Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 agosto 2008

ESCAPADA A TRIESTE



Nun café da Piazza dell'Unità d'Italia de Trieste fixen o meu pequeno homenaxe a Claudio Magris. Lin durante as noites deste verán o seu extraordinario Microcosmi. Premio Strega do ano 1997, conta, cunha mistura de ensaio e ficción narrativa, as cousas miudas desta zona fronteiriza de Europa e do mundo. Grado e Aquileia, Friuli, Udine, Pordenone, Gorizia, e o anfiteatro natural iluminado por un mediterráneo marabilloso de Trieste. Con esta excusa e cun estilo admirable e xa clásico, Magris expón as contradiccións, os paradoxos, os conflictos, as complexidades infinitas deste pequeno universo. Nun dos capítulos, a voz que camiña polos xardíns públicos de Trieste atopa varias estatuas e, a través disa cortísima viaxe, escribe a semblanza biográfica e literaria de Italo Svevo, Umberto Saba (outro día traerei os seus fermosísimos versos), de Rilke ou de James Joyce, habitantes ou residentes íntimos desta cidade luminosa. Algúns deses párrafos (apenas catro liñas) valen por toda unha monografía crítica. 
O libro pode lerse sen visitar este paraíso atravesado por case todos os pobos, co correspondiente sangue derramado. Pero cando un recorre a estrada desde o castelo de Miramare en Duino ata Umag na Croacia, tras parar en Koper/Capodistria, entende que por aí pasou, pasa e ha pasar o futuro deste continente. Magris describe este laberinto de exilios, traslados, mudanzas, fronteiras movedizas, cun talento excepcional. Un dos praceres deste verán veneziano e véneto giuliano.

30 agosto 2008

PARÉNTESE INTERNO


As razóns para manter ou adiantar as eleccións son sólidas. Eu prefería adiantalas porque consideraba a) esgotado o mandato (as leas internas aínda máis esgotadoras, sen contar algúns conselleiros exhaustos), b) palpable a crise económica e polo tanto necesaria unha proposta resolutoria cunha nova estructura política, e c) demasiado notoria xa a protocampaña electoral, un ano antes das eleccións. Probablemente haxa condicionantes internos (leis que aínda están por saír e que, por certo, tardan catro anos en elaborarense malia telas anunciadas nos programas extensísimos dos partidos; adxudicacións de concesións que aínda non remataron o trámite administrativo; resultados evidentes -que se vexan, vamos- das actuacións en materia de infraestructuras; ou un pretendido pouso informativo das iniciativas levadas a cabo durante este tempo), que aconsellen rematar ao final da lexislatura. 
Aparte da escasa importancia que supón simplesmente gañar un trimestre máis de parlamento (temerario sería que ademáis aprobaran leis a última hora que outros partidos poderían reformar nun plis plas de gañaren as eleccións), o que non remato por entender é plantexar o asunto como unha cuestión de autoridade, debilidade, fraxilidade ou poderío do presidente. Quizáis as dúbidas sobre esta cuestión deberon ser eliminadas hai tempo para evitar a tentación lóxica e natural de que todo o mundo puidera opinar ao respecto. A presión, tamén obvia, recibida polo presidente condicionou todo o proceso (mesmo o propio día pola mañán nun editorial penoso de EL PAÍS) e non é de estrañar tampouco que agora mesmo da propia decisión poida quitarse rédito electoral, como está a suceder. 
Nin adiantar eleccións supoñía sumisión ou perda de autoridade, nin mantelas ata o final supón agora a certificación solemne dun liderato sen contestación algunha. Touriño (coa razón do contrato coa cidadanía, que no caso de adiantalas non sei como o xustificaría) considera que é mellor rematar (cun suposto argumentario de pros e contras: contaba pois coa posibilidade de adiantalas, e tras unha entrevista con Zapatero) en primavera. Acabemos, logo, e daquela xa se verá.

Foto: trinta anos despois de escoitar a fermosa palabra Gattamelata puiden por fin ver o que significaba en Padova, unha cidade, por certo, marabillosa.

29 agosto 2008

ITALIA: HARKAS XUVENÍS


Na revista L'espresso do 13 de agosto informan que os militantes das mocidades procedentes da fusión entre o partido de Berlusconi, Forza Italia, e An, Alleanza Nazionale, aumentan día a día a un ritmo impresionante: son agora máis de 100.000 azzurri no movemento Azione giovani. Pero no norte, na Lombardía e no Véneto o verdadeiro fenómeno é o dos giovani camicie verdi, os camisas verdes (ese gusto pola camisería dunha soa cor resulta desacougante), un grupo que desde o mes de xaneiro ten recibido unha media de 57 adhesións ao día por un total de 68.000 nos catro meses, un auténtico récord. Os militantes son moi novos, de 15 a 22 anos, e forman os chamados Giovani Padani, obviamente vencellados ao movemento da Lega Nord. 
Non sei cal son as razóns deste desproporcionado medre de militantes ademáis novísimos. Haberá moito de oportunismo persoal, pero esas masas de disciplinados e radicais mozos, adoctrinados por causas simplicísimas (xenofobia e rexeitamento do outro), non me gustan nada de nada. Os episodios de gangsterismo nas aulas, de matonismo a quen discrepe, de contraposición constante dos valores de tolerancia e progresismo sociais nos foros estudiantís, son denunciados a cada pouco nos xornais italianos. A opinión pública berlusconiana marca de forma decidida, con camiño populista homoxeneizador, a vida cotián do país. Tristísimo.

28 agosto 2008

ITALIA: O EXÉRCITO NA RÚA


Nun fantástico artigo ("Arrivano i nostri") , como case todo o que sae do seu maxín, Eugenio Scalfari analiza a decisión de Berlusconi (e dos seus edecáns de An, promotores da idea) de incorporar o exército aos labores de seguridade nas rúas. Traduzo o seu fermoso linguaxe de bersagliere político: 
Trátase de 3 mil soldados e oficiais elixidos entre paracaidistas, granadeiros e lanceiros de Montebello. A norma da misión prevé non só deberes de control en edificios públicos e en zonas sensibles (por exemplo, as descargas de lixo), senón tamén labores de patrulla en formación xunto a carabinieri, policía e Guardia de Finanza. Á patrulla son enviados 500 militares: é dicir, un sexto do continxente. 
De que modo unha contribución tan minúscula poda reforzar o sistema da seguridade pública resulta un misterio. Sumando carabinieri, policía do estado e guardias de finanza, chégase a un total de 300 mil homes. Mesmo eliminando aqueles que realizan labores administrativas quedan como pouco 200 mil persoas destinadas a investigar, previr e reprimir os culpables dos delitos. Os 3 mil militares do continxente representan o 1,5 por cento total; os 500 constitúen unha fracción infinitesimal. Pero, chegan os nosos. 
Un amigo meu siciliano, dun pequeno lugar da campaña agrixentina onde aínda vive a súa nai octoxenaria, contoume o seu diálogo telefónico coa mamma. "Estaba tranquila, díxome, porque ían chegar os soldados. Que soldados? lle preguntei. Os militares, os do exército. Pero quen cho dixo? A televisión. Pero non han chegar á nosa casa. Si, si; díxoo a televisión. E por que estás tranquila? Porque collerán aos xitanos que rouban os cartos e aos cativos. Pero non hai xitanos onda nós. Pero son perigosos e rouban todo. Mamma, viches ti un xitano na túa vida? Non, pero a televisión di que son perigosos, pero agora que chegan os soldados xa me sinto máis segura. Entre nós, sen embargo, está a Mafia; díxenlle. Si, respondeume, pero a eses coñecémolos, son do país".
Esta foi a conversa do meu amigo coa súa nai. Eu propoño para Berlusconi e para La Russa (o ministro do Interior, de AN) un master en creatividade, se cadra dos Lincei ou da Accademia di san Luca. Meréceno todo.
L'espresso, 21 di agosto de 2008 

Nota: hoxe leo este outro magnífico exemplo do xornalismo italiano en alerta das condicións que está a crear o berlusconismo adobado co postfascismo de An e o racismo explícito da Lega Nord. De Piero Ignazi.

Foto: esclavo que sostén a tumba do dogo Giovanni Pesaro na igrexa dos Frari, uns, polo que se ve, máis irmáns ca outros.

ITALIA: O PAÍS DAS MEDIAS VERDADES


Nel paese delle mezze verità. O país das medias verdades. Un videoclip moi interesante sobre Italia. 
Ci sono cose che nessuno ti dirà
Ci sono cose che nessuno ti darà
Sei nato e morto qua
Sei nato e morto qua
Nato nel paese delle mezze verità.

Foto: lápida na igrexa case descoñecida dos Gesuiti, sestier, xaora, do Canareggio. O meu sestier. Para sempre

27 agosto 2008

ITALIA: RACISMO



Preocupante a situación italiana no que respecta á inmigración. As noticias sobre claros exemplos de racismo aparecen sempre nos diarios. Un rapaz de Xénova de orixe ecuatoriano é atacado por trece persoas ata case causarlle a morte. Unha rumana que vai no bus e esquece pagar o billete é amablemente atendida polo revisor que entende o problema pero aldraxada e apoupada polos demáis viaxeiros que a conminan a saír do bus e de Italia. Os vendedores de bolsos falsificados na praia, ademáis de perseguidos pola policía, son perseguidos e golpeados polos propios veraneantes (Vergoñento relato o duns pobres inmigrantes negros que logran escapar dos carabinieri pero se ven obrigados a deixar alí a mercancía e o dos paseantes que se lanzan como posesos polos bolsos e o da intervención da forza pública para impedir o saqueo). Os episodios desta clase son moi numerosos, co agravante de que de forma aberta os políticos e as súas soflamas colocan ao que chaman eles o extracomunitario como branco de todas as culpas. Agora mesmo en Italia hai un perigoso camiño cara ao fascismo. E non o digo eu a partir do que puiden ver e escoitar, senón os propios italianos o advirten. Algunhas asociacións cristianas, habitualmente relacionadas cos movementos franciscanos, moi activos en Italia e promotores da revista Famiglia cristiana, destacaron durante estes días o elevado risco de fascismo en Italia. O propio Papa, lonxe de desmentir tales denuncias, reiterou a necesidade de eliminar esta perigosísima deriva. A resposta dun dos principais ministros de Berlusconi a tales críticas constitúe unha mostra máis da miseria dos gobernantes italianos: "Creo que na igualdade dos homes, pero tamén creo que existen Caín e Abel".  Pode resultar increíble, pero ler e escoitar o que chegan a dicir os políticos italianos (os da Lega son para nota) non pertence ao mundo democrático ao que estamos afeitos. Receo que, por algún xiro na opinión pública, rematemos coma eles. 
Preocupante, moi preocupante.

26 agosto 2008

APERTURA

Temporale d'estate na Fondamenta delle Capucine para abrir boca. 

ASTURIES A CORAZÓN CHEO

Comezo polo final o retorno do grand tour veneziano. E resulta obriga esencial resaltar a beleza deste palazzo da sidra, en Villaviciosa. Se algunha vez desfrutan da fermosura da ría de Villaviciosa, invulnerable á desfeita que tanto nalgunhas partes de Cantabria (Castro Urdiales, Laredo) como na Mariña lucense (pánico daba hoxe pasar por alí coas infinitas urbanizacións ademáis paradas, a medio facer), non deixen de xantar neste reducto doutro tempo: teitos elevados, fotos dos anos 60 (penduradas, digamos, naquelas datas), sidra botada ao chan (sen serrín) e cheiro inconfundible a un cabrales excelso e a oricios. Para remate da viaxe, un fasto inesquecible. Gracias, como non, a Chiti e a Colo. Un bico para eles que, de seguro, mañán suben, coma sempre, a ver o Picu Urriellu