Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 febbraio 2009

LONDON 1


Londres supón un encontro sempre familiar para min. Non estou seguro de que sexa siquera unha cidade escasamente fermosa, como adoita afirmar quen prefire as longas avenidas parisinas, de rectilínea imposición matemática e abrumadora categoría solemne. O seu magnífico encanto reside no tamaño sinxelo da maioría das súas rúas (eliminadas aquelas enormidades victorianas que van dar ao Mall ou ao Strand ou as moles cementeiras do Royal National Theatre a par do Támesis, construidas para celebrar o auxe do imperio e tamén a súa perda definitiva). E na liña curva que observan case todas, docificada pola conservación das lixeiras inclinacións do terreo, nunha especie de imitación artificiosa das vellas vías e lindes dos extramuros da City. Non estou a falar do urbanismo de John Nash de círculos ou arcos de radios perfectos como nos fermosos crescents ou os pazos de Regent Street, senón da sinuosidade de Shaftesbury Avenue ou de Curzon Street, onde non se aprecia ese horizonte imponente das imperiais perspectivas napoleónicas. 
A esa curvilínea sensibilidade engádese a escasa altura das vivendas e a amplitude das beirarrúas, exentas de obstáculos, preparadas para o camiño lento e demorado. Londres é unha cidade para camiñantes. O silencio do tráfico, fomentado polo tipo de asfalto e o esquecemento do claxon, favorece a tranquilidade dos paseos, mesmo polo medio medio da cidade. Claro que hai lugares onde a vértixe é extraordinaria e a enerxía que xenera o movemento febril dos viandantes (sobre todo cando regresan ás súas casas) proporciona a euforia e o entusiasmo dos coma min visitan a cidade. Nestes casos, a estima por Londres faise nostalxia inmediata e, sen remedio, agroma un desexo de ser londinense for ever. 
Fun a Londres cando tiña quince anos: quedei tan abraiado co que vin que desde aquela teño a cidade inglesa como medida exemplar do que admiro. Volvo con frecuencia a renovar a miña devoción e, sobre todo, a respirar outros aires, escoitar outras voces. As voces que me serven, aínda que sexa provisionalmente, para esquecer as que se prodigan, con prosapia de ripio, estes días lamentables de tristes punch and judy.   

21 febbraio 2009

UMBERTO I DE MARCOSENDE



No Liceu de Bouzas houbo onte emoción e, sobre todo, risas. Moitas risas. Despedíase Humberto, disque conserxe da FFT; noutras palabras: o ghefe. Vai ser estraño, a pesar das leas e dos momentos de tensión sobre o funcionamento dalgún aparato (xa sei: os profesores non valemos un peso) ou sobre a localización da chave sempre perdida, non velo tras as mamparas de cristal ou de revisión minuciosa polos pavillóns. Estou seguro de que para el vai ser tamén raro: non ver o mundo desde o outro lado da barreira (onde a min, sempre que podo, tanto me gusta estar). Onte estabamos para agradecerlle (coa dose abundante de cariño e aprezo amistoso) a axuda prestada, os momentos de xenerosidade (que agocha co seu aceno bogartiano de incomodidade, estratexia actoral que domina á perfección) e a entrega constante para manter o correcto engranaxe da máquina diaria. 
Por alí pasamos moitos (sete fixemos a foto con el), pero el foi o único que permaneceu intacto ás queimas sucesivas. Sinxelamente porque nós eramos uns pasaxeiros e él era o emperador, o Umberto I de Marcosende. 

Repito foto no blog en homenaxe ao amigo Humberto: el sabe por que. Non ía facelo sen tocarlle un pouco iso. Faltaría máis.

20 febbraio 2009

DEBATES NON, GRACIAS


A ausencia de debate solemne preelectoral resulta irrelevante. Queixámonos sempre da importancia concedida á política como espectáculo mediático e ao tempo botamos en falta esta cousa pomposa de partidos de máxima rivalidade. Nin é unha perda para a democracia (quen dixo tal cousa?), nin é o diluvio universal. Levan toda a tempada xogando partidos do século: día a día, sen desmaio. Están todo o tempo subindo a atrís portátis, refuxiándose en carpas a carón de obras que só comezan, remozando tramoias para litigar seguido. E por riba queremos que acepten cordas e area estrada polo chan para que se alfileteen con alfanxes romos coma nunha competición de esgrima adulterada. Veña ho. Que non debatan, por favor. Que sigan de mitin en mitin ata a urna final. E que vaian os seus a velos e a abrazalos. A campaña para quen a traballa.

16 febbraio 2009

BIVIR.COM


Non por coñecido deixa de ser admirable o labor da Asociación Galega de Traductores/as Galegos/as. Hoxe recórdame -supoño que Ana Somoza, a quen desafortunadamente non coñezo en persoa pero que tivo a ben visitar este espazo- que segue viva esta páxina insustituible da traducción ao galego. Foi para anunciarme que Maria Boguszewicz, a quen coñecín e admirei polo seu galego en Poznan, e ela mesma traduciran un texto do autor polaco Wladyslaw St. Raymont. Eu aproveito esta agradecida visita para anuncialo todo. Coas miñas noraboas e co desexo de que moi cedo todos estes textos pasen ao libro electrónico que estamos agardando.  

15 febbraio 2009

PIZZERÍA DE CULTO: LA PICCOLA ITALIA


Tras uns meses de perda e abandono, hoxe, por fin, recobramos o norte. Aquel día diante da Lanterna pechada (agora convertida no cumio estratosférico do pijerío local, a piques da autoparodia), sentimos o desamparo. Un par de informacións unidas pola intuición fixo que hoxe percurásemos pola rúa Jenaro de la Fuente un pequeno local italiano, apelidado bocatería ou algo así. O achádego foi moi doado: alí estaba, coa súa dona, Diego de Imperia, provincia de Genova, exercendo de pizzaiolo. E alí, como non, traballadas con mestría e agarimo, as mellores pizzas de Vigo. Saudounos con entusiasmo (e coa man chea de fariña) e comentounos o ben que lle ía na nova dirección. Contounos os últimos avatares da súa vida e entregounos unha quattro stagioni, unha parma e unha prosciutto e funghi que aínda agora estou larpeirando. Promete contra o verán gelateria e terraza. Aínda que queda un pouco lonxe, haberá que frecuentalo de aquí en adiante.
Longa vida á LA PICCOLA ITALIA, a miña nova pizzeria de referencia. 

JULIO LLAMAZARES EN FERROL


Había moito tempo que non visitaba Ferrol. Din un pequenísimo paseo polas rúas do centro a unha hora se cadra non moi rumbosa: ás cinco e media da tarde. Pouquísima xente pola rúa, as tendas (con claro sabor antigo) e cafeterías (con estética oitenteira de esquai nas paredes no cantón, por exemplo) baleiras e unha sensación (pouco sólida, seguro) de declive. Os datos económicos dos últimos vintacinco (quizáis máis) anos son elocuentes, pero deume a impresión de que das cidades galegas que coñezo esta foi, sen dúbida, a que quedou máis estancada. A visión, segundo chegaba pola autoestrada, dun Narón amoreado de vivendas (o único medre desta zona) nunha das paisaxes máis fermosas de Galiza provoca algo semellante á desolación.
Pero non ía falar de Ferrol, onde gardo bós recordos de cine de sábado, senón da charla que deu mércores na Fundación Caixa Galicia Julio Llamazares. 
Non o coñecía en persoa. Linlle os seus libros desde case o comezo, naquela época universitaria en que lía canta cousa caía ao redor, en particular poesía o máis nova e contemporánea que houbese. Linlle La lentitud de los bueyes e Memoria de Nieve. Gustáranme aqueles versículos, de sintaxe ordeada e con ritmo de ladaíña, sobre a perda dun tempo e dun espazo. Linlle despois Luna de lobos, a historia duns maquis dos montes de León, en gran parte porque tamén meu pai contaba historias dos que se tiraban ao monte escapando da represión franquista tras a guerra. Seguinlle a pista con La lluvia amarilla (a historia do último home dunha pequena aldea do Pirineo) e con Escenas de cine mudo (a lembranza de Olleros de Sabero, un poboado mineiro dos montes de León durante os anos sesenta). 
Apreciara tamén os seus artigos en EL PAíS, espaciados no tempo, que sempre ofrecían diáfanos toques de atención sobre o mundo: aquel célebre sobre o arcebispo de Manila onde deixaba unha antolóxica frase final contra Cela; aqueloutro sobre as primeiras prohibicións de fumar onde amosaba a postura tantas veces repetida do rebelde vicioso; aqueloutro contra a moda postmoderna dos anos 80 de defensa das touradas ou aquel tamén famoso no que explicaba a frase "estar en Babia" coma un estado de ánimo de supremo pracer. 
Durante un tempo desapareceu ou deume a impresión a min de que desaparecera. No ano 2005 voltou, cunha novela (de evidentes elementos autobiográficos) sobre a movida madrileña ou, máis ben, sobre aquela época da modernización abrupta e convulsa do país dos anos 80. El cielo de Madrid axustaba contas cunha mistura de amarga nostalxia e certo resentimento, suliñados por un estilo desmañado, pouco traballado (en contraste cos anteriores, plenos de rasgos líricos), a ton co tema principal da novela: o descubrimento do baleiro que agocha o éxito. 
Falou en Ferrol de todo isto: explicou como naceu a súa vocación literaria, contou anécdotas da súa infancia e do poder limitador da memoria e do esquecemento, narrou co suspense necesario as pequenas historias de maquis, desvelou a sorpresa que lle supuxo o éxito de Luna de lobos, amosou breve a súa ollada descontenta e irritada co tempo. Estivo entrañable e deixou, creo, unha doce pegada no público. O Ponte Far estaba contento. E eu, polo menos, paseino moi ben.