Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 ottobre 2007

ELVIRINA

Elvirina vivía nunha modesta casa nos Pontones, a un paso de Mieres. Desde a súa porta vía un bosque de castiñeiros e carballos, pero tamén as vellas vías do tren de carbón que en tempos transportaba miles de homes para traballar nas minas. Ela vivía de aluguer, porque non sabía o que era a propiedade, os luxos, os gustos máis ou menos caros da xente. Tiña unha bilbaina, cun quentador de auga arriba que tapaba cun pano para que o "hollín" do carbón non engrasara o metal e ennegrecera de máis aquela cociña. Cando iamos visitala, ás 12 ou á 1 da mañán, tiña unha pequena pota con arbeyos, fréjoles y una patatina fervendo paseniño nun rincón da prancha, queimada co carbón que aínda recibía. Botaba ás agochadas un pouco de pimentón picante para darlle un pouco de sabor a esa comida suficiente para a súa idade. Padecía da circulación desde hacía varios anos, pero eso non lle impedía moverse pola súa casa coa ledicia dunha nena encantadora e marabillosa. Era pequeniña, apenas metro e medio, e tiña un sorriso inigualable, unha ledicia na faciana que nunca esquecerei mentras viva. E iso que, como moitas mulleres da súa idade, 96 anos, a vida non foi con elas doada. Cuidou sucesivamente dos seus irmáns cando pequenos, do seu marido ata que a guerra o matou, do seu pai, outra vez dos seus irmáns, homes xa maiores, un, Avelino, un pouco retrasado, a quen recordo agora co seu pano limpando a súa boca torta e o seu sorriso tamén perenne, o outro, Herminio, un mineiro, vello comunista coma seu pai, case fundador do partido en Asturies, pero ao parecer un pouco baldreu para as cousas de casa. Toda unha vida de traballo para os demáis, pero sempre co sorriso, a preciosa ledicia e a xenerosidade abraiante nos seus labios.

Ía a todos os enterros da bisbarra: coñecía a todo o mundo e todo o mundo a coñecía a ela. Pero nos últimos tempos receaba de que non quedara xente para o seu enterro: todos ían ficando nel camín. Mañán non poderá ir ao seu. Ou si. Nunca se sabe. Porque Elvira nunca morrerá: o seu sorriso, con aqueles ollos azuis, transparentes como as augas da fonte de Pocacosa, a nosa casa aló no medio e medio do monte, mentres exhibe unha pota xigantesca de fabada, non se me quitarán nunca, pero nunca, nunca, da miña memoria.

Adeus, Elvirina, adeus. Mañán irei aos Pontones a verte: alí estarás seguro, con les perres en los bolsillos siempre preparaes pa les nenes. Seguro que me dirás: pa caxigalines. Pa caxigalines nela reguera'l Campizu, onde todos vamos estando. Un besu.

18 commenti:

Suso Lista ha detto...

Esta é unha boa homenaxe a Elvirina. Vivir sorrindo ante as desgracias, é un triunfo. Saludos

César de Rosendín ha detto...

Non teño que engadir.
Tan só subliñar o da vida humilde e, por suposto, honrada a carta cabal que levou. Vida de clase traballadora, de proletariado, que se dicía antes. Porque Elvira era, foi, unha das últimas representantes desa clase que hoxe xa non existe (non é que non exisistan traballadores, o que desapareceu foi a clase).
A paisaxe manchada (ou levámolo nós nos ollos?)de carbón antigo e honrado, a casa nunha costa imposible fóra da Agüeria, a bilbaina, o banquín do carbón para a bilbaina (carbón, sempre carbón), a foto adicada do seu sobriño-neto Kevin de primeira comunión nun marco de alpaca, a colcha da cama manufacturada hai tanto tempo, as flores (flores do campo, silvestres, recollidas por algún veciño ou familiar en calquera paseo, pode que por Pocacosa) nun xarro na entrada, o chaveiro Recuerdo de Mallorca colgado na parede... Todo, absolutamente todo, dunha sinxeleza brutal, dunha humildade dolorosa que che rebentaba na faciana de pijobobo xusto antes de decatarte, con gusto, unha vez máis, de que ti mesmo eras todo o que alí había, non o que aparentabas (serei eu capaz de transmitirlles con esa claridade e sen palabras ás miñas fillas de onde veñen, de onde vimos?
Non tiña nada que engadir. Se eu vos contara. Que a terra lle sexa leve mentres eu tento que a miña filla honre o seu nome como se merece. Gracias, Elvira, de todo corazón.

Leo Legris ha detto...

Arume, dille mañá a Elvirina que grazas

Xaime ha detto...

Non coñecin a semellante persoa, pero a emoción e a pasión que vostede denota e transmite no texto, facía tempo que non-o sentía.
Noraboa e o meu sentido pésame

marcos valcarcel ha detto...

Fermoso artigo: as elexías ben sentidas saen do corazón a cachón, e iso nótase neste texto. O meu sentido pésame.

apicultor ha detto...

As miñas condolencias.

Os que hoxe quedamos non valemos nin a metade dos que se foron.

arume dos piñeiros ha detto...

Nin enterro, nin nada. Só o velatorio, o acompañamento: unhas voces en voz baixa, unhas palmetadas nos ombreiros, uns bicos emocionados. Todo transcurre sen cerimonia. Tal vez mañán ou estes días suban as súas cinzas por entre as faias e os castiñeiros frondosos que levan andando ata Pocacosa. E alí, mirando para o Cabanín, baixo o loureiro de detrás da casa irá esparcida a inmensa xenerosidade de Elvirina. Meu pai terá que esforzarse moito co gadañu para cortar a moita herba que de seguro nacerá por aquela terra.
En poco espacio yacen mis amores, direi eu en voz moi baixa, en silencio.

Xaime ha detto...

Non siga, por favor

Xaime ha detto...

Sabe que llo digo por que me está deixando estupefacto da súa vea meláncolica e humana.
Deixe corre-la paixón e inúndenos de Elvirina

Cesarín, hoxe máis ca nunca ha detto...

De volta da Agüeria. Foi un viaxe de ida e volta, pim-pum, sen historia, "a palo seco".
Alí estiven, no tanatorio de Muries. Fóra da sala o libro de condolencias, cheo de nomes milenarios (Aurelia, Nicanor, Cecilio, Julia) e apelidos cravados a esa terra furada(Llaneza, Guerra, Ardura, Baragaño) escritos con letra antiga quitada dalgún manual republicano, letra de trazo infantil, pouco desenvolvido (a esta xente non lle deron moitas oportunidades de practicar), inda que o tremor das liñas delataba mans vellas.
Dentro seres benqueridos. Por Elvira, por min, por todos. Xente capaz de dicir, referíndose ás miñas fillas, ás fillas de calquera: "lo importante lle que estén sanes y que tengan principios". Alguén dá máis?
A carón do féretro flores con recordos de Jamina, Cármen y Geles, dos veciños, dos sobriños, duns amigos de Vigo (tal que así puña na cinta: "los de Vigo no te olvidan". A pelo), de Talín y Gelonos.
Nunha esquina Aurora, Aurorina, a irmá de Elvira, única superviviente dos 11 fillos de Rosendín. Os homes: Ángel, Laureano (ámbolos dous mortos sendo nenos), Agustín (morto na guerra baixo a bandeira republicana, non tería que dicilo), Cesáreo, Herminio e Avelino. As mulleres: Pilar (la mi güelina), Sabina, Julia, Elvira e Aurora. Inda que moitos morreron sen fillos, deixaron os suficientes para gardar memoria. Tamén queda Pocacosa, a casa que ergueu Rosendín coas súas propias mans e que agora é propiedade do meu pai e da súa irmá. Outro día contarei a historia da casa e de como a familia chegou alí. Agora vou durmir.

Xoan da Coba ha detto...

.................................

manel de gelín ha detto...

L'Agüeria de san Xuan, la de la Peña, los de Cabanín, Carraspientes, Custavil, La Solana, Poliu, La Xagosa, L'Acibiu, Riuturbiu, Oñón, Requexu, la Villa, los Pontones, los Pontones. Taben tos.

r.r. ha detto...

Un abrazo, señor Arumes.

Peke ha detto...

Joer, señor Arumes; emocionoume.

arume dos piñeiros ha detto...

Pois teño que confesarlle que tamén eu me emocionei mentres escribía: ela era emocionante. E sigue a ser emocionante mentres poda recordala.
Moitas gracias pola vosa compaña.

Xoan da Coba ha detto...

Xa sabe que non morremos de todo hasta que morra a última persoa que nos lembre.

Fada Branca ha detto...

Fermoso homenaxe

marcel swann ha detto...

Magnífico, Arume.