Para Pedro, Candi, Nacho, Ana, Javier, Elena, Inma, Begoña, Paco, Juan, Ángel, Josema, Valentín et al., cunha aperta ben forte desde Vigo.
O mércores pasado viaxei ata Córdoba a un coloquio sobre poesía da segunda mitade do século XVII e primeira do XVIII. Para que non me digan que ando de troula todo o día. Serviu a viaxe para coñecermos por primeira vez as vantaxes e comodidades do espléndido AVE que recorre La Mancha, dun verde brilante por mor da chuvia, e a serra bética, ata chegarmos ás beiras do Guadalquivir. Entramos cunha calor abafante, pero pouco a pouco foi tornando o tempo cara un outono insólito os últimos días.
Era tempo de certames florais nos patios da xudeiría cordobesa. O primor, a limpeza e o extraordinario mimo con que preparan todo dan envexa e producen no visitante a sensación exacta da beleza. As paredes recén pintadas, as reixas ateigadas de xeranios de todas as cores, o rumor de guitarras e o horizonte de ruelas estreitas con son lonxano de paxaros parecía de narración entre exótica e típica. A pesar da intensidade, nalgúns lugares e nalgún momento, do turismo, os paseos por aquela cidade son sempre inesquecibles, dunha poesía e dunha fermosura fóra do común. Teño que recoñecer que son un namorado de Andalucía, pero de Córdoba ou de Sevilla, dúas cidades moi parecidas, son case devoto. Se, ademáis, semella como recén construido, cun cuidado especial para o urbanismo, o espectáculo é grandioso. Faltou o paseo en carruaxe, pero un ganchete baixo o paraugas (chovía que nin diola) coa torre iluminada da mezquita ao lonxe non se esquece na vida.
Nessun commento:
Posta un commento