Caxigalines nella Reguera'l Campizu

13 gennaio 2011

(ca)GAIÁS


Xa está feito e comeza a ser propagado o relato da Cidade da Cultura que hai, que temos, que ler.

Non se debeu facer nunca, pero, xa que se fixo, fagámola nosa entre todos/as. Admítense variantes intermedias, segundo veciñanza política, xeográfica ou familiar á construcción, de "puidose facer mellor” ou de “peor non se puido facer". A fábula pode presentar explícita (non é necesaria pero convén sempre construir liñas maginot) a magnánima moralexa/moralina de que o que protestou antes estivo á altura crítica esperable en todo pensador contemporáneo (malia non ser atendida a súa censura) e o que o fai agora incorre en delirio e deslealdade, non sei se con isa orde.

“Pasemos páxina” ou “deamos ao esquecemento” non está mal como título. Algúns xornais de Rawalpindi comezan hoxe a facer este obediente mutis polo forro. De hemerotecas bien pagás están os arquivos cheos.

12 gennaio 2011

ANIVERSARIO DO BLOG: CATRO XANEIROS


Catro anos, cumpridos onte, levo neste exercicio case cotián de escribir anotacións. Custa cada vez máis porque a inmediatez (que axuda á miña preguiza e impaciencia naturais) doutros formatos impide que probe aquí esas posibilidades. Pero xa van máis de mil cen posts, coas súas correspondientes ilustracións. Ignoro, a pesar das contadoras de visitas, canta xente le estes textos. Tampouco sei se teñen ou non interese: non falo moito deles fóra deste mundo virtual. Entre que moitos nin saben quen son e os que o saben non mo comentan nin eu son quen de quitar o tema, por pudor probablemente inxustificado, teño poucos certidumes sobre a recepción dos mesmos. Ás veces, confeso, esa ausencia ao outro lado desacóugame e faime recapacitar sobre se me compensa.
Non sei: ao cabo, volvo coller o teclado e darlle ao pensamento e ás palabras por ver se arranxan algún pequeno discurrir de ideas.

Ilustración: nada mellor que Xaneiro para celebrar estes catro xaneiros.

10 gennaio 2011

LECCIÓN PRESENTE PARA ESTE ANO E SUCESIVOS


Tomad el caso de la hormiga y de la cigarra: la cigarra se divirtió todo el verano, mientras la hormiga trabajaba y ahorraba.
Cuando llegó el invierno, la cigarra no tenía nada, pero la hormiga se quejaba de dolores en el pecho.
W. A.

9 gennaio 2011

CLASSHEAD REVISITED

Recomeza o curso este luns día 10 de xaneiro e remata ipso facto o martes día 11 de xaneiro. Sic, sic e sic. Comezou a mediados de setembro co característico ralentí de primeiros días: chegada dos locais de forma tímida: catro ou cinco o primeiro día, seis, o segundo, dez, o terceiro. Na segunda semana chega algún dos programas para maiores, que ignoraba o día do comezo do curso ou non tiña claro se vir ou non vir. Chegan durante eses días seis estudiantes chineses que ao final non voltan (son de nivel 0 de español), pero hai que lles explicar de novo o programa ou algo así. A finais de mes chegan os visitantes erasmus, convencidos de que ao retraso habitual europeu das clases hai que engadir o clásico retraso hispánico con respecto á Europa: doble erro que obriga a comezar máis en serio as clases a principios de outubro, tras un mes máis ou menos xa de rodaxe.
Organizas o curso, contando con decembro case enteiro, incluido o día 22, coma sempre. Os Erasmus teñen gañas de marchar canto antes e, cando miran que no calendario hai un acueducto a primeiros de decembro e que despois poucas clases máis hai, reservan con antelación máxima os avións de baixo custo para liscaren a mediados de decembro ou mesmo antes. Ou sexa, unha semana coa clase medio baleirada e a semana final cos locais preparando xa as festas e ceas de fin de curso e algún foráneo que para pasar as vacacións na neve ou nos aeroportos prefire pasala en Andalucía.
E á volta de vacacións, este marabilloso colofón de dous días, dous, para rematar o periodo de clases. Logo veñen os días de exame, esa excrecencia dos tempos ante Bononiam, que a universidade aínda conserva como un residuo dos tempos en que poñía clases no Estudio Xeral de París e aínda non viñeran polas aulas Abelardo e Eloísa nin a tuna de Teolóxicas.
Total: que terei que coller folgos para estes días extenuantes que me agardan para rematar o primeiro round deste curso académico á par que meándrico e ruidérico. Fortuna audaces iuvat.

A ilustración é de Castle Howard, ao norde de Ingalaterra, en Yorkshire, a mansión onde se rodou Brideshead Revisited.

7 gennaio 2011

LEIS PARA A GALERÍA

A proposta dunha lei para a convivencia e a participación nas aulas ameniza o arranque do curso. A consellería, nun longo e repetitivo texto publicado na súa páxina web (cheo, por certo, de erros e algo desordenado) explica a necesidade de lexislar sobre a autoridade do profesor na aula, a celeridade para as sancións, a inclusión no plano xurídico do acoso virtual e a participación das familias no ensino. De xeito implícito, a consellería admite que non é capaz de resolver os problemas que xorden no día a día nos centros educativos. E para iso non atopa mellor xeito que elaborar unha lei que 1) outorga a condición nominal de autoridade pública, coa insólita e perigosa presunción de veracidade, ao/á profe; 2) convirte en sumarísimos os preitos e litixios internos; 3) engade o acoso en internet entre as faltas que pode cometer o alumnado; e 4) dá voz ás nais e aos pais en aspectos "concretos" (isto repítese dúas veces e aínda así non queda claro) do ensino.
Para lograr iso non é necesaria ningunha lei. Cunha regulamentación precisa sobre procedementos sinxelos (e, ollo, garantistas, porque o da veracidade concedida per se ao profesorado conculca certos dereitos) e prazos reducidos nos casos de leas internas (incluidos eses casos de ciberataques que semellan ser o miolo de toda esta intervención), co discreto apoio ao profesorado en caso de dúbidas (tal e como funciona na realidade: o que queira levar unha placa de autoridade pública no peito porque a necesita ou porque non é quen de levar unha clase que a leve) e coa promoción, se se quere, da participación das familias nos consellos escolares (existe esa posibilidade: outra cousa é que os nais e pais non participen) sería suficiente.
Pero non: convén aparentar estar a favor dun falso autoritarismo do profesorado (o da posibilidade de requisar obxectos resulta conmovedora), de estar preocupados polo auxe do perigoso e case diabólico invento de interné, de ser moi bós e xenerosos coa célula familiar e de procurar facer que se fai neste sensible terreo da disciplina educativa. Governen, executen (non son, logo, o executivo?) e deixen de lexislar permanentemente para a galería.

4 gennaio 2011

EU ERA PARVO E CANDO VIN A STEVE MARTIN FÍXENME DÚAS VECES PARVO


Por petición expresa do público entusiasta e por pura coherencia persoal e familiar adico este post a un dos meus actores favoritos. Pode que non pase á historia da arte fílmica por películas excepcionais (aínda que Pennies from heaven é unha marabilla, Roxanne é excelente e a versión de Dous seductores con Michael Caine non está nada mal), pero algunhas actuacións súas fanme rir sen conto. Xa sei que pode considerarse un rasgo de frikismo algo grave, pero, cando miro O pai da noiva ou calquera outra grandísima nadería do xénero, xunta as miñas fillas, consigo, de forma automática e perfecta, unha faciana de parva ledicia. Só por iso merece Steve Martin, ese tocador de banjo, que lle mande desde aquí o meu eterno agradecemento.

2 gennaio 2011

SCAMARCIO NA PUGLIA CON MÚSICA DE VERBENA


Miro Mine Vaganti, a película de Ferzan Oztepec que pasa polas carteleiras galegas estes días baixo o título de Teño unha cousa que dicirvos (en español, por suposto). E procuro deixarme levar por ese aire de comedia algo seria, con esceas de vodevil clásico e caricaturescas chiscadelas de escasa gracia sobre o amaneramento de certos personaxes gays (bellisimi, como di o pai) que só na lembranza do espíritu libre de Priscilla, raíña do deserto poden ter un certo pase. Pero non necesito máis ca obedecer as imaxes do bello Scamarcio de ollos transparentes, dunha familia algo peculiar (tamén algo simplona dentro do modelo italiano felliniano de avoas e tías que conviven na casa cun punto de tolemia ou de ensoñación poética), dunha cidade mediterránea coma Lecce, case ideal nos seus edificios clásicos de mármol cálido, dunhas praias limpas coma as da Puglia, dunha música coma a de Pasquale Catalano ou a das diferentes cancións que se van sumando ao festín mediterráneo de ledicia e felicidade íntimas.
A película merece unha amable ollada para pasar un par de horas de parvo sorriso nos beizos, pero o final levanta o ánimo ao máis pintado, cunha combinación emotiva de música turca e italiana, de familiar, ao fin ao cabo, verbena ao solpor desa marabillosa terra que levo no meu cuore. Para comezar o ano, o ton necesario.