Caxigalines nella Reguera'l Campizu

16 dicembre 2009

NOTAS FEISBUQUIANAS SOBRE INVISIBLE DE PAUL AUSTER


Notas sobre Invisible, de Paul Auster. 

1. A técnica de multiplicar narradores/as require a creación de diferentes voces e estilos. Todos, no entanto, nesta novela non só semellan iguais senón que teñen un notable parecido cos anteriores narradores das novelas de Paul Auster.

2. Os personaxes de Invisible escreben e falan moi parecido: teñen unha capacidade de observación (e de lercheo) moi semellante e os dous que contan a súa vida (a vantaxe de seren algo ilustrados) constrúen a narración coas mesmas estratexias.

3. Unha parte da novela é, segundo se declara, un refacimento mínimo dunhas anotacións informes que lle deixa un personaxe a outro. Para ser mínimo o retoque, o narrador abofé que se larga uns discursos elaboradísimos e, por certo, cun estilo cuspidiño ao orixinal.

4. Haberá vida na Austeralia fóra dos círculos de profesores da Columbia, escritores/as famosos/as ou bon vivants de vida entre bohemia, folladores, of course, compulsivos?

5. O truco do narrador/a non fidedigno é máis vello do que os gatos de Brooklyn Heights.

6. Que na contratapa se diga que ten un final ao Conrad déixame pampo, pero Auster é o God of Prospect Park e todo lle está permitido mesmo as falsas hipérboles.

7. O NYTimes dicía que algo máis ca sushi intelectual podía ofrecer Auster. Tamén eu digo. O menú midcult vale de merenda. Á noite volves ter fame.

Addenda non de feisbu: a parte do ti, a mellor. 

3 commenti:

SurOeste ha detto...

Vou dicir unha blasfemia: a min o Auter non me inspira nada, nin me fai pensar, nin nunca se me ocorreu relelo. Polo tanto os seus apontamentos non me sorprenden en absoluto e non os suscribo porque non lin o libro en cuestión.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

De blasfemias nada. Xa verá vostede cando entre por estes pagos unha que eu sei para saber o que é unha blasfemia.

Neoiorquina sen solución ha detto...

Deixando as blasfemias á parte, e sabendo como sabedes do meu austerismo, o certo é que concordo até certo punto (creo que resolve literariamente eses problemas, aínda que vai todo algo forzado). A min esta novela deume que pensar no que pasa aos escritores cando triunfan e se ven obrigados a escribir case por imperativo editorial e/ou lector. Nótase na calidade das novelas a época na que Auster escribía demoradamente (El palacio de la luna, Leviatán), e agora todo é rápido, collido con pinzas, pouco pensado, mesmo facilón. De aí que os recursos para salvar ese problema de voces sexa tan simplón. Se eu tivese a sorte de dar escrito o capítulo en segunda persoa, sen ningunha dúbida, publicaríao soíño. Invisíbel sería ese capítulo. E por tanto, un libro moito mellor do que é agora.