Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 maggio 2011

IRLANDA (12)


O coche alugado dá para outro tour dun día por Irlanda. Desta vez rumbo Cork, con parada en Glendalough no parque nacional das montañas de Wicklow. Parece mentira, pero, de novo, saír da circunvalación de Dublín (tamén nova e aínda de tráfico fluído) supón entrar de cheo no clásico countryside destas illas. Nesta parte hai elevacións pequenas, algúns bosques un pouco máis silvestres e lagos de augas escuras. Non falta o gando ovino de presencia impecable, ovella negra incluida e cans de aspecto lánguido e melancólico. A estrada retórcese máis da conta cando chegamos aos macizos do parque. Non atopo nada especial que non mirara eu nas miñas excursións monte Caxado arriba camiño de Ortigueira pola serra da Capelada. Entendo a outros visitantes, afeitos a páramos ou veigas ou chairas. Pero para min aqueles montes, rañadoiros se cadra, de toxos e urces e breixos e xestas (agromaban daquela), son demasiado familiares para determe moito tempo máis. Damos a volta e tomamos, tras múltiples bifurcacións e por mínimas estradas atravesadas por johndeeres e pasqualis, e a imprescindible visita a unha abadía en ruínas, a autoestrada camiño de Kilkenny. Chegamos ao medio día a esta vila medieval, de castelo sobre o río e rúas comerciais transitadísimas e doutros tempos. Deixamos o coche lonxe do centro, mentres pasaba o cortexo fúnebre a pe, paseniño, polo estrada calada. Visitamos o castelo; entramos pola porta principal e quedamos abraiados polo longo campeiro que prolonga o xardín. Un ambiente como de estampa decimonónica, con nenos de pel brancuxiña sentados nos seus carriños, un estaribel portátil para os punch and judy, adolescentes case espidos deitados na herba, vellos de patillas frondosas e gorra viseira de tweed sentados nos bancos, parellas de groso calibre que se fotografían cos carballos e castiñeiros que perfilan o horizonte. Todo baixo un sol espléndido, case de verán. Desde o castelo mírase o río e ao lonxe as agullas afiadas das igrexas. A ponte que cruzamos antes está adornada con flores e, na beira oposta, a terraza dun pub sobre o río mostra o dolce far niente dun lunch irlandés. A fame algo apreta e decidimos comer un sandwich de cogombro, queixo e ovo fritido nunha terraza da rúa principal. Pola rúa pasan as mulleres e os homes deste país vestidos con chándal e roupas de deporte. Moitos levan a camiseta do Barça: maioritaria. De Villa máis ca de Messi. Creo entendelo. Tomamos de novo o coche para seguir viaxe a Cork. Durmen algo atrás mentres conduzo. A media tarde chegamos a esta cidade que medra ao longo dun río que acaba en ría. Ou de ría que deu en río tras urbanizar illas e esteiro e canalizar o cauce principal da coriente. Tras cruzarmos a ponte, procuramos un lugar para aparcar, pero a búsqueda lévanos ao centro mesmo da cidade e aí paramos: nun edificio ocupado só por aparcamentos. Damos unha pequena volta (é xa un pouco tarde para eles) e danos tempo para ver a gran actividade comercial do lugar, especialmente intensa nunha rúa en curva moi pronunciada. Teño debilidade por este urbanismo non perpendicular: non é Regent Street de John Nash pero tenlle un aire. Unhas tendas enormes, con algo de esplendor mercantil antigo, moita xente pola rúa, con algo de présa. É a hora de tomar os autobuses de volta, de ir pechando os negocios, coma no célebre mercado inglés, algo sobreactuado. Aínda nos dá tempo para mirar a tensión e o dinamismo da cidade, pero emprendemos o camiño cara o outro lado do río. Subimos as costas para ir ver a catedral de santa María, e aprezar a ollada desde aquela parte alta da cidade. As rúas pequenas agochan pequenas casas pintadas de moitas colores, con algo de deterioro e desleixo. Non moito, pero si notable para o común deste país. Baixamos por Shandon Street rememorando que era a vía de entrada en Cork dos camponeses de Irlanda que viñan ao mercado. As tendas de ferramentas para o traballo no campo, de telas e mantelería doméstica ou de casas de comida aquí transformadas en pubs son reliquias dese vello camiño de arrieiros e comerciantes. Pensei no Eligio Martínez de García Barbón, agora pechado, na parada, seica, do autobús de liña para Lugo, na que ata hai pouco vendían sachos e gadaños exhibidos na porta. Voltamos pola rúa principal, así chamada, ata dar nun pub que exhibe ikurriñas, senyeras e unha bandeira galega. A terraza está animada, pero non moito. Debe de ser a hora da cea e as rúas xa están case baleiras. No camiño para recollermos o coche entreteñen as tendas de traxes de comunións e de confirmacións, cos maniquís algo raciais de estampa disque irlandesa, e os meetings points de estudantes erasmus a esa hora na que para eles comeza un novo día. O sol vaise deitando en Cork e as casas coloreadas á beira do río quedan á nosa esquerda, con algo de postal encantadora. A autoestrada, recén construida e que costa 1,80 euros fagas o traxecto que fagas, queda a estas horas do luscofusco enteiramente para nós sós. E en Dublín xa é de noite.

30 maggio 2011

IRLANDA (11)


A postal irlandesa asoma a cada lado da estrada. Paramos a cada pouco: unhas ovellas (coa delicadeza estética de incorporar sempre unha de cor negra, sempre en pose fotográfica) por acá, uns acantilados de escuma bravú por alá; un pelouro con castelo en ruínas, por acolá. A estrada prolóngase máis do debido por seguir a liña da costa. Cons e penedos, sobre un fondo verde irlanda. Non aparecen os famosos cliffs e si excursións en minibuses que fan coma nós: paran nos pretís da estrada, achegan o automóbil ás beiras, rozando mesmo as silveiras, para conseguir a portentosa instantánea. Unha foto é unha foto é unha foto. Tras unha pequena subida con dúas curvas en zigzag chegamos a una longa recta. Ao fondo, mírase un pequeno esteiro de casas pintorescas. Á esquerda da estrada un amplo aparcamento e á dereita uns carreiros por onde vai a xente coma nunha ilustración medieval do inferno. A intuición e o mapa dinnos que son os cliffs, pero a íntima esperanza de que puidéramos estar sós para visitalos quere desmentilo. Pero non; trátase, en efecto, da romaría dos cliffs de moher. Deixamos o coche: non vamos ser tan repunantes como para recorrermos Irlanda de lado a lado e non mirarmos siquera a paisaxe. Para non alteraren a paisaxe, os postos de venda de cachivachada (aquí libramos das rosquillas cristaleiro) están soterrados a modo de búnker nas abas daqueles prados. O camiño é algo en costa e impide ver desde a estrada o mar. Media irlanda e unha parte moi notable de francia e españa camiña, non en silencio, ao noso lado. Un flautista de escasos folgos intenta interpretar algo. No chan unha pucha e na pucha unhas moedas. As escadas rematan nun muro desde onde se comeza a mirar a paisaxe. Ao sul, divísanse as paredes cortantes dos cantís, algo veladas por unha brétema que vén do tímido vapor do océano. Emprendemos unha nova subida cara a parte norte por un camiño de cemento cara un simulacro de faro. Unha moza con harpa descansa a un lado do muro. Enfarrapada e con mitóns para o frío, mira agarimosamente ao paseante. O vento, non moi forte, move as cordas e un leve son involuntario introduce unha breve banda sonora no ascenso. No chan unha pucha e na pucha unhas moedas. Desde arriba, na coroa do faro, o espectáculo parece magnífico: cega a lámina do mar, dá vertixe mirar as rochas. Camiñamos de volta, buscamos pasar por uns diminutos carreiros perto do abismo. Está prohibido pasar, pero milleiros de persoas ultrapasan a cancela. É perigoso. Para min, moi perigoso. Non sei que fago eu nestes sitios. Un instinto absurdo de protección paterna se cadra, pero non me fan nin caso. Pásoo aínda pior. Quedo no camiño, mirando as vacas que pacen ás nosas costas. Prefiro mirar esa paisaxe pastoral de herbas altas e corredoiras. As moscas molestan. Afortunadamente. Hai que abandoar esta tortura. Camiño pegado ás lindes dos prados. Segue a petar o sol: noto xa áspera a pel, demasiado quentes as orellas. Saltamos de novo a cancela. Miro o fondo do cantil. Dous filipinos piden que lles faga unha foto: resulta difícil antre o medo e as multitudes que cruzan por diante. Semellan moi contentos co resultado. Antes de baixar a polo coche, sentamos nun banco mirando ao fondo a badía de Liscannor. Lembramos a comida do mediodia, irish stew, e soñamos cunha pinta para celebralo. Non hai unha terraza, nin un bar onde brindar por estes ventos que moven á nostalxia. Será mellor voltar de novo a Dublín pola estrada de Limerick. Mentres baixamos, o vello do whistle conta as moedas, gárdaas e coloca a pucha na cabeza. Míranos mentres garda a flauta no peto da chaqueta. Nos postos de souvenirs berran os turistas indecisos: recordan en alto aos familiares que aínda quedan sen agasallo. A romaría dos cliffs de moher está a piques de rematar. Recollo un trébole, un trébole, un trébole.

29 maggio 2011

IRLANDA (10)


A mañá aparece de novo cunha temperatura moi agradable. Temos que ir buscar o coche de aluguer ás nove, nunha oficina perto da estación de trens de Dublín. A pesar da hora, xa non demasiado cedo para o meu entender, apenas están abertas nin as tendas nin os comercios e non hai moita xente na rúa: evito o natural parangón. Cruzamos cara o oeste a cidade. Algunhas rúas xa as coñecemos. Preferimos variar. Cruzamos polo mercado de froitas e froles aínda moi en activo que está no medio da cidade. Un edificio do século XIX, probablemente no que antes era a entrada norte da cidade, no que en tempos foi zona franca mercantil. Agora é un gran armazén ao por maior, con furgonetas e coches demasiado grandes para maniobrar neste espazo. Sorprende que no medio de Dublín permaneza esta infraestructura. Máis adiante, unha zona nova, aínda por estrear, detrás da vella destilería da Jameson, de casas presumiblemente high tech, Smithfield, agora case de prefabricación esperable. Unha grande esplanada (nin os irlandeses escapan a esta tendencia pola ágora pelada) parece o destino, se facemos caso aos enormes cartaces que anuncian actuacións pagadas pola unión europea. Hai tempo visitara Bristol e un lonxano parecido deume que pensar sobre a homoxeneidade do urbanismo moderno. Pero aínda queda por esta zona o axitado mundo dos vellos mercados. Decidimos camiñar ao longo da vía do tren lixeiro. Para construilo houbo que sacrificar afortunadamente unha rúa principal para os carrís: agora é unha estrada nova de adoquíns e beirarrúas dun granito inmaculado, pouco transitada, exenta de actividade comercial (só un museo do exército creo lembrar como dotación visitable) ou de interese para o camiñante, a pesar das moitas comodidades que para este ofrece. Unhas elegantes marquesinas, recentísimas, cunha información electrónica en paneis do trinque, abeiran aos numerosos usuarios deste fulgurante tranvía. Por esta parte da cidade, os investimentos lucen esplendorosos.
Chegamos á oficina de aluguer. Tiñamos reservado un vokswagen touran, pero temos que conformarnos cun honda de gasolina, pero automático, novidade para min. Conducir pola esquerda non é novo, pero non estou eu tan afeito, e menos cunha palanca que descoñezo. Tardo en controlar o coche, pero non hai moito tempo para aprendizaxes porque os Cliffs de Moher quedan un pouco lonxe e convén tirar xa pola autoestrada de inmediato. Abandoamos Dublín moi rapidamente: ou a miña impresión é esa, se cadra porque os espazos verdes na propia cidade (árbores ás beiras das estradas, xardíns e muros con vexetación tamén frondosa) fan a transición ao mundo rural imperceptible. A autoestrada é nova novísima, ampla, con bermas enormes, e un paisaxe permanente de prados cuidados, casas non especialmente rechamantes, máis ben de sobria construcción nova, e chantas de granito escuro para marcaren os lindes das leiras. O horizonte, chao, é moi homoxéneo, ás veces algo monóntono; o tráfego, fluidísimo, por momentos moi escaso (pregúntome a utilidade da autoestrada unha mañán calquera de luns, habitualmente sempre de gran movemento); o tempo, espléndido, cunha luminosidade cegadora.
Antes de chegar a Galway tomamos o desvío para os Cliffs. Comezan as estradas estreitas e sinuosas, as infinitas rotondas nas que hai que profundizar na idea de circular sempre pola esquerda. As estradas estreitas fanse estreitísimas a cada kilómetro e aínda máis coa invasión das sebes sobre a calzada. Nunha curva con cambio rasante golpeo o retrovisor cunha ponla sobresainte. O impacto asusta, pero non causa desperfectos: si obriga a irmos aínda máis a modo e parar cada vez que nos crucemos con outro coche de fronte. O meu propósito de facer un pequeno rally do cocido (aínda que o intento canda a estrada despexada) queda para outra ocasión. Sobre todo, porque asoma á dereita a ría de Kinvarra e o Castelo de Dunguaire. E non é cousa de acelerar o tempo e perder unha das marabillas desta terra.

26 maggio 2011

IRLANDA (9)


Entramos no pub Maye's, en realidade no Lounge Bar Maye's, de madeiras negras e cristais biselados en círculos concéntricos que impiden ver o interior. A porta de entrada dá acceso a un mínimo vestíbulo onde penduran fotos do local e de Dublín antigo. A batente do interior abre un mundo fascinante. Á dereita, colocados a unha distancia idéntica un do outro, tres homes, coa súa correspondiente pinta, sentados na barra. Un le o xornal, outro fala co barman e un terceiro vira o seu corpo enxoito para nos mirar e saúdar con aceno silencioso pero hospitalario. Ao fondo do local, outro home, roxo, case cárdeno polas veiñas que cruzan as fazulas, contempla o local en pleno ensimesmamento. Aventuro polo alcohol, pero axiña desboto tal posibilidade cando observo a auga e os pasos algo torpes producto dalgunha parálise cando vai ao servizo. Noutra mesa, perto dunha cheminé apagada, outro home, algo máis novo, botado para adiante na cadeira de pana, fala por teléfono con aire tranquilo. O local está enmoquetado de verde e revestido dunha tela basta de cadros verdes e bermellos. Sobre a tela penduradas fotos vellas de xentes de Dublín e algún papel coa porra e as apostas sobre a vindeira xornada de fútbol. Todo está case en silencio: mesmo a televisión, que emite un programa sobre irlandeses en New Jersey, con imaxes en branco e negro dos primeiros emigrantes a aquelas terras de América, tamén está en voz moi baixa. Pedimos pintas e procuramos falar baixiño, pero a cervexa, para nós e para os demais clientes, comeza a soltar a lingua. Aparece unha parella: ela está embarazada. Piden dúas tónicas. Sentan no lugar equidistante entre as mesas xa ocupadas. O que fala por teléfono, que non deixa de facelo, visita o baño con frecuencia. Pide outra pinta. O que nos saudou ao principio, que frisa os setenta e leva garabata de lá, chaleco e unha chaqueta de tweed tan verde como o propio local, pasa o tempo mirándose no espello de detrás da barra. Colle un billete de cinco euros e colócao na barra, sen falar nada. Desde o outro lado da barra, o camareiro tira da billa da guinness para prepararlle con tranquilidade unha nova pinta. Deixa o vaso e recolle o anterior e cobra a consumición próxima. Van caras as pintas en Irlanda: menos de cinco euros resulta difícil. O que fala co dono do local diríxese agora a un armario e abre as súas portas. Dentro está a diana para os dardos, os papeis onde van apuntadas as infinitas partidas. Colle unha cadeira e mide os pasos. Déixaa aí. Dá unhas cantas voltas polo local. Non sei moi ben que fai. Nós seguimos bebendo e creo que debemos pedir outra. Miro para o home do teléfono e xa vai pola terceira desque estamos aquí. O que le o xornal, déixao e mira para o teito. Entra un home desgalichado cunha gabardina. Saúda con forza e senta no medio dos dous homes que quedan na barra. Esta equidistancia, na que nunca se poden tocar, parece un rito. Recolle o xornal e ataca un sudoku. O da diana pregúntalle. E el murmura, entre a escuma da guinness, non sei que. O home do tweed volve quitar outro billete. O do teléfono outro. O que acompaña á embarazada acude ao servizo: semella mareado. Dá a impresión de que está mal das tripas. Ela vai con el ao baño. O home das veiñas deixa o local. Entra unha muller española, que está hospedada arriba; fala sen parar un inglés modesto, mais valente. O marido, que entra despois, move a cabeza afirmando todo. Como os axudamos a comprender o que o camareiro lles estaba dicir diríxese a nós cunha familiariedade que se agradece: non pretende contarnos a súa vida. Quere saber onde cear un sandwich. Marchan. O home do tweed vai pola cuarta pinta. O do teléfono remata a cuarta. Apenas levamos unha hora. Comeza a partida de dardos. O da gabardina lanza dun xeito revirado as saetas. Estou no seu radio de tiro. Intento apartarme algo, pero con disimulo. Non vaia ser que lle moleste a miña prevención. Seguimos na barra, con dúas pintas aínda. Sae do baño a parella. O home do tweed fainos xestos a través do espello. Non sabemos como interpretalo. O dono tamén lanza dardos. Lanzan dardos en silencio, en voz baixa. Non sei se tomar outra pinta. Iremos a gatas ao hotel. Pero queda moi perto. Á volta da esquina, na vella estrada que leva a Belfast.

25 maggio 2011

IRLANDA (8)


Unha tarde de domingo en Dublín, malia todo, é unha tarde de domingo. Si, con rúas que descoñeces, paisaxes novas, pero o ambiente polas rúas ofrece ás veces case a mesma tristura, sempre que os pasos non os leves polo barrio templario, que entón quedas abatido polo escaso don dunha ebriedade infinita e adolescente. Aproveitamos para facer a rota pintoresca fetichista polas casas habitadas hai tempo por esgrevios persoeiros dublineses. Basta asomarse á Merrion Square e dar a volta enteira ao parque onde está a estatua hiperkitsch a Wilde e ver a casa do propio Wilde, agora a Irish American University, a de Yeats, a de O'Connell e a do ídolo do colega e querido blogueiro Juan Luis, Sheridan Le Fanu, para rematar a faena. Claro que un pode admirar a harmonía das casas, coas portas pintadas de cores distintos, o silencio das rúas apenas transitadas, a tranquilidade case mortuoria do barrio, cheo agora de oficinas semipúblicas, de institucións promotoras do folclore irlandés ou de partidos políticos e movementos sociais. Cunha desas demoras que tanto se agradecen en días de turista (tecendo e destecendo a tea dos pasos), a praza resulta un pequeno tentempé antes de penetrar na National Gallery of Ireland e quedar abraiado e estupefacto diante da excelente selección que fai o museo dos seus fundos (en pleno labor de reformas) pero sobre todo diante dese Prendemento de Caravaggio cuxas figuras quedan colocadas á altura dun visitante da miña estatura, feliz de contemplar a escea dun xeito completamente único, como parte mesma da propia escea. O museo, con apenas dez estancias, cumpre en forma de antoloxía o seu cometido de admiración e encanto, cun mínimo, moi de agradecer, de visitantes. Saímos co propósito de non perder a tarde culturalizante e así tomamos cara á National Library. Para dúas cousas: vermos a sala central, circular como a da British e decorada con estucos brancos e verde pálido (e de paso vermos os baños, por certo, non previstos na visita, con azulexos de canda a inauguración) e visitarmos unha exposición sobre a vida e a obra do omnipresente e algo místico Yeats, tamén con esa teima actual de colocar en urnas e armarios acristalados, cunha luz directa sobre as pezas, os libros e os cadernos do escritor, mentres a sala enteira permanece nunha penumbra ou ás veces nunha escuridade propia de casas do horror ou museos de cera. Pensaba eu na de Miguel Hernández en Madrid, limpa e diáfana, e facíaseme esta, por contraste, algo siniestra, se cadra, tendo en conta ao persoaxe, con algo de suxerencia interpretativa. Penso esto por moi pouco tempo porque xa estamos de novo na rúa e, aínda que perviven as extraordinarias imaxes, o ambiente das terrazas de Duke Street, semellantes ás neoiorquinas, con espazos moi reducidos, elegantes no seu minimismo (máis ca minimalismo) e agora xa algo máis concurridas, fai fuxir a aprendizaxe cultural e deleita coa digamos especial belleza de homes e mulleres engalanados/as sobre as súas augas tónicas de media tarde dominical. Ataca a fame e cremos lembrar que en Dame Street miráramos un dinner á moda americana dos anos cincuenta. Estamos relativamente cerca e camiñamos coa lentitude necesaria para mellorar a ansiedade golosa. En efecto, alí estaba o local, unha franquicia, adornado con todos os tópicos e típicos elementos da fantasía cinematográfica, incluidos camareiros e camareiras, con gorriños e cadernos de apuntar sacados dunha película de elvis, achiclada e chea de sirope de cereixas. Non obstante todo, esto é Irlanda e as hamburguesas cumpren todos os requisitos, colesteroles e ácidos úricos permitidos. Longa é a volta para o hotel, suficientemente longa para que durante o camiño pensemos en como prolongar o día. Facemos unha breve paradiña na habitación e pensamos en onde podemos tomar a penúltima. Perto do hotel. Nun pub alonxado da zona centro. Nese pub que está na esquina. Entramos.

21 maggio 2011

iRLANDA (7)


A axitada noite do sábado dá paso a unha mañán tranquila de domingo, destinada á visita da fábrica da cervexa Guinness, primeiro emporio de toda Irlanda, símbolo totalizador do país e da cidade. Queda algo lonxe do hotel e procuramos tomalo con calma. O almorzo no Kingfisher, desta vez case brunch, aínda ralentiza máis a marcha. Variamos a rota do día anterior para chegarmos alá. Camiñamos ao longo da beira norte do río, coa intención de ver de perto o solemne e neoclasicista edificio dos xulgados (as Catro Cortes). Ao outro lado do río, insulsos edificios novos, para a administración da provincia, afean a liña do horizonte. As agullas afiadas das catedrais e das igrexas sobresaen algo pero sempre con sensación de derrota. Tras cruzar o río e mirar o pub máis vello de Irlanda, seica, lugar de devoción joyceana, The Brazen Head, tomamos a longa estrada chamada de Santiago, con poucos coches, menos autobuses, e algunhas persoas que se dirixen ou saen das igrexas coa súa modesta palma. Polo idioma dalgúns deles, semella que a poboación polaca non só se instalou de maneira evidente na cidade senón que contribúe a animar e a conducir os oficios relixiosos. A igrexa de san Audoen, coa estampa dun templo grego, con columnas e tímpano, aparece tapada por un gran cartelón en varios idiomas que anuncian a pascua. As mulleres son maioría, vestidas con cores pasteis, un pano a media cabeza, faldas por debaixo dos xionllos, e medias transparentes sobre zapatos beiges. As nenas levan sandalias brancas, con calcetíns rosas, e adornan os seus cabelos rubios rubios con lazos floridos de gasa ou raso. Non vexo homes. Camiñan en silencio e cunha gravidade algo triste, parsimoniosas, de volta a casa.
Pola mesma rúa, con visos de vello camiño tortuoso, contemplamos as reliquias do sábado: mozos que durmen nas marquesinas ou nos recunchos dos adros das igrexas, algo apartados das olladas silenciosas dos feligreses. Continuamos polas beirarrúas de asfalto algo roto; por esta parte da cidade, o esplendor do centro desaparece algo e non é difícil atopar papeis ciscados pola rúa ou pozas no chan coa pouca auga da noite. Vemos charrés con cabalos para turistas: cabalos algo vellos, de porte pesado, coas crins longas e pouco alisadas. Os charreteiros amosan roibas as fazulas: non sei se o concello os elixe con esa xínea ou máscara de irlandés de libro, pero semellan actores secundarios dunha película de Ford ou de Huston.
Chegamos tras un longo percorrido á porta do edificio da Guinness. Facemos a foto de rigor. Rodeamos a fábrica por unhas rúas de aspecto cinematográfico, co chan de adoquíns e uns raís de vía estreita polo medio, colocados no seu tempo para o transporte das mercancías cara ao río. Os ladrillos vermellos anegratados polo tempo, o ambiente fabril de muros xigantescos, de cheminés e enormes ocos baleiros, son para min sempre demasiado familiares. Afeito ás construccións no barrio obreiro da contorna de Mieres onde viviu meu pai, as cortes para a cabaleiría que entraba nas minas, as tolvas e os lavadeiros para o carbón, estes lugares sempre suscitaron en min máis admiración e respeto ca outra cousa.
O espazo para as visitas da Guinness está moi ben preparado. Constrúen un bocoi xigantesco no medio do edificio máis alto de toda a fábrica como elemento organizador de toda o percorrido. E en cada piso explican o proceso de elaboración da cervexa. A simplicidade coa que se fai non é óbice para que magnifiquen todo, cun gusto pola exhibición e un sentido do espectáculo visual moi interesante. Un producto obtido de auga, cebada (tostada), lúpulo e levadura tampouco dá para moita explicación e, porén, o museo ofrece interese pola intelixencia coa que está concebido. Probamos media pinta a metade do recorrido e unha pinta enteira, incluida no prezo, no piso máis elevado: unha estancia circular, totalmente acristalada desde onde se pode contemplar o amplo e chan esteiro de Dublín. Alí, nun ambiente de vermú dominical, con moitos visitantes do país, pero tamén doutras partes do mundo (nomeadamente españois, que son os únicos que levan á cativería a visitar estas cousas), pode un mirar, coa axuda duns pequenos fragmentos de versos ou de narracións pegados no cristal, os lugares emblemáticos de Dublín, referidos na literatura de escritores irlandeses. A Usher's Island de Os mortos de Joyce, o Abbey Theatre de Yeats ou o Stephen's green de Oscar Wilde, entre outros moitos que rotulan e subtitulan a paisaxe.
Unha pinta da cerveza Guinness, de escasa gradación, pero tomada a pelo, sen nada que lle levar á boca de compañía, provoca o que provoca: un estado de euforia provisional que encende case todo. Baixamos alegres e contentos polo ascensor abaixo e saímos do local co sorriso demasiado paralizado nos beizos. Da visita a este país, sen dúbida, esta infusión de cebada rustrida, algo lupulizada e levedada, comeza a ser moi memorable.

12 maggio 2011

IRLANDA (6)


O longo paseo pide unha pequena parada nos aposentos do hotel. Tras saírmos do Trinity College viramos para enfiar a fermosa avenida O'Connell, unha das poucas rúas dereitas e amplas de todo Dublín, esceario principal da historia recente de Irlanda. Cruzamos o Liffey de novo coa ollada posta na estatua do home que dá o nome á rúa e a altísima agulla metálica ergueita hai pouco no medio. Mentres, cinco ou seis mozos -algún deles espido, todos ben graduados en cervexa- deciden xogar cunha pelota entre o intenso tráfico de media tarde de sábado, caneando coches e furgonetas que semellan estar afeitos a tan perigosa troula. A medida que avanza a noite, o número de espectáculos de ebriedades aumenta e parece convertirse nun dos signos de identidade da capital irlandesa. Pero iso aínda non o sabemos. Subimos pola beirarrúa esquerda, a do edificio de correos, o edificio dos tráxicos sucesos de 1916, con proclamación, asedio, incendio, bombas e logo execucións sumarias, e percibimos que os ledos sorrisos da rapazada toda que se dirixe a pasar a noite pouco ou nada lembran aquel triste sangue verquido. De esguello miramos a estatua de Joyce, adornada con tres homes bébedos sentados, case durmidos, no seu pedestal, unha estampa non pouco infrecuente. E aproveitamos para pasar polo colexio e pola casa deste exiliado prematuro que decidiu lembrarse da cidade con especial rabia.
O hotel non está moi lonxe do centro, pero permite ao regreso mirar algunha das casas máis fermosas da cidade, con esas portas coloreadas de forma atrevida e con aldabas rechamantes, coma se convidaran a entrar. A sobriedade das xanelas, apenas disimuladas con cortinaxes ou visillos, que permiten albiscar o interior, e as cancelas de ferro pintado case sempre de negro coroan un sentido da gravidade doméstica que sempre admiro nestas terras. Pode que non sexan os máis excelsos materiais os que constrúan estas casas, pero sempre, desde fóra, resultan acolledores, cálidos. Non sei se a lixeira friaxe da noite provoca esta sensación, pero un sempre ten desexos de chamar á porta, seguro de ser recibido con algún mug de te e un glorioso scone para a merenda.
Unha hora de descanso pode ser suficiente para repoñermos forzas para o asalto prudente da noite. Voltamos aos lugares de lecer que visitamos. Desexamos mirar o RM/B. En todos os sitios está o partido. Eliximos, por sorte, o famosísimo Temple Bar e atopamos ademais unhas cadeiras altas a carón da grande fiestra da entrada. Desde alí podemos ver ao mesmo tempo o xogo e a crecente animación da rúa. Pedimos as guinness correspondientes e comezamos a asistir a un deses obrigatorios espectáculos dublineses: o da música en directo, a cargo normalmente dun/ha cantante que tira de repertorio tradicional coa axuda entusiasta do respectable, ou ben a cargo dun dúo ou un grupo algo máis numeroso que ten como motivación básica quentar e facer cantar ao persoal. A guitarra acústica domina todo. O cantante, moitas veces, introduce a canción e deixa que o local enteiro berre o estribillo para cachondeo de todo o bar. Ver a Messi xogar no Bernabeu con tales aturuxos de fondo sólo resulta soportable co concurso de alomenos dúas pintas de guinness. Pola rúa van pasando non poucos grupos de mozos e mozas en celebracións varias: supoñemos despedidas de solteiros/as, pero tamén cumpreanos ou ceas de empresa. Tenden a ir vestidos/as de igual forma, ben lixeiras de roupa elas (poñamos nalgún caso en roupa interior), ben disfrazados de animais (o tigre parece gustarlles: será unha chiscadela ao seu pasado esplendor?) eles, ben fornecidos de alcoholes varios todos todas. O cociñeiro do bar de enfrente sae de cando en vez do seu local e achega a súa faciana ao cristal para mirar como vai o partido. Posúe rasgos orientais e parece enfadarse cando CR7 peitea, coma sempre, o aire. Pasa o partido, seguen cantando a, para min, mesma canción, recorre a rúa cada vez máis xente: moi novos todos eles/as na xa noite de Dublín. Comezo a dubidar se o que parece tan xenuinamente irlandés non resulta un remedo do que eles cren que é xenuinamente irlandés. Non teño tempo para máis dúbidas: remata o partido, a música irlandesa segue soando, agora coas facianas de cantantes e público encesas e prestas para as apertas efusivas e os bicos prolongados con sabor a cebada. Esta mistura de alcohol e de sexo dos pubs sorprende por segundos ao visitante, quen axiña baralla a idea de imitar a estes indíxenas en tan sabia disposición de ánimo. Un profundo bico culmina momentaneamente a euforia.

10 maggio 2011

IRLANDA (5)


As plácidas rúas do contorno de saint Patrick condúcennos cara o Castelo de Dublín case sen dármonos de conta. Unha porta, cunha garita baleira, lembra que entramos no recinto. Un pequeno xardín recurtado con liñas que só unha ollada cenital permite comprender é o limiar dun espazo de exposicións mínimo pero denso. Entramos e admiramos algúns libros e obxectos de culto, colocados con certo gusto pola didáctica e tamén polo misterio da escuridade. As presbicias amoreadas sobre unha antiga miopía non me son de grande axuda. Hai que achegarse moito, pero os papiros que amosan os primeiros trazos do evanxelio, as filacterias do xudaísmo ou os rollos que agochan os rezos do mantra son extraordinarios, dunha riqueza admirable. O visitante corre o risco de desprezalos pola modestia con que aparecen expostos. Pregúntase se iso é o característico desta cidade: o libro de Kells, que visitaré, desmentirá esa apreciación, coa excesiva parafernalia desenrolada para tan pouca exposición.
Non adianto outros paseos, porque este faise longo e a Dame Street chama coa súa outeiral e sinuosa compostura. Un Brogan's (sic) Bar de madeira gastada chama a miña atención. Entro, pero apenas hai ninguén. Estamos perto do Temple Bar e precisamos xantar. No Farrington's, recomendado por amigas, comemos sandwiches, acompañados das sempiternas patacas, grosas e algo, algo, doces. Miramos desde a xanela a rúa: uns homes vestidos con kilt turquesa tolean un pouco, fan fotos, algo peneques, coido, entre as xentes. Aínda non son moitas as persoas que andan por estes lugares. Baixamos e recorremos toda a rúa. Seguimos o rumbo duns rapaces e dunhas rapazas de corte emo, aínda que pouco gregarios na súa fasquía: o espectáculo resulta atractivo cando chegan a unha pequena praza onde están todos reunidos/as. É sábado pola tarde: o tempo non é moi bó, pero non chove. Eles e elas, porén, van case de verán, coas excepcións esperables do que vai todo de escuro inverno. Berran ao atoparense, saltan, corren dun lado a outro. Dirixímonos a Grafton Street: a rúa está chea. Aos seus lados, canta media Irlanda. Flautas ínfimas na boca dun mozo, bodrans en mans dun velliño vestido de cores, harpas, acordeóns e violíns nas ansias imparables dun grupo que toca polkas ou jigas, claqueados ou tapeados espontáneos do público, slide guitars nas púas dun raparigo de apenas doce anos. Toda a rúa é un fluir de músicas de todo tipo (irlandés), moitas veces co volumen estrondoso. Non resulta molesta a primeira vez que recorres esta nova rúa curva, de ladrillo vermello no chan. Pero imaxino unha prolongada estancia, unha vida nun Dublín destas características. A familiariedade, o costume afeito desde hai tantos anos a esta música (cantas veces non había escoitar esto na miña vida) permite o doce encanto primeiro. Pero a reiteración esgota.
Tras este balbordo fascinante, entramos no parque de saint Stephen, máis silencioso pero igual de concorrido. Pandas de adolescentes deitados no chan, parellas fundidas nos bancos ou rozadas perto das sebes ben cuidadas deste parque de apariencia silvestre, familias de descendencia multitudinaria, grupos de mozas con hijab e vaqueiros sorteando con risas as ocorrencias dos seus namorados permiten comprobar o amor deste país polos espazos verdes, pola distracción ao ar libre aproveitando as mínimas raiolas deste sol que algo xa quenta. Volvemos sobre os nosos pasos. E vemos a estatua de Molly Malone que á ida non vimos pola baraúnda de xente. E vemos o antigo parlamento, agora (broken) Bank of Ireland. E non pasamos de largo diante do Trinity College e entramos e vamos cara ao fondo porque é tarde e xa non hai visitas e sentamos a carón dos campos de cricket nos bancos de madeira baixo os falsos plátanos e miramos, coa ameaza dun inicio de orballo, a herba verde, inmaculada, intensa aos nosos pes. No pequeno terraplén que dá para o campo, un estudante teclea no seu portátil: fala tamén para a pantalla. Entre as voces, sempre o sorriso. Só falta que a nena aquela que vén cos seus pais me pase a pelota. En efecto. Pásama.

Nota: na ilustración, Leo Burdock, o máis célebre fishandchipseiro da capital.

9 maggio 2011

IRLANDA (4)


Quedei no último post antes de cruzar o río Liffey cara o sul. Pásoo agora e observo os bancos cun cristal duro detrás para preservar do vento que procede do mar. Por isa parte da cidade, ondúlase algo máis o terreo. Pódense distinguir ao fondo os edificios do Castelo e á dereita as ruelas (a Cows Lane) por onde comercian artesáns e cociñeiros baixo a marca de alimentos orgánicos, verdes e ecolóxicos. Un ambiente tranquilo de mañán, coas fumaradas dunhas patacas fervendo. Sobrio e moi ben posto, con escasas concesións a un tristeiro enxebrismo. Táboas de rexa madeira, potas de metal, queixos empaquetados con primor e case luxo, entre cafés algo finos, como de happy few, e unha librería limpa e transparente. Seica, polo que vin na guía, que é lugar de atracción para os visitantes, aínda que non me pareceu ateigada nin sufocada polas hordas de turistas que somos.
Subimos cara a dereita para mirar as pedras grises da catedral de Christ Church, rodeada de árbores desordeadas e unha herba recén cortada e camiños de brancas pedriñas. Un potosí custa a entrada e parece que o buxo de fóra é máis interesante ca padecer de novo estampas cruentas demasiado familiares. O tempo ameaza algo de orballo e aínda queda unha boa xornada. Decidimos baixar cara saint Patrick, outra igrexa catedral, de idéntica fasquía, pero cun xardín de xeometrías imperfectas, adornado con parterres de tulipáns recén nacidos. Pasamos tamén de largo dos interiores porque as voces da librería Marsh pregaban por nós. Subimos as escaleiras daquel pequeno edificio pegado aos terreos da catedral. Somos recibidos de forma exemplarmente hospitalaria por un home que nos pregunta o idioma que falamos para darnos o folleto explicativo. Sen nos responder, achéganos a unha táboa onde están as traduccións aos varios idiomas do mundo: tamén ao español, ao euskera, ao catalán e ao galego. Cun inglés reverencial vainos proporcionando as indicacións necesarias para admirarmos os nobles andeis de madeira antiga e escura, cheos de libros, ordeados de maior a menor según ascenden os pisos da estantería. No medio unha exposición en vitrinas sobre libros da propia biblioteca sobre medicina: ilustrados na meirande parte, escritos en distintos idiomas, de diferentes épocas. Fantástica e marabillosa sen discusión. Pasamos a outra ala da biblioteca onde continúa a exposición. Entre unha e outra sala, un despacho onde dúas mulleres parecen atender o tráfego diario da biblioteca. Unha delas pregunta de onde vimos sendo: precisamos lugares e nese momento a outra muller diríxese a nós nun español que xa quixera eu para o meu inglés e comeza a falar de Santiago, das rías baixas, de Galicia, en fin, cunha emoción nada impostada. No silencio daquelas salas, a voz desa muller, xa algo maior, a piques, creo eu, de se xubilar, é un inesquecible detalle desta visita encantadora.
Ao saírmos pola fermosa rúa Saint Patrick's Close, con forma de lixeira curva, coa verxa do xardín e do cemiterio de saint Patrick á esquerda, cos muros de pedra algo elevados sobre as beirarrúas á dereita, coas dobles liñas amarelas pintadas na estrada, coas árbores que xa deixaban ver as flores, experimentamos ese momento especial que toda viaxe ofrece de xeito inesperado. Non sei se foi o perfil das lápidas do cemiterio ou o arrecendo imperceptible das follas molladas pola poalla. Non o sei. Pero a memoria tende a fixar esta instantánea de Dublín con serias probabilidades de ficar en nós para sempre.

7 maggio 2011

IRLANDA: PARÉNTESE EMOTIVO PARA SEVE BALLESTEROS


Era irlandés o señor da casa onde eu estiven por primeira vez en Southport, Lancashire, terra de inmigración irlandesa. Era un aficionado ao golf, como case todos os que coñecín aqueles días. Faloume dun tal Seve, que eu descoñecía por completo. Alí, no mesmo Southtport, nun fermoso recuncho daquela vila balnearia, destino frecuente a finais do século XIX e principios do XX, estaba o Royal Birkdale Club, o lugar onde se celebraba o British Open do ano 1976. Alí xogaba o tal Seve, para min un completo descoñecido. Agora que sei da súa morte lembro aquel mozo e lembro o que el puido significar para este país que saía do franquismo e da miseria. Probablemente nada: tan só un signo, un pequeno síntoma de que algo mudaba de forma irreversible. Eu así o miro desde esta tarde de sábado, baixo un tempo británico e irlandés de bruscas mudanzas.
Severiano Ballesteros: séxanche leves os greens e os roughs desta terra.

4 maggio 2011

IRLANDA (3)


Ao día seguinte, cun british weather cambiante, saimos cara o centro co firme propósito de encetar a mañán cun bó almorzo. Os acompañantes, temerosos de que tanta cantidade puidera perforar o estómago, estiveron arrepentíndose todo o día. No Kingfisher, de Parnell Street, paramos para meterlle o dente ás frebas de panceta, a dúas salchichas, a un ovo e unhas tostadas con manteiga como regular breakfast. Eu papei unhas fabiñas desas doces, dous anacos de morcilla (unha preta e outra menos), uns cogumelos e o mesmo cós demáis: un denominado full irish para entendérmonos. O restorante, fantástico, estaba xa moi animado a primeira hora do día: a proximidade dun supermercado (dos moitos e grandes que proliferan polo centro) e dun Jury's Inn explicaban o éxito. Co importe do almorzo xa nos dimos de conta de que os días en Irlanda non ían ser baratos: o almorzo normal costaba uns cinco euros e o especial 8. Pero merecía a pena andar xa ben pertrechado para o longo paseo de recorrido pola cidade.
Quixemos ir cara o centro histórico: o casco vello vikingo, nunca mellor dito neste caso. Decidimos ir por Henry Street, a rúa principal de comercios, peonal, de Dublín. Antes pasamos polo mercado de abastos, onde se vendía froita posta dun xeito non moi cuidado e onde proliferaban as casas de extensións de pelo e arranxos de uñas a cargo de mulleres na súa maioría de orixe africana. As tendas estaban abertas e podía verse a axitación no seu interior e escoitarse o balbordo de conversas en voz alta. Seica unha numerosa poboación procedente en concreto de Nixeria vive en Dublín: alí había de estar o lugar de encontro e de entretemento. Estrañoume non obstante o éxito destas tendas, así como o grande número de persoas que acudían alí co fin de alisar o pelo, poñer colas ou recortar, no caso dos homes, o pelo con figuras e letras rechamantes. Só nisa zona vin ese ambiente.
Os centros comerciais son novísimos en Dublín e fastuosos. Ninguén diría á vista do esplendor dos comercios que o país está en bancarrota. Nin tampouco á vista do movemento arredor dos mesmos. Abren, por certo, os domingos e non están nada baleiros ese mesmo día. Os homes adoitan vestir cun chandal completo (adidas, a poder ser) e as mulleres, aínda que tamén amosan certa predilección por esa prenda, tenden, coma aquí, a un certo desprendemento de roupas, mesmo con choiva. O primeiro que chama a atención é o grande número de familias con moitos/as nenos/as: é habitual ver familias numerosas, con pais novos e cunha diferencia de idade entre os irmáns ben pequena. Non é raro ver aos pais levar dous carriños ao mesmo tempo.
O primeiro contacto coa xente dublinesa aporta outro dato fundamental, do que xa viñamos avisados: maioritariamente é unha poboación xoven. Moi xoven na meirande parte dos casos. Seica un 50% da poboación dublinesa ten menos de 25 anos. E mírase claramente pola rúa. E outro dato é a súa paixón (que podiamos, cando un leva un varios días, tildar de esaxerada e ás veces irritante) pola música. A todos os niveis: na rúa, con todo tipo de xéneros e instrumentos, nas tendas, onde sempre está posta a música a un volume notablemente alto para o que cremos se estila nestes países, e nos pubs e cafeterías polas que un vai pasando mesmo a esas horas da mañán. Certificas moi axiña que hai unha animación moi particular en Dublín e que os días nesa cidade poden resultar moi divertidos.
Pero creo que non cheguei siquera a Capel Street e aínda non crucei o río. Miro entretido os escaparates de ferreterías, aparatos eróticos (rabbit finger) e os supermercados polacos. Aínda non mirei ningunha igrexa, pero ao lonxe semella recurtarse unha cúpula. Quedemos un rato sentados no banco de fóra deste pub, mirando como cruza un envexable tren lixeiro, elegante e silencioso por diante de nós. A cidade limpa, pulcra, como recén estreada, está aínda agardando.

2 maggio 2011

IRLANDA (2)


Na viaxe case nouturna desde o aeroporto novísimo e espléndido de Dublín cara o centro, un empeza a recoñecer os signos familiares: a lentitude da conducción, a proliferación de roundabouts, o piche nas beirarrúas, as casas empoleiradas sobre unha pequena montaña de herba ben cuidada, os parques asilvestrados con portelas de ferro e muros de ladrillo vermello anegratado, as primeiras luces sobre o dourado ou o prateado dos rótulos dos pubs, que a medida que nos achegamos ao centro van aumentando, o sinuoso das rúas, esa característica anticlásica que pretende respectar o desnivel das superficies, as imperfeccións da naturaleza, a estatura humanizada dos edificios nesa antiga estrada que comunica Derry e Dublín e que agora serve de limiar a esta ondulante capital de Irlanda. O autobús xira cara O'Connell Street e para diante do Hotel Gresham. As beirarrúas nesta elegante avenida son amplas e recén remozadas con granito gris impoluto. Nos bares, a estas horas da noite, algo fresca, soa música algo alta para o esperable (alomenos por min) nas illas. Fóra, co tabaco e vestidos con apenas unha camiseta eles e unha mínima blusa elas, grupos de mozos e mozas desafían o tempo con cánticos e berros de euforia. Cruzamos no semáforo da Rotunda e camiñamos por Parnell Square con iluminación algo menos poderosa. Pasamos pola sede do Sinn Féin, miramos a longa ringleira de paradas de buses e observamos a clásica rúa de casas semellantes, con soto e pequeno acceso de reixas ás portas pintadas de distintos cores. Ao final da rúa, o hotel. Tras apousentar, un pequeno refrixerio, xa noite aberta, nun take away de fish and chips (ese cheirume que esquecera), kebab e hamburguesas, rodeados de novísimos rapaces que agardan a comida para sentarense fóra, nunha escaleira, a cumprir coa cea. Mentres agardamos nós, eles montan nun coche pequeno e saen decididos pero tranquilos a tomar a noite. A hamburguesa en mans dun italiano que atende e unha pakistaní que serve merece moito a pena. A noite fica algo morna e camiñamos paseniño cara o hotel. Miramos pouco. Case nada de Dublín. A rúa está case baleira. Look right, look left coma sempre no chan. Foi suficiente un lixeiro arrecendo a vinagre impregnando o papel de estraza para lembrarme unha tarde baixo a torre eiffel de blackpool e o vento asubiante das eternas praias de southport onde nunca aparece o mar. Esta cidade promete.

1 maggio 2011

IRLANDA (1)


Desde que o meu pai fora a Irlanda e trouxera dalí, aparte dunhas copiñas e dunhas cunquiñas moi xeitosas para elaborar o café disque irlandés, unha imbatible fascinación polo modo de vida das illas británicas, ampliada máis tarde coa visita (fugaz) a Londres e a Birmingham, na miña casa por contaxio completo somos anglófilos de pro, incluida miña nai que nunca estivo alí. Con quince anos pisei eu mesmo terra inglesa (daquela metín o zoco mesmo en Chester e mirei de lonxe Escocia desde o Lake District). Desde aquela, eses países (coas súas diferencias internas que só o máis estudiado pode advertir) forman parte da miña educación sentimental e mesmo da miña forma de comprender o mundo. Supoño que se viaxara de primeiras agora o meu parecer sería moi outro. Pero ir, co franquismo recén morto (colliamos daquela o avión desde un caluroso Madrid case o mesmo día en que Suárez fora encargado para facer governo), e visitar aquela sociedade foi para min definitivo, inesquecible.
Volvín moitas veces á Gran Bretaña. Moitas, sempre co desexo de recargar os meus vellos entusiasmos, a miña arraigada devoción polo xeito de vivir daquelas xentes. Un ano, incluso, recorrimos a illa enteira de sul ao norte pola costa este ata chegarmos a Inverness e de norte ao sul pola beira oeste para lembrar aqueles lugares da adolescencia, Southport, Blackpool, Liverpool, que foron en min tan decisivos. Londres, unha decena de veces visitada, é unha das miñas cidades favoritas. Bristol, York, Oxford, Brighton, Canterbury, Whitby, Scarborough, Cambridge, Manchester, Durham, pero tamén Edinburg, Fort William, Oban, Glasgow e as paisaxes fermosas dos highlands escoceses, os páramos de yorkshire ou os citados lagos en Windermere. Sempre que podo regreso onde sexa para renovar esa miña predilección.
Todo este preámbulo para falar da impresión causada polo meu primeiro viaxe a Irlanda. Coma os fermosos recordos de tantas viaxes á illa veñan á memoria, vai ser difícil empezar o relato. Porque ou representan tanto para min ou Irlanda chama por eles!!