Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 aprile 2011

BARES DE VIGO: EL GALLINERO


Quixo a fortuna que os sempre impertinentes xestores do Reguera (os amables camareiros non teñen a culpa de compartiren espazo co antipático barman) non tiveran nin, disque, mesa nin ganas (coma sempre para os que non somos parroquianos, e nunca mellor dito) de deixarnos comer alí. Iso permitiunos probar un clásico da restauración viguesa, que por unha causa ou outra non coñecíamos: El Gallinero.
O local, nun edificio antigo de principios de siglo (Concepción Arenal, 1), ao lado do pechado Prada a Tope (abrirá de novo?), coas paredes de pedra e adornado con láminas e cadros de galiñas e ovos, ofrece de forma exclusiva comida elaborada con estas mesmas elementais materias primas. Ovos fritidos, con chourizo, xamón, á cubana, á riojana, á flamenca, eu que sei cantas variedades máis; e polo, tamén nos seus sabores máis arraigados e tradicionais: ao alliño, con aliolis e con outras prebes de contundencia enxebre. O servizo, moi agradable e moi atento, e un menú escrito nun ton divertido e por veces cómico acompañaron a comida, moi ben preparada e claramente satisfactoria, a un prezo razonable e cun flan (de ovo, naturalmente) e cun café sobresaintes.
Sempre mirei que tiña grande éxito este local, mais nunca entrara coa determinación de hoxe e iso que teño para min que non hai manxar posible máis excelso ca un par de ovos fritidos con patacas e chourizo. Descuberto, logo, este atractivo local gracias á amargada canseira dun barman que cre non necesitar clientes, só cabe repetir experiencia e aplaudir desta vez a oferta deste peculiar restaurante.

1 commento:

Anonimo ha detto...

Son unha fiel seguidora dos teus comentarios de locais gastronómicos de Vigo, xa es para min unha referencia neste pracer compartido da boa mesa.
Estaría ben que puxeses unha etiqueta referida a isto para ser máis atopar artigos pasados.
Moitas grazas por todo e desculpa se é unha idea absurda!
Grazas,
Paula