Caxigalines nella Reguera'l Campizu

16 maggio 2009

MARCHANDO UNHA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA


Pasadas as primeiras reaccións ao nomeamento de Anxo Lorenzo (non aínda o consecuente rebumbio), escribo para especular sobre o futuro inmediato da política lingüística. Pretendo reparar nas posibilidades que a acción política poida ofrecer á resolución do que é agora mesmo un conflicto social evidente (lémbrame un meu amigo que nos claustros de ensino medio obsérvanse fortes liortas verbais e mesmo nalgures aloumiños pouco cariñosos).

A proximidade co Partido Socialista do home elixido para levar adiante a política lingüística do PP no governo e a súa afinidade con moitos sectores do nacionalismo (nomeadamente os concernidos coa cultura) é unha boa oportunidade para convocar a todos os partidos a unha acción conxunta neste terreo que eu me atrevo a chamar de Estado, dada a gravidade da situación lingüística do idioma galego. Cunha pequena ollada retrospectiva, incluso tería sido conveniente o seu nomeamento tras unha discreta consulta nos sectores do bipartito anterior propicios a un entendemento, coma se fai en circunstancias similares á hora de nomear ao Valedor do Pobo ou ao presidente do CES. Pero, xa que non podemos contar con estas benéficas negociacións previas, creo que aínda estamos no momento de artellar unha política que implique a todo o mundo.

O marco normativo vixente, sen o decreto 124/2007 que eu xa dou por derrogado, non ofrece moita marxe de manobra lexislativa. O Plano Xeral aprobado en 2004 (en cuxa elaboración interviu o propio Anxo Lorenzo) contou coa participación de todos os axentes sociais e foi aceptado de xeito unánime por parte de todos os partidos políticos. Desde este punto de vista, e salvo que se queira obviar un informe non prescriptivo nin vinculante pero políticamente inadiable, calquera nova redacción do decreto escolar debe ter en contar as propostas incluidas nese Plan e, polo tanto, as discusións ao respecto van quedar subordinadas á xenerosidade ou á pura vontade política de acadar o propio acordo. Pode resultar un tanto redundante, pero non queda outra saída que a propia reunión dos partidos en torno a un propósito común.

A inclusión da Secretaría Xeral dentro da Consellería de Educación pode limitar o desenrolo completo do Plan Xeral noutros sectores fundamentais da acción política necesitados de pulo galeguizador. Pero, aínda así, hai nese aspecto numerosas opcións para chegaren a un acordo unánime, sen mingua substancial das posicións de partida, sen renuncias difícilmente intelixibles nos correspondientes sectores que representan. Eu, que coñezo a Anxo Lorenzo máis deste tipo de reunións onde é preciso chegarmos a un acordo que da súa competencia como sociolingüista (que eu dou por probada á vista do seu curriculum), creo que convén tratar o asunto desde unha perspectiva xenerosa de Estado e presentar os resultados non desde a perspectiva do partido de governo, senón como froito dun compromiso parlamentario (representativo) entre os distintos partidos políticos. O aval do Plano Xeral, que vai máis alá dunha mera formalidade parlamentaria e abrangue a sociedade enteira, debe ser achegado coma pedagóxica ferramenta política na presentación do mesmo para o próximo curso académico.

Non son tan inxenuo para pensar que tanto o PSdG coma o BNG vaian esquecer fácilmente o rudo encono que precedeu a este intre. A situación previa non facilita calquera intento de achegamento. Pero a ollada posta nun medio prazo, na responsabilidade compartida sobre o que pretende a sociedade (non difuminada en imaxinarios desexos, senón concretamente exposta por escrito no Plano Xeral), debe prevalecer sobre os xustificables recelos e sobre os recordos ben vivos das últimas leas coa lingua como ariete e estandarte.

Creo que vai facer falta máis política ca (socio)lingüística. Alomenos nos primeiros momentos. Para despois, eu non me atrevo a tanto, aínda que tamén apuro (permítaseme a licencia brincante coa que pretendo aliviar os efluvios destes dous últimos días) unha solución entre lampedusiana e pierremenarda (esta sería a miña favorita): a redacción dun novo decreto, semellante ao anterior, coa incorporación do inglés como variante modulable, ou a repetición do mesmo decreto baixo nova autoría, coa interpretación que dous anos e unha loita política polo medio poden outorgar á súa lectura. En calquera caso, o colega Anxo Lorenzo, con quen debatín duramente este último ano varias veces por mor de planos de estudios, ten unha tarefa dura dura. Que teña ánimos e, sobre todo, tempranza e man esquerda: falta lle van facer.  

4 commenti:

Anonimo ha detto...

Cada vez parece máis evidente que o nomeamento de Anxo Lorenzo responde a un acordo da Real Academia e o Consello da cultura con Feijóo para poder saír do trollo en que se meteu. É a teoría do mal menor ou apostar polo pragmatismo.
Lorenzo aceptaría o cargo co aval de X.R.Barreiro e Villares. Trataríase de que fiase moi fino, mantivese moito o equilibrio pero non detivese o proceso de normalización. El, polo que se ve, considérase capaz de levar avante a tarefa.
Terá en contra atrancos moi importantes, como as promesas electorais (os pais deciden, etc.), pero sobre todo unha falta total de información veraz de cal é a situación real por parte do governo.
O presidente segue a meter a pata inxenuamente e a dar argumentos sobre a seu descoñecemento da realidade sociolinguística (hai algúns que se apropian do galego, disque( (?)
A saída non vai ser doada.
Outra cousa preocupante é a simpleza, a falta de rigor e o descoñecemento sobre asunto do seu conselleiro de educación.
Pero, de que piñeiro caue este home?

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Iso mesmo foi o comentado no pranzo postmanifa que tiven. O informante, que daba como fidedigna a fonte consultada, semellaba abraiado da ignorancia do presidente ao respecto da situación lingüística. Que Villares, Barreiro ou Freixanes deran a Feijoo información máis exacta do que acontece, ben lonxe dese mundo opresor que describen algúns e que parecía aceptar compracente e interesado o presidente, pode resultar verosímil, pero demasiado sinxelo para un escéptico coma min, incapaz de entender que Feijoo non soubera que todo o que se narra nos diarios da súa liña ideolóxica era indigna esaxeración ou fantástica mentira.

Turmano ha detto...

Eu ben sei que para un escéptico coma vostede é difícil de entender que un tipo (quen sexa) non saiba que todo o que se narra nos diarios da súa liña ideolóxica (a que sexa) é indigna esaxeración ou fantástica mentira.
Eu, particularmente, estou farto fartisisisisimo de falar con xente que comunga con rodas de muíño, sempre e cando o muíño sexa dos seus. Xa sei que vostede tamén. O escepticismo é o que ten. É un sufrimento.

balonga ha detto...

A dereita é moi eficiente nas desfeitas. Como se cumprirá calquer legalidade, sabendo que o leme, non quere o galego?.
Sen ter eu nada que ver co ensino, lin que en Cataluña, sendo o cento por cen en cataán até os 16 anos (final da ESO),e aínda así, no aceso a Universidade do verán pasado, coido que uns 20.000 aspirantes, acadaron mellor nota en castelán ca que en catalán. Todo isto sábeo ben DANFeijóo, mais é a sún política de zoinamoinas pra acabar coas autonomías despois.