Nun recente debate sobre a literatura española xurdiu a idea de que a transición e a postransición estableceran un pacto de silencio sobre a guerra civil e sobre a represión franquista que só nos últimos tempos (digamos dous ou tres anos) pareceu transgredirse. A ilustrar tal tese saen de contado libros e narracións (na memoria de cada quen poden estar tres ou catro recentes) que pretenden, polo que se sostén, restituir aquel tempo sen mordazas e sen temores do pasado.
Diante deste relato contemporáneo sobre o pasado máis recente eu non podo por menos que ficar abraiado e, tras ese ratiño de estupor, tratar de artellar algunha explicación ao que sorprendemente remata por callar e calar entre a maioría de asistentes. Pode soar políticamente incorrecto, pero resulta á larga máis compracente, porque o auditorio tende a pensar que unha historia así contada (con usurpacións, silencios, que hai que encher) resulta mellor desde o punto de vista da poiesis inherente á narración histórica. Noutras palabras, gusta máis pensar que existiu esa tácita imposición que analizar con detalle e, sobre todo, coa inxente bibliografía ao respecto, mirar se iso resiste unha mínima atención empírica.
Por iso a min esa perspectiva non me cadra. Non sei se a miña memoria enfraquece (para algunhas cousas impertinentes, desde logo), pero sobre os momentos inmediatamente posteriores á morte de Franco, desde o ano 1975 ata o ano 1981, data do golpe de estado tejerista, periodo no que se celebran eleccións constituintes, as primeiras eleccións democráticas, tanto xerais como municipais, teño unha lembranza razonablemente nítida. Comparada coa dos anos noventa, por exemplo, digamos que está máis viva. Gardo daqueles anos os moitos libros que merquei sobre a guerra civil ou sobre o franquismo, editados xa en España, nos que non se aforraban datos nin documentación exhaustiva en relación coas barbaridades cometidas polo bando franquista. Desde aquela, o número de congresos de historia sobre o particular non fixeron máis ca medrar así como a promoción de proxectos de investigación, de investigacións particulares ou de monografías ao respecto, moitas veces publicadas por institucións públicas que deron a coñecer os detalles minuciosos (relacións, por exemplo, de mortos nunha provincia, co lugar exacto da execución sumaria) sobre os crimes cometidos. Creo evidente que nada (entendámonos: sempre queda espazo para o delito incógnito), desde este punto de vista da divulgación ou da indagación histórica sobre os asasinatos, quedou por descubrir. Polo tanto, soster que houbo un pacto de silencio entre creadores ou historiadores sobre tales feitos durante a transición resulta difícil de crer.
Outra cuestión ben distinta é a necesidade de que política ou institucionalmente, mesmo xurídica, tales crimes queden descritos (proclamados, expostos, recoñecidos) e as víctimas, con nomes e apelidos, queden resarcidas coa publicidade xurídica sobre a súa execrable morte, a exhumación dos seus corpos para satisfacción moral, persoal (e tamén política e económica, por que non?) dos seus familiares, e, chegado o caso, coa apertura (se puider) do caso xudicial (mesmo coa reapertura ou coa anulación de certas condenas, como é o caso recente de Miguel Hernández) para resolver. Todos estes aspectos, que sen dúbida quedaron nun (voluntario: daí o probable pacto) limbo xurídico e político durante anos, foron motivo de consideración parlamentaria a propósito da Lei da Memoria Histórica. Non todas as peticións de restitución política e mesmo xurídica foron atendidas por esta lexislación, nin siquera os relativos á obrigatoriedade da administración por ser parte activa nos procedementos de exhumación ou de recuperación de dita memoria. En gran medida porque a lei de amnistía de 1977 impediu avanzar en certos terreos, en especial sobre a responsabilidade criminal dos que cometeron os asasinatos.
Este é o verdadeiro asunto sobre o que pode entenderse a idea do pacto de silencio: un pacto de silencio sobre a identidade non das víctimas (que nalgúns casos tamén), dos mortos que xacen nas sebes ou nos paredóns dos cemiterios, senón dos que apretaron o gatillo e que viviron impunes durante anos. Os familiares destes verdugos ou destes criminais fan todo o posible para que a xustiza non interveña contra eles, nin siquera nunha sorte de condena in efigie ou post mortem. Esa pode ser a principal acusación: a impunidade dos criminais e a dificultade para dar satisfacción aos familiares das víctimas por recobrar os corpos e a dignidade dos seus.
Sobre os feitos, sobre os crimes, a literatura e a historiografía sobre a guerra civil española e sobre a represión e os asasinatos franquistas nunca estiveron caladas. Ou a min non me consta.
Nota: na sala unha persoa sostiña que o libro de Alfons Cervera, Maquis (2006), contaba o fenómeno dos maquis, do que non se sabía nada de nada. Non puiden disimular o meu desconcerto.
4 commenti:
Totalmente de acordo coa idea de que non houbo tal pacto de silencio. Recordemos, por exemplo, as innumberables películas e novelas que se fixeron sobre a guerra civil desde 1975 até finais dos 80.
Os familiares das vítimas teñen un punto de razón no asunto do que falas: non podemos facelos cargar coas culpas que levan (ou levaron, pois moitos xa están mortos) os seus pais. Sería unha inxustiza.
Cando teña tempo, vagar e ganas, gustaríame ler unha boa historia da guerra civil e da postguerra, que non caíse no maniqueísmo e que estivese ben documentada. Alguén me pode recomendar algunha?
Totalmente dacordo, como case sempre.
O outro día había xente menuda a comer na casa. Un deles preguntou onde se sentaba e eu contesteille cun vello soniquete: "cada uno se sienta en su sitio, nadie come más que su ración", que era o que se cantaba nos comedores do Auxilio Social. Eu non estiven alí, pero téñoo gravado a ferro na cabeza. Iso, e o medo á garda civil, a inquedanza cando escoito sereas de alarma que me lembran ataques aéreos que nunca vivín e algunha que outra tara psicolóxica máis. Iso é memoria histórica. Outros, cando van á praia, serán capaces de ver ao lonxe o skyline da Habana, descrito mil veces polo avó emigrante. Iso tamén é memoria histórica. Cada quen ten a súa, e ou a tes ou non a tes.
Por iso, tal vez, a ese dos maquis lle daba a impresión de estar diante dun descubremento. Non é que non "se" saiba nada, é que hai xente que non o sabe porque carece de memoria histórica (desa memoria histórica, claro, seguro que terá outra). Ese home poderá co tempo convertirse nun experto no maquis, pero o maquis nunca formará parte da súa memoria histórica. Con lei ou sen ela.
A Historia, como ben di Arumes é outra cousa, e pouco (incluso nada) ten que ver coa memoria histórica. E logo está esa Lei da Memoria Histórica, que non sei moi ben se pretende cambiar a Historia ou a memoria histórica. En todo caso a Historia xa está escrita e seguirá escribíndose durante séculos, con lei ou sen ela, como a de Roma. En canto á memoria histórica, desaparecerá con nós. Eu espero, de todo corazón, que as miñas fillas non lle teñan medo as sereas.
Recoméndolle a ms calquera das magníficas obras de Jorge M. Reverte ou a triloxía de Ángel Viñas La República en guerra. Moi interesante a biografía de Vicente Rojo por Alfonso Rojo. Tampouco están mal certos autores anglosaxóns como Anthony Beevor (La Guerra Civil Española) ou a biografía de Franco de Paul Preston, así como os ensaios de Carlos Blanco Escolá sobre a figura do dictador. Fuxa como do demo dos autores filofeixistas ou revisionistas (xa sabe: Ricardo de La Cierva, Cesal Vidal, Pío Moa e adláteres).
Posta un commento