Andiven de congreso durante toda esta semán. En Compostela. Demasiado liado para adicarme ao blog. Agora retomo a cousa para relaxarme. Na cabeza aínda pervive a memoria destes días, pero tratarei de mirar para adiante. Cando regresaba a Vigo o sábado pola mañán en tren miraba o xornal coa terrorífica foto das persoas que aspiran a entrar neste recinto de benestar, cada vez máis pechado. No mesmo xornal se informaba da intención do goberno catalán de segregar aos cativos que veñen de fóra (sobre todo, de fóra de Europa, porque estes parecen máis familiarizados cunha suposta cultura hispánica) durante un tempo (falábase de non máis dun curso) co fin de "normalizar" a súa estancia. Decisión valente, declara o ministro; valente decisión, deploro eu. Debe de confundir Corbacho valentía con desvergonza. Todas estas informacións baixo o rótulo equívoco de "Los problemas de los inmigrantes", porque, por un lado, parece indicar que os inmigrantes teñen problemas para integrarense na nosa sociedade, pero, por outro, parecen causalos. Esa ambigüidade pode resultar perigosa. E ao cabo é perigosa. Advirto un preocupante discurso (mesmo entre as ringleiras seudoprogresistas) de rexeitamento contra os que veñen de fóra, de natureza xenófoba e fascista; a iniciativa do propio ministro de promover o regreso dos mesmos (coas garantías e os cartos que se queira) non é a mellor forma de defender os dereitos dos que menos teñen nesta xerárquica sociedade, de pirámide de cúspides máis afiadas e bases extensas ata o infinito. Pero é que empregamos o termo fascista tantas veces que cando ven non somos quen de velo coa claridade necesaria.
[Nota: o relato de Monteagudo en Antuerpe dá que pensar sobre a visión sobre o outro (ese que non son eu) que comezamos ou xa temos os europeus]
1 commento:
Pensaba eu tamén, non creas, neso de supoñer que un neno polaco, ou mesmo lapón (e que me gusta a palabra), teña máis fácil integrarse no noso sistema educativo que un de Guinea, por exemplo. É que dá que pensar.
Posta un commento