Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 maggio 2009

A INMERSIÓN LINGÜÍSTICA


Cedo hoxe o espazo deste blog ás reflexións dun meu amigo moi querido, X. G., preocupado polo momento delicadísimo da lingua galega en Galicia.

A INMERSIÓN LINGÜÍSTICA.

O español non é unha Lingua Franca en ningún país do mundo (se exceptuamos, quizais, Andorra). En Europa e no mundo, ise papel correspóndelle ao inglés que ademais de ter moitos falantes  como primeira lingua, é a segunda lingua en moitos outros. A medio prazo seráo en todo o mundo. Tamén o francés é Lingua Franca, nomeadamente en Africa.

O español non xoga ese papel en sitio ningún: tén millóns de falantes e é primeira lingua en moitos paises pero non é Lingua Franca . A sua importancia como lingua de comunicación internacional está sobrevalorada e é, sobre todo, un asunto de consumo interno.

Na UE non pasa de un cuarto posto no ranking, a anos luz do inglés, e tivo serias dificultades para ser considerada língua de traballo. En número de falantes está incluso por debaixo do italiano. (En Europa non ten moito peso o argumento dos falantes  latinoamericanos). Por esta razón, cada vez tén máis predicamento o aprendizaxe de linguas extranxeiras entre nós.

Moitos paises europeos (paises pequenos con sistemas educativos avanzados) xa hai tempo que aplican a inmersión lingüística en inglés para conseguír un dominio pleno nesta lingua por parte de toda a poboación. Calquer adolescente sueco ou finés desenvólvese perfectamente nela. O sistema de inmersión  consiste  en dar unha boa parte das asignaturas na lingua escollida (e non só a materia específica). Así, en inglés poderíanse dar asignaturas como matemáticas, física, Hª da arte, etc. Todos os governos europeos empezan a ver os beneficios deste sistema e xa falan del abertamente. O governo español, tamén. Incluso os partidos da oposición (Rajoy dixo claramente que, o útil para os rapaces sería estudar inglés e deixarse de andrómenas)

En Galicia déronse os primeiros pasos coas Sección Europeas que consisten  en crear grupos de alumnos cun bo nivel académico que reciben algunhas das súas aulas na lingua extranxeira escollida. Polo momento, é un sistema moi precario, que se basea na boa disposición dos docentes  que teñen algún dominio desa lingua, co apoio do departamento correspondente e tendo carácter voluntario para todos: profesores e alumnos. Sería, pois, unha pseudoinmersión, parcial e moi limitada. Se( como se pretende) nun futuro, os docentes  de distintas areas, acadasen un dominio pleno nunha lingua extranxeira, estaríase en condicións de planificar e levar a cabo a inmersión plena e total.

 E todo isto, a que vén?

 Pois a que, niste intre se está a debatir en Galicia o tema lingüístico e a comenencia ou non  de cursar  en galego unha parte das materias. Discútese se os pais teñen que decidir e opinar sobre o propio  sistema educativo e se todo isto é un asunto de libertade individual, etc. O que parece evidente é que o tema se utilizou, de xeito irresponsable, na confrontación política e iso conseguiu meternos a todos nun sarillo do que non se sabe como  saír. Vendo algunhas das declaracións últimas dos responsables políticos na materia, moito me temo que a cousa rematará por enlearse aínda máis e traerá consecuencias moi negativas para o país.

Sabe o conselleiro de educación algo diste tema? E o presidente? Témome que non! As políticas que se anuncian ( se en realidade se levan á práctica) rematarán no enfrentamento e no caos.

Como é posible que se acepte como necesario en toda Europa (en España tamén)  o procedemento de inmersión lingüística  nunha lingua extranxeira e ese mesmo sistema se lle nego ao galego?

Os pais de Galicia Bilíngüe negaranse tamén a que os seus fillos “sufran” a inmersión nunha lingua europea non coñecida? Se isto se levase a cabo, os resultados académicos veríanse gravemente afectados como din que pasa co galego? Están os pais en condicións de decidir sobre estas cousas? Como é posible que haxa xa colexios privados de élite e liceos extranxeiros que ofertan como un valor engadido na formación  a inmersión lingüística? É que só o galego representa un handicap na formación dos nosos rapaces e rapazas?

A ninguén lle importa que o galego sexa unha lingua milenaria na que se desenvolveu a maior parte da cultura do país, plenamente viva e en condicións de seguír ofrecendo sustento á arte, á ciencia e á comunicación? A ninguén lle importa que sexa, con moito, a parte máis importante do noso patrimonio?

Que se esquezan de conseguír os seus fins os que soñen cun sistema educativo moderno,  aberto e plurilingüe e que, ao mesmo tempo, prescinda do galego, un IDIOMA PROPIO E OFICIAL DE GALICIA. Non sería viable, nen xusto, nen democrático!

Sería antepoñer a barbarie á razón.

X. G.   

No medio da foto escóitase o verbo encendido de Bieito Iglesias.

19 maggio 2009

MAJESTIC ANTONY AND THE JOHNSONS

Para Isabel, Aser, Ana e Carolina, que compartiron este momento e unhas torradas mixtas no Majestic de auténtico luxo 

No Coliseu de Porto, un deses lugares que o tempo renova para conservarse intacto, cantou onte Antony, arcanxelizado polos Johnsons. O concerto comezou con algúns minutos de demora, por mor do habitual tempo de cortesía e dunha soporífera e prescindible danza de plásticos e sons telúricos que movía a risa e a lástima máis cá contemplación admirativa. Non sei se quere o responsable do concerto rebaixar os ánimos dos siareiros ou anovarlles o estado de ansiedade con que agardan a chegada do seu carismático ídolo.

O certo é que cando soan os primeiros acordes, a xente rebule nos seus asentos e apréstase, cun nerviosismo nada disimulado, a preparar a benvida fastuosa ao divo. Este chega aproveitando a escuridade do esceario e séntase diante do piano. Pulsa a primeira tecla e o auditorio en pleno, coma nun resorte instantáneo, prorrumpe en aplausos, berros e asubíos de entrega orxiástica. Nese preciso balbordo decátaste de que o que vas ver é un  prolongado de éxtase.

Non sei se isto beneficia ou perxudica ao nivel do concerto por igual. A min, que valoro moito a entrega e a calor do público desde o principio, sobre todo daqueles desprovistos de calquera sentido da medida, paréceme extraordinario. Pero é posible que contaxie aos músicos unha excesiva compracencia co respetable. Por momentos, o propio Antony establece conversa co público (por certo, capaz de seguir coas risas os monólogos irónicos do cantante, nunha mostra máis do coñecemento de idiomas da Gallaecia trasmiñán) e déixase levar polos aloumiños constantes das voces que saen extemporáneas de calquera lugar do espléndido coliseo pedindo mesmo casamento ou unha cita en bambalinas. Sinalo isto para mostra do estado de delirio e abandono (alguén poderá dicir que tamén moi propio da súa música) da audiencia e, se ben se mira, da ausencia (totalmente explicable) de capacidade crítica sobre o que está vendo.

Pero é que por moi oblicua ou torta que poida ser ollada con que se xulgue o concerto, Antony and the Johnsons consegue obnubilar ou hipnotizar ao persoal sen que iste poida aprecialo. A súa voz, única, aínda que ecos de case todos os grandes cantantes do mundo poidan estar por veces nela contidos (penso en Simone, Holiday, Presley, Piaf, mesmo Sinatra), logra embaucar ao ouvinte por moito que este teña a tentación de evadirse mirando ao tendido ou tratando de comprender as letras. Sempre hai un momento, digamos a media canción, en que non estás no Coliseu de Porto e tampouco en ningún outro sitio: sintes que as notas vibrantes da súa gorxa, concordes coas dos instrumentos que innecesariamente lle fan os ecos, vante levando a ningures. Só cando se fai o silencio ou se apagan definitivamente as luces ao rematar a canción, entendes que estabas perdido pero tampouco sabes onde.

Probablemente o entendido en música note excesiva a súa predilección polas tonalidades menores, por esa fórmula eficaz de frasear para os acordes máis melancólicos, co aproveitamento deses vibratos inconfundibles que dramatizan a expresión dolorosa, característica da súa música. Se cadra, outros espectadores de gustos musicais máis sobrios boten en demasía a teatralización dos acenos, a ampulosidade sinfónica dos arranxos (nun dejà vu pinkfloydián ou glitterián propio dun davidbowie) ou a prolongación ás veces trampulleira de series rítmicas que convidan á participación e á kermesse sedante. É posible que asuma unha doce compracencia na interpretación das súas cancións máis clásicas, pero tamén hai que recoñecer que incorpora riscos en forma de rupturas desacougantes que turban (e de paso ironizan) a melodía. E sempre sempre sae desa especie de abismo do doado co seu talento descomunal e coa libre luminosidade da súa voz.

Non vou negar que Antony suscite fobias irredentas: a personalidade atractiva dun home (só en apariencia) que nega xa non, por suposto, o seu circunstancial sexo, senón ese non xénero ou transxénero no que difícilmente se insire, compaxinada co seu xeito especialísimo de combinar todas as tradicións (soul, funk, folk, jazz, barroco) cunha forma de interpretación plenamente moderna (por libre, irónica e heteroxénea) ata o punto de constituir para min o paradigma da banda sonora da contemporaneidade, non resulta doada de admitir. Sobre gustos xa se sabe, pero agora mesmo resulta imposible pensar un mundo sen Fistful of love, Epilepsy is dancing, You are my sister ou Cripple and Starfish

O concerto de onte durou máis de dúas horas dunha intensidade espantosa. Ao final, en plena éxtase, sonou, como desde o fundo da terra, Hope there’s someone e a xente puido baixar por Passos Manuel na noite morna de Porto coa ledicia dun silencio apoteósico.


16 maggio 2009

MARCHANDO UNHA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA


Pasadas as primeiras reaccións ao nomeamento de Anxo Lorenzo (non aínda o consecuente rebumbio), escribo para especular sobre o futuro inmediato da política lingüística. Pretendo reparar nas posibilidades que a acción política poida ofrecer á resolución do que é agora mesmo un conflicto social evidente (lémbrame un meu amigo que nos claustros de ensino medio obsérvanse fortes liortas verbais e mesmo nalgures aloumiños pouco cariñosos).

A proximidade co Partido Socialista do home elixido para levar adiante a política lingüística do PP no governo e a súa afinidade con moitos sectores do nacionalismo (nomeadamente os concernidos coa cultura) é unha boa oportunidade para convocar a todos os partidos a unha acción conxunta neste terreo que eu me atrevo a chamar de Estado, dada a gravidade da situación lingüística do idioma galego. Cunha pequena ollada retrospectiva, incluso tería sido conveniente o seu nomeamento tras unha discreta consulta nos sectores do bipartito anterior propicios a un entendemento, coma se fai en circunstancias similares á hora de nomear ao Valedor do Pobo ou ao presidente do CES. Pero, xa que non podemos contar con estas benéficas negociacións previas, creo que aínda estamos no momento de artellar unha política que implique a todo o mundo.

O marco normativo vixente, sen o decreto 124/2007 que eu xa dou por derrogado, non ofrece moita marxe de manobra lexislativa. O Plano Xeral aprobado en 2004 (en cuxa elaboración interviu o propio Anxo Lorenzo) contou coa participación de todos os axentes sociais e foi aceptado de xeito unánime por parte de todos os partidos políticos. Desde este punto de vista, e salvo que se queira obviar un informe non prescriptivo nin vinculante pero políticamente inadiable, calquera nova redacción do decreto escolar debe ter en contar as propostas incluidas nese Plan e, polo tanto, as discusións ao respecto van quedar subordinadas á xenerosidade ou á pura vontade política de acadar o propio acordo. Pode resultar un tanto redundante, pero non queda outra saída que a propia reunión dos partidos en torno a un propósito común.

A inclusión da Secretaría Xeral dentro da Consellería de Educación pode limitar o desenrolo completo do Plan Xeral noutros sectores fundamentais da acción política necesitados de pulo galeguizador. Pero, aínda así, hai nese aspecto numerosas opcións para chegaren a un acordo unánime, sen mingua substancial das posicións de partida, sen renuncias difícilmente intelixibles nos correspondientes sectores que representan. Eu, que coñezo a Anxo Lorenzo máis deste tipo de reunións onde é preciso chegarmos a un acordo que da súa competencia como sociolingüista (que eu dou por probada á vista do seu curriculum), creo que convén tratar o asunto desde unha perspectiva xenerosa de Estado e presentar os resultados non desde a perspectiva do partido de governo, senón como froito dun compromiso parlamentario (representativo) entre os distintos partidos políticos. O aval do Plano Xeral, que vai máis alá dunha mera formalidade parlamentaria e abrangue a sociedade enteira, debe ser achegado coma pedagóxica ferramenta política na presentación do mesmo para o próximo curso académico.

Non son tan inxenuo para pensar que tanto o PSdG coma o BNG vaian esquecer fácilmente o rudo encono que precedeu a este intre. A situación previa non facilita calquera intento de achegamento. Pero a ollada posta nun medio prazo, na responsabilidade compartida sobre o que pretende a sociedade (non difuminada en imaxinarios desexos, senón concretamente exposta por escrito no Plano Xeral), debe prevalecer sobre os xustificables recelos e sobre os recordos ben vivos das últimas leas coa lingua como ariete e estandarte.

Creo que vai facer falta máis política ca (socio)lingüística. Alomenos nos primeiros momentos. Para despois, eu non me atrevo a tanto, aínda que tamén apuro (permítaseme a licencia brincante coa que pretendo aliviar os efluvios destes dous últimos días) unha solución entre lampedusiana e pierremenarda (esta sería a miña favorita): a redacción dun novo decreto, semellante ao anterior, coa incorporación do inglés como variante modulable, ou a repetición do mesmo decreto baixo nova autoría, coa interpretación que dous anos e unha loita política polo medio poden outorgar á súa lectura. En calquera caso, o colega Anxo Lorenzo, con quen debatín duramente este último ano varias veces por mor de planos de estudios, ten unha tarefa dura dura. Que teña ánimos e, sobre todo, tempranza e man esquerda: falta lle van facer.  

13 maggio 2009

FEISBU/BLOGS


O Feisbu é aos Blogs como comer de tapas o é a comer de prato.
Eu, xaora, Xulio, como de todo.  
 
     

12 maggio 2009

ME ASOMO A LA VENTANA


Coloco o meu papel neste muro das lamentacións de hoxe. Como recoñecemento por todos os momentos felices que nos fixo pasar o grande Antonio Vega. 
Que a terra lle sexa tan xenerosa coma el con todos nós.

9 maggio 2009

BERLUSCO NON FAI GRACIA


Neste blog adiquei moito tempo á figura de Berlusconi. Probablemente porque, como dixen nalgún dos posts que escribín, faise inconcebible o grao de aceptación e apoio que ten en Italia. Aquí tratei varias veces de explicar o fenómeno, pero aínda así nunca remato por dar satisfacción ao conxunto. Sumados todos os factores que un pode aducir (mesmo esa cousa na que nunca creo pero que podo engadir para encher o cúmulo de argumentos como a idiosincrasia dun país e que me saia o resultado, como cando fas trampa no solitario), sempre queda algo inexplicable, que pertence ao arcano das reglas políticas e sociais que funcionan en calquera espazo e tempo dados.
Nos últimos tempos, a sucesiva cadea de informacións referidas á súa vida íntima ou ás saídas de ton protagonizadas urbi et orbi parecen dotalo ademáis dunha aura cómica, que, de forma perigosa, pode facelo entrañable ou disculpable na liña do impresentable Martínez Soria, protagonista querido e repetido nas sesións de cine de barrio dos sábados pola tarde. A forza (Italia: perdón polo chiste) de entresacar o Berlusco pavero, imos camiño de outorgarlle, pola vía da exhibición pública permanente, un carisma televisivo indudable, alleo a calquera resposta crítica. 
Berlusconi non fai gracia: non debe facernos gracia. Debemos tomalo en serio: velo como o seudofascista (seudo polo seu intento de disimulo) que é, emparentado co Mussolini que cruza os brazos mentres pasa pola pedra aos seus concidadáns. Todo o que ofrece, nun país cun estado de dereito nos seus aspectos substanciais plenamente democrático, non é motivo de brincadeira. El pretende que iso sexa así, que todas esas supostas chiscadelas sexan dixeridas en eternos debates que o sitúan sempre no centro do país, mentres os seus axentes levan por toda Italia o programa de control político e social máis prolongado do tempo. Mentres vai a Porta a porta a largar sobre a súa muller ou sobre as súas súbitas aparicións en postas de largo de nenas de clase alta, o país é gobernado por unha sorta di infinitos políticos de garavata elegante (aos que se lles permite mesmo afear a conducta do cavaliere para pareceren asisados) que levan adiante a estratexia máis dereitista (sen complexos, á aznariana) de toda Europa. 
Outra cousa é que Fini, o modelo desa eleganza retórico-mediática, sexa o sucesor de Berlusconi. Diso falarei noutro post.    

8 maggio 2009

BLOGS QUE AGONIZAN


Proclama Rubicho de Katanga a agonía do bloguismo, ameazado de morte polo seu irmán pequeno ou sobriño adiantado o feisbuk. Concordo con el polo que a min toca. Tiven mesmo as miñas tentacións twitteiras, co propósito de ver se, ultrapasada a rede social do feisbuk, hai vida aínda máis novidosa. Debe de ser que non practico iphone ou telefonía móbil para twitterar porque non lle atopo singularidade (ou nomadismo para exercer o microblogueo) para contar o mesmo que o meu apalanque diante do ecrán me permite coa nova rede social do feisbuk, onde agora habito.
O certo é que a redacción de entradas para este blog faise cada vez máis costa arriba e a incorporación dun novo post tarefa case sempre adiada. O nivel de esixencia, autoimposto, do blog obriga a un exercicio de elaboración maior que antes monopolizaba o meu tempo. A presencia do feisbu, complementaria e nalgún momento alternativa, impide a mesma adicación anterior aos posts. Aos poucos, vou dándome conta de que entro menos no meu blog, que renovo máis paseniño as anotacións e que ademáis comprobo que o número de visitas diminúe de forma considerable. En termos cuantitativos o blog vai para abaixo; en termos cualitativos, aumenta o tamaño dos textos (xa que me meto, largo: parece a premisa involuntaria), pero tamén atopo máis dificultades para atopar unha cuestión da que falar que non fose xa exposta de forma breve ou medio longa no feisbuk. Ou sexa, o meu feisbuk fai competencia ao meu blog e non son quen de autorregular esta asimétrica vontade.
As fórmulas para engadir documentación, comentarios, observacións ou para simplemente relacionarse con outras persoas do feisbuk é infinitamente superior ás dos blogs, no fondo conformado (e cada vez máis) como unha voz que fala sen saber se é escoitada, agás se algunhas poucas persoas, que ademáis podes descoñecer, deixan unha pequena palabra de contacto. 
Esto explica que, salvo excepcións que ademáis eu non son quen agora de apuntar porque me temo que non hai xa excepcións, o sistema xeral dos blogs estea agora mesmo moi seriamente danado, non digo en trance de desaparición, pero si en melancólica retirada. Como depósito de textos de calado máis profundo, como formato un pouco máis personalizado (unha especie de retablo onde o autor pode colocar de modo máis particular os seus textos, coa tendencia habitual ao horror vacui) o blog pode constituir aínda refuxio: como almacén ou galpón onde deixar o que en feisbuk xa non cabe. Como pasa cos trasteiros, supón agora mesmo o lugar onde van parar aquelas cousas que non caben na casa, xusto antes (ou cinco anos antes) de chamar ao concello para que veña buscalas.
Rabichu de Katanga non quere entrar no feisbu: imos quedar por esta blogoleira/leria un tempo, pero dame que coas ínfulas baixadas, co ímpetu demediado, a piques de cantarmos Outeiro abaixo cara Peruleiro, It's all over now, baby blue.