Días de debate sobre literatura galega e sobre Torrente Ballester. Intento poñer algo de orde nos discursos, pero teño unha nube de tags no celebro (palabras ou sintagmas de ubicuidade máxima), e, sobre todo, conservo os nomes das mulleres entusiastas da literatura escrita en galego ou da vinculada á cultura galega, sexa o que for este concepto.
Colócoos en branco sobre o negro deste blog porque quede notoria a lembranza e a honra do seu impagable interese. Rosamna Pardellas (de Duisburg-Essen) que falou do Vigo de Domingo Villar, Christina Johanna Bishoff, (de Paderborn) de Fragmentos de apocalipsis, Folke Gernert, (de Kiel) sobre o mestizo xacobeu polas américas, Wiebke Best (de Kiel, tamén) sobre a Memoria das cidades sen luz de Inma López Silva, Uxía Iglesias Tojeiro, (de Kiel) sobre o Berlín de María Lado, e Catherine Puig (de Grenoble) e Johanna Vocht (de Múnich, aínda que vencellada a Kiel), sobre Os libros arden mal de Manuel Rivas.
Nese mesmo espazo, resolto polo catedrático coruñés Javier Gómez-Montero na alma mater chilionense, e por Víctor Andrés Ferreti, cosmopolita profesor da mesma universidade, léronse poemas de Fernán Vello, Valcárcel, Rivas e Cáccamo, no galego de Uxía e no alemán de Ferreti. Eu teño que confesar que escoitar a Cáccamo nunha lingua incomprensible, mentres no horizonte pasaba paseniño o transatlántico para Oslo, foi inesquecible.
Nessun commento:
Posta un commento