Vexo o escaparate de Gami, un das librerías de barrio que máis fan pola cultura dunha cidade. O escaparate, renovado a cada pouco na esquina de Canceleiro con Rosalía de Castro, presenta as novidades editoriais con puntualidade ben eficaz. Desta vez, o conxunto resulta especialmente atractivo, pero dun tempo a esta parte observo que os dous pequenos anaqueis destinados aos libros escritos en galego se reducen a apenas un e neste ademáis atópanse libros de tema específica e intensamente galego. Pero dos outros, excluidos os escritos orixinalmente en castelán (poucos, e case todos de ficción novelesca ou relato histórico, todo hai que dicilo), a meirande parte está escrita en español. Biografías de Paul Newman e John Lennon, diarios de Vassili Grossman editados por Antony Beevor, historia do islam en Europa, manuais de supervivencia sicolóxica, monografías sobre pintura flamenca, análises sobre a situación económica, panoramas da cultura bizantina, diccionarios de política económica, sen contar os gorentosos volumes de fotografías artísticas ou atlas de marabillas. Ningún escrito en galego.
Non vou ser especialmente cruel coa situación, pero creo que o idioma fica aillado nunha serie de xéneros literarios, especialmente indicados para filólogos ou en todo caso para historiadores (de eventos, da cultura ou da filosofía). O idioma galego parece destinado a servir de canle á poesía, á novela (de xeito abrumador, mesmo coas traducións de textos que simultaneamente aparecen en castelán, sen aproveitaren o baleiro de certas obras descoñecidas), ás historias dunha bisbarra, dunha cidade, do propio territorio ou dun feito histórico normalmente relacionado con Galicia, ou, ás veces, de forma senlleira, a memorias ou ensaios (artellados tamén sobre a mesma materia de Galicia) que parecen escapar, polo que teñen de audacia persoal, ao dictado do que chamamos de nós.
Supoño que non serei nada orixinal nesta apreciación, pero boto en falta unha escrita en galego de miles de cousas que non teñen nada que ver con Galicia. Que sei eu: unha historia do rock and roll, unha biografía de Marco Polo, un libro sobre os maias ou unha pequena introducción á fotografía rusa do século XX. Por poñer exemplos que se me ocorren nun pispás.
A identificación que ás veces se establece entre nacionalismo e lingua (máis propia dos non nacionalistas ca dos propios, obrigados a soster esa defensa) é pouca cousa comparada coa identificación, letal ao meu xuízo, entre lingua galega e Galicia. A lingua é un instrumento de comunicación para todo: non a marca subsidiaria dun territorio.
8 commenti:
É a tendencia a axustarse á demanda: porque no 90% das librerías os libros en galego, sexan do xénero que sexan, están todos no mesmo andel.
Verificación de palabra: prowmo.
Pois un dos libros que non teñen que ver con Galicia é: As vidas de Galileo,Viaxe pola historia da Astronomia, traducido por Salva Bará pra Universidade de Santiago. Nel Galileo presente os acontecemento que cambiaron o mundo.
Eu que son un entusiasta da lectura de ensaio sobre temas relixiosos, está claro que atopo un baleiro na nosa literatura.
1. Libros de ensaio/divulgación traducidos ao galego.
As editoras galegas non se arriscan a publicar libros que xa están escritos en ou traducidos ao español e portugués. Sería duplicar materiais e o mercado non dá moito máis de si. Ademais, de traducírense eses libros resultarían moito máis caros que os orixinais, por ser as vendas máis reducidas en galego.
Que facer para ler divulgación? Eu aconsello ir a boas librarías españolas, portuguesas, inglesas, francesas. etc.
2. Libros de ensaio/divulgación escritos orixinalmente en galego.
Cos cartos que gasta a Xunta en publicar libros de escaso interese escritos por amiguetes do político e para amiguetes + os cartos que gastan as editoras das tres universidades en publicar libros de investigación de escaso interese para que catro monas engorden o currículo (libros que non serían publicados por unha editora estranxeira non universitaria dada a súa escasa calidade e polo feito de estaren redactados en español), con eses cartos poderíase fundar unha editora pública que editase libros de divulgación e interesantes a prezos populares.
Pero vai ser que non.
R.R.: sobre o primeiro quixen escribir que os andeis adicados á escrita en galego (sexa cal sexa) teñen a súa correspondencia naquelas librerías situadas en lugares dunha soa lingua cos libros de historia local ou guías do país. Ata este punto se está a chegar.
Balonga: seica hai na USC algún colega/amigo/veciño no servizo de publicacións que aínda fai iso, coma estratexia novidosa e de acordo cos demáis servizos de publicacións. Pero é anduriña que non fai verán.
Randeeira: pois se é por retranca (como tal creo) escolleu mal exemplo porque vai ser o único caso no que hai libros en galego, porque de sempre houbo un par de (ex)seminaristas dedicados a tal fin que, por mor da especial querencia do clero polos libros, pola imprenta e polo control dos medio de comunicación, sempre ven publicada a súa obra. Precisamente ensaio sobre temas relixiosos para min que hai.
MS: xa digo que sería interesante que mesmo os que escriben orixinalmente en galego o fixeran sobre temas que non teñan nada que ver con Galicia. Pero desgraciadamente non existe tal propósito.
Totalmente de acordo co que comentas no post. Non soamente é algo que botemos en falta (que se publiquen en galego todos eses libros aos que te refires) senón que tamén é un elemento fundamental na pervivencia do noso idioma.
En todo caso, dicir que son relativamente optimista e que penso que esas traducións van ir chegando, da mesma maneira que hoxe en día xa imos tendo traducións de novidades internacionais destacadas.
I'm appreciate your writing skill.Please keep on working hard.^^
Unha das chatas que adoitan colgar algúns ao galego é que "non é útil para a ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas, etc". Pois velaí vai unha idea para quen a queira coller.
Cos cartos que a Xunta, as 3 universidades e outras institucións privadas (as dúas caixas galegas, FENOSA, etc) gastan en servizos de publicación de libros de escaso interese e/ou de luxo de/para catro amiguetes, mais con algo do que están a dilapidar na Cidade da Collona, ben podían entre todas esas institucións fundar unha editora de libros de divulgación en galego.
Estou pensando en libros redactados por mestres/profes de secundaria e universidade dirixidos a estudantes (primaria, ESO, bacharelato, universidade) e xente do común. Serían como pequenas enciclopedias sobre diferentes temas, agrupadas por niveis. Os alumnos de primaria/ESO poderíanos empregar para aprofundar nos temas que están a ver na escola, repasar para os exames, as recuperacións, etc. Os alumnos de bacharelato e primeiros anos de carreira poderían acceder á univresidade cun mellor nivel se os coñecementos incluídos nestes manuais lles axudan a transición entre as dúas etapas. Por último, calquera persoa cunha cultura media podería atopar ideas interesantes, explicadas cun estilo sinxelo, nestes libros de divulgación.
Ao estaren subvencionados, estes manuais venderíanse a un prezo que os faría asequibles á meirande parte das economías.
Ben, só é unha idea "peleriña".
Posta un commento