Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 luglio 2010

A BIBLIOTECA PECHADA


Hoxe estaba pechada a biblioteca por limpeza. A semana pasada preguntei a un familiar meu, bibliotecario por máis señas, que tal pola biblioteca onde traballaba, se había por alí moita xente ou moito traballo cara ao público. Entre un pouco de cachondeo, que non vén mal, e un pouco de francachela, que che contribúe, computou unhas catro persoas. "Xullo, catro", non estaba mal, pensei eu. Pero, axiña engadiu: "En toda esta semana". Coa miña cara de estraneza (relativa, ao coñecer a situación dalgunhas máis próximas), solemnizou: "Creo que cando me xubile xa non existirá a biblioteca tal e como a coñecemos. Non sei mesmo se haberá bibliotecas, pero, tal e como o vexo, isto non ten sentido e o que é pior: ninguén procura facer nada para enfrontarse xa non ao futuro senon a este presente. A inercia, pero aquí non vén ninguén."
Tiña eu xa esta impresión desde hai moito tempo, pero esta voz familiar e dúas amistades máis, unhas MBSP (Mozas Bibliotecarias Suficientemente Preparadas), acabaron por sentenciar esta vella institución: todos tres conclúen: "Isto non pode seguir así: ou cambia a función das bibliotecas de xeito radical ou todo isto remata por convertirse nun auténtico deserto, inutilizado e condeado ao máis absoluto abandono. Libros seguirán comprando, pero ninguén os consultará nin mirará para eles".
Cando pasei hoxe cara a biblioteca pechada para labores de limpeza non atopei demasiadas diferencias con un día normal.

Engadido turmanín:
Exactamente non é "cando me xubile", é "non chego á xubilarme na biblioteca". Desaparecerán en moi pouco tempo. Os bibliotecarios seguiremos comprando e catalogando libros, revistas, bases de datos..., apurando o tempo para ver se nos da tempo a iso, a xubilarnos, pero vainos dar igual. Como vai dar igual seguir a complicar o acceso á información para facernos os importantes, os imprescindibles intermediarios entre esta e a xente. Doutro xeito non se explica que inda hoxe sexan necesarios os cursiños de formación de usuarios para que estes aprendan a usar os catálogos, bases de datos e demais ferramentas bibliotecarias, mentres fóra das bilbiotecas, no mundo real, ninguén necesita de tales cursiños para atopar información nun periódico dixital, ver a información metereolóxica na web do IMN, ou baixarse unha canción de iTunes.
Por outra banda, se se poidera facer unha conta exacta da utilización dos libros nas bibliotecas universitarias (e ás públicas sálvanas os nenos), quedaríamos totalmente abraiados. E se elimináramos das bibliotecas á xente que vai a estudar os seus apuntes (sen tocar nin un libro nin unha revista dos anaqueis), quedaríamos sos.

3 commenti:

detective crepuscular ha detto...

Quero pensar que non todo está perdido. Contra o final do curso, vin un aluno de primeiro da ESO concentrado na leitura dun tocho ladrilleiro. Picado da curiosidade, achegueime a el, pergunteille que é o que lía e para a miña surpresa puden comprobar que se trataba de O QUIXOTE. Nen mais nen menos que O QUIXOTE. Nen Espectros, nen Vampìros, nen Eclipses, nen Crepúsculos (para crepúsculo branqueado xa chego eu). Díxenlle se lle resultaba de difícil leitura e se o entendía, e respondeume que si, que o estaba a ler con moito agrado. Para o curso que ven, xa lle perguntarei en que quedou a leitura do magno libro e que lle pareceron as fazañas do artistiña manchego e do seu baratario escudeiro. O problema, ou polo menos a min parécemo, é que para o curso que ven o tan ESÓtico e quixotesto rapaz terá que deixar o papel e pasarse de cheo ao ordenador, vivendo así nun mundo completamente virtual, pois é de supor que na casa, fóra das horas lectivas, continuará enganchado pegañentamente á pantalla. Cuando a calquer de nós lle perguntan que tal lle vai a vida, a resposta acostuma ser: Vou tirando. Cuando a un rapaz destes lle fagan a mesma pergunta, supoño que a resposta será mais ou menos deste calibre: Levo unha vida totalmente dixital. Ou: Vivo engaiolado na pantalla as vinte e cuatro horas do día. Ou: Vivo prisioneiro do NON QUIXOTE.

Turmano ha detto...

Exactamente non é "cando me xubile", é "non chego á xubilarme na biblioteca". Desaparecerán en moi pouco tempo. Os bibliotecarios seguiremos comprando e catalogando libros, revistas, bases de datos..., apurando o tempo para ver se nos da tempo a iso, a xubilarnos, pero vainos dar igual. Como vai dar igual seguir a complicar o acceso á información para facernos os importantes, os imprescindibles intermediarios entre esta e a xente. Doutro xeito non se explica que inda hoxe sexan necesarios os cursiños de formación de usuarios para que estes aprendan a usar os catálogos, bases de datos e demais ferramentas bibliotecarias, mentres fóra das bilbiotecas, no mundo real, ninguén necesita de tales cursiños para atopar información nun periódico dixital, ver a información metereolóxica na web do IMN, ou baixarse unha canción de iTunes.
Por outra banda, se se poidera facer unha conta exacta da utilización dos libros nas bibliotecas universitarias (e ás públicas sálvanas os nenos), quedaríamos totalmente abraiados. E se elimináramos das bibliotecas á xente que vai a estudar os seus apuntes (sen tocar nin un libro nin unha revista dos anaqueis), quedaríamos sos.

Anonimo ha detto...

Amén para todo o apuntado por Turmano.