Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 luglio 2011

LENGUA DE MAPA, DE ALMUDENA VIDORRETA

Ás veces o oficio de burócrata ten a súa perfecta compensación. Entretiña eu o tempo en compoñer unha lista de socios e socias para formar pomposamente algo que damos en chamar directorio. Nomes e apelidos de máis de catrocentas persoas, na meirande parte dificilmente memorizables, outra, porén, de inmediato recordo. Iso foi o que me pasou con Almudena Vidorreta, a quen despois de incluila na longa lista de afeccionados á literatura dos séculos XVI e XVII como estudiosa procedente da universidade zaragozana, volvín ver citada na excelente bitácora de Antón Castro como gañadora dun premio de poesía.
Vina por primeira vez en Poitiers o día da súa comunicación sobre a poesía de José Navarro e falei con ela tras a súa presentación para indicarlle que a universidade de santiago tiña un exemplar das Poesías varias do poeta aragonés e para interesarme pola súa afección poética. Atendeume cun sorriso tímido e aceptou os meus parabéns de forma moi cordial, pero non agardaba eu nin moito menos que ao día seguinte, nun receso entre conferencias, se achegase a min e me regalara un exemplar do libro de poemas co que gañara o Premio de Poesía da Unizar: Lengua de Mapa. Agradecinlle (desta vez era eu o tímido abraiado) o agasallo e prometín que llo lería coa máxima atención.
Non agardei moito tempo. Tan pronto coma comezou a conferencia do día, abrín o libro e comecei a ler. Comecei e non parei ata que rematei alí mesmo, completamente marabillado polos seus versos. Compartía pupitre cun amigo santiagués á sazón tamén el poeta (digo tamén coma ela, non coma min), descrido do que eu tiña entre mans. Paseillo e pedinlle que lera os primeiros versos do terceiro poema: "En otro lugar se quedó desnuda/ y le dio a su cuerpo al lobo más hambriento de la ciudad". E despois que lera o sexto poema ("No me gusta lo que dices en ocasiones/ y, cuando eso pasa, te muerdo la boca/ sin darme cuenta de que al hacerlo/quedan por un tiempo restos de tu voz/ en las grietas de mi lengua de mapa./ Siempre acabo mordiéndote la boca/ sin pensar en las consecuencias") e que, xa que estaba e que a ponencia non era precisamente a mellor do mundo, seguira lendo.
Pasoulle coma min, pero el quitou de caderno e tomou nota, copiou un poema e quedou namorado perdidamente, versos mediante, daquela voz (non sei se dalgo máis) que só coñecía na distancia. Desde aquela, Lengua de mapa é o meu libro de poemas de cabeceira e sinto que pasan as súas palabras por min coma se me escribiran. Na honra daquel precioso momento de arrebato místico-poético entre J. e eu, e agradecido eternamente ao labor ominoso do burócrata, transcribo este poema, este mantra que me persigue:
APARICIONES
Tardes hay en la biblioteca
en las que vienen a verme
desde Francia o desde Italia
hombres lánguidos como apariciones
y vienen a verme a mí,
eso me digo,
mientras desfilan con su saludo literario
y su piel tostada
(una más rojiza que la otra).
Tardes hay en la biblioteca
en las que tanto deseo veros
que se me pasan el tiempo y las páginas
y transcribo dos veces el mismo verso.
Entonces, como un recuerdo,
como una aparición o verdad soñada
se me acaba el día
en la década de los treinta
y el siglo diecisiete me parece eterno,
tan eterno sin ti.

29 luglio 2011

INICIATIVA BENCOMÚN


Dou traslado ao meu blog do contido da Carta de compromisos pola rexeneración democrática, dirixida aos partidos políticos de Galicia, redactada por Iniciativa BenComún, que eu fago extensiva a onde cumpra.

A Iniciativa BenComún, en representación dos seus 350 membros e facéndose eco das reivindicacións dunha boa parte da cidadanía galega, fai chegar ás forzas políticas galegas unha carta de compromisos coa intención de discutila conxuntamente e recabar o seu posicionamento sobre as medidas nela contidas. A seguir, faise un resumo dos principais contidos do documento de debate.

  1. Modificación do sistema electoral e impulso da transparencia pública e da participación cidadá, aumentando a proporcionalidade, redefinindo as circunscricións electorais, e implantando –ou perfeccionándoos, cando xa existen– mecanismos de empoderamento cidadán como os referenduns, as iniciativas lexislativas populares, as listas electorais desbloqueadas, as eleccións primarias, os orzamentos participativos, o goberno aberto ou a revogación de mandatos.

  1. Rexenerar as condicións do exercicio de cargos públicos, mediante a limitación de mandatos, a non acumulación de cargos, a supresión dos privilexios dos representantes políticos e o establecemento de límites salariais e de normas de conduta estritas e de obrigado cumprimento.

  1. Redefinir o modelo de campañas electorais, mediante a limitación dos gastos de campaña, a obrigatoriedade de debates entre diferentes alternativas políticas e o tratamento equitativos das candidaturas nos medios. Igualmente, profundizar na transparencia do financiamento dos partidos políticos.

  1. Reformar e racionalizar as Administracións Públicas, suprimindo entidades obsoletas (Deputacións provinciais, Delegacións e Subdelegacións do Goberno), reformando outras (Senado) e creando novos modos de articulación acaídos aos tempos (áreas metropolitanas, urbanas e comarcais).

  1. Promover o dereito a unha información independente, veraz e de calidade, mediante a aprobación dunha Lei de Garantías do Dereito á Información e o establecemento de medidas de independencia dos medios de comunicación galegos –tanto públicos como privados– a respecto do poder político.

  1. Garantir os dereitos económicos, laborais e fiscais como condición indispensable para o funcionamento democrático da sociedade.Neste sentido, destacan as medidas de combate á precariedade laboral, a ampliación dos dereitos dos consumidores e usuarios, ben como unha reforma impositiva e o combate à evasión fiscal.

Para a discusión deste programa de rexeneración política e social, a Iniciativa BenComún establecerá unha rolda de contatos coas forzas políticas con representación nos Parlamentos galego e español e convócaas a un encontro aberto á participación da cidadanía e dos medios de comunicación. Propoñemos como data para a súa celebración o luns, 5 de setembro de 2011, na sede do Parlamento Galego.

25 luglio 2011

FIN DE SEMANA

Esta finde foi frenética. O venres visita sempre intensa dun sevillano cabal que prefire a semana santa á feira. Coctelerías na noite algo morna de Vigo. O sábado turismo rural nunha casa de comida caseira ao pe da ponte vella de As Pontes. Ao serán, co sol tímido do verán no solpor, actuación estelar de QCP, na campa, algo baleira, do Nabiza Rock. Non son horas de tocar rock and roll. Nin temperaturas. Cando se puxo o sol, caeu unha humidade de séculos nos ombreiros.
O domingo pola mañán visita a urxencias por cálculos renais algo agudos. Coa buscapina na ialma, fomos a Vilalba xantar esas pantagruélicas fontes que se estilan na británica terra cha de frondosos carballos e limpos castiñeiros entre chantas e cemeterios góticos. Aínda nos deu tempo de ir tomar un café ao seica spa da mítica charca do alligal de codesido, agora, polo que me contaron, transformada en alxibe circular algo urbanizado. Os que a lembran enlamada, case telúrica, non entenden moito a mudanza. Eu tampouco. Á volta, sempre por eses paraxes que están a pedir un Turner, tomamos a autopista por ver desde o alto a cheminea de As Pontes, coas catro torres de refrixeración, o parque de carbón e ao lonxe o lago case cheo que agocha o furado da mina. No miradoiro do Tesouro, non conseguín comprender a belleza da paisaxe. E non é fobia aos encoiros nin ás augas remansadas. Terei que lle preguntar a Soto por iso, sobre todo cando miro o lugar que foi Meidelo e non o atopo.
O luns pola mañán, de novo os cálculos que firen. Tardo en erguerme. Vou ver os meus pais, con algo de dor nos cadrís. Eles marchan. Non quedan para a festa da Fraga. Tampouco eu podo achegarme. Non podo camiñar moito, pero tampouco é festa que me preste. Case o contrario: se cadra nunca souben aprezala. Nin siquera canda novo. Din unha pequena volta polo pueblo. Só unha estraña terraza (que desde aquí honro) estaba aberta. O ceo de chumbo era fermoso horizonte das rúas baleiras. Algo de poalla ameazaba o paseo. Pero respetou o noso regreso a casa, solitarios.
Xa estou en Vigo, algo calmado, con buscapinas e ibuprofenos en fidel compaña. Sinto algo de calor no corpo, despois deste paréntese de outono, case invernal. Que me respecten os cálculos.

Nota: a ilustración é de Miguel Pérez Ramudo, gañador con este cadro do Primeiro Premio de Pintura Rápida en Benavente, para menores de 17 anos. Santa María del Azogue. Nunca mellor dito.

20 luglio 2011

YYY, A YSTORIA DA SANTA YGREXA DE YRIA FLAVIA DO SÉCULO XVIII XA EN LIBRO


Eu miraba na BNE en Madrid un manuscrito do século XVIII que, de forma algo extravagante, transcribía un texto impreso un século antes. Compartía volume con moitos outros escritos, de diversa índole, aos que en principio non outorgaba ningunha atención. Debeu de ser que algún outro pedido na BNE tardaba algo máis da conta e prendín nas silvas daquel libro de dimensións de folio. Mireille lombo, fasquía e índice, este pegado con correccións e tachóns ao comezo. Dinlle un pequeno repaso, máis por facer tempo ca por curiosidade. Non era a primeira vez que o tiña nas miñas mans. A letra era bastante lexible, de xeito que os meus ollares ían dunha páxina a outra con certa lixeireza. Nunha desas páxinas atopei un texto ben curioso. Non estaba escrito en castelán: semellaba galego, pero era un manuscrito do século XVIII, século pouco propicio para o emprego da lingua galega. Aquilo titulábase Ystoria da Sancta Ygrexa de Yria Flavia. Do asunto tiña unha lonxanísima idea, moi insuficiente a todas luces para decidir nada ao respecto. Mirei o nome do que escribía aquel manuscrito: poucas noticias, salvo que se chamaba Pedro de Otero Romero y Torres, que debía de ser procurador do rei Felipe V na Audiencia da Coruña e que debía vivir no Salnés, aínda que afirmaba escribir ao parecer desde Padrón. O texto era longo, estaba escrito nun galego medievalizante (ao mellor unha mera transcripción), pero viña (e esa era a interesante novidade) completado con numerosas anotacións marxinais en castelán cheas de profusa erudición de corte histórica. Como non tiña (nin teño) idea ao respecto, puxen tal achádego en mans sabias para que me dixeran algo de proveito. En efecto, os meus colegas entenderon que alí había un texto de notable interese e tomaron a iniciativa de transcribilo, editalo e divulgalo convenientemente.
Esta semana, por fin, ve a luz ese traballo editor de filoloxía pura e dura, de transcripción paleográfica (moi útil para os estudiosos da lingua que poden establecer o estado do galego a partir sobre todo das vacilacións do texto) da YYY, como adoitan chamar ao texto os editores modernos do texto o profesor Arias e a profesora Noia. A edición presenta un prólogo extenso, con moita información sobre o volume, o autor, a propia historia do texto, e un apartado moi interesante sobre a lingua empregada. O texto da YYY ofrece un aspecto magnífico, xa que, con moi bó criterio (non varro para casa: dígoo porque non sempre o teñen), os responsables da edición universitaria de Vigo decidiron manter a mesma disposición do orixinal, co texto en galego no centro e cos textos das fascinantes anotacións de Otero aos lados e por debaixo do mesmo texto. Acompaña a edición un cuidado índice onomástico, unha moi útil semblanza dos diferentes persoeiros que aparecen mencionados no manuscrito, así coma a reproducción dalgunha das páxinas do manuscrito orixinal. Creo que a solución adoptada polo servizo de publicacións da Universidade de Vigo (tras, ao parecer, o rexeite dalgunha editorial escasamente xenerosa con esta alfaia da cultura en galego: halles pesar) é un indubidable acerto que redunda na importancia do libro en cuestión. En conversas cos editores, pedinlles a inmediata publicación dunha edición de peto, máis popular, aínda que é público e notorio o escaso interese que pode ter unha historia destas características. Entendo eu que algo lles debemos a quen (nos) pagan por vía interposta pero pagan o (noso) esforzo editor.
Noraboa a Bieito e a Camiño por este estupendo agasallo filolóxico, deses que marcan fitos notables na investigación moderna. Agardo por esa presentación que ha ser todo un acontecemento para a filoloxía galega: eu atrevinme a insinuar que só unha adega (coa axuda dalgún adegueiro ilustrado) de Vilanova de Arousa ou de Cambados (terras onde se criou Pedro de Otero) podería coronar a obra. Nesas estamos. Moitas gracias pola dedicación e pola dedicatoria.

18 luglio 2011

O PORVIR


Entre un feixe de impresións negativas acumuladas nos días do congreso aurisecular poitevino queda a esperanzadora e moi notable presencia de novos investigadores/as. Lonxe das intrigas e das vaidades estériles que afectan coma virus aos vedraños, eles/as entretexen con entusiasmo as súas relacións profesionais e amistosas. En ocasións anuncian os seus propósitos e as súas metas cando son requeridos desde o altar algo sacro da casta filolóxica, pero eles traballan paseniño, animados por un talento e unha tenacidade invencibles. Un escoita aos consagrados e sinte coma un cheiro a despedida, a alarde innecesario no adeus. E busca nalgunha sala de comunicación a efervescencia do que confía nese capítulo da tese, do que treme ilusionado ante a idea mesma de completar unha nota a rodapé, da que se conmove cando comproba que a bibliografía non é tan pluscuamperfecta como quería.
Despois de escoitalos, despois de escoitalas, un sinte que non todo está tan perdido.

17 luglio 2011

AU REVOIR, POITIERS


Veño dun congreso aurisecular na fermosa e aburrida Poitiers. Unha fervenza enxordecedora de comunicacións, plenarias, asambleas, con pouco tempo para o dolce far niente, sempre reservado para a noitiña e prolongacións de noitiñas. Os momentos divertidos comezaban sobre as oito do serán, ceibe xa do ritmo letalmente implacable das lecturas e relatorios. Os memorables quedaban para o cumio da noite, cando na praza da República quedan os amigos e un eco inesgotable de gargalladas. Non vou disimular que a min o único que me gusta destes encontros son precisamente estas paroladas enxeñosas, ocurrentes sobre calquera cousa (a máis alonxada do tema do congreso son as mellores), que uns tipos intelixentes e creativos argallan case de madrugada. Por eles paga a pena a viaxe. Para eles vai o meu saúdo de domingo liberado. Joie de vivre, mes amis.

8 luglio 2011

CÓDICE CALIXTINO E OUTRAS CRUCES


Eu son un materialista histórico, máis que nada porque xa levo uns aniños sendo materialista. E cústame moito traballo entender esas entelequias de espíritus, crenzas, símbolos, identidades e trapalladas semellantes, que no mellor dos casos alivian o paso por este mundo e no pior acurtan decididamente o mesmo tránsito pola vía da espada e do lume. Durante séculos, os negociados do comercio espiritual tamén apostaron por outros negociados máis rapaces e crearon monumentos (berroqueños, algúns; outros, fráxiles) para soster semellantes fábricas. Fixeron da virtude (relixiosa) necesidade (financieira) e así contribuiron ao medre de cidades e de países, baixo a férula dos iconos que eles mesmos crearon. Cando a imposición tributaria era insoportable e os pagadores entenderon que o negocio era unha montaxe (divina, iso si, pero montaxe), empregaron as armas da retórica e da discreta omnipotencia diplomática, cando non dos exércitos invencibles de lagartos no peito, para manter o tinglado. A competencia doutros negociados (máis eficaces, máis mercantís) fixo recuar a este opulento constructor de templos, capelas, hornacinas, petos de ánimas, retábulos, cos cartos da xente. Houbo mesmo quen intentou eliminar estes negociados comerciais e houbo quen intentou queimalos. E houbo quen os eliminou e houbo quen os queimou. Pero foi en van. Estes negociados sempre atoparon a forma de salvar ambas vertientes do negocio. Agora miran contentes que outros negociados disque xentís e profanos (cando non infieis) tamén se aproveiten do patrimonio, sempre que os axuden a arranxar os camiños, que lles rocen as corredoiras, que lle amplíen as pistas de aterrizaxe, que lles deixen a meirande parte do negocio.
Neste país deberiamos pedir a factura destes seculares servidumes. Pero á xente, sexa progresista ou non, vaille este país de copón de ouro e hostia de prata no escudo e de espada sangrienta maldisimulada en cruz na iconografía das súas miles de asociacións, desde que o rexionalismo puxo de moda pintar o horizonte esperanzador de Galicia cos signos inmemoriais da redención cristiana.

5 luglio 2011

O UNIVERSO ITURMENDI


Debe de ser o mesmo complexo de inferioridade que exhibo nos talleres mecánicos o que me leva a admirar as ferreterías. Non son eu un manitas de case nada, pero algunhas cuestións elementais do fogar son atendidas por min co rigor e a corrección necesarias. Desque pechou López atópome algo orfo, xa que o gran gurú da ferretería, ademais de subministrar o material preciso, sempre aportaba a súa proposta tecnolóxica ás miñas cuitas. Estes días andaba eu na procura dun filtro para a billa do fregadeiro e dunha goma para a cafeteira bialetti. A ocasión de tramitar un par de parvadas burocráticas permitiume achegarme á catedral viguesa da ferretería: Iturmendi. A pesar do nome carlista ou requeté do local, ten todos os paus para pasar alí uns minutos gloriosos. Non me gusta nada agardar nas tendas nin en ningún outro sitio: unha cola de máis de dúas persoas encolerízame xa nada máis vela. Sen embargo, en Iturmendi unha cola algo grande promete sensacións marabillosas. Hoxe apenas tres persoas, pero foi suficiente para decatarme de 1) a amabilidade elegante dos dependentes enchalecados de verde; 2) a tranquilidade e eficiencia do persoal; 3) a disponibilidade dos propios clientes que ofrecen ao neófito e ao ignorante clases didácticas sobre como arranxar un problema técnico; 4) a prodixiosa riqueza da linguaxe ferreteira; 5) a amplitude de coñecementos de case todo o mundo sobre case todo e a ignorancia proverbial propia sobre ese mesmo case todo; 6) a abraiante oferta nun espazo non demasiado grande; e 7) (pero non última) a extrema familiariedade con que a xente entra, sae, comenta, xulga, ri, toca, proba nese lugar. Iturmendi é un lugar obrigatorio, un universo en si mesmo na rúa Progreso, se alguén quere coñecer iso que din sobre o carácter currante e disposto ao traballo (e, por suposto, hospitalario e amable) desta cidade.

4 luglio 2011

OS MEDIOS EN GALEGO


Anda a xente moi alporizada porque desaparecen medios de comunicación que empregan o galego de forma exclusiva. As causas aducidas (moitas delas de carácter político) son razoables, pero todas elas xuntas non explican o fracaso. Nin moito menos. Hai elementos para min evidentes que xustifican primeiro que non lea moita xente eses xornais e segundo, que, coa escasa demanda, rematen, tarde ou axiña, por desapareceren, sobre todo cando as muletas da subvención pública tenden a minguar.
O primeiro elemento é a marcada liña ideolóxica dos seus columnistas (ía poñer súas columnistas, pero para atopar unha hai que agardar varios días). Esa constante opinión arredor da lingua galega, da identidade, da construción nacional satisfai a un número finito de leitores/as, pero arreda ás maiorías e mesmo ás mesmas propias minorías leitoras, cansas de ler as mesmas perspectivas nas novas e as idénticas lamentacións sermonarias.
O segundo é o da selección das novas que se inclúen. Tal selección obedece de novo en boa medida a plantexamentos políticos moi definidos pero tamén a unha especie de preferencia mecánica por novas que interesan a sectores da política cultural galeguista e nacionalista. Como no caso de Galicia Hoxe mantiñan un certo vencello co Correo Gallego, era moi significativa a selección feita, o que con toda seguridade conducía a un inevitable elitismo ideolóxico cultural que en nada favorecía as vendas do propio periódico. Non era tanto un xornal ao uso, coma unha estilización ideolóxica do correo gallego para satisfacer a demanda dun público previamente seducido. Esta elección contribuía necesariamente á lóxica perda de leitores/as a medio prazo: uns porque definitivamente non achan alí o que lles gusta e outros, que aínda coa oportuna afinidade ideolóxica, acaban atopando a mesma ledaíña, agardable e previsible, na rutinaria leitura.
Poderán aferrarse ás nada favorables circunstancias externas destes tempos que corren (que tamén valen para todo o demáis), pero de forma evidente os xornais que pretendan vivir en galego deben ser atractivos para a meirande parte de leitores/as, para un público heteroxéneo, complexo, contradictorio incluso. Para contentaren a un grupo de convencidos, non bastan eses esforzos. Anuncian novas iniciativas: mirados os protagonistas, moito me temo que haberá máis do mesmo.

3 luglio 2011

O SUNSHINE, O MEU PRIMEIRO AWARD

A única persoa neste país que debeu de ler todos os libros de literatura en lingua galega e cunha atención analítica abraiante, o amigo Eyré, con quen tantas veces discordo, como ten que ser, hónrame con este premio Sunshine. Teño que poñer ao tempo doce ligazóns de blogs que eu ache dignos de tal premio, ao parecer por promover a lingua e a literatura galegas. Non sei se darei dado, pero aí van, co engadido agarimoso desta canción: