Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 marzo 2008

ADMIRACIÓN MCENROIANA


Para compensar a caída cultureta do anterior post, hoxe dedico o deste venres festivo en Vigo (e non festeiro porque a edificante representación da non menos exemplar expulsión dos franceses adíase para o domingo) a un ídolo da miña (primeirísima) mocidade. Acabo de ver a súa fotografía, xunto a outros nomes senlleiros daquel mundo mitificado, porque ven dar en Madrid algunhas (supoño que mitigadas pola idade) leccións do seu maxisterio. Falo, claro está, do marabilloso John McEnroe.
Naqueles tempos dun Borg implacable e dun Ivan Lendl non menos titánico, elixir a McEnroe supoñía ademáis defender un modo de vida, un xeito de competir, unha estampa insobornable nas pistas. Aquela súa postura ao sacar, formando un arco completo de onde saía aquel dardo envelenado, cruzado e revirado ata as esquinas máis alonxadas da pista. Aquel correr furibundo cara a rede para logo colocar coa suavidade elegante dun bote pronto apenas tocado a bola xusto despois da rede, onde mansa bicaba a herba de Wimbledon.
Levaba unha fita no cabelo, innecesaria, e zapatillas de cores, cando aínda o branco semellaba obrigatorio. Enfadábase co umpire, máis que nada para encender o terreo, encenderse a sí mesmo e provocar os incendios tenísticos máis inesquecibles de todos os tempos. John McEnroe era máis ca un tenista: xa sei que se axudou con estimulantes para soportar as tres ou catro horas que duraban o seus encontros míticos con Bjorn Borg (que estará con el en Madrid). Pero hai que saber xogar (como Maradona), hai que rozar a perfección en cada golpe. El era unha imaxe de inconformismo, de talento entusiasta: conmovía aos espectadores e o seu desafío consistía máis que en vencer ao rival en alimentar no público a idea de que a beleza e o espíritu de combate e de non redención era un privilexio. Velo agora cos seus 49 anos, un pouco, pero só un pouco máis vello ca min, reconfórtame. Longa vida a John Mcenroe.

3 commenti:

bouzafria ha detto...

Supoño que non esquecerá un longo tie-break na final de Wimbledon ( podería ser a do 81?) entre Borg e McCenroe. As miñas preferencias ían máis por Borg, e non sei ben por qué, supoño que polo aspecto, tan loiro e flemático, porque dende un punto de vista artístico tiña moito máis valor McCenroe - e Gerulaitis e Nastase.
Lémbrase vostede de Miroslav Mecir? Todo o mundo, e os resultados, quedaron con Lendl, pero a min gostábame máis o xogo silandeiro de Mecir.
Pero entre todos daquela época eu quedaría con Connors - e con Guillermo Vilas, pero por outras cuestións máis monegascas.

Anonimo ha detto...

Non. McEnroe era (e é) un xeito de vivir e de sentir. Lendl, Mecir ou Borg (que non é comparado nin de lonxe) podían gañar o que quixeran, pero non eran máis ca xogadores. Tiñan un aquel, non sei, académico, aquela capacidade rocosa, mural, de devolver todo, respectuosos co xogo, co rival, como aqueles compañeiros de clase que sacaban todo sobresalientes (agora sobresaíntes), que copiaban todo o que dicía o profesor, que completaban os apuntes e os pasaban a limpo..., non sei, todo puro mérito e aplicación... O cal, sen dúbida, estaba moi ben. McEnroe era aquel tipo calado, raro, sentado nin na primeira nin na última ringleira, que non quitaba máis ca un cinco en mates, si, pero cunha solución ao problema que mesmo asombraba ao profesor máis veterano, unha solución arriscada, intuitiva, propia do que comprende a esencia mesma dos números, inda que non atendera na clase.
Logo está, como sinala Arumes, a ética e a estética do perdedor, do que sabe que pelexa con xigantes cunha simple pedra e a súa puntería, do que sabe que se pode perder mil veces, pero que gañar a Goliat unha sóa vez, no momento preciso, vale máis que 101 semanas no número un.
Hoxe vin na tele a McEnroe e a Borg xogando ao tenis vestidos con traxe e garabata. Borg lembraba a eses chimpancés de circo que disfrazan de bailarina. McEnroe collía a raqueta como quen colle un Martini seco con vodka. Mezclado, no agitado, por suposto.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Hoxe houbo entrevista con Mcenroe en EL PAÍS. Lembro a do domingo co eximio F. Rico e ... Millor calo. Viva Mcenroe manque pierda.