Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 giugno 2014

DE EUFORIAS SOBRE REPÚBLICAS



A euforia creada a partir da abdicación do monarca e dos resultados favorables aos partidos que proclaman o final da transición postfranquista pode conducir a erros notables de estratexia sobre o cambio neste país. Fai falta certa pedagoxía e unha maior implantación no tecido social dunha decidida aposta pola república, entendida esta como mudanza de réxime. A opinión pública, coa chegada do novo rei, está a reproducir os clichés xa empregados con eficacia na restauración borbónica do 75 sobre as bondades infinitas de Felipe VI, e boa parte da poboación -cansa, no entanto, das pésimas actuacións de Juan Carlos I- aínda mantén con respecto ao seu sucesor algunha esperanza de cambio. Faría mal o republicanismo en entender que os moitos/as defensores e simpatizantes da república, alomenos na súa teoría democrática, están decididos a empregar o tempo nunha batalla esencialista sobre a implantación do novo réxime.
Coma creo que a curto prazo a monarquía de Felipe VI, co asulagamento da propaganda ad hoc, vai ter un periodo de proba (por moi rexeitable que este fose para os sectores republicanos), sería conveniente que as forzas partidarias da reforma constitucional, co refrendo incluído sobre a forma de xefatura, fixesen un labor pedagóxico considerable, que non exclúa a presencia nas rúas, xaora, pero que tente explicar polo miudo as vantaxes desa preferida situación política. Que aproveite este tempo en detallar os elementos fundamentais desa nova constitución posible. Que se negue a debater en termos nominalistas sobre a cuestión monarquía/república e que tente levar ao terreo da reforma constitucional profunda o debate.
Estase a producir nestes días un fenómeno interesante de desprazamento cara o centro do discurso político das discusións sobre os novos tempos, sobre a necesidade de cambio, sobre a necesidade mesmo, se cadra, de rupturas con modelos anteriores. A esquerda, neste sentido, ocupa agora non o poder, pero si a orde do día dos debates. Non xulgo se é positivo ou non esta nova situación, pero convén aproveitala para profundizar en cuestións relevantes sobre a futura organización do país. Entregarse agora a unha loita por definir o réxime pode conducir a unha derrota; mellor sería plantear todo a un medio prazo irrenunciable, pero non deixarse levar agora por un entusiasmo febril que pode acabar en desilusión e desencanto.

3 commenti:

Balonga ha detto...

Poidera ser que fora republicano de libro. Porén neste intre dous razoamentos levanme a concordar co reinado de Felipe VI, a saber:
-Gústame que, a aínda Princesa de Asturias, alén de ser unha persoa do común sexa realmente asturiana, pois cando escoita o himno "Asturias patria querida . . . o seu sentimento ten de ser ben auténtico..
-Non podería soportar, que hoxe, nunhas eleccións a Presidente de República fora escollido Don José María Aznar. Non o soportaria e daquella espicharias, e iso é o derradeiro que se ten de facer.

detective crepuscular ha detto...

Por aquí andamos, señor Arumes. E por aquí, quero dicer por El Público, anda tamén Vicenç Navarro.

http://blogs.publico.es/vicenc-navarro/2014/06/11/javier-cercas-el-rey-y-los-republicanos/

Balonga ha detto...

Lapsus cálami: Puidera ser que eu fora republicano de libro.