Non está mal comezar o día nun forn que fornece bocadiños e longas torradas ao pe do metro. Nin tampouco retomar a rambla cara a praia. Nin por suposto aproveitar as raiolas dun sol aínda quente mentres os corpos espidos adormecen sobre a area, masaxeados por mulleres que ofrecen ambulantes o seu servizo. Dirixímonos cara ao Forum, ao final da praia, onda o Besós desemboca en centrais eléctricas. Os edificios desta parte da cidade son novos, acristalados e con formas tan audaces como pouco seductoras. O Museu de Ciencias Naturais fica case suspendido no ar, pero a mole e a cor impiden aprezar a súa suposta beleza. Tomamos o tranvía para recorrer a Diagonal ata o hotel. Sempre me pregunto por qué non hai tram na miña cidade. E, sobre todo, este tranvía, limpo, luminoso. Suben a el mulleres, cargadas de nenos ou de bolsas. Falan outros idiomas distintos ao meu. Pero non escoito nin no tram ni no metro tanto catalán como un agarda. Os turistas non chegan tan lonxe. Son mulleres de procedencia oriental ou sudamericana, algunha coa cabeza tapada por un pano, de forma descuidada. Desde o tram, a avenida parece tirada dun anuncio de automóviles, coas follas das árbores apenas caídas. Nas rúas do Poble Nou hai unha axitación extraordinaria de colmados e tascas. Nos balcóns lucen senyeras. Nas terrazas grupos numerosos, tamén de mulleres, comentan o día. É a hora de saída do instituto: nas rotondas destas rúas con chafláns amoréase a adolescencia entre berros e carreiras. Cómpre xantar. A oferta é ampla e diversa. Decidímonos por pura intuición. Ou polo mantel e a caligrafía da pizarra. No restaurante, con camareiros sempre doutros lugares do mundo, escoitamos risas e proxectos de futuro entre o menú do día. Cae a primeira botifarra amb mongetes. Barcelona ès molt bona. Osties.
Nessun commento:
Posta un commento