Caxigalines nella Reguera'l Campizu

12 dicembre 2007

CORTANDO O PELO ENTRE MULLERES

Fun cortar o pelo o outro día. O meu barbeiro da peluquería Siglo XX pechou hai un par de anos. E desde aquela vou a Rochus, perto da miña casa, unha pelu de mulleres, aínda que ten pretensións de ser unisex. Sen moito éxito, porque sempre que vou séntome diante do espello eu só rodeado de mulleres. Non vou negar que un pouco cortado sempre vou, sobre todo cando lle fan as pedicuras alí á vista de todo o mundo ou entran para facer a cera nun cuarto que fica xusto detrás de mín e que podo ver con total indiscreción polo espello. As peluqueiras son moi amables e falan cunha prudencia moi de agradecer, sobre todo comparada con aquel Alberto que narraba punto por punto as súas (pérfidas) intimidades, as súas (arbitrarias) reflexións sobre como debía gobernarse Vigo ou as súas (aprendidas) queixas sobre funcionarios, profesores e xente de semellante mal vivir que eu, teño que recoñecer, alentaba.

Pero o que máis me gusta é mirar as clientas mirarse nos espellos mentres lamentan a cor demasiado bermella do tinte ou as enrugas que difícilmente agocha o corte irregular sobre a fronte cunha naturalidade fantástica, fermosa, con ese franco sorriso do que coñece as súas limitacións e os engaños e disimulos fabricados para evitalas. Gústame escoitar os seus relatos cotiáns con detalles completamente innecesarios, referidos cunha mistura de indiferencia e consistencia dramática. Non reparan en nada: falan cunha libertade absoluta. Non confesan secretos familiares, pero ao cabo os ouvintes involuntarios coñecen as cousas máis ínfimas de cada día: as (infinitas) chamadas que fixeron, a roupa (delicada ou suxa) que puxeron na lavadora, a comida que elixiron para contentar a esa (probe) filla que sempre lle deixa ao neto (malvado). Mentres falan con orgullo, a súa cabeza terma dunha coroa extendida de papel de aluminio durante horas, encapotada dun pano de raso fucsia e cun Lecturas do mes pasado nas mans. Eu, despois dun tempo na peluquería co correspondente Diez Minutos, síntome un privilexiado, porque contemplo un mundo que os homes (case todos) descoñecen, que ignoran por completo. Mágoa que o corte de pelo sexa tan breve e non poida quedarme para asistir a máis novas e máis fascinantes narracións.

16 commenti:

r.r. ha detto...

¡Póñase un tinte! (por botar máis tempo, digo)

Para min o descubrimento das pelus unisex tramén é un filón. Mola. E que ben o escribiu vostede, cajiná.

Ana Bande ha detto...

Si señor, a xenialidade maniféstase na descripcións tan axeitadas como a súa das cousas máis cotiás, un momento de perruquería narrado así acada o nivel dos mellores relatos. ¡fantástico! e por suposto, de acordo con todo o que di. Eu teño máis sorte porque preciso cumprir rigurosamente co rito mensual do tinte e dame moito tempo de ver e escoitar o bruido do mundo real, aínda que ás veces algunhas operacións de manicura danme un pouco de grima. Non así o das mechas. Ver esas mulleres aparentemente centradas no Hola adobiadas de papel de plata, un espectáculo! ríome eu dalgunhas arbores de nadal...Como teño o pelo ben curto ei probar coas pelus dos homes, haber que se cociña por alí.

Xohan da coba ha detto...

Eu tamém vou cortar a un "unisex" . As mulleres, como son maioría, síntense no seu territorio e falan sen complexos. Se hai un home, creo que esaxeran en contidos típicamente "femeninos" pra divertirse coa súa presenza . A mín pásame, polo menos, porque son coñecido polo persoal (femenino) e pola maioría das clientas. Rínse moito de mín suxerindo peinados, por unha causa que non vou desvelar.

apicultor ha detto...

Pois eu vou a unha cabeleiría das de antes, de homes, por suposto, na antítese da mariconada unisex. Con vellos asentos de porcelana xiratorios, navallas e afeites clásicos, e un artesán da tesoura que sempre conta chistes verdes (sen caer na grosería) e que fala de cando fixo a mili en África, ademais de política local.

Case sempre que vou está baleiro ou semi-baleiro, e en trinta minutos adoito resolver. Déixame o pescozo machacado de pasar a navalla en seco e de non botarme nin unha miserable escuma de afeitar e menos unha gota de after-shave (eu xa paso de pedirllo).

Pero veño máis contento ca un tonto cun carriño. Esa é a verdade.

Xaime ha detto...

Teño unha curiosidade. En que idioma se manifestan.
En Lugo, nas unisex predomina o castelán, pero nas de barrio, unisex, desternillaste cos lugares comúns, tipo " Hay sí, la otra vez fue un chisco negro", " Te hace buen tiempiño" Las niñas están como tolas, con esos escotes, con el friíño que te deben pasar" "Yo ya te fuí abondo a las rebajas".

arume dos piñeiros ha detto...

Esquecín comentar que contemplar todo iso evádeme da cruda realidade de ver como o mato de guedellas lustroso vai deixando paso a unha penuria de cachola monda, cos escasos pensamentos á intemperie. Sólo cando a peluqueira recorta cellas e redondea con precisión os contornos (con intromisións discretas no balcón das orellas) alcanzo a comprender a gravidade do perdido, estrado polo chan como con lástima e un salouco de reproche.

Jimy de rairo ha detto...

Eu teño na cabeza o punto sensibel, non saben vostedes como me senta un masaxe ben dado no coiro cabeludo. É un vicio dificil de satisfacer porque hai que ter mañá para non deixar a un insatisfeito e non frustrar o proceso de relaxación que estou seguro afecta as ideas. Ao cortar o cabelo cortannos as ideas, tiran a parte mais longa, mais seca para que broten logo con forza, eu que son idealista levo longa cabeleira e Da cova polo que conta debe ser realista, ao que tamén se aperta segundo as noticas que da, Arume, o apicultor conserva, por eso vai a eses barbeiros de antes e RR debe ter ainda unha boa mata.

Jimy de Rairo ha detto...

A Xaime vinlle as gedellas o outro día nun video da Solaina, pero parece que é de fai tempo. As veces as idas medran para dentro.

Xaime ha detto...

¡Ay querido Jimy!, tratan de desestabilizarme.

Xohan da Coba ha detto...

Eu veño agora mesmo de cortar os meus lindos cabelos...

Muchachitos llorad mi tristeza
han cortado mis lindos cabellos
tara ri ra ra ri ra ra riraaa
muchachitos llorad como yo
ay si si, ay no noooo
quiero darle mi adios al amooooor

r.r. ha detto...

Xoán da Coba: se non confesa, é alopecia.

Apicultor: esqueceu as revistas de tetas (ou agora xa non se levan)

Jimmy: eu coa masaxe quedo sopas, e fun melenudo, pero agora...

Saúdos: insisto, precioso post.

A porteira ha detto...

Cortade esas jedellas, melenudos, que lle vos vou pór lume cun fachón de pallas !!

arume dos piñeiros ha detto...

Que fai Chus Lampreave por eiquí?

peke ha detto...

Si, fermoso post, Arumes. A min córtame o pelo o meu home cun aparelliño deses que rapan. Non soporto a cháchara das perruquerías. O que me perdo!

r.r. ha detto...

¡Uf!, iso de que sexa a parella quen che corte o pelo é delicioso, qué pracer...

Zeltia ha detto...

Non sei como cheguei aquí, ando perdida, pero por Cambados pasei algunhas veces, e recoñezo as historias ainda que non as personaxes. Sintoas cercanas, se cadra por como as contas tí.