Caxigalines nella Reguera'l Campizu

4 dicembre 2009

OITOCENTOS GOLPES


800 entradas, mecajoendiola. Onte estiven (spielberg: este é un pequeno homenaxe parentético ao meu irmán) repasando algúns dos posts que fixen ao longo destes anos e quedei pampo. Nin eu lembraba moitos deles. Fixen eu isto? Preguntábame algo sorprendido. Supoño que esta especie de inmediatez (mesturada coa fraxilidade das memorias) xustifica o esquecemento ou, no mellor dos casos, a distancia. Todo por culpa de atopar eu nunha páxina italiana unha referencia a un antigo post meu que refire a un artigo que escribín en Gznación (trasladado como La Nación). Moito levo escrito, pensei. Canto me ocupará todo isto, en páxinas de a papel, coas marxes convencionais? 
Esta miña afición hodierna (nunca antes escribira tanto e de tantas cousas: nunca tiven diario nin caderno de anotacións) compénsame a aborrecida maquinaria do traballo analóxico. Cada vez crea máis fastidio en min ocuparme das cousas terreas, sobre todo cando estas tenden a multiplicarse por unha miña tamén teima por meterme (e non saír en tempo) en case todo. Disperso por convicción, non podo nin sei facer unha soa cousa: se non semella perda de tempo, si é, sen dúbida, pracer cesante. 
Non me queixo, porque non me gustan as persoas que exhiben cansanzo ou fatiga de esforzos miles. Se se cansan, que descansen. A min esta vértixe imparable é a que me estimula. E dela, este momento de escribir sobre a pantalla (que xa ocupa case todo), o intre máis eminente desa euforia.     

6 commenti:

Un lector ha detto...

Oitocentos! Dise moi axiña, pero abraia ver tanta leira como vai sachada. Por tras dos posts, algúns memorables, hai moita paixón e moita intelixencia, e ben que se agradece. E bendita dispersión, señor Arumes!
Por certo, se vai polo Filipo ten alí un pequeno agasallo. Vaia polos oitocentos compartidos!

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Fun hoxe, que conste. Pero irei de contado, tan axiña como mo permita a dixestión.
Moitas gracias.

Anonimo ha detto...

Atopei o teu blog por casualidade... Buscaba comentarios sobre "De tapa en cepa". Son galega, desafortunadamente de aqueles que na sua casa nada mais que escoitaban castelán. Os meus pais emigrantes xa están de volta dende Sudamérica.. Perdoa, polo tanto, si algunha palabra non esta escrita nun perfecto galego (ando traballando nel)
Felicidades! (correcto segun o Diccionario da Real Academia Galega). Oitocentas entradas son para celebrar... Leín algunhas delas e parecénme excelentes. Convertiréi o teu blog nun dos meus Blogs de Cabecera.

Xaime ha detto...

Vostede é como unha luz dunha candela que alumea o noso camiño, e sendo o máis listo da clase sabe que o lémos con devoción . Dende a cidade murada, noraboa.

De la Highway 61 ha detto...

Pois eu non sei que é parentético, pero en fin, vindo de ti, supoño que será algo bo. Moitas gracias. Eu tamén estiven Spielberg. É que somos así, joder.

Ana Bande ha detto...

veña outros outocentos!