Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 maggio 2008

FARTURA IMPUNE


Non importa a película que fun ver onte á noite. Importa o rapazolo que estaba sentado á miña beira: tería uns once ou doce anos. Viña acompañado do que semellaba ser o seu pai. Ámbolos dous cabían xustos nas amplas cadeiras do cine. Cando chegamos onda eles, compartían un cubo duns tres litros, máis ou menos, de capacidade, cheo de flocos de millo (gracias ao cabaleiro da triste figura). Nos seus respectivos asentos sobresaían dúas botellas de medio litro de coca-cola. Eu senteime ao lado do neno, porque neno era, a pesar dun pequeno pendente na orella e un cabelo cortado ao un, tipo Full Metal Jacket de Kubrik, que lle proporcionaba unha maior idade. As roupas, a pesar da súa envergadura ao ancho, superaban os seus perfís e ocupaban fácilmente o doble de espacio.

Pois ben, estas dúas creaturas foron ensarillando durante unha hora enteira e verdadeira unha a unha todas aquelas migallas untadas de sal e aceite vexetal. A cada pouco, o rapaz collía a botella e metialle un par de grolos. Menos mal que a película non era un drama sicolóxico de diálogos profundos, porque estou seguro de que só escoitaría o fundo fungar do veciño de asento. Despois de pasados quince minutos do final da deglución de todo o cubo (as lembranzas de aquela película O sentido da vida dos Monty Pithon fixeron aparición), o amado pai quitou unha nova bolsa, tamén de medio kilo, de chamémoslles pelotazos. Así seguiu o raparigo durante as case dúas horas que durou a película, sen aforrar, xaora, sons enfáticos á hora de engulir como se fora un voluntario parrulo das Landas.

Confeso que aínda me deu pena, porque o pícaro respiraba mal, non acougaba (supoño que os gases infinitos e escasamente nobles que se foi metendo andaban algo rebeldes) e miraba o reloxo porque parecían incomodalo tanto a película (sinxela como unha piruleta) que non remataba por entender coma a súa ampliación gasística momentánea. Mireino varias veces porque non podía crer o que vía. E mirei para o seu pai, un ghicho perfectamente irresponsable que estaba condeando ao seu fillo (xa obeso) a unha situación lamentable. Dixen irresponsable, pero debería dicir delincuente, porque inflar a un fillo así (que el xa estivera coma un globo non o redime) debería ser considerado delito. Saiu a miña vea moralista e pregunteime como é posible que con tanta información, tanta repetida cantilena contra a obesidade un pai perxudique a saúde do seu fillo desa maneira, con esa leda impunidade.

6 commenti:

Anonimo ha detto...

E o problema, con ser grave, non é só ese: un obeso que cría impunemente a outro obeso. Tamén o é que tal comportamento adoita ir acompañado dunha falta das máis elementais normas de urbanidade e dun desprezo cara a escola e todo o que significa (ou debera significar). A consecuencia é que os sufridos ensinantes teñen e terán que aturar a dous energúmenos (pai e fillo) moito máis tempo que as dúas horas que durou a película.

Anonimo ha detto...

flocos de millo, estimado colega e, sen embargo, amigo

Anonimo ha detto...

Non sei por que esas imaxes, sóanme a fin de semán co pai, dentro dun convenio regulador de separación e divorcio, onde o primoxénito cumpre os caprichos do imberbe, para que logo cando volta ca nai, vai contento.
En fin, lamentable.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Non sei, amigo Apicultor, se é problema de escola, pero sen irmos á escola e coa televisión encesa todo o día, aínda pode chegarlles a mensaxe. E non. Non lles chega.
Gracias á precisión do cabaleiro, que, como verá, foi colocada no texto.
E, amigo Delapierre, foi iso precisamente o que comentei ao saír, pero non quería abusar do argumento.

Marcos Valcárcel López ha detto...

Un desastre, por suposto. Por esas situacións moitas persoas deixamos de ir case na práctica totalidade ás salas de cine: para non amargarnos máis. Pero os cines seica sacan máis cartos das palomitas: alá eles...

Anonimo ha detto...

O mellor é ir ao cine, se se pode, a esas horas nas que non hai ninguén.

Os gordos, esa nova raza humanoide que vin por primeira vez hai case vinte anos en Estados Unidos, xa chegaron aquí, co retraso habitual en moitas outras facetas. Os iogures tamaño caldeiro, os inmensos tarros de crema de cacahuete (con toneladas de pan para untar), as botellas de leite de varios galóns, as hamburguesas de triple capa con dobre de queixo suízo, os McDonalds e Burger King como os restaurantes dos pobres, as neveiras hiperdesenvolvidas...