Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 settembre 2014

NAPOLI


Leo con especial atención as noticias procedentes de Nápoles. As noticias locais, en particular. Intento explicar aquel laberinto que me fascina. Leo sempre casos insólitos que sobrepasan o natural campo da delincuencia o da criminalidade. Trato de entendelo. Boto unha ollada aos comentarios dos leitores. Hai sempre coma unha lamentación xeral, cando non un exabrupto contra a casta política. Por medio sempre un sentimento arrebatado, declarado, de amor á cidade. Non sei se á cidade que é ou á cidade que puido ser ou á que debeu ser ou á que nalgún tempo foi. En calquera caso, unha desmedida paixón pola cidade, concentrada na propia verba Napoli, Napule, pechada nesas tres sílabas que pronuncian con consoantes relaxadas, coma se fose un salouco. 
É a súa unha cidade maltratada, non só, como puiden comprobar este ano, polos xa clásicos italianos do norte (norte que chega ata a mesma Roma), senon polos propios campanos, que adoitan mirar aos capitalinos coma unha especie de rara avis, entregada case por completo ao pillaxe e ao delicto. No sur da Campania, onde moran as búfalas que producen a mozzarella, detestan a Nápoles. Os propios napolitanos/as, creo, detestan aos propios napolitanos/as. Detestan a súa propia imaxe diante do resto do mundo e diante deles mesmos. Pero aman, como case ninguén, e tal vez por iso mesmo, a súa propia cidade. Se atopan un pequeno oco na conversa, preguntan: "Pero verdade que é preciosa Nápoles? Cres que hai algo máis fermoso que este golfo, que esta baía?" E indagan. Coa seguridade de que o interlocutor nunca mentirá e dirá, cos ollos pegados no Vesubio, "Non, non, nada resulta comparable no mundo a ese mar luminoso entrando pola praia de Chiaia camiño do Castel dell'Ovo".   

Nessun commento: