Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 agosto 2007

LA CASTA, DE RIZZO-STELLA


Para meu amigo a. p.-c., agora Apicultor

Case vinte impresións en apenas dous meses. Número un de ventas en Italia en libros de ficción e non ficción. E iso con andeis cheos de novelas premiadísimas e de libros que resaltan, con énfase sensacionalista, a crise política do país italián (outro día falarei das librerías). O libro en cuestión, traducido como A casta: así chegaron a ser intocables os políticos italiáns, é un repertorio abraiante de cómo os políticos italiáns constitúen un grupo apartado dos cidadáns, empeñados en gastar, de modo absolutamente indecente, os cartos públicos. Os autores, Sergio Rizzo e Gian Antonio Stella son xornalistas do Corriere della sera, expertos en información económica e editorialista o segundo do propio xornal. Apoiados en datos sacados non moi doadamente das contas italiáns, repasan un por un os distintos niveis da administración italiana, desde a Presidencia da República ata os alcaldes pasando por Presidente de Goberno, Ministros, Parlamentarios, Senadores, financiamento de partidos, gobernadores das rexións, parlamentarios rexionais e toda a corte de funcionarios, asesores, amigos e demáis persoal adscrito á calquera desas instancias. Todos, pois, con soldos e con indennità (o que aquí chamamos consolidación ou paga a perpetuidade por ocupar tales postos).

O resultado da investigación, tal é o nome que lle adxudican ao libro, é demoledor. Resulta, sen embargo, imposible facer un resumo de todo o libro porque se presenta como un catálogo dos escándalos máis eminentes. Unha pequena introducción no primeiro capítulo de escasa entidade teórica pero sólida presentación coloca a todos os grupos políticos, sen excepción aínda que con matices, nunha especie de limbo social que eles chaman sen dubidar casta. Termo que agora mesmo en Italia aparece por todos os lados como resultado e consecuencia do éxito indudable do libro. Os autores teñen o cuidado ademáis de evitar calquera tentación demagóxica co emprego dunha ironía por momentos vitriólica, que resulta nalgúns casos insuficiente diante da magnitude da denuncia. O libro está cheo de anécdotas insólitas que permiten, de forma exemplar, adquirir unha idea cabal das dimensións das barbaridades políticas do país. Ao final un apéndice, que fotografiarei para ensinárvolo, resulta moi ilustrativo.

A conclusión do libro é inquedante: a pregunta que formula calquera lector é sempre a mesma: cómo pode sobrevivir un país a este roubo manifesto á cara, sen vergonza nin disimulos, de todo o mundo? Eu, desde logo, non teño respostas. O único que teño é unha escolma de textos que puiden traducir para dar conta do fenómeno. Vaia aquí os primeiros exemplos. Para tomar nota, Gaiás e sobresoldos:

1. Vós de Estado.

Tomade cinco Boeing 737 coma eses da Ryanair de 150 pasaxeiros e facedeos voar de Roma a Londres ida e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. Ou alugade oito jet privados de envergadura coma os Gulfstream V de 18 pasaxeiros na ruta Roma-Madrid e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. Ou collede en aluguer trece aerotaxis de nove pasaxeiros e mandádeos de Roma a París e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. E facede en suma todas as hipoteses que queirades pero as contas non teñen volta: como carallo fixo Palazzo Chigi, no último ano da era berlusconiana, para gastar 179.452 euros ao día en vós de estado? Como fixo para acumular 37 horas de vó ao día? Por curiosidade, quen viaxaba naqueles avións de Estado? Secreto. Confirmado, mesmo despois da entrada de Prodi: secreto.

2. Viaxes varios.


O máximo foi o da Rexión Sicilia que, tendo que preparar un campeonato mundial de ciclismo, organizou un viaxe a Oslo para ver coma o montaban os noregueses. Foron 120, incluidos os músicos dunha orquestina folk, as mulleres (foi espectacular a explicación do asesor Sebastiano Spoto Puleo: “que íamos facer? Despois ían dicir que erabamos os únicos homes de Sicilia que deixabamos en casa as mulleres” (no orixinal en siciliano: “fimmini”), 30 xornalistas e 4 cociñeiros. Os cales viñan precedidos por un trailer de despensa con todos os ben de deus: pomodorini secchi alla bottarga (tomates secos con mojama), berenxenas ao fiuncho silvestre, e viño de Donnafugata.
Outra vez, tendo que preparar unha universiada, decidiron ir ver como organizaban os xaponeses en Fukuoka. E montaron unha viaxe que, se non fora bloqueado pola apertura dunha investigación, prevía unha excursión ao país do sol nacente de 231 persoas: deputados, funcionarios, amigos. Máis o necesario para darlles aos hóspedes xaponeses un simpático espectaculiño durante a cerimonia de apertura: 30 abandeirados de Siena, 30 trapecistas da Emila Romagna, 30 gondolieros veneciáns, dez cantantes románs e 30 Pulcinella napolitáns. Todos con reserva en el Hyatt Residence: 500.000 liras (uns 300 euros) ao día. Caro? "Non, non", explicou o asesor de turismo Luciano Ordile: “Dinme que o café costa 10000 liras!”. E preguntáronlle: Non bastaba, por exemplo, levar só os traxes de Pulcinella e usar figurantes xaponeses? Resposta: “Non entendo todas estas polémicas. Non estamos organizado unha festa de aldea.”

Continuará.

Nota: Hoxe o amigo Marcos S. Pérez tivo a ben publicarme un artigo no xornal Gznación (Gazetta della Nazione ;) dunha serie sobre Italia. Desde eiquí, moitas gracias.

5 commenti:

Zerovacas ha detto...

Non, gracias a ti, evidentemente

Anonimo ha detto...

Moitas grazas, amigo Arume, por tan ilustrativa escolma.

Abraiante, non hai palabras.

Mais, alén dos detalles concretos, o asunto non está só na cantidade do dispendio, senón tamén no que representan estas accións descontroladas da "caste".

Por aquí, se non o paramos a tempo, imos ir polo mesmo camiño en poucos anos.

Que as cousas malas apréndense moi doadamente, e os galegos somos uns ases para a emulación.

Anonimo ha detto...

Ah, e grazas pola dedicatoria (non a vira até agora mesmo).

Anonimo ha detto...

Acabo de decatarme dunha cousa: non sei se falando deste libro lle estamos a dar ideas para o futuro á nosa "caste autóctona e autónoma".

Que xa sabemos que forma parte da idiosicrasia galaica o de facer festas e banquetes tirando a casa pola ventá (ben, neste caso sería tirar o erario público, que sen dúbida lles doería menos).

Non hai nada peor que os "novos ricos". E os nosos primates políticos estanse a comportar como novos ricos (aclaro que "primates políticos" é, estritamente, sinónimo de prohomes políticos).

(Seguiremos falando dos escandalosos sobresoldos que se autoadxudicaron con total estulticia...)

Xaime ha detto...

Mirade, aquí faivos unhos dez anos dous periodistas, de cuxo nome non quero lembrarme, foron machacados por sacar lindezas semellantes dos últimos anos do felipismo, e supoño que hoxe, igual que en Italia teríamos moreas de exemplos do nivel de descaro que teñen os nosos empregados.
A rexeneración democrática é unha consigna que todos levamos cando nos presentamos as eleccións, pero inutil de pór en práctica pola corrupción que chega os propios que teñen que da-las novas.
En todo caso, incluso no meu caso, isto é un exercicio de demogoxia xa que olloa tódólos días e deixoa pasar e nin siquer me atrevo a aborrecer os corruptos