Caxigalines nella Reguera'l Campizu

4 febbraio 2009

A ONDA


Para Ana Bande

Vin
A onda hai tempo, rodeado, por certo, de adolescentes chamados pola novidade de ver historias súas no ecrán. Filmada con ritmo potente, acompañado dunha música tamén poderosa (non sei por que, a verdade), conta, como case todo o mundo xa coñece, un experimento sicosocial nunha clase especial sobre autocracia. O profesor encargado da materia, un exemplo de docente preocupado e afín a movementos anarquistas e alternativos, propón unha forma de comportamento autoritario, para as clases: orde nas mesas, uniforme, acenos identificadores, traballo en colectivo aniquilador de individualidades, afirmación crecente de pertenza ao grupo. O experimento, non admitido de igual modo por todo o mundo, acaba por determinar as vidas dos diferentes persoaxes que se entusiasman pouco a pouco coa idea. Non conto máis. 
A película ofrece interese na medida en que foxe do maniqueísmo esperable. Pero pola vía dun esquematismo variado na presentación das persoaxes. Os comportamentos son moi distintos, pero obedecen a unha especie de predifinida resposta: como nun exemplario de reaccións prototípicas diante dun caso dado. En efecto, a película parece ao tempo un experimento, parece unha historia de tese, cun final catártico que redime, a costa do castigo ou a destrucción, a deriva insana do proceso. A película resulta desacougante en boa parte do relato, pero remata por caír nunha dinámica tráxica que comprace e tranquiliza ao espectador demasiado temeroso de que o experimento poida saír ben. 
O problema é que a solución dada (o que aparentemente é unha apoteose da desgracia) resulta acomodaticia: representa o punto extremo da manipulación ou da autoconcienciación do eu fronte ao outro, da tribu ou do grupo de noso fronte ao alleo, nunha escenificación ostentosa do fascismo. Pero ao cabo resulta un happy end perverso. 
O máis terrible sería que a escola seguira funcionando con esa mística heroica dos supernós, esa tolemia de pensar que fóra da aula sempre está o nemigo e dentro só cabe unha única esencia, a esencia infame de sermos desa mesma aula: a voráxine criminal do círculo vizoso do identitario. Ese sería o final sen mensaxe: a proba de que tales cousas están a suceder. 

2 commenti:

Ana Bande ha detto...

Grazas Arume, sabe vostede elixir ben os agasallos. Xúrolle por Quintiliano que me emocionan estas súas composicións deliciosamente perfectas. ¿de que hai que falar?...ah...si..a Onda...Concordo con todo, cicais agás co do final "perverso"...é desacougante certo, pero o profesor non é inocente, ou polo menos o filme non aclara que lle preocupe moito o rumbo que está a tomar a situación, a clase non é un laboratorio e o profesor provocou deliberadamente a traxedia. Penso. Un bicazo!

Anonimo ha detto...

Claro que non é inocente, por iso falo de happy end. A sociedade censúrao, castígao. Tes toda a razón. Perverso porque non o parece. Debía dicir compracente final terrible. Sería mellor. Como os das pelis de terror ou de psychokillers.