toma esta decisión, Berlusconi posúe a terceira facenda máis alta de toda Italia. Co control dos medios de comunicación (en expansión permanente mesmo noutros países), elabora un discurso simple, reducido á formulacións sinxelas, fronteirizas cos eslóganes publicitarios. Coñecedor das técnicas empregadas nas longas campañas electorais americanas e tamén nos últimos anos dos gobernos de Craxi, Silvio Berlusconi constrúe un recetario en negativo contra o vello réxime, o máis alonxado nas formas da fasquía demócrata cristiana, con palabras que tentan superar a terminoloxía doutra época sen variaren un ápice o seu encadramento conservador.

Berlusconi traslada o seu plan como empresario, en especial a triunfante arenga da linguaxe deportiva, ao terreo político, incluso cos toscos estilemas das tertulias pospartido. Os seus ternos de garabatas coloristas, o seu gusto polo make up (agudizado cos anos con sucesivos restylings, implantes capilares e exhibicións de bandanas), o seu perfil de home de negocios feito a sí mesmo semellan discutir no tempo coa discreción (non exenta de rasgos pérfidos e desacougantes) dos dirixentes da DC. As formas dunha dereita burguesa, fachendosa co éxito económico, loitan cos iconos burocráticos dun Fanfani ou dun Andreotti, este agora ademáis fotografiado para a prensa con toda a parafernalia dos xuízos e dos macroprocesos.

Nas augas turbulentas removidas polas indagacións de Tangentopoli, Berlusconi presentou un programa de esquecemento do vieille régime, cos ingredientes propios da escenografía televisiva. Eso si: co sempre eficaz resorte da dramaturxia política de Italia de presentarse como freo de comunistas e baluarte das liberdades individuais do emprendedor. Sobre as cinzas dunha clase política e sobre o rexeitamento do público (coa creación dunha categoría social, os fannulloni, os servidores públicos alcumados coma lacazáns polo propio goberno actual), Berlusconi construiu, sen subtilezas nin complexos ideolóxicos, a súa Casa della Libertà. (Continúa)

BEN POLONIA ...

Voume o mércores a Polonia a ver como reciben a un estranxeiro. Levo un pauerpoin para dar unha pequena charla, pero aínda teño que conseguir un pendrive e unha boa dose de tranquimazín para o aéreo. E, por suposto, uns calcetíns un pouco máis grosos para a neve. Xa contarei se teño tempo. 

No cadro Adam Mickiewicz, o poeta polaco que dá nome á universidade á que vou.

8 novembre 2008

LEXICOGRAFÍA OBÁMICA


No discurso de Barack Obama do martes en Chicago, xa como Dux do imperio, sorprendeume atopar repetidas as palabras cynical e cynicism, en ámbolos dous casos cun sentido plenamente negativo, opostas á palabra clave da campaña: hope.
Aparecen unidas nas frases a termos como doubt ou fearful, que parecen representar a rémora e o obstáculo para a victoria. Entre as tres palabras (dúbida, receo e desconfianza) forman o nemigo a bater (como en boa parte da predicación cristiana), porque constitúen o relativismo rexeitable fronte á crenza afirmadora, comprenden a racionalidade dubitativa fronte á fe que estimula e encamiña o triunfo definitivo. Estou nos antípodas de tal consideración, pero recoñezo, malgré moi, a súa eficacia retórica.
Non obstante, o emprego dos termos cynical e cynicism sorprende non só pola súa rechamante repetición. Os traductores do texto prefiren por cynical, escéptico, e por cynicism, escepticismo. Porque moi probablemente as acepcións de cínico en español, alomenos, van moi por outro lado. No DRAE definen cinismo coma "Desvergüenza en el mentir o en la defensa y práctica de acciones o doctrinas vituperables", sen esquecer tamén o seu significado relativo á escola filosófica dos discípulos de Sócrates.
A palabra cínico poucas veces se aplica á terminoloxía política (sería tomado, sen dúbida coma un aldraxe inaceptable), pero comezo a albiscar certos usos (máis inocuos a priori) nese sentido no que o emprega Obama: como adxectivo para xente desilusionada, descrida, desencantada e, se cadra derivado disto, inclinada á oposición ou á destrucción de calquera iniciativa. En última instancia, comezo a escoitar esa mesma voz adicada á xente que vai ao seu, despreocupada da comunidade á que pertence e resolta a vixiar os seus propios intereses. Un óbice, pois, para empresas de alento épico.
Non sei se acabarán por impoñerse estas acepcións na tradición léxica das linguas máis próximas, pero se Obama segue a empregalas con esa determinación acusadora, máis vale que vaiamos incorporando novos significados aos diccionarios.
Segunda redacción, hoxe día 10 de novembro.

EXPOSICIÓN EN VIGO DE EDUARDO BAAMONDE


Fun onte á inauguración dunha exposición do meu amigo Eduardo Baamonde en Vigo, na galería Chroma na avenida da Florida. Coñézoo ben desde hai máis de vinte anos, xusto desde o momento en que apareceu na nosa casa de Cambados con esa enerxía e vitalidade contaxiosas que transmite. Desde entón leva batallando, mentres imparte clases de debuxo en institutos do Salnés (agás unha breve estancia de dous anos na súa terra natal de Vilalba), con numerosas exposicións ao longo do país (nomeadamente na vila de Ribadeo, que ama desde que un verán achegou alí as súas cores e a súa pincelada frenética), co fin de dar a coñecer un xeito moi persoal de ver a pintura. 
Alterna as acuarelas con lenzos de proporcións maiores, cheas de cores e xeometrías ás veces irresolubles, cun carimbo ben singular. Cun ton por veces naif e propensión surrealista, ma non troppo, Eduardo Baamonde prefire a figuración de cilindros, conos, esferas (eses son os nomes, ademáis, que reciben os seus cadros) delimitada por sombras e iluminacións, a un punto mínimo da abstracción. Os horizontes prolongados, agora de tonalidades cárdenas, case tenebrosas, adquiren entidade escenográfica onde apenas asoman os perfís humanos, nin tan siquera animais. Este mundo de obxectos, de vocación e lembranza infantís, monopoliza o cadro cunha notoria precaución pola liña e pola perfección constructiva. 
Nos últimos cadros, que non mirara ata onte, advírtese aos poucos unha pretensión liberadora, en maneira de formas concretas (casas con chemineas, faros que apenas alumean, ou superficies de mares ou illas, intuidos antes simplemente na acumulación de curvas e rectas), que parecen anunciar unha nova etapa, se ben escura, se cadra máis esclarecedora. 
Ilumina un ángulo da sala de exposicións, a carón da fiestra, un cadro de Venezia: pequena pero intensa ollada a unha illa de san Giorgio recreada. Na sinxeleza deses cubos (que desexan ser lumes de Palladio), desas liñas xeométricas (que queren usurpar a beleza da auga e do aire), albisco o novo pincel do noso Eduardo.

6 novembre 2008

A CHANGE IS GONNA COME


Hoxe cambiei de gafas. Merquei unhas novas ben axeitadas ao arco ciliar e á cor dos meus ollos. Non chega a mancarme por detrás das orellas pero nótoas firmes sobre o nariz. Ten uns cristais tan transparentes que me fan pensar que carallo facía eu coas anteriores completamente amarelas. Facíame falta un cambio.  

5 novembre 2008

4 novembre 2008

OBAMA 61

Hai algo (entre outras moitas cousas) que me gusta de Barack Obama: que naceu o mesmo ano ca min. Vivan os e as da Highway 61.

2 novembre 2008

1 novembre 2008

L'ITALIA IN PIAZZA


Este último mes a Italia antiberlusconi saiu á rúa. A causa, xa sabida: as medidas da ministra Gelmini sobre a reforma educativa. A forza adquirida polo capo Silvio tras as últimas eleccións canalizouse nestes primeiros meses de acción política nunha iniciativa radical sobre certos aspectos centrais da vida pública italiana. Comezou con medidas de seguridade contra a delincuencia, cunha preocupante delegación de funcións en materia de interior aos propios municipios, o que provocou nalgúns casos a intervención arbitraria e antidemocrática de policías escasamente preparadas para un estado de dereito ou mesmo a participación insólita do exército (máis mediática ca outra cousa), tamén pouco preparado para labores de vixianza nas rúas. 
A complementaria persecución do emigrante e máis concretamente dos rom (o nome que reciben os ciganos en Italia), acompañada dun constante discurso de cores xenófobas, sen complexos de ningunha clase, alertou á opinión pública que principou por calificar de fascista a política en materia de asuntos interiores. 
Para satisfacer aos sectores da Lega Nord do goberno, favorables a un maior control por parte das rexións que controlan da recadación tributaria, il cavaliere deu pulo a unha lei de restructuración territorial da Facenda italiana, que en menos de medio ano (un tempo récord) foi presentada, en forma de borrador, á discusión parlamentaria, onde xa non falta a oposición radical (na bancada esquerdista) dos que ven nesa decisión unha forma de agrandar a fenda entre o rico norte e o depauperado mezzogiorno. 
En materia de política internacional, a resposta unitaria de Europa á crise impediu unha manifestación máis evidente das súas diferencias políticas (en materia de seguridade especialmente, pero tamén en nacionalismo económico como demostrou a intervención dubidosa do estado italiano no caso Alitalia) cos demáis países do entorno. 
Pero foi neste verán e co gallo da presentación das propostas da ministra de Educación cando a oposición, vencida e desnortada con respecto ao ímpetu (autoritario) de Berlusconi, decidiu prantar batalla. Ao principio, con certas dúbidas, xa que algunhas desas medidas podían contar co beneplácito da opinión pública (como as notas numéricas ou a chamada, un tanto demagóxica pero efectiva, a primar o esforzo con alicientes didácticos). Pero despois, coa mingua presupuestaria e a retirada dun número notable de profesores que presentaba a reforma Gelmini, o movemento hostil foi cobrando cada vez máis presencia nos foros públicos. 
O goberno desestimou, coa prepotencia que o caracteriza, estes en principio pequenos desacordos, que coa participación masiva da universidade, que ve tamén como os recortes afectan ao seu funcionamento diario, convertíronse en mareas organizadas contra a política educativa de Berlusconi. A mobilización hai unha semán en Roma do Partito Democrático en torno ao seu líder, Walter Veltroni, animou á oposición e contribuiu decisivamente a que nesta última semán a Italia antiberlusconiana amosara a súa forza "in piazza". 
Probablemente, vistos con perspectiva, estes días, estas case semáns de folga de estudantes (con violencia desacougante entre neofascistas e manifestantes en plena Piazza Navona), deban ser analisadas como a primeira manifestación do descontento xeralizado na sociedade progresista italiana que busca fórmulas e maneiras de se artellar contra un home e contra unha concepción corrupta da vida pública. 
As eleccións sempre mandan, pero convén regular o motor desa esquerda cunha continua presencia na rúa, para dar a entender que non se pode gobernar coa insultante arrogancia dunha maioría contra a outra mitade dun país receoso de receitas autoritarias. 

PROFUMO DE ITALIA

Rematei o lavazza qualità rossa que trouxen de Italia. Terei que agardar a decembro para repoñer o depósito.