Unha tarde calquera de xuño, antes de remataren as clases. 1976, 1977. Gracias, Marisol.
Caxigalines nella Reguera'l Campizu
13 febbraio 2007
12 febbraio 2007
ADEUS Á TINTA E O PAPEL
O editor do New York Times (onde por certo hoxe publican unha nota sobre o paso en España da Siesta á Viagra un tanto rechamante) concédelle á versión en papel do seu xornal cinco anos de vida. Sen ningunha forma de nostalxia, afirma que está encantado co xornal electrónico.A mín gústame ler o papel con certa tranquilidade, máis por inercia e por unha inveterada tradición familiar que conservo a modo de homenaxe ca por outra razón. Pero agora son incapaz de prescindir de ler as noticias a través da pantalla do ordenador. E ademáis, cos cambios veloces cambios introducidos no diseño dos xornais de referencia resulta fascinante consultalos. A fenda dixital, neste caso pode ser maior, porque os grandes xornais cada vez son máis espectaculares e os pequenos, os locais (Faro e Voz), xa de por si reticentes, tenden a chegar tarde a estas ferramentas.
11 febbraio 2007
ORGULLO FFT

No Faro de hoxe lese, con emoción, o auxe da traducción literaria en Galicia e o efecto FFT nese esplendor presente. Alégrome moito e sinto un indisimulado orgullo por todos eles. Que lles vaia bonito.
[Foto da Facultade de Filoloxía e Traducción, de J. Albertos, www.vigoenfotos.com, unha alfaia nas webs de Galicia]
VALLE COXO

No artigo de hoxe en EL PAÍS de Suso de Toro trata o vello tema de Valle e a súa pertenza a Galicia. As loubanzas do escritor santiagués son redundantes porque hoxendía non hai ninguén (a pesar do que sostén sobre a academia: "a Valle lo trata la academia igual que lo trató, con distancia y recelo") que rexeite a idea de que Valle é o máis grande escritor español do século XX. As súas reflexións sobre a relación de Valle con Galicia ou máis ben as relacións de Galicia con Valle ignoran que Valle-Inclán está en mans dos seus herdeiros, quen impiden de forma sistemática por suposto a traducción ao galego dos seus textos así como a edición crítica da súa obra, completamente necesaria e imprescindible. A edición de Valle está limitada á editorial Aguilar, sen ningún xénero de anotación, agás as notas que deixan poñer os seus herdeiros ou as insuficientes de Luces de bohemia que Alonso Zamora Vicente (académico de libro, por certo), non sei con que clase de sorte excepcional, fixo para a devandita empresa editora. Creo que mentres non existan textos fiables e profusamente comentados de Valle, todo o camiño seguirá en máns precisamente de eruditos, capaces de entender o español complexo e riquísimo de Valle, pero non nas dunha maior franxa de poboación a quen o poderío lingüístico de Valle faiselles moi costa arriba, case imposible.
9 febbraio 2007
QUEER AS FOLK E THE L WORD
Na televisión agora mesmo botan dúas series de ambiente gay. Podería dicir exclusivamente gay, xa que non lembro agora mesmo ningún personaxe hetero, pero pode habelos. As series son L word (no mundo lésbico/lesbián) e Queer as Folk (no mundo de gays propiamente dito). Ao marxe das relacións sexuais que aparecen con frecuencia, que poden escandalizar e mesmo excitar a máis de vinte, as dúas series teñen unha especial querencia polo melodrama. Eso explica a polémica (renovada querella sobre os límites de arte e natureza) que se ten dado nalgúns medios de comunicación sobre a verosimilitude ou a fidelidade dos feitos contados coa realidade de tales ambientes. Nos foros onde se debate a cuestión é notable a disparidade de criterios, desde o que sinala que son así os ambientes, ata o que considera que é froito dunha esaxeración cinematográfica cun pulo provocador. Mesmo gays ou lesbianas que como tales figuran nas asinaturas dos devanditos comentarios difiren nas súas apreciacións de modo radical: mentres uns son devotos devoradores das series por entenderen que reflicten ben ese mundo, outros, sen embargo, botan pestes porque consideran que ofrecen unha imaxe distorsionada (algúns/algunhas falan de negativa) da súa sexualidade.
Eu creo que é precisamente o tono melodramático adoptado polos realizadores de ámbalas dúas series, onde o humor parece proscrito, o que provoca a diferencia. Cando un elixe un xénero destas características, xa sabe que debe suliñar as emocións, os constantes cambios de situacións, as sorprendentes descubertas, as paixóns a todo tren, os sentimentos como único resorte dramático. Eu teño que confesar que sigo (digo sigo porque sempre teño curiosidade por encetalas) as series porque amigos din que non están mal. Eu intento verlles o lado positivo, pero non son quen de soportalas. Pero creo que din coa clave: son telenovelas ad hoc que cambian os seus escearios habituais de chairas ou rañaceos de Caracas por escearios de qualité e ambiente oscuro pero brilante de dúas cidades de EE.UU., Los Angeles e Pittsburgh.
8 febbraio 2007
LA MEGLIO GIOVENTÙ
Sempre que podo aconsello esta película. Vina por casualidade: un premio en Cannes (un certain régard) e un éxito sen precedentes na televisión italiana, no nadal de 2003. Son 360 minutos do mellor cinema. E o film comercialízase (fatalmente) nun dvd en dúas partes. É La meglio gioventù, de Marco Tullio Giordana. Os seus actores principais, que desenvolven os papeis de dous irmáns, ficarán para sempre na memoria: Luigi Lo Cascio e Alessio Boni, aínda que a nai deles, Adriana Asti, pon os pelos de punta. A historia da Italia dos últimos vinte anos nos ollos desta familia: cine grandísimo en estado puro. 7 febbraio 2007
GLI AMANTI DI VALDARO: STILL LIFE
Sic transit gloria amorisAsí conta La Repubblica no pe de foto o achádego nunha zona perto de Mantova:
Segundo os arqueólogos trataríase dunha parella de individuos xovencísimos, mortos no periodo neolítico. Os dous foron sepultos un fronte ao outro, cara a cara: os osos dos brazos e das pernas sobrepóñense nunha aperta que fixoos gañar o alcume dos "amantes de Valdaro".
Iscriviti a:
Post (Atom)

