Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 settembre 2014

POESÍA GALEGA: BIEITO IGLESIAS


Publica Bieito Iglesias fermoso libro de poemas, titulado A última música das cousas. Breve volume de versos, dedicados ao recordo da infancia de arrabaldo, das viaxes na procura da beleza, pronunciados con gramática e vocabulario cultísimos e referencias de erudición complexa e irónica. Tárdase máis en ler a miña impresión que en disfrutar dos seus poemas. Poño aquí por caso, con notas hipervencelladas, este que dá comezo ao libro e que, de forma excepcional, nega o verso. 

Canto lamento, belísima, o verde opaco do carácter, ese ton de canal avolto que garda no lodo historias bizarras. Ambiciono as alturas dos campanarios por cima dos miasmas, e a grandeza das columnas de Palladio, simples como destinos cumpridos. Non chega a boquiña das Virxes de Bellini, necesito o teu riso vermello pra afundir a laca negra das góndolas fúnebres. Camiñamos na mañá bizantina, neste abrente de Venezia que se ofrece luxuoso como caravel chinés. Gardamos o ouro do nacente prás augas maiores de outono, pró levante do Adriático que resuda cantigas melindrosas de Aznavour. Talvez soportemos a visaxes das máscaras de carnaval, se cadra fuximos empós de Casanova da prisión dos suspiros pola trapela luminosa dun tacto sacrílego. Apalparei algún mosaico da túa pel a fin de celebrar o mundo in organo. Ave verum corpus, cun canto lóstrego que fulmine a ánima metálica do anxo cataventos de san Giorgio. Despois, un viño doce a perfumar tempas e liobas na penumbra das adegas sitiadas polo trono. 

Nessun commento: