Hai xa case 80 anos, nun día coma o de hoxe, 3 de decembro, un grupo de fascistas franceses (ultracatólicos, convén engadir neste caso) irrumpiu no cinema
Studio 28 de París onde se proxectaba
L'Age d'or de
Luis Buñuel. Estragaron o
foyer onde se exhibían varias obras dos autores máis salientados do surrealismo, expostas alí co propósito de defender a película de Buñuel do rexeitamento dos sectores máis ultramontanos, e botaron pintura á pantalla branca de proxeción. Nunha posterior publicación, como sinala
Román Gubern e Paul Hammond no seu prolixo relato de
Los años rojos de Buñuel (que estou a ler con sumo agrado gracias ás xenerosas brétemas), os surrealistas ofreceron imaxes da desfeita (entre outras a dun cadro de Dalí, propiedade de Paul Eluard, cortado con navalla), con glosas retranqueiras e comentarios especialmente intelixentes. De entre eles, o escrito sobre a foto da mancha de pintura no ecrán de Studio 28: "Le analphabétisme chrétien".
Non sei por qué, tras a aprobación onte en sede parlamentaria do mandato ao executivo para que dea traslado da xurisprudencia europea de dereitos humanos ao respecto da presencia de crucifixos nas aulas, veume isto á cabeza.
Recomendacións: unha olladiña a Mi último suspiro mellora moito a saúde nestes casos. O enlace a Luis Buñuel permite entrar nunha das páxinas máis interesantes sobre o director.
1 commento:
ai, ai, ai Arume, ai, que Glez Sinde mais o seus amigos querenche pechar o Blog.
Non llo permitas
Saudos cordiais
Posta un commento