Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 febbraio 2011

NOVAS ESQUERDAS


Xa foi comentado (e creo que mal entendido) neste blog a novidosa perspectiva das forzas progresistas (esa esquerda ampla) de occidente sobre as tiranías (de calquera signo, en calquera distinto país onde xorde) doutros países. Era habitual que antes de formular calquera crítica sobre estas mobilizacións contra tiranos se mirara o carné, a substancia ideolóxica do réxime. E mesmo non era raro que se mirara con desconfianza aquelas protestas que tiñan como obxectivo acabar cun governante escasamente querido polos EE.UU. ou polos seus afíns. A esquerda, que, ao meu xuízo, debe estar sempre na avangarda das loitas pola liberdade e a igualdade dos pobos, abandonou durante moito tempo ese xenuino carimbo por un inexplicable silencio cómplice.
Afortunadamente, tamén ao meu xuízo, estes últimos meses están devolvendo aos movementos civís de esquerda o seu protagonismo natural, se cadra porque entendeu que se algo debe definir a esquerda (non digo que a dereita non poda aspirar a iso, pero agora para o caso non importa) é a loita contra calquera réxime totalitario. Xa sei que certa esquerda non pode presumir tras anos de innegable furia dictatorial en países tristemente ben coñecidos, pero aquelas persoas que se proclaman de esquerdas deben abandeirar sempre calquera defensa das liberdades e da igualdade social. O contrario é claudicar vergonzosamente da súa esencia.

19 febbraio 2011

LA AGONÍA DE FRANCIA, DE CHAVES NOGALES


Ao querido amigo Xesús Fraga, que mo recomendou vivamente

A construcción histórica da resistencia francesa quixo sempre colocar ao país veciño como un baluarte da democracia fronte ao nazismo e o fascismo. A Francia ocupada polos nazis é un deses escearios da historia recente onde nace a imaxe heroica do combatente clandestino antifascista, as máis das veces adornado con elementos case románticos. O cinema abundou nese imaxinario en moitas ocasións, no que non falta esa pequena axuda norteamericana ou británica, case sempre presentada de xeito periférico ou marxinal. Ese francés (ou francesa) de boina, montado en bicicleta, vestido con pullover escuro e chaqueta de pana ou gabardina, que vai de vila en vila, por granxas e corredoias impolutas, mantense na nosa memoria sentimental. De todo ese mundo, apenas nada ou nada da responsabilidade das propias autoridades francesas na chamada invasión alemá, apenas comentarios ou palabras sobre os propios franceses conniventes co fascismo e cos nazis, cando o máis sinxelo libro de historia apunta os alicerces desa alianza interna nunca desmentida.
Con estes antecedentes, a lectura de La agonía de Francia de Manuel Chaves Nogales supón a inversión radical dese retrato: o da Francia entregada, claudicante, colaboracionista, que permitiu, sen oposición ou con falsa, inocua e ceremoniosa resposta militar, a entrada dos nazis no seu propio país. O libro de Chaves, unha marabilla en todos os sentidos, comeza desde a cuberta dun barco que deixa o río Garona, nas ribeiras de Burdeos para enfiar rumbo a Ingalaterra. Cos recén exiliados dun París invadido, Chaves lembra, en reflexións dunha subtileza exemplar, a paulatina e inexorable derrota das forzas democráticas en mans dun pobo decidido a deixarse gañar, a confundirse co nemigo, a non plantear nin a máis mínima batalla. A análise da situación política de Francia nos anos do Fronte Popular de Léon Blum ou dos governos de Daladier, coas súas implícitas analoxías (non resaltadas, pero perfectamente aprehensibles) coa situación política española, recén vividas polo propio Chaves, intenta explicar a distancia entre o nivel intelectual da clase política francesa co designio vencido dos seus habitantes. Nunha aparente equidistancia, Chaves abomina dos totalitarismos fascista (nesa variante que el chama caporalismo, palabra hoxe case desaparecida) e comunista, pero entende con claridade que o temor a este último anima ás clases burguesas (pequeno burguesas máis ben) ou aos liberais a deixarse cair en mans do autoritarismo visceral dun Pétain ou dos propios alemáns, considerados mesmo como a salvación da Francia.
Chaves, cunha melanconía tristísima, consecuencia (como en Azaña a quen tanto admiraba) dunha desmedida e fatal confianza na capacidade deliberativa, retórica, da sociedade, vai esmiuzando o progresivo entumecemento lírico das clases intelectuais, a pasividade das clases burguesas (impagable a descripción dos ricos despreocupados, sentados nas terrazas de Burdeos ou de Biarritz, recén chegados do París invadido), a indiferencia da aristocracia e o quintacolumnismo involuntario dos comunistas, a desaparición do espíritu da Francia eterna dos valores da igualdade, fraternidade e liberdade substituido pola Francia nacionalista, a incompetencia absoluta dun exército afeito ás doadas victorias coloniais e aínda cautivo das glorias anteriores e necesitado de profunda renovación, a impaciencia dunha clase política, preparada, pero apurada por unhas circunstancias que non son quen de comprender ou de manexar, a case natural traición dos seus heroes doutrora, o desprezo polos soldados ingleses (tamén preciosa a contraposición entre o entusiasmo xuvenil destes mozos confiados nas súas posibilidades e o amargo afundimento dos franceses) que se afanan na defensa das súas propias terras.
Todo esta prodixiosa e serena reflexión sobre o lento proceso de destrucción, como sinala Chaves, de catástrofe de vinte séculos de civilización, culmina nunhas páxinas últimas excepcionais onde describe os longos atascos dun millón de parisinos que abandoan a cidade con todos os seus bens móbis, coa ausencia dun mínimo compromiso cívico, mesmo piedade, arrepiante, as avenidas baleiras do París da semana previa á chegada dos alemáns, o ambiente fúnebre e desolado dunha cidade presta a ser tomada sen resistencia polos tanques das forzas militares nazis, e o patético éxodo, non exento de inconsciencia dramática, das autoridades camiño dese Burdeos, ao cabo plataforma do obrigatorio exilio.
Chaves Nogales conclúe, nese verán de 1940, o seu duro relatorio con palabras que evocan os discursos e o pensamento de Azaña: "Francia sabe, y no ha podido olvidarlo, que hasta ahora no se ha descubierto ninguna forma de convivencia humana superior al diálogo, ni se ha encontrado un sistema de gobierno más perfecto que el de una asamblea deliberante, ni hay otro régimen de selección mejor que el de la libre concurrencia: es decir; la paz, la libertad, la democracia. En el mundo no hay más."
Este seu liberalismo radical condea a submisión francesa ao totalitarismo e desvela unha das páxinas negras da historia de Francia, en demoledora contraposición ao idílico semblante deses poucos resistentes que o relato dun tempo pasado foi colocando como marca indeleble do heroismo antifascista francés. Desde moi dentro dese mundo anterior á debacle, Chaves pinta un país en infame ruína.

16 febbraio 2011

RETIRADO

Hoxe teño o día xeneroso. Eiquí van as dúbidas dun poeta para elixir os versos. E tamén as mostras do apañao (case ecolóxico) que vos era, que mesmo as gardas dun libro podían lle servir de pizarrín sonetil. Na da abaixo van pequenas combinacións en larva, algunhas noutro lugar ubicadas.
Con tanta chuvia e vento o lóxico era que rematara nunha folla custodiada en Londres.

14 febbraio 2011

E U É?


As esperas nas consultas traen como consecuencia a lectura indiscriminada de canto papel hai por alí. Eu teño preferencias polas revistas do corazón, pero, cando remato, non queda outra que apandar co que haxa. Pero o outro día houbo sorpresa grande: unhas revistas de automóbiles clásicos. E, dentro delas, un especial sobre os 40 anos do 1430.
Xa falei aquí, creo, deste mítico coche que acompañou as nosas vidas durante anos (incluso os días de estudante en Santiago), pero foi emotivo ver de novo o seu tapizado (o noso foi recuberto cunha dacha infame e o cambio de marchas por un metacrilato con cunchas dentro) e o seu prístino, con sancristovo, salpicadeiro (que non sei que quere dicir, a verdade, salvo que sexa o que antiguamente servía nas carruaxes para evitar que salpicara a auga para adentro: agora a palabra ata parece porno en según que casos de divertimentos de interior). O certo é que non puiden resistir a foto da foto, con flash malamente incluso. A emoción será comprendida e a pifia ilustradora perdoada.
Ese claxon, eses mandos, esa canle redonda de aireación, esa xaneliña batente triangular, ese volante de dirección desasistida... Vaia por el esta cantiga de don dinís: Ai, deus, e u é?

ÁSPID EN LIRIO


Calculo a ollo e boto a conta por riba. Case mil composicións. Uns vinte mil versos (se cadra máis), entre endecasílabos e octosílabos e algúns heptasílabos para aliviar e bourear a sintaxe. Moitos prescindibles; non poucos, penosos. Outros, inimitables; entre eles, os excelsos e únicos. Da infinita variedade eu prendo para min un fugaz verso.
Na vella edición, xa desfarrapada, está suliñado en lápiz, con asterisco á marxe. Leo esta mañán de inverno víbora en rosicler, áspid en lirio mentres tomo o ar necesario.

NOTA ÁS FANTASÍAS DE INFANCIA


O video do gol de Wayne Rooney que puxen na anotación anterior foime requisado. Queda logo en metáfora das fantasías de infancia. Nos Old Trafford da memoria.

12 febbraio 2011

FANTASÍAS DE INFANCIA

PROPÓSITOS PARA ESTA PRIMAVERA


Decidín colgar certos hábitos ou case todos. Teño ganas de ficar espido un instante e de poñer ipso facto un niki, branco, un pantalón vaquero e os tenis de sempre, brancos. E sentar nunha terraza durante horas a ver pasar a xente.
Non sei se curtar polo de agora algo o pelo.

9 febbraio 2011

FRANQUISMO 3


Acusar tampouco é a palabra, pero hai tamén un franquismo literario que moitas veces se explica con poucas palabras. Apenas unha frase, unha definición: Fulano foi poeta falanxista; Mengano escribiu panexíricos ao caudillo; Zutano foi censor, delator e adulador camisazul. Nunca somos capaces de, coma nos casos anteriores, seguir o rastro cotián, por entre os xornais daquelas épocas, e comprobar conferencia acá, premio alá, acto acolá. Na radio, no círculo, no paraninfo. Os temas do romanceiro castelán, os heroes medievais, a rexa virilidade de guerreiros e emperadores, a mística de sanjuan, a devoción do martiroloxio.
Podemos esquecer, pronunciar un xafoi a distancia, evitar a denuncia a destempo. Claro que podemos esquecer. Que xa é moito para quen non tivo eses luxos, esas fanfarrias de clarín e patio de bandeiras.
Pero non me veñan tampouco con santidades arrepentidas nin conmemoracións deliberadamente amnésicas.

FRANQUISMO 2


A proliferación de apelidos compostos, con guións engadidos, de estirpe nobi e seudonobiliaria, caracteriza o repertorio dos asistentes ás exequias do prohome da anotación anterior. Algunha vez tamén sairá publicado o espolio de familias enteiras, a usurpación económica de todo un país, o roubo manifesto tras a guerra, a creación ex nihilo das fortunas que agora ademais causan asombro mesmo en representantes do columnismo local. Tras a República a economía do país quedou en mans de quen quedou e a riqueza deste país durante anos, decenios, estivo en mans de quen estivo.
Hai que recoñecer que o sangue dos asasinatos durante o franquismo é demasiada proba para non claudicarmos na súa restitución política, moral, persoal, familiar. Quedarán, porén, sempre en segundo termo os cartos esquilmados no botín de guerra, esa cousa que chaman os vencedores bens castrenses, que hoxe case ninguén solicita e que forman parte dese capital que por veces enseñorea nos parqués de madeira da bolsa.
Pero, por favor, que non me fagan eloxios de quen aproveitou os resortes corruptos do réxime para se enriquecer. Só iso pido xa.

8 febbraio 2011

FRANQUISMO


Quixo a casualidade que por indagar en épocas non moi lonxanas, poñamos ano 1956, entrei na espléndida hemeroteca do diario madrileño-sevillano ABC. Trataba de buscar noticias sobre un personaxe clave da cultura franquista: director dunha academia e membro de tantas outras de semellante fasquía. Din coa súa esquela e din, un día antes, coa nova do seu óbito (palabra de época) e coas glosas habituais á súa persoa. Lin con atención a prosa solemne de encomio ao célebre erudito coas alusións ao protocolo funerario daquel tempo e ao cortexo fúnebre de tan afamado persoeiro, repleto de nomes de infames turbas de nocturnas aves. Mantos de santas, coches estufas, galas do difunto chamaban a espanto retorizante. Catro follas enteiras do xornal, con fotos dos corvos académicos e figuras da miserable corte de miragres franquista. Non resistín a tentación de botarlle unha ollada a todo o exemplar. De principio a fin, portada, a terceira de abc, fotos, comentarios, crónicas do estranxeiro, discursos enteiros dos xefes de falanxe, esquelas, recensións de libros apuntaban a unha mesma liña ideolóxica fascista e católica. Só algúns anuncios de medias (para collelas máis ben), de máquinas de coser ou de películas aliviaban a desacougante lectura daquel periódico.
Disque moitos ignoran ese periodo da vida deste país. O que traen os libros de historia, a pesar de marcar fitos, personaxes, sucesos, non pode explicar o transcurso diario e cotiá daquel tempo. Ler unha soa páxina do ABC dun día calquera de 1956 (xa non vou máis alá, porque non é necesario para a proba) amosa en que tipo de país miserento houbo de vivir tanta xente.
Algún día este mesmo xornal (que construía todos os días o relato do réxime, baixo escusa de informar) pedirá perdón?

7 febbraio 2011

HENRY WARRINGTON


Estivo tocando en casa o outro día. Acompañeino timidisimamente á guitarra porque el ten talento para sobrarse só inventando marabillosas cancións ou remedando con especial intelixencia uns subterranean homesick blues tremendos. Anda de pub en pub amosando a única forma de respirar que sabe, a de rasgar unha guitarra acústica con vehemencia e ao tempo cantar coa enerxía de comerse medio mundo en cada actuación. Ten un pequeno espazo no universo virtual, onde aínda homenaxea aos seus antigos colegas de grupo e onde exhibe efervescencia incontible. Música en ebullición admirable que merece ser escoitada.
No Havana 20 o sábado pasado. Estaremos atentos, Henry, ás túas vindeiras explosións.

5 febbraio 2011

TRISTEZA


Fun a Santiago onte e antonte a dar aulas. Atopei a colegas consternados pola morte dunha querida profesora, muller ademáis dun moi querido colega que tamén traballa na facultade. Un día o xoves de loito e moita tristeza. Rematei as clases ese día e agardei por que me levaran de volta para Vigo. Mentres agardaba no aparcamento baixo un sol que quería ser inutilmente cálido, falei cun vello amigo destes amargos tragos, en vindeiros anos cada vez máis frecuentes. Eu miraba, debaixo dos meus óculos escuros, o horizonte dese edificio de cristal e corredores brancos, con siluetas que ían e viñan dun despacho a outro, dunha aula a outra. Soaban palabras como morte, despedida, dor, tempo. Non son quen de lembrar agora de que ou de quen falamos. Recordo todo coma unha suma de vocablos de inverno.
Tamén recordo que á volta resplandecía a lámina da ría de Vigo como nunca.

Ilustración: fotografía de Fiz GG, do seu espléndido blog: http://fizgomez.blogspot.com/.

4 febbraio 2011

OUTRA EXECRACIÓN QUEVEDIANA


Tívose por perdida durante séculos unha Execración quevediana contra os xudeus (cuxa lectura produce en min noxo infinito) ata que foi atopada en 1992 na biblioteca coruñesa do Consulado. Pois ben, a amiga María José Alonso, incansable, acaba de atopar outra copia (que difire da coruñesa en case medio millar de variantes e da que dá conta nun artigo da revista Criticón que, como ten case inmediata saída interneteira, poderemos ler de forma doada dentro de pouco), na biblioteca da Real Colexiata de Roncesvalles.
Noraboa a esta querida amiga por esta feliz descuberta que convén anunciar e proclamar como se debe.

IRÍBAR POR CANCIO


Parece que o gran Raúl Cancio, un deses nomes do xornalismo que me persiguen desde que comezara a ler o periódico Pueblo que meu pai traía a casa pola tarde, exhibe as súas fotos en Madrid. De todas as que proporcionan os xornais como aperitivo para ir ver a exposición, esta co admirado Iríbar, sempre de negro, sempre severo, impasible mesmo no vó sobre san Mamés, emociona especialmente. Eu adoitaba levar unhas medias do athletic na súa honra, pero creo que meu irmán ceibará unha furtiva bágoa ao velo.

3 febbraio 2011

MARIA SCHNEIDER


Mentres soa Gato Barbieri, coa luz cálida de Storaro, non me lembro de manteiga algunha nin de supostamente irreverentes blasfemias corridas ao ar dun pó hermético nin de pubes frondosos despedidos por espellos avellentados nin de rizos húmidos sobre a porcelana dunha bañeira triste nin de imprecacións amargas mentres corren bágoas enxoitas polo xersei de lá e pescozo cisne nin deses modos violantes de lobo escuro na sombra solo, nin desas contradanzas ebrias sobre o chan dun cenador camp nin de persecucións con cuspe nos beizos e desordenados cabelos que mudan en morte.
Non lembro nada diso: só un chicle. Ese chicle que colocamos, María, para perpetuarnos inútilmente.

1 febbraio 2011

DEOLINDA


Deste Portugal no que convivimos tomo a Deolinda, outra marabilla desa terra de marabillas musicais que non cesan. Alén dunha voz arraigada na tradición inigualable do fado (que permite entregarse a outros xéneros con idéntica excelencia), os músicos desta agrupación extraen dun par de guitarras, punteadas e contrapunteadas en agudos, con acompañamento ocasional dun contrabaixo lizgairo, belísimas cancións, tanto no seu anterior disco (un clásico, seica, en Portugal), Cançao ao lado, coma neste último, unha gozada de arriba abaixo: Dous selos e un carimbo. Letras cheas de vida e entusiasmo, que convidan mesmo a danzar para a rúa, como Um contra o outro; versos con retranca doméstica coma os contrapostos de Movemento perpétuo associativo; coplas satíricas contra o portugal prototípico en A problematica colocaçao do mastro; metáforas reinventadas, elevadas pola voz doce e única de Ana Bacalhau, en Passou por min e sorriu.
Andarán o día 12 de marzo por Ferrol. Foi mágoa non ir velos ao Coliseu de Porto, pero esta tarde estanme servindo de longo e profundo consolo para o frío e outras inclemencias.