Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 maggio 2007

PAISAXE DO PÁRAMO DE LEÓN OU DE CASTELA

Cando ía o outro día polas terras do páramo de León camiño de Asturies, a paisaxe encendíase coas cores que aparecen nesta foto de Cazurro Burgos.
Nota: cazurro é o nome que lle outorgan, en tono simpático pero despectivo, os asturiáns aos leoneses e, por extensión, aos casteláns. Significa algo así como turrón, teimudo, e, por veces, un pouco besta.
A paisaxe corresponde á terra de Nava del Rey, en Valladolid.

LIMPEZA DE SANGUE

Unha rotura na polea do alternador fixo que lera nunha mañán Limpeza de sangue. Non sei se foi premonición ou advertencia. O certo é que hai que agradecerlle á desgracia mecánica a lectura apaixoante do libro de Rubén Ruibal. O texto dramático (ou seudodramático, polo que direi) gañou o premio Álvaro Cunqueiro do ano 2005 e foi publicado a finais do ano pasado por Xerais. Está composto de 31 esceas, de aparente estructura cinematográfica ou televisiva, se teño licencia para establecer esta distinción: non fai falta dicir, polo que a mín respecta, que tal disposición (sexa ou non voluntaria) non é en absoluto un demérito, senón todo o contrario: a mostra evidente de que o hibridismo entre as distintas artes está plenamente consolidado.
O texto dramatiza (nos dous sentidos do termo) as historias de dous homes, Fernando Sánchez e Pantaleón Expósito, que coinciden na sala de diálise dun hospital. Fernando pertence á marxinalidade, co seu perfil de ex ionqui a piques de recuncar e delincuente de pouca monta por pura consecuencia vital. Casado cunha muller que leva o peso da casa (unha muller da limpeza, esa palabra chave) e cunha filla á que cuida, padece unha insuficiencia renal que o reduce a unha pariola de hospital durante catro días da semán por espacio dunhas cinco horas ao día. Pantaleón, pola súa banda, procede, cunha formación universitaria, da outra punta da pirámide social, pero contempla o mundo da corrupción constructora desde moi perto e, polo tanto, comparte con Fernando á inmersión nun universo de foraxidos.
Por azar, aparte de na insuficiencia (simbólica, en gran parte) dos riles, coinciden na condición de derrotados, de postrados diante dun televisor no que botan, coma nunha rutina tamén simbólica, O planeta dos simios, mentres o sangue impuro vai recorrendo un camiño de ida a volta a través das máquinas salvadoras. A sala, pois, de diálese convírtese no esceario principal da obra, o lugar esencial onde se libra o diálogo fundamental entre os dous protagonistas. Unha dialéctica que ten moito de enfrontamento social, cultural, moral e, mesmo, político entre os dous mundos. Non é gratuito o recurso dramático (tantas veces aproveitado polo teatro) do intercambio de roles (traído do Príncipe e mendigo de Twain) que Rubén Ruibal adopta para estrañar os dous ámbitos. Dese contraposición xorden os momentos de reflexión sobre a relixión (un rexeita a fe, o outro posúe, pero sen plena comprensión, as súas crenzas), o sexo (un revela unha sexualidade machista e outro amosa a súa homosexualidade), a familia (un conserva a duras penas filla e muller, o outro aparece orfo e solitario: expósito, exposto) ou a educación (un só mira a mesma película, xa memorizada, o outro chega a ler mesmo libros de teatro en galego!). A diferencia entre ambos conduce á amizade e á simpatía: velaí a piadosa paradoxa.
Detrás destes dous protagonistas, Rubén Ruibal coloca outras pezas, case simétricas ou paralelas (Don Anselmo-Clemente; Don Luís-Alicia) e outras, coma o Inspector, que serve para engarzar as vidas aparentemente distantes de Fernando e Pantaleón. O recurso á literatura policiaca confire vertebración ao conxunto. Nun terceiro plano, sitúanse persoaxes a xeito de coro, que aparecen unha soa vez, sen demasiada función no desenrolo sustancial da obra, pero que poden representar o marco dunhas vidas condeadas (de xeito literal) á morte. Estou pensando no home da limpeza, filólogo, e o seu interlocutor, o celador, na sala de diálese, da escea cuarta, ou nos forenses da morgue na escea 28, que, de forma outra vez simétrica e matemática, parecen pechar o círculo. Digo coro da obra porque estes persoaxes fan ecoar o ruído do sangue, máis alá das paredes de ambos escearios nos que está latente ou presente a morte: a sala de diálese e a morgue. Entre estes espazos debúxase o camiño dos protagonistas.
O libro está escrito con escaso marxe para a retórica ou para unha deliberada vontade de estilo no que atinxe ás verbas das persoaxes. Pero unha das grandes singularidades do libro, que o emparenta coas acoutacións valleinclanescas (os animais en escea por exemplo ou as sombras que cobran vida na primeira escea), é a introducción narrativa dunha voz exterior. Aquí Rubén Ruibal aporta unha perspectiva distanciadora, pero non omnisciente, coma cando di na escea terceira “o doutor escóitao sen interese, mastiga coa boca aberta, bebe doutro vaso ancho e baixo un líquido que podería ser té pero non o é e fuma a un tempo”. Estas máis que acoutacións son dunha riqueza extraordinaria e levan á obra a un terreo tamén híbrido en canto ao xénero literario, xa que a marca narrativa parece impoñerse. É exemplar ao meu xuízo o que ocorre na escea catorce: ao comezo de todo describe ao persoaxe do doutor don Luis con dous médicos embatados e “noutra mesa, de costas, un home le o periódico”, e remata dando aos lectores á pista de que o home que está detrás é Pantaleón. Nunha representación esta estrataxema, puramente narrativa, debe ser levada con outras técnicas de semellante grao de suspense. E non é a única mostra de tal predominio narrativo.
Dixen que o texto das acoutacións recorda Valle Inclán. Probablemente, por vía interposta de Vidal Bolaño, a quen Rubén Ruibal dedica o libro. O final, no que a fórmula narrativa vaise impoñendo, constrúe unhas esceas dunha morosidade ceremonial, moi do gusto vidalbolañián, tamén de regusto case esperpéntico, aínda que Rubén Ruibal non cede á caricatura nin ao grotesco, senón ao drama limpo, case á traxedia, que xorde da imposibilidade de loitar contra o tempo o da indolencia de deixarse levar polo tempo, sen facer nada por evitalo. Así, polo menos, dedúcese das palabras do narrador entrometido coas que dá fin ao texto dramático: “é sabido que tanto confiar en que o tempo vai amañar as cousas fai que deixemos que pouco a pouco vaian indo a peor”.
Eu só agardo que este volume de Rubén Ruibal non remate no almacén de libros que Fernando Sánchez, o protagonista da obra, dicía coñecer cerca de onde vivía, “todos arrombados en caixas, dende hai anos. É unha imprenta. Fan os libros e logo téñenos alí mortos de risa. Non sei quen carallo os encarga”. Pola miña banda, só podo recomendalo vivamente e que, por pedir que non quede, sexa levado canto antes ás táboas ou (que me perdoe R. R.) á realidade viva tamén dun set televisivo ou cinematográfico. Porque ben o merece.

5 maggio 2007

ANIVERSARIO DE VODA

IPP está de aniversario de voda. Dazaoito anos. Aparte de celebralo, IPP convida: por gañar o premio de Racconti di fuori confine en italiano. Está feliz. Moi feliz. Véselle nos ollos. Neses ollos verdes como a auga do mar.

4 maggio 2007

CUESTIONARIO PROUST, BESBELLINHA MEDIANTE

Emprázame Besbellinha a un cuestionario proust. Nunca fixera un destes, pero cando o rematei, pensei que non valo para esto: xerarquizar, seleccionar ou preferir son decisións que me disgustan. Sobre todo cando hai tanto onde elixir. En todo caso, non podía fallarlle a esa alma inqueda que imprime carácter co seu entusiasmo ao blogocéano atlántico.
1. O principal rasgo do meu carácter? A indolencia. Unha inclinación notable ao dolce far niente.
2. A calidade que prefiro nun home? Humor e intelixencia.
3. A calidade que desexo nunha muller? Humor e intelixencia. Non fago distincións.
4. O que máis aprecio nos meus amigos? A intelixencia e o sentido do humor. Por variar algo. E por engadir: optimismo vital.
5. O meu principal defecto? Deixo todo para mañán. De feito, este formulario aínda está sen facer.
6. A miña ocupación preferida? Non facer nada. En todo caso, tomar algo nunha terraza cuns amigos.
7. O meu soño de dicha? Ese mesmo. Ou un atardecer nun restaurante na Toscana, mentres contemplo a paisaxe. Tamén unha noite de san Lorenzo mirando as estrelas no firmamento limpo do Val di Chiana, perto de Arezzo.
8. Cal sería a miña maior desgraza? A morte de seres queridos.
9. Que quixera ser? Cantante dunha banda (potente) de rock. Unha frustración que levo con mágoa.
10. Onde desexaría vivir? Na Toscana ou en calquera cidade grande: Nova Iork, Londres, París ou Roma. Barcelona ou Madrid non están mal. Vigo está de puta madre.
11. A cor que prefiro? Bermello.
12. A flor que prefiro? Rosa bermella.
13. O paxaro que prefiro? Non me gustan os paxaros. Pero un vó dunha cigoña por riba dos choupos no Bierzo é das cousas máis fermosas que se poidan ver.
14. Os meus autores preferidos en prosa? Borges.
15. Os meus poetas preferidos? Gusto de poemas concretos, máis ca de poetas. Pero Petrarca xa escribiu todos os poemas posibles.
16. Os meus heroes de ficción? Non me gustan os heroes. Os de ficción, menos.
17. As miñas heroínas de ficción? Nin as heroínas.
18. Os meus compositores preferidos? Depende do momento. Pero todos, nalgún instante, poden ser preferidos. Dylan, sempre. E que me perdoe o irmán Chiquito de la Highway.
19. Os meus pintores predilectos? Nunha mañán, o Prado pode ofrecer un bó feixe deles.
20. Os meus heroes da vida real? Non hai heroes na vida real tampouco.
21. As miñas heroínas históricas? Ninguén pode acadar esa categoría. Nin os de ficción.
22. Os meus nomes favoritos? Os nomes están asociados ás persoas. Son as persoas que os levan as que me gustan.
23. Que detesto máis que nada? A desigualdade, o autoritarismo.
24. Que caracteres históricos desprezo máis? A aniquilación do outro. O propio desprezo. O autoritarismo.
25. Que feito militar admiro máis?Eu non admiro ningún feito militar.
26. Que reforma admiro máis? As reformas que combatan a desigualdade, a inxustiza ou a ineficiencia.
27. Que dons naturais quixeras ter? Ás veces, o da ubicuidade, naturalmente.
28. Como me gustaría morrer? Non penso niso.
29. Estado presente do meu espírito? A risco de parecer un anuncio de agua mineral: vitalidade.
30. Feitos que me inspiran máis indulxencia? Enténdese que eses feitos son negativos. Nese caso, os que percuran á felicidade das persoas.
31. O meu lema? Carpe diem, como Besbellinha. Ou carpe secundum, se se pode dicir.
Sería de interés coñecer os de Zerovacas, As uvas na solaina e Gradicela. Emprazados están. Se non quixer, serán comprendidos e completamente xustificados.

1 maggio 2007

UN POUCO DE ITALIA

Andrea Rivera, un dos presentadores do festival de Primeiro de Maio en Roma dixo o seguinte:
"O Papa di que non cre no evolucionismo. Estou dacordo: de feito, a Igrexa non evolucionou. Non soporto que o Vaticano rexeitara os funerais de Welby (o home ao que desconectaron da máquina que lle permitía vivir). Sen embargo, o Vaticano estivo nos de Pinochet, Franco e nun da banda da Magliana. É millor así, porque ao lado de Xesús non morreron dous de escelerose lateral amiotrófica: eran dous ladróns". Ao parecer, rematou comentando que a Igrexa na que el se recoñece é a de san Francisco.

O sorprendente chegou despois coas opinións dos dirixentes dos sindicatos, organizadores do festival: o da UiL: "Son declaracións estúpidas, que non comparto; nun pais cívico a libertade relixiosa e da Igrexa é tan importante coma a política e a sindical". O da Cisl: "O concerto do primeiro maio non é o lugar máis axeitado para facer política e marcar divisións. Senón é momento para a tolerancia e a convivencia. Se Rivera (o presentador) tomou algún grolo de máis, faría ben en se dar unha ducha fría. O da Cgil: "Son frases inoportunas, máis nunha xornada coma esta".

Así están as cousas Igrexa-Sociedade italiana a primeiro de maio de 2007.

[Francisco Rizi, Auto de fe na Praza Maior de Madrid, 1683]

TA LLUEU, CHITA

Muches gracies, tía, per toes les coses que nus diste. Con el puñu en altu, como a ti te prestaba.
Javier, Maritere: un besín del vuestru primu.

O EFÍMERO PERMANECE E DURA


Na Fundación BdelaM de Vigo exhíbese desde o 24 de abril unha mostra sobre un século de pósters. A exposición procede do Museu do Deseño de Zurich e amosa uns exemplares ben significativos da historia moderna dun xénero artístico, por excesivamente coxuntural, de efímera fama. Sen embargo, a importancia da mostra desminte este aserto. O recorrido cronolóxico en dous andares comeza cos anuncios comerciais de principio de século, con Toulouse-Lautrec e Chéret á cabeza de moitos artistas que por encarga eran capaces de levar a súa arte á existencia un tanto precaria dun cartaz pegado nunha parede por uns poucos días. Os anuncios comerciais dan paso á propaganda (palabra inventada pola Sociedade de Xesús) política, entre a soflama patriótica ou antibelicista da primeira guerra mundial e a reivindicación dun novo réxime de masas no cartelismo soviético, maoísta e nazista. Impresiona a carauta de Hitler, sobre fondo negro, co seu apelido en branco, no enorme cartaz das eleccións do ano 1932. O primeiro andar complétase coas manifestacións primeiras dunha incipiente sociedade de consumo masivo e a paulatina incorporación de mensaxes didácticos e positivos sobre os dereitos humáns, coa espada da bomba atómica sobre os ombreiros do mundo. No segundo andar, o colorido pop e rechamante da publicidade das grandes multinacionais alterna cos posters máis comprometidos contra a guerra, a fame, a miseria ou a desigualdade.
O inxenio e o talento artístico presiden gran parte desta exposición, probablemente menos anunciada cá de Tamara de Lempicka, pero, ao meu xuízo, moito máis interesante. Quizáis poda botarse en falta un maior detalle na explicación dos cartaces (en español), que, desde logo, a contextualización demanda. En calquera caso, ata o 24 de xuño hai unha oportunidade única para visitar non á historia dun xénero artístico, por veces minusvalorado, senón a historia do mundo a través da arte efimera, agora rescatada, do poster, un modelo familiar e paradigmático do noso tempo.
[Tadeusz Trepkowski, 1 maj e David Tartakover, Happy New Fear: os dous poden verse na exposición]