Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 marzo 2011

O REFUXIO DA MEMORIA DE TONY JUDT


Pensei que ler a Tony Judt, coa súa terrible enfermidade, ía conter demasiada emoción en cada palabra. No prólogo, a metáfora, familiar aos estoicos, do corpo como cadea preludia esa tensión adicional á leitura. Pero de forma intanxible esa previa confesión convírtese nun trámite. Obviamente a melancolía, o triste contemplar dunha vida que esmorece, engade unha especial intensidade ás ideas, ás reflexións, á memoria. Este prexuízo permanece latente co paso das páxinas, pero vai sendo pouco a pouco arrinconado pola forza das lembranzas, pola contundencia dos seus argumentos. E remata un por celebrar este entusiasmo da vontade que permite examinar o mundo con tal demostración de talento.
Pouco teño eu que ver cun neno nacido no ano 1948, nun barrio de Londres da inmediata postguerra, no Putney da austeridade, baixo o governo dun Atlee elevado por Judt a categoría de heroe severo e exemplar. Nin cos costumes de viaxar solitario en metro, de punta a punta da cidade, ou na liña verde para chegar, mirando e escrutando á xente, ao centro de Londres. Nin coa ascendencia xudaica (posiblemente algo poda xuntarnos neste caso pero o ignoro) da súa familia de clase media-baixa trasladada desde Amberes ou desde Polonia. Nin co adolescente ou mozo que decide pasar tempadas nun kibutz (por militancia socialista e sionista) para abandoar despois, descrido completamente, ese mundo de identidade e de reafirmación gregaria. Nin tampouco coas súas experiencias non moi agradables no colexio do barrio, co retrato magnífico do profesor de Alemán, Joe Craddock, duro e implacable, do que rematará dicindo que mellor mestre nunca tivo. Tampouco con que lograra entrar no King's College de Cambridge, nin que puidera contar, cunha subtileza digna dun Evelyn Waugh, as relacións de clase nas aulas e nos cuartos daquel privilexiado mundo. Tampouco co feito de que puidera pertencer ao claustro universitario dunha eminente facultade do Oxbridge ou que puidera formar parte da École Normale Supérieure parisina, descrita con irónico vitriolo, co despelexe da intelectualidade francesa, fatua e incapaz de admitir o erro de antepoñer o método e as ideas á observación do mundo. Tampouco teño que ver co mozo que vive a revolución sexual dos sesenta (máis por falta de anos ca de ansias) e que advirte que a verdadeira revolución (a perigosa, a que conlevaba morte ou cadea) daqueles anos estivo máis nas rúas de Praga ca nas de París. Nin co home que decide aprender checo para superar a crise da idade madura e encarar o coñecemento moral, aliviada xa a carga política, dos habitantes sometidos (nalgúns casos, baixo a forma de asimilación voluntaria dos automatismos do réxime) ao estalinismo nos países do leste. Ou co intelectual que viaxa a EE.UU. e descubre alí a cidade do mundo, o abigarrado cosmopolitismo que lle resulta tan familiar, ou reflexiona sobre a forma en que Israel totaliza o sentimento xudeu, nun dos capítulos máis duros (ao tempo, radicalmente críticos) dos que levo lidos sobre as relacións entre o xudaismo e o sionismo.
Non teño nada que ver con el e, porén, cada unha das páxinas que ía lendo resultábame tan próxima, tan cercana a min, que vai ser difícil que dun modo ou doutro non remate por influirme na miña visión sobre o mundo. É certo que Londres, Nova Iork, o xudaísmo, o papel da intelectualidade, os viaxes, a contemplación da xente e das paisaxes, a diatriba contra a identidade forman parte dos meus intereses máis próximos, incluso vistos con esa ollada moralista (política, crítica) coa que os historiadores e os intelectuais anglosaxóns tenden a mirar o mundo.
Por unha cousa ou por outra, El refugio de la memoria (The Memory Chalet) é un deses libros que nunca esquecerei.

9 commenti:

Anonimo ha detto...

di vostete, don arume, que comparte a loita contra a identidade. podería especificar que quere dicir exactamente? Obrigado

arume dos piñeiros ha detto...

"Este baño caliente de identidad siempre me fue ajeno. Me crié en Inglaterra y el inglés es la lengua en la que pienso y escribo. Londres -mi lugar de nacimiento- me sigue resultando familar a pesar de todos los cambios por los que ha pasado a lo largo de las décadas. Conozco bien el país; incluso comparto alguno de sus prejuicios y predilecciones. Pero cuando pienso en, o hablo de, los ingleses, utilizo instintivamente la tercera persona: no me identifico con ellos."
Entre outras afirmacións nas páxinas 213-220, que rematan con "Ser danés o italiano, norteamericano o europeo, no será solo una identidad; supondra un rechazo y una reprobación de aquellos a los que esta excluya".
Non sei se é/son suficientemente claro.

Anonimo ha detto...

Polo tanto, vostede non se sinte galego, porque iso exclúe ao mundo mundial, non sí?

arume dos piñeiros ha detto...

O que me gustan a min son os polotantos.

Anonimo ha detto...

Manon repitió algo que el padre de Astrid solía decir, que si un danés se caía al mar y las olas le arrastraban al sur, tendría que saber alemán; si lo arrastraban hacia el oeste, inglés o francés; si hacia el norte o el este, noruego, sueco, finés o ruso. De manera que todos los daneses estaban obligados a prepararse para el día en que se cayesen al mar. (Wallace Stegner: El pájaro espectador)

Rompo a promesa que me fixen de non postear máis nin neste blogue nin noutro calquera e copio e pego esa frase que aí arriba queda.

Non capturo moi ben a mala hostia que trasudan os comentarios precedentes. Polo tanto, malia gustos e desgustos, á final vai ter razón don Manolo e o que cómpre facer é autoidentificarse.

Manolo Puga ha detto...

Compréndese a preocupación pola exclusión. Pero hai identidades e identidades, non? Parece que aquí vostede se refire á identidade nacional, non? Significa o mesmo ser 'inglés' que 'galego' ou 'español' ou 'alemán'? É posible desfacerse totalmente da particularidade para os humanos?

Anonimo ha detto...

Arume é un cosmopolita do Bierzo.

arume dos piñeiros ha detto...

Un pleonasmo, como vostede ben sabe, amigo anónimo.

ms ha detto...

Xa podemos facer a diatriba que queiramos sobre a identidade que esta sempre acaba saíndo polos poros da nosa pel: cada vez que abrimos a boca para falar, cada vez que recordamos unha paisaxe querida, cada vez que escollemos uns determinados manxares...