Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 luglio 2008

COS MEUS PRIMOS


Viñeron vernos uns primos de Asturias durante estes días. É sempre un motivo de especial ledicia que veñan dalá a vernos, porque case todas as veces somos nós a visitalos. Non coñecían a nosa casa desde que nos instalamos nesta beira do mundo, aínda que por Vigo xa viñeran outras veces en épocas nas que nós estabamos de vacacións. Exercermos de anfitrións ofrece a oportunidade de mirar a cidade doutro xeito, cos ollos dos outros, estrañados. Así, aproveitamos para visitar despois de case dez anos a fortaleza do Castro e mirar desde alí, con ese luxo que incomprensiblemente esquecemos, a ría e determinar que poucas paisaxes resultan tan fermosas. Ou para pasear polos xardíns do Pazo de Castrelos e admirarmos aquelas arbres, aquelas fontes de calma entre a voráxine que soa ao fondo. Tamén os levamos ata Cabo Home en día de poalla transformada sucesivamente en orballo, en fugaz chuvia e finalmente en tímida neboa, sempre coa morna temperatura deste Xullo. Puido o meu primo mollar os pes e sentir a escuma queda da praia baleira de Melide. Tamén fomos onte a Patos, coa marea brava, apenas sen area, pero con ondas de outura e resaca. A auga xiada non foi obstáculo para recibir os golpes da escuma no peito e berrar de felicidade entre a maré de algas salgadas. Ver al mi primu rir a gargalladas de pracer e ledicia e a Chiti miralo coa mesma felicidade, tras os momentos tristes pasados e algúns presentes que compartimos, non se pode comparar con nada. Cansos de tantas visitas, aínda tiñamos folgos para ir cear a dous templos do Vigo máis vigués: ao Bar Puerto (despois, por certo, de coñecer na feira do libro ao fantástico Marcos S. Calveiro, cuxo Festina lente devoro estes días) e ao Nisio, para xantar peixe miudo, con zamburiñas exquisitas (no primeiro) ou calamares encebolados (no segundo) de parar o universo. Todo, mecajoendiola, con tal de celebrarmos que estamos xuntos.  Un bico e unha fortísima aperta para eles. 

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Ollo: escoitei hoxe na radio que están a chegar ás praias galegas (mesmo ás do norte) unhas perigosísimas "medusas portuguesas", de gran poder tóxico e, en casos, mesmo letal para nenos, anciáns e alérxicos, e dependendo tamén de que parte do corpo che toque. Se pican hai que saír moi paseniño da auga para que non che piquen máis, e nunca lavar a zona ferida con auga doce porque potencia e amplía o efecto do veleno, senón lavala con auga salgada.

Entrevistaban a unha especialista e deume moi mal rollo. Din que, de momento, só apareceron algunhas poucas mortas, mais...

Anonimo ha detto...

Que tal o concerto de onte nos madriles? Estou especialmente interesado por unha crónica "detallada" da actuación de Shakira.