
Viñeron vernos uns primos de Asturias durante estes días. É sempre un motivo de especial ledicia que veñan dalá a vernos, porque case todas as veces somos nós a visitalos. Non coñecían a nosa casa desde que nos instalamos nesta beira do mundo, aínda que por Vigo xa viñeran outras veces en épocas nas que nós estabamos de vacacións. Exercermos de anfitrións ofrece a oportunidade de mirar a cidade doutro xeito, cos ollos dos outros, estrañados. Así, aproveitamos para visitar despois de case dez anos a fortaleza do Castro e mirar desde alí, con ese luxo que incomprensiblemente esquecemos, a ría e determinar que poucas paisaxes resultan tan fermosas. Ou para pasear polos xardíns do Pazo de Castrelos e admirarmos aquelas arbres, aquelas fontes de calma entre a voráxine que soa ao fondo. Tamén os levamos ata Cabo Home en día de poalla transformada sucesivamente en orballo, en fugaz chuvia e finalmente en tímida neboa, sempre coa morna temperatura deste Xullo. Puido o meu primo mollar os pes e sentir a escuma queda da praia baleira de Melide. Tamén fomos onte a Patos, coa marea brava, apenas sen area, pero con ondas de outura e resaca. A auga xiada non foi obstáculo para recibir os golpes da escuma no peito e berrar de felicidade entre a maré de algas salgadas. Ver al mi primu rir a gargalladas de pracer e ledicia e a Chiti miralo coa mesma felicidade, tras os
momentos tristes pasados e algúns presentes que compartimos, non se pode comparar con nada. Cansos de tantas visitas, aínda tiñamos folgos para ir cear a dous templos do Vigo máis vigués: ao Bar Puerto (despois, por certo, de coñecer na feira do libro ao fantástico Marcos S. Calveiro, cuxo
Festina lente devoro estes días) e ao Nisio, para xantar peixe miudo, con zamburiñas exquisitas (no primeiro) ou calamares encebolados (no segundo) de parar o universo. Todo, mecajoendiola, con tal de celebrarmos que estamos xuntos. Un bico e unha fortísima aperta para eles.