Caxigalines nella Reguera'l Campizu

13 gennaio 2010

ENGLISH PARA QUÉ?

O inglés é necesario, forzoso e imprescindible. Como mínimo. E daí ata o infinito. Este é o mantra definitivo da instrucción educativa en España nos últimos anos. De tanta repetición, o significado da frase carece xa de sentido. Adormece a conciencia e, sobre todo, anula calquera comprobación empírica. Se se dera o fenómeno de non impartir nin unha soa hora de inglés desde a educación infantil ata o bacharelato, de seguro que o resultado non sería distinto do actual, mesmo prohibido ao tempo todo ensino de academias ou de esculjauses. A desproporción entre o tempo, os recursos humanos e os recursos materiais destinados á aprendizaxe do inglés e os resultados prácticos é de tal dimensión que a súa desaparición sería totalmente imperceptible. Só aquelas estadías en territorio anglófono (sempre e cando se procure levar ao rapaz/a a unha remota aldea do Lake District cunha familia de facundia suficiente e desprovista de messenger) palian (algo, algo) a ignorancia supina do estudante hispánico con respecto ao idioma inglés. 
A necesidade do idioma é a base do estímulo (con perdón) para o seu estudio. O alumnado español non mira nunca os benéficos efectos dos phrasal verbs ou dos xenitivos (con perdón) saxóns: apenas ten tempo nin posibilidade de empregalo, agás neses casos perentorios de introitos amorosos cos clásicos (pero escasos) intercambios realizados polo profesorado máis enrollado do instituto con liceos europeos, non necesariamente das illas británicas. Alí comproban que cunha sucesión de aiams e de aigüons teñen case todo gañado. E aí queda marcada a fronteira infranqueable dos seus avances co idioma. O idioma que os estudantes empregan élles suficiente para a vida habitual e, se se me permite a boutade, para o que lles queda de vida, salvo casos moi específicos de dominio inglés que, moi seguramente, é adquirido a maiores fóra das aulas convencionais (por riba magnificamente dotadas e cun profesorado competente en gran parte) e froito case sempre ou sempre da imperiosa necesidade de empregalo. Só así, un estudante prototipo acada o nivel desexado de inglés, tras palpar por el mesmo que ese coñecemento pode ser útil. Pero son casos contados e alleos por completo ao sistema educativo: ninguén aprendeu a expresarse nese idioma tras o seu paso polo ensino infantil e medio (tamén universitario, pero ese é outro cantar).
Por tanto, andar con esta teima a estas alturas da historia parece un conto xa vello, demasiado coñecido. Por que non proban a cambiar o mantra? Se o que se quere é que aprendan, convén enviar aos/ás rapaces/zas a ese país, nun serio programa de inmersión profunda que abranga a toda a masa escolarizada. Abandonalos no medio medio dun cottage de Yorkshire ou dun pub (poden beber incluso, non lles ha pasar nada) perto de Balmoral, onde se reúnen de noite os pescadores de salmóns da zona. Ou deixalos na cociña dun restaurante chino en Liverpool ou tamén (por que non, se a estadía é algo máis barata en compensación pola viaxe?) en Bryant Park cunha manta nas pernas e coa calefacción encesa diante deles. Ou ceibalos nun supermercado de pakistanís en Queensway ou no segundo andar da Tate Modern cunha fame de horse, case de nightmare.
Mentres isto non suceda, o gobernante de turno (ou turnante) poderá seguir vendendo esta enésima moto defectuosa, baixo a eterna forma dun marabilloso plano de incentivación idiomática nas aulas pagado coa xenerosidade dos impostos estirables ad nauseam para conseguir a fazaña heroica de que o alumnado entenda por completo a letra (os lyrics, disque) de Single Ladies de miss Knowles sen apenas despeitearse.

15 commenti:

Anonimo ha detto...

Moi certo, Arume (e moi inxenioso)

folerpa ha detto...

Pero que ben lle sentou este novo ano, caro amico. Está vostede nun estado de clarividencia fora do habitual...

Anonimo ha detto...

E o mesmo podemos dicir do ensino do francés (en Francia xa nos entenden en inglés), do italiano (esa titulación que ten tres ou catro estudantes na USC) e mesmo o portugués (esoutra lingua con menos "caché" que francés e italiano). Non lle parece, Arume?

Anonimo ha detto...

Grandísimo post, sir.

arume dos piñeiros ha detto...

O outro día, na ceremonia de traspaso de poderes na presidencia da UE, o representante sueco falou en inglés. O representante español falou en español. Non pido eu que falara todo en inglés, pero non falou nin unha soa palabra. Está tan interiorizado ese mecanismo que ninguén botou en falta nin siquera a cortesía de pronunciar unhas palabras nesa lingua do mesmo xeito que fixo o presidente sueco. Como se lle pode pedir a un estudante que admita que o inglés é necesario, se non o ve, se non o practica coa utilidade precisa?

A necesidade de aprender o inglés (que parece como máis extendido e que nalgún momento da vida pode ata aparecer como útil alomenos durante uns minutos) faise pura fantasía no caso do francés, do italiano (cuxa licenciatura fenece en poucos anos) e do portugués. A afinidade con certas linguas tamén perxudica paradoxalmente o estudio. É frecuente deter o progreso no idioma cando descubres que con catro reglas mínimas e un sotaque máis ou menos conseguido logras facerte entender. E nestes casos de linguas próximas o proceso é aínda moi rápido. No portugués mesmo nin siquera empeza, consciente de que co que sabes de galego xa che vale para moverte por aquel país.
A puxanza do español (digamos a certos niveis) é, sen dúbida, un hándicap en si mesmo para a aprendizaxe de linguas. E cada vez máis.
Xa sei que non debe funcionar así, pero élles o que hai.

De la Highway 61 ha detto...

Efectivamente. O idioma ten unha función determinante e case exclusiva: a comunicación. Se para vivir día a día un non necesita ese idioma, non o vai falar na vida. Faga o esforzo que faga.
Ti soltas a un tipo cun nivel cultural preto do 0 absoluto (exemplos, desgraciadamente, hai abondos na historia máis recente) en París, por exemplo, e en 6 meses deféndese en Francés sen problemas, e noutros 6, fálao con soltura. Ao contrario, metes a un cerebrín en Oupeninglis 5 anos e cando sae non é capaz nin de saudar correctamente. Cuestión de necesidade. Cuestión de inmersión.

De la Highway 61 ha detto...

E outra cousa. Lembrará aquela ocorrencia de "con el castellano y contabilidad se llega a cualquier parte", aplicada a un individuo do século XVI ou XVII, coido recordar.
Eu pregúntome se é verdade que o inglés é tan imprescindible como din, ou se é tan ventaxoso (máis aló do feito de que o saber non ocupa lugar, por suposto, e de gustos persoais, que o fan equiparable ao dominio do piano, por exemplo) ou outras lindezas. Porque o señor presidente do goberno non sabe inglés, como non o sabía o anterior (cursillo acelerado e así lle ía co idicoma) e o máis anterior (que era de francés, se non me equivoco). É un feito que o inglés non é necesario en absoluto para ser alguén neste país. Bueno, para ser tradutor ou guía turístico si.
Coñece vostede ben a xente que non ten nin puta idea de ese idioma. Veos en desventaxe? Veos con problemas para andar polo mundo adiante (analóxica e virtualmente)? Ve neles algunha tara cultural que non vexa en vostede mesmo ou en calquera outra persoa capaz de defenderse con facilidade nese idioma?
Eu, particularmente, non. Circunstancialmente pódeno botar de menos, como eu o feito de non saber bailar o tango, e máis nada.

Anonimo ha detto...

Zapatero, Rajoi, Feijóo,etc. non saben inglés, o mesmo Botín, Amancio Ortega, etc.
Parece que tampouco o sabía George W. Bush.
Foder, para que serve iso?

Anonimo ha detto...

Realmente o governo galego sabe o que di?

Estes rapaces saben o que teñen entre mans?

Cada día que pasa faise máis grande a trapallada!


Clic
e

Clic

arume dos piñeiros ha detto...

"Además, Núñez Feijoo reconoció que él no habla inglés, al igual que otros líderes políticos, y afirmó que sería una «gran aportación» que los políticos diesen ejemplo." LVG, hoxe.
Nin que leran este blog en Saint Caetan.

SurOeste ha detto...

Ten razón o Frater –http://trasalba.blogspot.com/2010/01/ai-lles-doe-there-it-hurts-them.html–
no fondo, eles ben saben que isto é unha tremenda trapallada que só vai valer para reorganizar o estatus de cada lingua e, de paso mercadear ata a extenuación con diplomas para as oposicións (coma sempre dándolles vantaxe a que pode pagar do seu peto eses diplomas)e os concursos de traslados.

Por certo como se fai para poñer un enlace decente desde o comentario?

SurOeste ha detto...

Morrendo e aprendendo:

Grazas, Arume!

Xosé M. González ha detto...

Acaba de saír no DOG a Orde que regula a Proba de Acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de Grao. A proba de Lingua estranxeira segue centrada na avaliación de competencia lectora e escritora.

Anonimo ha detto...

Hola,
Estoy de acuerdo con lo expresado en el artículo del blog.
Me gustaría apuntar además que las Escuelas Oficiales de Idiomas ofrecen medios de aprendizaje innovadores para que adolescentes y adultos puedan hablar (o comenzar a hacerlo) en una lengua extranjera (hay enseñanza igualmente en gallego,catalán,euskera). Después de un curso, los alumnos adquieren unas bases mínimas que les permiten comunicarse (con más o menos "pericia") en situaciones de la vida cotidiana (hotel, restaurante, aeropuerto,...). El inglés sigue siendo el idioma que más atrae. Sorprende ver las listas de espera si tenemos en cuenta que es la lengua extranjera por excelencia de la enseñanza obligatoria. Afortunadamente, las EEOOII proponen también otros idiomas, como el portugués, el italiano(ambientales los llaman),además del francés. Los adultos pueden tener acceso a una formación en lenguas extranjeras dentro del sistema de la enseñanza pública.
Un saludo.

paideleo ha detto...

Rin un cacho lendo os cartaces da foto.