Cando escribía o post anterior, unha pequena historia ilustrou a miña inquedanza. A Voz de Galicia acababa de publicar a nova de que unha axencia lingüística da UE reprendía a política de Feijoo. De inmediato, todos os feisbuqueiros e feisbuqueiras preocupados polas propostas do PP en materia lingüística colgaron nos seus muros respectivos a referencia á nova. Houbo algunha persoa que, tras colocala, manifestou o insólito do caso, ao tratarse da propia Voz de Galicia, campiona en ataques á discriminación positiva do galego, como emisora do asunto. A miña desconfianza (que eu atribúo a deformación profisional, pero que entendo debería estenderse a calquera cun mínimo de curiosidade nesta clase de casos) fixo que buscara en Google o nome da oficina mencionada. Nun segundo puiden comprobar que a tal axencia era en realidade unha organización non gubernamental que elaboraba informes consultivos ao UE sobre o estado e a situación das linguas minorizadas. A propia web citaba varias informacións sobre manifestacións en Europa en defensa das linguas, como unha recente en Carcassone ou a do 18 de novembro en Compostela. Mirei precisamente esta nova e vin cómo esa noticia estaba presentada co espíritu agardado nunha oficina que precisamente trata de dar conta das dificultades destas linguas no contexto europeo. Por ningún lado atopaba o escrito de reprimenda, pero semellaba claro que non era unha axencia lingüística da UE quen escribía aquilo senón unha oficina non gubernamental preocupada por estes asuntos de modo particular. Nalgúns muros advertín eu mesmo que moi probablemente á Voz de Galica ou aos xornalistas tal información lles fora transmitida de forma errónea.
A iso das 4 da tarde, e cando case todo o mundo xa fixera o seu particular enlace coa Voz, coa natural celebración que unha recriminación aparentemente da UE promovía sobre o goberno de Feijoo, advirto que o titular mudara e que no corpo da nova a propia redacción da Voz sinalaba que había un erro nos teletipos e que non era unha axencia da UE a responsable do escrito senón unha oenegué que traballaba ocasionalmente para a Unión Europea. A rectificación non foi vista ata moito máis tarde, pero para entón o nivel de entusiasmo entre os que consideraban que Europa enteira afeaba a política lingüística do goberno era incontible.
Unha lectura a un xornal afín a causa do galego e belixerante neste tema, como A nosa terra, aclaraba de forma contundente o panorama. Xa non era unha axencia, nin a oficina ao completo a responsable do reproche, senón a Comisión do Estado español desa mesma oficina na que nunha reunión en Barcelona facía un pequeno escrito de reprimenda. A cousa, lida xa na propia prensa dos defensores do galego, era ben distinta ao do comezo.
Que ocurriu, logo? Ocurriu que a tensión xerada durante estes meses arredor do galego, por unha imprudente e demagóxica utilización do asunto por parte do PP cando o que conviña era chegar a unha solución sosegada e consensuada, está a promover a sensación de que un partido trascendental se está a librar a cada momento e de que calquera pequena noticia a favor ou en contra das distintas opinións pode representar un signo imbatible da próxima victoria.
Teñen os xogadores de mus un refrán moi elocuente para estes casos: Xogador de chica, perdedor de mus. Esa é a sensación que eu teño cando pequenas escaramuzas (ás veces, mesmo de tan transparentes algo toscas) ou sonoras nimiedades suscitan tanto balbordo entusiasta nun contexto de combate de longo alento. Estas pezas que se libran en terreos doadísimos (o do Tribunal Supremo era un caso semellante) ou propicios como se fosen a final da Champions League teñen a posible desvantaxe dun triunfo pírrico a medio prazo (o que sería tráxico e frustrante) e, sobre todo, o triste aroma dun complexo de inferioridade que non se debe aceptar cando o que aquí se dilucida é moito máis cunha noticia máis ou menos favorable: a aplicación con todas as consecuencias do que a soberana decisión do parlamento por unanimidade abordou no seu día: a aplicación do Plano Xeral de Política Lingüística.
Fixemos ese obxectivo político claro, repitámolo de forma insistente, e deixémonos de celebracións anticipadas da nadería.
1 commento:
Bravísimo!
As cousas, moi ben ditas.
Posta un commento