Caxigalines nella Reguera'l Campizu

5 luglio 2010

QUEREMOS TANTO A MARADONA


Maradona foi recibido como un heroe en Arxentina. Pode resultar demasiado incomprensible para quen viu mal dirixir a unha selección temible, pero desarmada, pero semella moito máis xusto cá habitual panoplia de ventaxistas mundiais que sempre comentan un segundo despois de que algo suceda cun gume afiado na lingua para denostar. Non é necesario que un segundo antes fosen os seus máximos botafumeiros ou que presumisen de adivinar xustamente o contrario do que pasou: basta estar axiña no pelotón de lapidación, correr mesmo se fai falta para adquirir o privilexio de acantar primeiro. Maradona, de forma voluntaria ou involuntaria, favorece o escarnio: tende a exhibir o peito lastimoso en ofrenda para o látigo e para a ofensa. Así resulta difícil saír indemne da empresa. Pero a tropa de miserables apostados para apuntillar o corpo caído é tan enorme como infame.
A tópica historia dun fracaso máis na vida dun protagonista demasiado inclinado ao melodrama, cando non á traxedia. Un agonista, máis ben, cuxa excelencia como xogador (nunca superada) aínda conta máis que estes precipicios polos que se despeña ou se deixa despeñar.

6 commenti:

Turmano ha detto...

Pois si que o queremos. É sempre emocionante. E esas imaxes de regates infinitos...

detective crepuscular ha detto...

Co permiso de Rosa Montero (EL GEN DE LA HORDA FEBRIL, hoxe en El País) e sen medo a que nos acusen de defensores do OPIO DO POVO, desexámoslle a Maradona as palabras de Signorini (preparador físico da selección arxentina): "Ayer (por el sábado) se murió un Maradona, pero Diego siempre se reinventa a sí mismo. Mañana habrá otro Maradona. Diego va a poder renovar esa fuerza. Es como el Ave Fénix. A veces necesita hacerse pedazos y volver a nacer" (que ben falan estes arxentinos), non sen antes lembrarlle estas outras de Martín Girard de hoxe mesmo tamén en El País: "Nunca he visto la vanidad de un solo ego expandir con tan histriónica prepotencia su sombra sobre los demás. ¿A quién se le ocurre utilizar al mejor jugador del mundo de recoge pelotas mientras sus también eximios colegas corretean al buen tuntún sin más batuta ni criterio que el de alguien que ha hecho del universo su ombligo e imparte, eso si, galácticos besos y bendiciones desde la banda, como si simulando que olvida quién fue fingiera comportarse como si fuera uno más?" Dos poucos artigos que lin sobre o mundial, e case todos en El País, este de Martín Girard, DISPARANDO A BALÓN PARADO, paréceme mais que notábel; de cuartos de final, vamos.

atónito ha detto...

Pois eu estívenlles durante uns dez minutos diante dun cartel que dicía: Cuando comer signifique un problema, acude a tu médico de cabecera. E, debaixo deste texto, unha ilustración amosaba unha culler, un coitelo e un garfo, cinguidos por unha cinta métrica de costureira.

E, entre outras cousas, comprendín que convén dubidar sempre do valor das mensaxes universais.

Anonimo ha detto...

Somos todos iguais? Temos todos os mesmos méritos? Pode unha persoa vulgar e corrente (eu, sen ir máis lonxe) xulgar o xenio ou, máis concretamente, as desordes psicolóxicas e sociais que este provoca a miudo (hai exemplos a barrer)?
Non digo nin que non nin que si. Digo que non sei.

MS ha detto...

Os desordes psicolóxicos de Maradona non llos provocou o seu "xenio", senón a farlopa que leva metido polas ventás do nariz desde 1982 até hoxe. Maradona puido ser un futbolista moito mellor do que foi senón fose pola puta droga e as putas compañías que lle dicían en todo momento o que quería oír: que era Deus.

Algúns aínda llo din.

É a mesma historia que a Ronaldiño, un neno en principio humilde e apegado á súa nai, pero que logo descubriu Barcelona la nuit. E así foi que o seu xogo empiorou e nos seus últimos momentos como xogador do Barça non o levaban convocado aos partidos por medo a que dera positivo no control antidoping. Como o ían traspasar, despois?

Turmano ha detto...

Supoño que pode ser visto así, claro, pero hai outras vías.
Edgar Alan Poe andaba cego todo o puto día de absenta e casou cunha nena que ademais era a súa prima. Non se sabe seguro, pero semella que se suicidou.
Tamén escribiu O Corvo, un dos cumios da literatura anglosaxona de tódolos tempos, entre outros textos que deron (e dan) pé ás máis sesudas eséxeses.
O que eu preguntaba (inda non coñezo a resposta e os seus argumentos, con tódolos respectos, non me convencen) é se unhas cousas se poden dar sen outras, se é a absenta a que leva a O Corvo, ou é escribir (e imaxinar) este o que leva á absenta. Ou se O Corvo e a absenta son absolutamente independentes.
Tamén cabe, por suposto, dubidar de se O Corvo podería ser mellor se EAP non se puxera cego de absenta a diario.
Esa é a cuestión para a que non teño resposta, e gustaríame tela.