Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 luglio 2009

DERROTA POR KO


Deixei pasar dous días tras a noticia do domingo da Voz de Galicia na que se facía mención á especial relación entre as consellerías do BNG no anterior bipartito e a asociación da Mesa pola Normalización Lingüística. Lin a noticia, non sen as prevencións naturais procedendo de onde proceden, e logo a resposta da Mesa. Reservo para mellor ocasión a opinión sobre o particular, pero sorprende a día de hoxe o silencio sepulcral da clase política nacionalista sobre o asunto. Nin o BNG foi quen de reaccionar (non vin nada ao respecto: houbo resposta?) nin os arredores da Mesa acudiron coa premura habitual á protección da asociación amiga. Estou pampo. Digo a verdade. Significa esto que a derrota do primeiro de marzo foi por ko absoluto e que non hai siquera gañas de erguerse da lona? 
Dixen aquí hai non moito que procede unha refundición das posicións nacionalistas, malia non ser eu votante seu. Cónstame (amizades moi queridas, persoas coas que litigo a diario) que hai un pulo nacionalista. Pero tamén me consta o desconcerto, a desilusión, o descrédito e mesmo o rexeitamento nihilista de todo o que eles defenden. Non digo que a Mesa mereza unha defensa, pero este silencio é máis ca elocuente. É a proba evidente de que a xente nacionalista (o votante, por riba de todo) quere que todo caia ao chan para poder medrar desde cero. A actual dirección do partido que podía representalos é hoxe mesmo unha rémora: un molesto obstáculo para poder avanzar. Mentres exista BNG, ao que moitos se aferran con lexítimo orgullo de pertenza a un pasado, moitos outros nin siquera moveran o dedo que antes movían para calquera cousa. E, morta ou desaparecida esta pulsión, o panorama nacionalista queda baleiro e a expensas de que calquera noticia aparecida na prensa contra eles sexa completamente admitida e dada por boa sen ofreceren siquera a mínima resistencia. Como é o caso que agora me ocupa.  

18 commenti:

Xosé M. González ha detto...

Pois verá: eu non diría desánimo, senón recomposición (de lugar). Tocante a este motivo concreto, a min é que o incriminado paréceme ben convincente.

arume dos piñeiros ha detto...

Fíxese que eu non digo que non sexa convincente (que habería que discutilo) senón que non hai comentarios, nin siquera un pequeno abrazo, unha palabra de solidariedade, eu que sei, o de sempre nestes casos. Unha soedade ben rechamante. Ou a min mo parece.
E cal é a resposta do BNG, se tamén aparece acusado ou incriminado? En ningures. Que fan os órganos colexiados que non saen a defenderse ou mesmo a atacar? E, xa postos: non cre que os artigos de Anxo Quintana non revelan no fondo unha indefensión do anterior responsable do partido diante dos actuais dirixentes por non enfrontarense as constantes ofensivas de PP (coa artillería habitual e ventilaexcrementos contratados ad hoc) contra o que fixeron durante catro anos?

Anonimo ha detto...

Non desbote a posibilidade de que La Voz non sexa xa o xornal de referencia para moitos nacionalistas ( nin siquera moi lido). Eu mesmo entereime tarde dese asunto e leo todos os días a prensa.

arume dos piñeiros ha detto...

Pero o dixo a TVG tamén. Aínda que a tvg tampouco debe ser lugar onde se informan os nacionalistas.

Carlos R ha detto...

Polo visto os nacionalistas están desinformados

Anonimo ha detto...

Eu recordo un pin que vendían os da Mesa hai anos: "Sem subvencións". Aínda o debo de ter pola casa...

Por outra banda, querido Arume, para contrastar as túas opinións, cumpriría dar a coñecer o que di a Mesa. Cito da súa páxina web:

A Mesa pola Normalización Lingüística saíu ao paso das que considerou “novas difamacións” realizadas por parte de Carlos Negreira contra esta asociación. O concelleiro e deputado coruñés, coñecido polos seus ataques ao galego e as súas propostas de incumprimento da legalidade lingüística, repetiu hoxe que “A Mesa enviou cartas ameazantes a comerciantes”, “que tivo un financiamento superior á Real Academia Galega” na pasada lexislatura e que o financiamento público da maior asociación cultural de Galiza se debe a “amiguismo”, afirmacións todas elas negadas con probas en diferentes ocasións por parte do colectivo. Por iso, A Mesa trasladou todas estas “declaracións falaces” de Negreira ao seu gabinete xurídico, para estudar a posibilidade de denuncialo por inxurias ou calumnias.

A Mesa replícalle a [Carlos] Negreira que “mentir é un vicio moi feo” e pídelle que explique publicamente “por que motivo sectario a maior asociación cultural de Galiza en número de socias e socios non podería recibir diñeiro público para as súas actividades”. Así mesmo, lémbralle que xa no seu día o TSXG emitiu unha sentenza obrigando á Xunta do PP a entregar subvencións á Mesa, “que era excluída por sectarismo ideolóxico, a pesar das súas dimensións, da súa historia e do seu contrastado nivel de incidencia social.”

A Mesa afirma que esta campaña de demonización da asociación xorde agora porque convocou para mañá, 7 de xullo, unha reunión para constituír unha ampla plataforma social en defensa do galego que dea resposta aos “graves ataques” desde a Xunta. A asociación foi a convocante, co apoio doutras case 700 entidades, da maior manifestación da historia a prol do idioma de Galiza, que se realizou o pasado 17 de maio, como resposta ás agresións por parte do novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feiijóo."

arume dos piñeiros ha detto...

Insisto en que a resposta da Mesa foi inmediata: o mesmo domingo vin eu a súa páxina e a páxina de Carlos Callón. Pero non me interesa a min ese dato nestes momentos, senón o de que que non hai outras entidades ou persoas que apoien ese rexeitamento, nomeadamente o propio BNG.
Vamos, claramente: que a Mesa quedou soa na súa defensa. Iso é o que eu quero dicir. Non que non teña razón ou que estea sobrado dela. E non sei se estou mal informado. Pero me gustaría saber se vostedes teñen máis información ca min sobre o particular. Agradezo datos sobre o apoio recibido pola Mesa e, sobre todo, as palabras do BNG.

Enfastiado ha detto...

Concordo co espírito deste breve artigo de Belén Regueira, especialmente neste tempo nos que a algúns nos están a caer ondanadas de hostias.

ANT
Belén Regueira
Mártires


Non é difícil caer na tentación do vitimismo, propio e alleo, individual ou colectivo. O mundo dificilmente nos trata como cremos merecer e así que as circunstancias nos fan unha cambadela detectamos o inconfundíbel cheiro ao chamusco do destino conxurándose na nosa contra.

Sentirse vítimas é tamén unha maneira de reivindicarse existentes, de reservarse un papel, aínda que sexa pouco lucido, na película da historia, pero os partidos non se gañan queixándose ao árbitro dos abusóns, nin sinalando chorosos, co dedo acusador, os imbéciles e escuros. E os partidos xóganse para gañalos.

Do debate público sobre algúns dos desacougos que nos axitan vai xurdindo certo consenso básico sobre as estratexias que o presente require. Entre outras, o abandono do resistencialismo, a recuperación do impulso cívico, a urxencia de sumar vontades e a renuncia ao vitimismo reactivo de quen secretamente se teme perdedor.

A nosa factoría de mártires leva séculos traballando a todo meter e xa sería tempo de deixar a necrofilia e diversificar a produción. Nin mártires nin heroes. Non precisamos de épicas glorias post-mortem, senón da prosaica intelixencia dos vivos, que saben que o eterno o é só enquanto dura.

Anonimo ha detto...

Concordo. Habería moito que falar de estratexias.

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

"Pola súa parte, o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, asegurou que as axudas achegadas á Mesa lle parecían lóxicas porque "constitúe unha asociación representativa" de defensa da lingua. Así, entendeu como algo normal que "un goberno autonómico, vía convenios, colabore con entidades que teñen representación e que fan un traballo en favor do galego"."

Quitado de Vieiros.

Anonimo ha detto...

Está claro que a nova "folla de ruta" a seguir polo PP-Voz é atacar a unha asociación que está pola defensa do galego e que, a tal fin, convocou a cuarenta mil persoas en Compostela.
Atentos aos novos movementos.

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

O BNG, mediante o seu deputado no Parlamento Galego, Bieto Lobeira, presentou unha iniciativa na Comisión ed Control da CRTVG na que esixe á dirección que explique a información emitida no Telexornal sobre A Mesa, á que cualifican de tendenciosa, manipulada e difamatoria. Segundo Lobeira, a noticia do Telexornal mediodía do día 5, deturpaba "a realidade, co ánimo de criminalizar o traballo social en defensa do idioma galego que desenvolve A Mesa".
O deputado do BNG considera “escandaloso que neste espazo informativo non aparecese a visión e a versión desta entidade social, e si curiosamente a dun portavoz público do PP", en alusión a Carlos Negreira, unha persoa "distinguida polos seus ataques á lingua galega, e mesmo pola vulneración do marco legal existente na materia”. O parlamentar nacionalista advirte de que esta actuación “insírese na liña máis intolerante e antigalega do Goberno do PP, convertendo á TVG nun altofalante de comabate contra o idioma galego e ao servizo do proxecto político do PP”.
Ademais, Bieito Lobeira denuncia que os novos directores dos servizos informativos da TVG “están a converter en papel mollado os principios recollidos na Lei de Creación da CRTVG”, entre os que están “a promoción e difusión da Cultura e Lingua Galega, así como a defensa da identidade da nacionalidade galega”. O deputado nacionalista considera que as axudas públicas recibidas pola Mesa “son pírricas en comparación coas recibidas pola FAES para combater os sinais de identidade lingüística e culturais de Galiza", que segundo cifras do BNG alcanzan os catro millóns. Un feito públicamente denunciado que, dixo Lobeira, "parece non ter interese para os informativos da TVG".

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Que son pírricas demóstrase agora.

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Eu non me sentín convocado pola Mesa. Pero, xaora, é culpa miña, non da Mesa, que, en efecto, foi quen convocou principalmente.

Xosé M. González ha detto...

Probablemente moito nacionalista anda agora algo tardo e renitente con respecto á información: valla se tal para compensar anteriores, malsás e ao final decepcionadas ansias; eu, de feito, nin LVG lera -xaora- nin o informativo da TVG mirara. Dicía o de convincente supondo tácita e igualmente o mesmo nivel de modorra: falaron, falan mal, falarán peor e un limítase a avaliar desde tal consapevolezza, o argumento desmentidor e algún cálculo.

Tocante ao BNG: Xa falara Jorquera, e hoxe hai iniciativa formal. Non está a máquina parlamentaria parada; os indicios que non sen razón apunta o Arume teñen outra residencia.

Canto a Quintana e os artigos de Xornal: seguramente está a defender a truncada xestión bipartita, cousa que outros bloquistas non queren facer; pero non é tanto indefensión coma debate ideolóxico. Un dos fulcros actuais, trala aparente somnolencia.

Anonimo ha detto...

De ANT:

(Bieito Lobeira):

Si, señoras e señores. Imaxínense o titular escandaloso: “O xornal La Voz de Galicia recibe máis cartos do erario público para a promoción da lingua galega que A Mesa pola Normalización Lingüística”. Vergoñento, non si? Mais rigurosamente certo. E coidadosamente ocultado. Cartos dos impostos de galegas e galegos para un xornal que emprega o galego nada menos que o 4,8% (95,2% en español). Vaia imposición do galego! E ademais en tempos de crise. Decididamente, para estes señores non hai austeridade.

É así. A Mesa non lles pon. A Mesa imponlles. Por iso a atacan. Porque saben que A Mesa é un valiosísimo instrumento do pobo galego en defensa do que é seu. Do que é noso. Da lingua galega.

arume dos piñeiros ha detto...

Non lera o seu comentario ata o de agora, pero si lin o comentario de Lobeira nos xornais. Tres días, por certo, despois da noticia da Voz, xornal que non destaca precisamente pola liberdade informativa nin pola súa imparcialidade democrática. Ignoro os intereses particulares que concorren en cada caso, pero calquera lector minimamente avispado entende que o xornal de Arteixo é un xornal tendencioso, malévolo (en moitos aspectos), censor (de certas noticias ou sobre certos personaxes da vida social) e manipulador. Non sei se é o habitual dentro das coordenadas xornalísticas (sospeito que si), pero esa é a miña percepción primaria. A partir de aí, as noticias que nel se poden ler teñen a importancia, o valor e a substancia que queiramos darlles.
Non nacín onte.

É curioso que Lobeira dirixa os seus comentarios cara a Mesa e, de paso, cara a Voz. U-la contestación ás decisións tomadas polo BNG nesa materia? Ou é que quere escaquearse? Por qué non fai como a Mesa e denuncia ao xornal? Métense coa Mesa, pero, ollo, o xornal tamén arremete contra o BNG. E Lobeira, habilmente, coloca o punto de atención na Mesa. Tampouco naceu onte.

arume dos piñeiros ha detto...

E, dito sexa de paso, a responsabilidade maior non está na Mesa, que é a que recibe os cartos e ten dereito a recibilos. A responsabilidade, denunciada polo xornal, de habela, recae nas conselleirías que facilitaron eses cartos.
Realmente abraiante o caso.