O Teatro Valle Inclán, no corazón do abigarrado barrio de Lavapiés, ofrece unha presencia discreta, moi discreta. Comparado cos famosos teatros madrileños decimonónicos, o edificio case pide perdón por ocupar unha esquina dun cruce de camiños en costanilla, típico da parte sur do Madrid dos Austrias. De feito, parece máis solemne e pomposo o restaurante Portomarín que está enfrente. Esa especie de ocultación prolóngase no seu interior, cunha moblaxe sobria, de madeira clara e luminosa nos corredores que conducen ás salas, de inmaculada cor negra.
A sala Mirlo Blanco, onde presentamos a nova Asociación de investigadores/as sobre teatro do século XXI, é un cubo de cinco caras negras e unha ampla xanela que dá ao fragor eléctrico da rúa. Nela, o venres pola mañán asistimos a unha sesión sobre a dramaturxia actual, representada non por caso por cinco mulleres de verbo encendido que ven representadas as súas obras nos diferentes teatros da cidade. Falaron das súas poéticas, curiosamente afíns: o predominio do político no discurso dramático, o recurso á memoria histórica (entendida no sentido vulgar, mais tamén no trascendente), a preocupación social. Falaron das dificultades para estrear. De malas programacións, de repre(n)sións e censuras, de ignorancias e mediocridades burocráticas (ese pleonasmo). Do texto crítico sempre sospeitoso. Pero en ningún momento escoitei queixas. Só ilusións, vontades irredentas. Con palabras ás veces rotundas, pronunciadas coa nota tranquila da afouteza. Rexeitaron de común acordo o engado da dramaturxia rompedora en favor do poder do texto e, sobre todo, en favor dunha liberdade creadora que non consinte apriorismos. Preguntadas polo seu feminismo, todas respostaron, con algo de incomodidade pola requisitoria, que o feminismo vai de seu e que, a partir desa afirmación, o resto é libre albedrío. Algunha nota sobre a obra de Laila Ripoll que vimos o día anterior (da que falarei longamente), El triángulo azul, rematou a interesante charla de dúas horas (que ben puido prolongarse algunha máis) con estas mulleres entregadas á paixón do teatro.
Saímos dalí coa calor do seu entusiasmo. E eu de maneira moi particular coa aprendizaxe dalgunha lección que non tiña eu suficientemente aprendida. Ou, para ser precisos, nunca antes así aprendida.
Ilustración: de esquerda a dereita: Diana I Luque, Lola Blasco, Eduardo Pérez Rasilla (moderador), Blanca Doménech, Laila Ripoll, María Velasco.
1 commento:
Que gusto, volverche ler!
Posta un commento