Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 febbraio 2009

LONDON 1


Londres supón un encontro sempre familiar para min. Non estou seguro de que sexa siquera unha cidade escasamente fermosa, como adoita afirmar quen prefire as longas avenidas parisinas, de rectilínea imposición matemática e abrumadora categoría solemne. O seu magnífico encanto reside no tamaño sinxelo da maioría das súas rúas (eliminadas aquelas enormidades victorianas que van dar ao Mall ou ao Strand ou as moles cementeiras do Royal National Theatre a par do Támesis, construidas para celebrar o auxe do imperio e tamén a súa perda definitiva). E na liña curva que observan case todas, docificada pola conservación das lixeiras inclinacións do terreo, nunha especie de imitación artificiosa das vellas vías e lindes dos extramuros da City. Non estou a falar do urbanismo de John Nash de círculos ou arcos de radios perfectos como nos fermosos crescents ou os pazos de Regent Street, senón da sinuosidade de Shaftesbury Avenue ou de Curzon Street, onde non se aprecia ese horizonte imponente das imperiais perspectivas napoleónicas. 
A esa curvilínea sensibilidade engádese a escasa altura das vivendas e a amplitude das beirarrúas, exentas de obstáculos, preparadas para o camiño lento e demorado. Londres é unha cidade para camiñantes. O silencio do tráfico, fomentado polo tipo de asfalto e o esquecemento do claxon, favorece a tranquilidade dos paseos, mesmo polo medio medio da cidade. Claro que hai lugares onde a vértixe é extraordinaria e a enerxía que xenera o movemento febril dos viandantes (sobre todo cando regresan ás súas casas) proporciona a euforia e o entusiasmo dos coma min visitan a cidade. Nestes casos, a estima por Londres faise nostalxia inmediata e, sen remedio, agroma un desexo de ser londinense for ever. 
Fun a Londres cando tiña quince anos: quedei tan abraiado co que vin que desde aquela teño a cidade inglesa como medida exemplar do que admiro. Volvo con frecuencia a renovar a miña devoción e, sobre todo, a respirar outros aires, escoitar outras voces. As voces que me serven, aínda que sexa provisionalmente, para esquecer as que se prodigan, con prosapia de ripio, estes días lamentables de tristes punch and judy.   

4 commenti:

Anonimo ha detto...

Viu os Clash, seica voltan. O Medela e eu imos organizarlles un concerto en Lobeira.

Anonimo ha detto...

Qué cabrón. E eu qué envexoso.

X ha detto...

Os Clash frecuentaban o Galicia, na Portobello Road, e Jones e Simonon aínda conceden entrevistas alí. Aínda que iso de volver sen Strummer... está complicado. Un agasallo para a súa londonfilia:
http://www.derelictlondon.com/derelict_london_com.htm

Anonimo ha detto...

Pero si Strummer redivivo é D. Julio Medela de Lobeira, e si non tiña que ver en Allariz fai unhos días, clavando London Calling & Gin Tonic, again